Domingo 7 de Pascua - A Ascensión do Señor


A ASCENSIÓN DO SEÑOR  - C



Primeira Lectura     Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
  
            O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
            Ós mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
            E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
            Os que estaban reunidos preguntábanlle:
            ‑ Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
            El respondeulles:
            ‑ Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
            En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:
            ‑ Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.

Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.

Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.

Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.


Segunda Lectura      Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo

            Irmáns:
            O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.  
            Someteullo todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.


Evanxeo Lc 24, 46-53
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Mentres os bendicía, era levado ao ceo

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            ‑ Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén.
            Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Entrementres seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.
            Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos.
            E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ao ceo. Eles, despois de se prostraren perante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


SE CONSEGUIMOS FACER DA FE O MOTOR DA NOSA VIDA, A ESPERANZA DEIXA DE SER UNHA PALABRA PARA CONVERTERSE NUNHA TAREFA CONTINUA E COMPARTIDA

PÓRTICO
Hoxe é a festa da Ascensión. Nesta celebración quéresenos invitar aos crentes a tomar conciencia de que a vivencia da fe non pode ser doutro xeito máis que asentándose no mundo. Só quen é capaz de entender que a plenitude en Deus pasa pola plenitude e o compromiso coas causas xustas que moven as persoas, conseguirá entender por que, no tramo final do tempo de Pascua, celebramos a festa da Ascensión. Si, tamén nós aspiramos a entrar en diálogo e comuñón con Deus; tamén nós sabemos que o sentido final de canto facemos, rezamos e compartimos ten o seu punto de chegada nese encontro total e definitivo con Deus, ao final do noso camiño. Pero antes de gozar del, necesitamos ancorarnos ben no aquí e agora da historia que cada un de nós, xunto cos que con nós a comparten, imos construíndo e desenvolvendo. De aí que, como nos di a palabra de Deus, non podemos quedar mirando ao ceo agardando o final, senón que estamos chamados a facer da nosa vida oferta de disposición a traballar en todas aquelas causas nas que o ser humano se ve inmerso. Só desde este xeito activo de estar no mundo poderemos entender por que a plenitude de todo e a meta non pode estar máis que no encontro final con Deus. Dispoñámonos a celebrar facendo presentes na oración os problemas e tamén as esperanzas de cantos nos esforzamos, coa nosa presenza e traballo, para que o mundo siga avanzando e non se estanque.

O PERDÓN
*        Renuncias a mirar desde fóra a Igrexa, coma se non fose contigo, para sentirte corresponsable e protagonista da súa tarefa? SI, RENUNCIO.
*        Renuncias a pensar que ser cristián e cristiá é cumprir unhas leis e uns preceptos que están lonxe da realidade e das persoas que pasan por nós día a día, descoidando así a gratuidade do amor de Deus? SI, RENUNCIO.
*        Renuncias a deixarte levar polo balbordo e a tensión presentes na nosa sociedade para buscar tempiños que dedicar ao diálogo e á interioridade con Deus? SI, RENUNCIO.

REMUÍÑO
Malia que nos pese, a Igrexa tamén se configura coma unha estrutura de poder. Nela atopámonos cunha escala de títulos e cargos de honra que rodean aos que din ostentar o poder divino: irmán, reverendo, monseñor, súa eminencia… A pesar de que a constitución LG refírese á Igrexa como pobo de Deus e corpo de Cristo, a realidade moitas veces pon de manifesto non só que non somos un pobo de irmáns e irmás, senón que neste corpo non todos temos a mesma importancia, seguindo plenamente vixente a estrutura piramidal que o Concilio Vaticano II desbotou... para desgraza dunha parte da nosa Igrexa.

Conclusión: tamén na Igrexa funciona aquilo, tan común na nosa sociedade, de querer ascender. Así, o que adoita esperarse dunha persoa é que vaia pouco a pouco mellorando, ascendendo, situándose mellor: un carguiño, unha delegación, unha parroquia na cidade e non no rural…. Descender, é dicir, que vaian pasando os anos e non esteamos estratexicamente situados sona a fracaso.
Que fría e dura é a mirada da Igrexa institución cara ao seu redor! Que perdoavidas e trepas son algúns dos seus membros, fundamentalmente unha parte dos “funcionarios da fe”. Porque se pensamos así é que non temos comprendido nada do proxecto de Xesús! A súa vida foi un progresivo descenso: descendeu do ceo (non cobizou ser igual a Deus), foise baleirando, fíxose pobre, foi perdendo postos, amigos, influenzas… viviu sempre rodeado de pobres, de xente da periferia da vida. Enfrontouse co capital, denunciou a utilización do nome de Deus e a dobre moral á que tan afeitos estamos… Condenárono a morte e descendeu ata o inferno.

Pero…. Deus glorificouno, ascendeuno, levantouno sobre todo e concedeulle o nome sobre todo nome. É a festa que celebramos hoxe, unha festa que nos enche de esperanza, que nos lembra que o descenso inxusto non ten a derradeira palabra, que hai futuro a pesar de todo. Por iso nós, que levamos o apelido cristián/cristiá debemos comprender que para ascender ao ceo, para sentar ao carón de Deus, temos que descender ao fondo da existencia e ao fóra de xogo de tantos marxinados; descender ata a morte para que esas persoas senten na mesa da dignidade e da vida. Porque Ascensión significa relevo, chamada á acción. É a quenda da Igrexa, a nosa quenda. Xesús invítanos a erguernos e camiñar, a saír da nosa casa, da quentura do fogar, dos nosos guetos á intemperie, ás prazas e rúas… ata o derradeiro recuncho da terra coa súa mesma mensaxe.

Queda entón terminantemente prohibido cruzarse de brazos, mirar o embigo, arranxar e coidar só a nosa casa, preocuparnos só de nós mesmos e “dos nosos”. Por iso se nos pregunta: que facedes aí plantados no inmobilismo, na carraxe, no deixar pasar, no medo, na intolerancia, na prepotencia, no dilapidar, no materialismo, na ostentación, na imposición….? Trátase de responder do que temos visto sen mentir, de manifestar o que cremos desde a esperanza, de vivir con alegría desde as actitudes que descubrimos na persoa de Xesús, de facer da fe unha forza que nos leve a encarar  a vida e o que ela nos vai presentando. E isto facémolo sen crernos superiores a ninguén... pero tampouco inferiores. Non estamos perseguidos... pero tampouco debemos ser perseguidores. Non queremos impoñer; pois nin a indiferenza nin a pasividade responde á súa invitación de sermos testemuñas.
Hoxe é o día da exaltación dos humillados, “enaltece os humillados”. María tiña razón, fíxose xustiza. Deus sentouno á súa dereita… e así fará con cada un e cada unha de nós.

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:
  • Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza? Si, creo.
  • Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus? Si, creo.
  • Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, fortalecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo? Si, creo.
  • Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz? Si, creo.
  • Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí e agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte? Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
A Deus, que é Pai agarimoso e sempre disposto a acoller e escoitar canto vén de nós, presentámoslle a nosa oración comunitaria dicindo xuntos:
GRAZAS POR CONTAR CON NÓS
·         Para que todos cantos formamos  a Igrexa, nos esforcemos por ser voz que non cala diante das inxustizas e os esquecementos que os poderosos queren facer das persoas, OREMOS.
GRAZAS POR CONTAR CON NÓS
·         Que a presenza dos cristiáns nos medios de comunicación sexa sempre para defender aos máis esquecidos e silenciados, e nunca para ser altofalantes dos poderosos e opresores. OREMOS.
GRAZAS POR CONTAR CON NÓS
·         Para que nunca esquezamos que a invitación de Xesús é a de que sexamos testemuñas gozosas e esperanzadas da súa mensaxe alí onde nos atopemos, coas nosas palabras e os nosos feitos, OREMOS.
GRAZAS POR CONTAR CON NÓS
Pai bo e xeneroso, grazas por este recanto de fondura espiritual que nos aporta a oración vivida e celebrada desde o compartir comunitario. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Señor, pídesnos que testemuñemos,
saíndo das nosas comodidades,
afrontando riscos,
para vivir en estado de misión.
Ide, para anunciar o Reino e a súa presenza,
para ser sinais do Evanxeo, irmáns e irmás de todas as persoas.
Ide, é a túa ensinanza,
abrindo camiño para o paso do sementador, que xa está connosco.
Ide, é o teu exemplo,
camiño compartido, vivencia comunitaria, testemuño fraterno, aprendendo xuntos.
Ide, aínda que sexades poucos, porque o Reino é lévedo.
Ide, atentos e preparados, porque haberá conflitos e dificultades, presenza da cruz.
Ide, con sinxeleza, empobrecidos polo Reino, aprendendo a confiar.
Ide, invítasnos mirando ao corazón e descubríndonos que podemos,
se nos animamos, se nos xuntamos, se nos baixamos das nosas seguridades
para vivir, coma Ti, en estado de misión.

CANTOS

·            ENTRADA: 
Bendito Ti, Xesús resucitado
·            GLORIA
·            LECTURAS: 
Deixade esta terra
·            OFERTORIO: 
Non vou so
·            COMUÑÓN: 
Ide e pregoade

POWER POINTS


Comentarios

Publicacións populares