Dáte presa, Señor, en socorrerme - Salmo 39

Domingo 20 de Ordinario - ciclo C


OXALÁ QUE ARDA O MUNDO

Oxalá, Pai bo, oxalá,
oxalá que o lume do teu Espírito
me colla e me purifique,
me faga limpo e transparente
coma a luz dos amenceres primaverais.

Oxalá que arda o mundo
en lapas roxas de irmandade,
avivadas pola ansia permanente
dos pobres, dos pequenos, dos pecadores!

Oxalá que se rompan todas as cadeas
e que todos sexamos fondamente libres
para sementar liberdade
con cada unha das nosas diarias mudanzas!

Oxalá que medre a paz
cimentada nas rexas bases da xustiza,
e que sexan moitos os que a traballen
a través de todos os conflitos!

Oxalá que te amemos, Pai,
e que o teu amor acenda en nós
a laparada eterna da solidariedade
coa que honrarte humildemente en toda hora! 



Comentarios

Publicacións populares