Domingo 20 de Ordinario C

20º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  - CICLO C


Primeira Lectura     Xer 38, 4-6. 8-10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
Fixéchesme varón de discordia en toda a terra (Xer 15, 10)

            Naquel tempo, as autoridades dixéronlle ao rei:
            ‑ Fágase morrer a este home, pois deste xeito está a afrouxar os ánimos dos homes de guerra que quedan nesta cidade e os ánimos de todo o exército, dicíndolles cousas coma estas. Certamente este home non está a buscar o benestar para o pobo, senón que está a buscar a súa desgraza.
            O rei Sedecías repúxolles:
            ‑ Aí o tendes no voso poder, pois o rei non pode nada contra vós.
            Eles colleron a Xeremías e botárono na cisterna de Malaquías, príncipe real que estaba no patio da garda, baixando a Xeremías con cordas.
            No pozo non había auga, senón lama, e Xeremías enterrouse na lama.
            Saíu Ébed-Mélec do palacio real e faloulle ao rei nestes termos:
            ‑ Meu señor, meu rei, estes homes cometeron unha inxustiza con todo o que lle fixeron a Xeremías, o profeta, e con botalo na cisterna; vai morrer onde está por falta de pan, xa que non hai pan na cidade.
            Entón o rei deulle esta orde a Ébed-Mélec, o etíope:
            ‑ Colle ás túas ordes tres homes destes, e sube da cisterna o profeta Xeremías, antes de que morra.
                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 39, 2. 3. 4. 18
R/.  (14b):  Dáte presa, Señor, en socorrerme.

Esperei arelante no Señor:
el volveu cara a min os seus ollos
e escoitou o meu lamento.

Subiume dun abismo de desgraza,
dunha poza lamacenta;
Asentou os meus pés sobre unha rocha
e asegurou os meus pasos.

Púxome na boca un cantar novo,
un himno de loanza ao noso Deus.
Moitos, ao velo, quedaron abraiados
e confiaron no Señor.

Eu son humilde e pobre,
pero o Señor coida de min.
Ti es o meu auxilio, o meu liberador;
meu Deus, non te demores!


Segunda Lectura     Heb 12, 1-4
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Corramos con aguante a carreira que temos por diante

            Irmáns:
            Xa que nos vemos ateigados por unha tal morea de testemuñas, soltando todo o que nos estorba e o pecado que nos abouxa, corramos con tenacidade a carreira que temos por diante, fitos os ollos en Xesús, o primeiro guía e perfeccionador da nosa fe.
            El, sen amedrentarse polas aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o agardaba e está sentado á dereita do trono de Deus.
            Fixádevos, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores, para que non esmoreza o voso ánimo.
            Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado.

                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
e eu coñézoas e elas séguenme.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 12, 49-53
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Non vin traer paz, senón discordia

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e xa me tarda a hora de que se cumpra! Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non: vin traer división. Pois desde agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres.
            Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.
           
                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo



A PAZ, FROITO DA XUSTIZA
  
PÓRTICO
            Os cristiáns e as cristiás non podemos ser persoas fatalistas, que nos resignemos diante dunha situación inxusta, buscando por riba de todo tranquilidade e unha falsa paz. Tampouco podemos ser persoas inmobilistas, que xustifiquemos a orde actual das cousas, sen traballar ilusionadamente, nun esforzo creador e solidario, por un mundo mellor.
            Asemade, tampouco debemos ser persoas rebeldes que, movidas polo resentimento, botemos abaixo todo para asumir o lugar daqueles os que derrubamos. Porén, os seguidores de Cristo vivimos e actuamos movidos po la paixón e pola aspiración de colaborar nun cambio total da humanidade. As lecturas que imos escoitar hoxe invítannos a non desfalecer neste camiño, a non desanimamos. Que nos deixemos engaiolar por esta Palabra de vida e esperanza.

O PERDÓN

            * Pedimos perdón, Pai, porque mentres que Ti nos falas de entrega, valor, coraxe e esforzo, nós buscamos un milleiro de escusas tras as que agochar a nosa covardía e o noso medo,
                                               SEÑOR, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.
            * Pedimos perdón, Cristo, porque mentres Ti nos invitas a prenderlle lume a todo o que dificulta o crecemento do teu Reino, nós queremos servir a dous señores,
                                               CRISTO, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.
            * Pedimos perdón por non deixamos levar pola forza do Espírito, o que fai que non busquemos que se cumpra a túa vontade, senón os nosos caprichos,
                                               SEÑOR, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.

REMUÍÑO

            * A paz verdadeira, a que Cristo veu traer á terra, non pode consistir nun conformismo resignado diante das inxustizas, das desigualdades e das marxinacións, nin nun sistemático silencio por medo a perder o noso status. A figura do profeta Xeremías que descubrimos na primeira lectura, pode representar a vida de cada un/unha de nós, ou polo menos, algúns momentos da mesma. Xeremías tiña o corazón partido entre o amor a Deus, que o elixira como profeta, e o amor ao seu pobo, que se afastaba do verdadeiro camiño. Que facer? Hoxe, en moitas ocasións, tamén a nós se nos presenta esta mesma dualidade: a de deixamos adormecer na branda almofada do conformismo, imos illando e repregando, declaramos en retirada, calar diante de tantas inxustizas, consentir que se siga pisando a dignidade de tantas persoas .... ou, pola contra, dar testemuño da nosa fe no noso mundo, transmitindo sen me do a mensaxe que recibimos, aínda que as veces non sexa política, social ou xerarquicamente correcta, aínda que as veces teñamos que dicir cousas que non son agradables de escoitar, aínda que o noso xeito de actuar non lle guste ás altas instancias? Nunha palabra, reclámase COHERENCIA, aínda que iso nos traia problemas, como lle ocorreu ao profeta. Así, mentres que algunhas persoas mal entenden a paz como comodidade, tranquilidade, que ninguén me amole ... a paz do seguidor/a de Xesús é a de quen se dá no servizo aos demais, preocupado en buscar solucións aos problemas alleos, porque os fixo propios.

            * A frase de Xesús no evanxeo de hoxe "non vin traer a paz, senón a guerra e a división ", mal entendida ou quitada do seu contexto, venlle coma anel ao dedo a todas aquel as persoas que, dentro da nosa Igrexa, se comportan coma auténticos cans de presa, criticando, crispando, envelenando, protestando sistematicamente por todo, berrando (porque seguen convencidos de que a intensidade do son emitido e a dose de razón que contén son magnitudes directamente proporcionais); pois parece que lles dá a razón de que a Igrexa ten que ir contracorrente, que a sociedade e o mundo son lugares de perdición ... Porén, o lume do que nos fala Xesús ten máis que ver co lume do amor e do Espírito que habita nos nosos corazóns.

            * Por iso cómpre que revisemos a nosa vida e ver se o lume que a quenta é o do amor. Porque non nos enganemos: cando falla o amor, falla o lume que move a vida. Sen amor, a vida apágase, vexeta e remata extinguíndose. Quen non ama, péchase e íllase cada vez máis (co cal cabería preguntármonos se as persoas das que falabamos non perderían a súa capacidade para amar de tanto escondela e negala). Substituír o amor pola doutrina relixiosa, a orde ou o coidado do culto fai que o cristianismo perda o seu poder transformador. Cando nos sacudiremos de riba esta "domesticación" da nosa fe e perderemos o medo a exercer coma verdadeiros discípulos de Xesús? Porque se só buscamos no evanxeo e no seguimento de Cristo un consolo e un bálsamo para os nosos males, ou a garantía de obter unhas grazas de Deus, quedámonos na superficialidade. O evanxeo, a fe, é algo revolucionario, dinámico e ata inquietante ... pero paga a pena arriscarse!


ORACIÓN DA COMUNIDADE

            Ti, Señor, es quen mellor coñece as necesidades da nosa vida. Acolle as que agora che presentamos comunitariamente dicindo xuntos:
                                                                                  QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS

            * Acompaña, Señor, o quefacer da túa Igrexa para que, deixando de lado posturas pechadas, inmobilistas, agresivas e intolerantes, sexa no medio do mundo a voz profética do Deus amor, que nos chama á coherencia. OREMOS.                                    QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS

            * Alenta o camiño das nosas comunidades para que nunca caiamos no erro de despreocupamos do noso compromiso cristián de traballar pola paz, pola xustiza, pola igualdade, pola fraternidade. OREMOS.                                                QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS

            * Axúdanos a cada un e a cada unha de nós para que sempre sexamos persoas pacíficas e pacificadoras, que nos fixemos no positivo e no nobre dos demais, traballando xuntos polo ben común, OREMOS.                                                  QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS

            Grazas, Señor, porque nos chamas a ser profetas no noso mundo da túa grande mensaxe de amor. PXNS.


PARA A REFLEXIÓN

Cando asumimos responsabilidades que ninguén quere, descubrimos a paz.
Cando traballamos pola xustiza, facilitamos a paz.
Cando non criticamos por detrás, construímos a paz.
Cando sabemos abrimos aos demais, facemos medrar a paz.

Cando nos interesamos polos problemas do mundo, facemos subir o valor da paz.
Cando dedicamos tempo a servir, elevamos a paz.
Cando devolvemos ben por mal, somos apóstolos da paz.
Cando non ternos medo da verdade, somos profetas da paz.

Cando nos poñemos ao lado dos marxinados, poñemos á marxe a violencia.
Cando por riba de todo, o outro é persoa, dignificamos a paz.
Cando compartimos os nosos bens, facemos crible a paz.
Cando atopamos a vida compartida, poñemos fundamentos para a paz.

Cando implicas aos outros a vivir, sementamos a paz polo mundo.
Cando amamos como Cristo ama, florece en nós a paz.
Só cando esteamos cansos de buscala, a paz virá buscarnos.


CANTOS

Entrada:
Vinde axiña                                                 
Lecturas: 
Benaventurados
Ofertorio: 
Señor Xesús    
Paz: 
Señor, escólleme
Comuñón:
Ide e pregoade


POWER POINTS
http://www.slideshare.net/NuriaMNezElissetche/20-domingo-toc-2013

Comentarios

Publicacións populares