Domingo 6 de Pascua - ciclo C
6º DOMINGO DE
PASCUA
CICLO C
CICLO C
Primeira Lectura Feit 15, 1-2. 22-29
LECTURA DO LIBRO
DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Decidimos, o Espírito Santo e
mais nós, non vos impoñer máis cargas cás precisas
Naqueles
días, algúns que baixaron desde Xudea ensinaban aos irmáns: "se non vos
circuncidades conforme á tradición de Moisés, non vos podedes salvar".
Como
se orixinou un desacordo e unha disputa non pequena de Paulo e Bernabé contra
eles, acordaron que Paulo, Bernabé e algúns outros subisen a Xerusalén a tratar
a cuestión cos apóstolos e os responsables.
Entón,
os apóstolos e os responsables de acordo con toda a Igrexa, decidiron elixir
algúns de entre eles e mandalos a Antioquía, xunto con Paulo e Bernabé; Xudas,
chamado Barsabás, e Silas, homes que destacaban entre os irmáns. E por medio
deles mandaron esta carta:
"Os
irmáns apóstolos e responsables saúdan aos irmáns de orixe pagá, que están en
Antioquía, Siria e Cilicia. Somos sabedores de que algúns, saídos de aquí e a
quen non demos mandato ningún, andan por aí desacougándovos coas súas palabras;
decidimos escoller uns delegados e mandárvolos, xunto cos nosos benqueridos
Bernabé e Saulo, que teñen dedicado a súa vida á causa de noso Señor Xesús
Cristo; mandámosvos, logo, a Xudas e Silas, que vos dirán de palabra as mesmas
cousas.
Porque
decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non vos impoñer máis cargas cás
precisas: absterse de carnes ofrecidas aos ídolos, do sangue, de animais
afogados e da unión deshonesta; faredes ben en gardarvos destas cousas. Saúde".
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8
R/. (4): Lóente os pobos, oh Deus, lóente os
pobos todos.
Ou: Aleluia.
Deus teña piedade de nós e nos
bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre
nós.
Que se coñeza na terra o teu
camiño,
en todas as nacións a túa
salvación.
Alégrense e canten as nacións,
porque xulgar os pobos rectamente
e na terra gobernar as nacións.
Lóente os pobos, oh Deus,
lóente os pobos todos.
Que nos bendiga Deus e que o
teman
os confíns todos do mundo.
Segunda Lectura Ap 21, 10-14. 22-23
LECTURA DO LIBRO
DA APOCALIPSE
Mostroume a santa cidade que
descendía do ceo
O
anxo levoume en espírito á cima dun monte moi grande e alto e amosoume a cidade
santa, Xerusalén, que baixaba do ceo de onda Deus; tiña a gloria do mesmo Deus.
O seu resplandor imitaba o dunha pedra preciosa, unha pedra cristalina de
xaspe.
Tiña
unha muralla grande e alta con doce portas de entrada; e enriba das portas doce
anxos; e escritos nelas os seus nomes, que son os das doce tribos de Israel:
tres portas polo Nacente, tres portas polo Norte, tres portas polo Mediodía e
tres portas polo Poñente. A muralla da cidade tiña doce alicerces e sobre os
alicerces, doce nomes, que son os dos doce Apóstolos do Año.
Nela
non vin santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o
sostén, e mais o Año. A cidade non precisa sol nin lúa que a ilumine, que a
ilumina a gloria de Deus; e o Año é a súa lámpada.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn
14, 23
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Quen me ama, cumprirá a miña
palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a
el.
Aleluia.
Evanxeo Xn 14, 23-29
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO XOÁN
O Espírito Santo recordaravos
todo canto vos dixen
Naquel
tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
‑
Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el,
e faremos vida con el. O que non me ama, non garda as miñas palabras; e a
palabra que escoitades de min, non é miña, é do Pai que me mandou.
Díxenvos
estas cousas mentres estaba convosco; pero o Paráclito, o Espírito Santo que
meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto
eu vos dixen.
Déixovos
a paz, douvos a miña paz: eu non vola dou como o mundo a dá.
Non
vos angustiedes, nin teñades medo. Oístes que vos dixen "voume e logo
volvo onda vós".
Se
me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca
min.
Díxenvolo
agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
FRONTE Á RELIXIÓN DO MEDO,
XESÚS OFRÉCENOS O AMOR DA RELIXIÓN
TOMADO DE: remoldapalbra.blogspot.com
PÓRTICO
Unha vez máis a Palabra de Deus quere
chamar a nosa atención para que non caiamos na vivencia dunha relixión do medo
e da imposición, senón que nos invita e urxe a camiñar e vivir nunha relixión
de liberdade, de paz, de amor. O Señor ponnos deberes, e a nós corresponde
traballar para facelos ben, o que supón estar en actitude activa, e sempre á
espreita de canto impida que a confianza, o respecto, o diálogo sincero e
sosegado vaia dando froito na nosa relación cos demais. Especialmente con
aqueles que pensan distinto a nós e non comparten o noso xeito de ver e facer
as cousas. Que aprendamos de Xesús, para facer da nosa vida, non unha renuncia
ao que son conviccións profundas, senón a, sen renunciar ao que cremos, saber
poñer á persoa por riba de normas e imposicións.
O PERDÓN
*
Porque nos sobra medo, e nos falta confianza, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MISERICORDIA.
*
Porque lle damos consellos aos demais, pero somos incapaces
de aplicárnolos a nós, CRISTO,
QUE NOS ABRAMOS Á MISERICORDIA.
*
Porque a lei do funil, na que tantas veces camiñamos,
afástanos da igualdade, o respecto e a solidariedade cara aos irmáns, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MISERICORDIA.
REMUÍÑO
û O medo, unha vez máis, volve aparecer
no texto da primeira lectura. Pouco aprenderan de Xesús! Non daban entendido
que non era con ameazas, imposicións e exclusións como se tiña que desenvolver
o seguimento ao que El os chamara. Por iso van a Xerusalén para dialogar –todos,
non só un que mandase sobre os demais– sobre como tratar a aqueles primeiros
cristiáns que non proviñan do xudaísmo. Cómo imporlle máis cargas cando para
eles a mensaxe de Xesús era nova, creativa, liberadora? Pero nada hai que un bo
diálogo, con razóns e argumentos non con imposicións, non poida solucionar. E
así o fan aqueles primeiros seguidores.Non lles importa cambiar a súa opinión,
están abertos a acoller outras visións, non se encirran en manter o sempre foi
así, aquí non se cambia nada, ou isto é así porque o digo eu. Non, dialogan,
escóitanse, chegan a acordos e toman decisións. Canto temos que aprender! Que
importante é non esquecer a metodoloxía das primeiras comunidades! Radicais,
si, pero nunca pechados a escoitarse. Como fixera Xesús. Verdade que tamén nós
temos campo aberto para facer o mesmo? E non só no que se refire ao Papa, os
bispos ou os curas, senón que non estaría mal que miraramos para cada un de
nós, e nos decidiramos dunha vez por todas a abandonar actitudes prepotentes,
sectarias ou clasistas, porque á fin e ao cabo moitas veces os segrares son os
que máis impiden, protestan e atascan calquera cambio ou renovación que se
queira levar a cabo na Igrexa. Tan apegados estamos aos costumes e tan
despegados da mensaxe de Xesús? Repasemos na nosa casa, con calma e reflexión,
o texto do libro dos Feitos dos Apóstolos que hoxe lemos como primeira lectura.
Seguro que todos nos vemos reflectidos nel; e seguro, tamén, que desde el
poderemos aprender, descubrir e aplicar á nosa vida a metodoloxía que eles
utilizaron para tomar unha decisión que non excluía a ninguén e posibilitaba
que se acollese a quen chegaba de novas á fe de Xesús. A fe non é unha carga,
senón unha experiencia de amor, de encontro, de fraternidade, e como
consecuencia, de sentido da vida. As cargas poñémolas nós, non veñen “de serie”,
por que nos empeñamos, uns e outros, en non querer entendelo?
û Só desde a universalidade de quen non
identifica a fe cristiá –a mensaxe de Xesús– cunha cultura determinada, cuns
costumes ou cunhas prácticas, podemos entender a oración do Salmo 66 onde se nos invita a loar a Deus.
Porque a fe é universal, porque non é patrimonio duns poucos, porque non está
pechada nin ao diálogo nin ao entendemento con tódalas persoas, quere ser
sempre unha invitación a compartir calquera proxecto que teña como centro á
persoa, ao ser humano sempre querido e agarimado por Deus. Por iso tamén nós,
coma o salmista, podemos dicir convencidos: “que te loen os pobos, que todos os
pobos te loen”. Si, que te loen, tamén neste momento de dificultade e
desespero, porque diante da adversidade vai xurdindo o mellor de cada unha das
persoas, o tesouro que estaba agochado, e que mostra en forma de solidariedade,
tempo compartido, axuda económica ou tempo entregado de balde ao servizo de
quen o poida necesitar. E iso só pode ser un agasallo de Deus, a quen loamos
convencidos, por ter posto en nós esa semente que vai dando froitos que poñen
alivio, consolo, sorriso e esperanza nas vidas de tantas persoas necesitadas. A
mágoa é que tivo que vir esta crise galopante, para que cada un de nós fose
capaz de sacar o mellor que levaba dentro de si para poñelo ao servizo da
fraternidade que en Deus compartimos.
û Para non decaer nesta tarefa, sentimos
a presenza do Espírito. El será a forza, o compañeiro de camiño, o alento cando
nos veñamos abaixo, a man amiga que tira de nós para que non afundamos. O
Espírito Santo que Deus nos dá é quen nos fai caer na conta de que non é a
violencia o camiño, senón que o camiño é a paz. Nela e desde ela vaise
mostrando o verdadeiro amor, que non é paternalista, proteccionista ou
acaparador, senón un amor en e na liberdade, que vai facendo que non nos
sintamos solos. A paz que nos ofrece Xesús realízase desde o amor real, sinxelo
e sincero, que vai posibilitando que nos encontremos cos irmáns que, camiñando
coma nós, nos tenden a man para que a acollamos e non nos sintamos illados.
RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo
fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se
reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por
iso, pregúntovos:
·
Credes
no Deus da luz e da auga, que ilumina o
noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que
nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza? Si, creo.
·
Credes
en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo
Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se
erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o
amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos
chamamos seguidores seus? Si, creo.
·
Credes
no Espírito Santo, fonte de
vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, fortalecendo as nosas
comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo? Si,
creo.
·
Credes
na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e
que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na
escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que
a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz? Si,
creo.
·
Credes
na esperanza da resurrección, que
compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus
entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí e agora
do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde
compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte? Si,
creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar
sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Acompañamos a nosa oración comunitaria compartindo
ilusións e esperanzas, e poñéndoas na man de Deus. Facémolo dicindo xuntos:
* Que na Igrexa camiñemos sempre
buscando linguaxes e formas que fagan posible presentar o evanxeo de xeito
ledo, esperanzado e libre, e abandonemos ritos e costumes que valeron para
outro tempo, pero que hoxe son antievanxélicos, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE CAMIÑEMOS NA CONFIANZA
* Que construamos as nosas comunidades desde
o testemuño de gratuidade e entrega ás persoas, especialmente aos maiores, aos enfermos,
que hoxe temos presentes dun xeito especial, e a quen se sente desacougado,
OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE CAMIÑEMOS NA CONFIANZA
* Que fagamos sempre o esforzo por
converter a oración en diálogo sincero e confiado con Deus, abandonando
fórmulas e ritos que nos levan a caer na rutina e a converten en simple
repetición baleira de palabras, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE CAMIÑEMOS NA CONFIANZA
* Hoxe queremos ter presentes na nosa
oración dun xeito especial ás nosas nais, a todas as mulleres que están a levar
adiante o coidado da vida, escoitando a voz do Señor e dando a luz unha
sociedade nova, máis humana, máis xusta, máis fraterna. Por todas elas, para
que o seu papel primordial na sociedade sempre sexa recoñecido, valorado e
protexido, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE CAMIÑEMOS NA CONFIANZA
Grazas, Señor, por
ofrecernos este momento de oración comunitaria para compartir cos irmáns gozos
e esperanzas, tristuras e angustias da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Xesús, bo samaritano,
que viviches aliviando o sufrimento
de quen atopabas no camiño,
como expresión da misericordia do Pai.
O noso mundo arde en desexos de eternidade,
pero o camiño da vida é longo e ten moitas
fochancas:
hai violencia, desgraza e desesperanza.
O noso mundo sofre.
Axúdanos a baixar ao fondo do corazón,
onde habitan as carencias
e se descobren as necesidades,
onde se escoita o berro da dor,
a voz de quen sofre e necesita.
Danos entrañas de misericordia,
para que non deamos rodeos ante os que sofren
e saibamos camiñar cos ollos do corazón abertos
para axudar a quen precisa de nós.
Fainos, Señor, bos samaritanos
para que o mundo descubra na nosa vida
o rostro misericordioso do Pai. Amén.
CANTOS
·
LECTURAS:
Benaventurados
Benaventurados
·
OFERTORIO:
Xurdirá//Na nosa terra
Xurdirá//Na nosa terra
·
COMUÑÓN:
Pan do ceo
Pan do ceo
POWER POINTS
TVG
Comentarios
Publicar un comentario