Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas - Salmo 46
Domingo 7 de Pascua, ciclo C - Ascensión do Señor
SALMO PARA AGRADECERLLE DEUS
A SÚA COMPAÑA DE CADA DÍA
Que gusto dá espertar
coa túa luz cada día
e ir contemplando as cousas
coas que encher a vida!
Que gusto verte a ti nelas
rompendo a noite co día!
Na nai que coida dos nenos,
os mantén e os arroupa
para que vaian medrando
con ilusión e con forza
eu véxote a ti, Pai noso,
mimador da xente toda.
No labrego apaixonado,
loitador comunitario,
que busca no pan a paz
e a forza para o seu traballo
vexo a Xesús defensor
da dignidade dos baixos.
En cada gromo que agroma,
en cada herbiña que apunta,
en cada flor que xa asoma,
no nacer dunha leituga
vexo o Espírito de vida
que á vida feliz me empuxa.
Que gusto dá espertar
e verte nas cousas todas!
Que gusto dá traballar
para que a xustiza as envolva!
Que gusto dá espertar
e cantar a túa gloria!
Comentarios
Publicar un comentario