Naquel tempo será salvado o meu pobo - Dn 12, 1-3
Domingo 33 do Tpo. Ordinario - ciclo B
CANDO A MORTE
VISITE AS NOSAS TENDAS
Se perdo a man familiar
que me daba compaña e calor,
encontrarei en Ti outras mans
que quenten o corazón.
Se non chega ó meu oído
a voz familiar do amigo,
terei a túa voz de Pai
que me chamas coma fillo.
Se os meus ollos se pechan
á bonitura desta terra,
abriranse para sempre á fermosura
dunha terra nova e eterna.
Se parto deste mundo angustiado
por non ter feito o que quixera,
serás para min perdón e novidade,
encherás de plenitude a miña espera.
Se os choros rodean o meu corpo
cuberto coa tristura da ausencia,
sei que andarei sen tordear
no camiño da ledicia ventureira.
Se chora pola orfandade
a xente que tanto estimo,
estarei máis preto dela
porque vivirei contigo.
Contigo hei sementar calor no mundo,
contigo hei traballar pola irmandade,
aínda que marcho do mundo estou ben certo
que non me arredo del, pois Ti o abrangues.
Nada perderei,
ninguén para min será ausente.
Canto son, amo e busco
atopareino en Ti cumpridamente.
Comentarios
Publicar un comentario