25 may. 2013

Santísima Trinidade

DOMINGO DA SANTÍSIMA TRINDADE - CICLO C


Primeira Lectura     Prov 8, 22-31
LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS
Antes de que se fixera a terra xa fora concibida a Sabedoría

            Isto di a Sabedoría de Deus:
            ‑ O Señor posuíume ao encetar a súa tarefa,
antes das súas primeiras actividades;
desde a antigüidade, desde o remoto pasado fun formada,
antes das orixes da terra.
            Aínda non había océanos abismais, cando fun xerada,
nin había mananciais de auga;
antes de que fosen afincadas as montañas,
denantes dos outeiros fun dada a luz;
aínda non fixera a terra e as campías
nin os terróns primeiros do mundo.
            Cando afirmaba o ceo, alí estaba eu;
cando gravaba o cerco arredor do abismo,
cando aseguraba as nubes no alto
e daba enerxía ás fontes subterráneas,
cando lle impuxo os lindes ao mar
de xeito que as augas non incumprisen o seu mandato,
cando fixaba os alicerces da terra,
alí mesmo estaba eu, cabo del, coma un aprendiz:
eu era o seu pracer día tras día:
            Entretíñame diante del continuamente,
recreábame no orbe da terra.
            A miña delicia é estar cos fillos dos homes.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 8, 4-5. 6-7. 8-9
R/.  (2a):  Señor, noso Señor, que grande é o teu nome en toda a terra!

Cando contemplo o ceo, feitura da túa man,
a lúa e as estrelas que nel dispuxeches,
que é o home, para que te lembres del,
o fillo do home, para que o veñas visitar?

Fixéchelo pouco menos ca un anxo,
coroáchelo de honor e dignidade;
décheslle mando sobre as obras das túas mans,
todo o sometiches baixo os seus pés.

Rabaños de ovellas e touros,
e mesmo os animais en liberdade,
os paxaros do ceo e os peixes do mar,
que fan carreiros polas augas.


Segunda Lectura     Rm 5, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Chegamos a Deus por medio de Cristo no amor derramado polo Espírito

            Irmáns:
            Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén acceso na fe a esta graza na que nos mantemos; e nos sentimos ledos coa esperanza de acadar a gloria de Deus.
            E non só isto, senón que nos alegramos nas tribulacións, sabendo que a tribulación xera a paciencia, a paciencia proba a fidelidade e a fidelidade produce a esperanza.
            E a esperanza non falla, porque o amor de Deus verteuse nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Ap 1, 8
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,
ó Deus que é, e que era, e que virá.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 16, 12-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Todo o que ten o Pai é meu; o Espírito recibe do meu e darávolo a coñecer

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de pasar.
            El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo. Todo o que ten o Pai é meu, por iso vos dixen que recibirá do meu e volo interpretará.
            Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo interpretará a vós.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           
                       


UN MISTERIO QUE SE MOSTRA COMO COMUÑÓN DE PERSOAS E SOLIDARIEDADE DE CORAZÓNS

PÓRTICO

Ao falar da Trindade, na teoloxía e na pastoral atopámonos cun problema de linguaxe, e como consecuencia, tamén de comprensión. Na nosa cultura, e desde os nosos conceptos, resúltanos difícil iso de que son tres pero só un; por iso é necesario renovar a linguaxe para poder comprender o que dicimos e celebrar canto queremos conmemorar na festa deste domingo.
Esta renovación ten que levarnos a clarificar o que é o importante, o fundamental, o que nos pode axudar a entender que queremos dicir ao falar da Trindade. E sen escarvar en moitas disquisicións teolóxicas, diremos que a festa de hoxe quere mostrarnos que somos comuñón uns para cos outros; e que esta comuñón non pode vivirse máis que de xeito comunitario.
Deus váisenos manifestando no tempo de maneiras diversas: como Pai que acompaña ao seu pobo nas dificultades e nos logros; como Fillo que abre camiños de encontro, fraternidade e amor; e como Espírito que anima, alenta e fortalece a Igrexa no seu estar no mundo de xeito activo, dialogante e servizal.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a entender, vivir e celebrar esta mostra de amor do Deus que sempre vai ao noso lado.

O PERDÓN
- Comparte, Señor, con nós o recoñecemento de que moitas veces rompemos a comunicación e o diálogo nas nosas comunidades, SEÑOR, ÁBRENOS SEMPRE AO DIÁLOGO.
-  Comparte, Señor, con nós o recoñecemento de que na nosa vida poden máis as ansias de destruír que o gozo de unir e colaborar, CRISTO, ÁBRENOS SEMPRE AO DIÁLOGO.
-  Comparte, Señor, con nós, as limitacións que nos levan a non escoitar, senón a intentar impoñer sempre o noso criterio, SEÑOR, ÁBRENOS SEMPRE AO DIÁLOGO.

REMUÍÑO
*  Nos textos da biblia, as referencias a Deus vanse presentando a través da utilización de simboloxía, linguaxe figurado e imaxes sinxelas, sacadas da realidade cotiá e que puidesen ser comprendidas por aqueles aos que os textos se dirixían. Un exemplo disto que vimos dicindo témolo na primeira lectura do libro dos Proverbios que acabamos de escoitar. Deus é presentado como a Sabedoría; pero non unha sabedoría calquera, e ao modo da cultura grega, senón que El é a sabedoría tal e como a entendían os xudeus: experiencia, paciencia, reflexión, dominio de si, dignidade, acollida, capacidade de escoita … Todas estas actitudes encerraba a sabedoría para eles. E todas elas se lle atribuían a Deus. Como sabedoría, facía que xermolara a vida, a natureza, o respecto, a igualdade de uns para cos outros. Deus era para eles aquela Sabedoría que facía posible que xurdiran os froitos das boas obras na humanidade, xa que esta participaba dela. Por iso, antes de que a terra existise, Deus, a Sabedoría, xa tiña un proxecto. Mellor, o seu proxecto de amor para a terra e cantos a conforman; un proxecto que non se esgota, senón que se renova e se vai mostrando na comunicación, no diálogo, na comuñón duns cos outros, e de todos co mundo que puxo ao noso dispor. Como botamos en falta esta capacidade de confrontarnos coa realidade hoxe! Si, porque temos tomado un camiño distinto, ou mellor dito, o camiño oposto, no que o progreso se entende como destrución; a calidade de vida, como consumismo e o dispor das cousas, a modo de dominio e control. Desexamos a sabedoría que humanice, que nos faga sentir e experimentar que os demais e canto nos rodea son/mos importantes. Non somos cousas nin útiles dos que nos aproveitamos, senón comuñón que se encontra, participa e enriquece mutuamente ao reafirmar os lazos da solidariedade e o achegamento duns para cos outros. Esta Sabedoría de Deus é a que hoxe queremos poñer de manifesto na celebración da festa da Santísima Trindade. Non é o noso perdernos en disquisicións teóricas, filosóficas ou conceptuais de alta escola. Non, senón que o que buscamos é descubrir como Deus, no seu amor sempre sabio, nos vai tendendo pontes que nos achegan, nos fan participar nos proxectos cos outros; e nos invita a buscar canto nos une e non a permanecer no laio permanente do que nos separa ou diferenza.

*  A festa de hoxe quere ser un canto para que cantos buscan no noso mundo poidan atopar e atoparse, impedindo que camiñemos no individualismo pechado que nos incomunica e non deixa que agrome o froito da terra boa sementada e regada pola sabedoría de Deus. Só tendo isto en conta poderemos dicir e entender a aclamación que nos lembra de xeito permanente o admirable e gozoso que é o nome de Deus en toda a terra. Unha admiración que se vai mostrando desde a mensaxe que esa sabedoría de Deus deixou no Fillo que nos fala de misericordia, paz, xustiza e liberdade, como as mellores sementes para poder ir construíndo o seu reinado entre nós. É tamén a mesma sabedoría que coa forza do Espírito no medio das nosas comunidades impide que nos veñamos abaixo nas dificultades; renunciemos ante a presión dos que, unha e outra vez insisten no baleiro de crer en Deus hoxe; ou fronte ao antitestemuño de moitos dos que falando no nome deste Deus que é comunicación e comuñón, impoñen cangas pesadas sobre os ombreiros, moitas veces cansos e desesperados, dos que teñen loitado, traballado, e non acaban de ver os froitos de tanto esforzo.

*  Xesús deixou dito que non estaríamos nunca sós. A súa forza e a súa presenza iríanse manifestando no día a día cando foramos percibindo e descubrindo que ao noso lado están os demais membros da comunidade que nos tenden a man, que se achegan para compartir, que se unen para que ninguén se sinta abandonado, que non teñen medo a ser voz dos que non teñen voz, e o corazón de quen as dificultades e atrancos llo foi endurecendo. E iso non podería ser doutro xeito máis que desde a comuñón que Pai, Fillo e Espírito Santo constitúen como sinal e xermolo do que está sempre chamada a ser a nosa vida. Por iso a fe ten que ser sempre anuncio e vida transformados en compromiso por facer do mundo, do local e global, unha casa de comuñón salvadora plena de todo ser humano.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Na comuñón de corazóns, ideais e loitas solidarias á que no invita a festa de hoxe, presentamos a oración comunitaria e dicimos xuntos:
QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN
-  Para que na Igrexa saibamos converter en vida canto hoxe celebramos e así os criterios de vida e presenza non sexan nin o autoritarismo nin a imposición, senón a comuñón, OREMOS.
QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN
-  Para que nas nosas comunidades fomentemos sempre o diálogo, que escoita e evita diferenzas e malos entendidos, e non a crítica que destrúe e fire, OREMOS.
QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN
-  Para que entre todos, na nosa vida de cada día, nos esforcemos por construír desde o que temos en común, favorecendo así a creación de redes de encontro, fraternidade e achegamento entre uns e outros, OREMOS.
Grazas, Señor, por este recendo de esperanza e comuñón ao que, unha vez máis, nos invitas. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Porque El é sempre comuñón, non cansa de dicir:
·         Se ninguén te ama, Eu non te deixo
·         Se choras, estou desexando consolarte
·         Se es débil, dareiche a miña forza e a miña enerxía
·         Se te sentes inútil, eu non podo prescindir de ti
·         Se estás baleiro, o meu amor rebordará en ti
·         Se tes medo, lévote ás miñas costas
·         Se me chamas, veño sempre
·         Se queres camiñar,
     irei contigo
·         Se te perdes, 
     non durmo ata encontrarte
·         Se estás canso, 
     son o teu descanso
·         Se me pides,
     son don para ti
·         Se me necesitas, dígoche:
     "Estou dentro de ti”
·        Se te resistes, non quero 
    que fagas nada á forza.
·         Se es infiel, 
    eu son fiel.
·         Se me miras,
    verás a verdade do teu corazón.
·         Se estás en prisión, eu voute liberar.
·         Se andas ás escuras, son lámpada para os teus ollos.
·         Se te manchas, non quero que salves as aparencias.
·         Se estás excluído, eu son o teu aliado.
·         Se non tes a ninguén, eu estou ao teu lado.
·         Se es silencio, a miña Palabra habitará no teu corazón.
·         Se ninguén te necesita, eu búscote.
·         Se tes fame, son o teu pan.
·         Se pecas, son o teu perdón.
·         Se me falas, trátame de ti.
·         Se queres falar, eu escoito sempre.
·         Se todos te esquecen, as miñas entrañas estremecen lembrándote.

CANTOS
*    ENTRADA: Vinde axiña
*    LECTURASContade as marabillas do Señor
*    OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei
*    COMUÑÓN: Eu soñei


POWER POINTS

No hay comentarios:

Publicar un comentario