Ficha e lectio - Domingo 33 de Ordinario B
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO XXXIII T. O.
(Ano B: 15. XI. 15)
O
tempo corre que é unha barbaridade, dicimos de cando en vez. Para algúns corre
moi lento, por exemplo, para os rapaces e xente moza. En troques, para os que
xa nos apuntamos á chamada “terceira idade”, si que se nos vai o tempo a toda présa,
por máis que intentemos frealo.
Os
tempos de Deus son distintos. Mellor dito, Deus non ten tempo. Deus é eterno, é
a mesma eternidade. Non sabemos, estando como estamos no tempo, como se pode
vivir a eternidade. Este é o seu misterio, a súa grandeza. De tódalas maneiras,
algo de eternidade si que levamos nós dentro, porque a verdade é que nos
gustaría a todos ser eternos, vivirmos sempre, etc. E isto non podería ser así
se non soubésemos algo dela, desa eternidade. Cousa que polo demais non nos debería
estrañar, porque á fin e ó cabo de Deus, que é a mesma eternidade, procedemos
todos.
Vivimos,
polo tanto, entre o tempo e a eternidade: cada un de nós e a humanidade no seu
conxunto. Algún bo día e sen que se nos consultase (porque non eramos aínda
nada) atopámonos, e ben sorprendidos, neste mundo. E empezamos a berrar forte,
a respirar os primeiros “airiños da miña terra” e aquí estamos. En plena
aventura da vida con outras persoas ás que lles pasou a mesmo.
Os
tempos litúrxicos son tamén cambiantes. Case sen dármonos conta, estamos xa na
antesala do chamado Tempo de Advento. Co domingo seguinte ó próximo (que será a
festividade de Cristo Rei) estaremos xa metidos nese especial tempo
preparatorio do nacemento de Xesús. Nacemento, vida, paixón, morte e
resurrección de Xesús son tamén para nós algo así como o modelo ou o paradigma
do noso propio proceso vital.
Tanto
para Xesús coma para nós vivir é un proceso que non se detén, unha verdadeira
aventura. En canto a nós, o máis fermoso, grandioso e insospeitábel é que Deus
estea no comezo, no centro e no descoñecido futuro destas nosas vidas. Unhas
vidas que en realidade xa non rematarán, porque ó estarmos como estamos nas
mans de Deus seremos tamén inmortais á semellanza del. El non nos vai deixar
caer das súas mans.
Ben.
Todo isto está dito porque as lecturas de hoxe (case xa ó final, como digo, do
chamado tempo litúrxico “ordinario”) nos levan un pouco por aí. Hai nelas,
tanto na primeira (do Libro de Daniel) coma no mesmo evanxeo, unha linguaxe de
signo apocalíptico. Fálasenos do futuro dunha maneira que a máis dun nos
podería arrepiar. Pero é, como digo, unha linguaxe que naqueles tempos era
normal utilizar ó falar destas cousas. Xesús participaba tamén, sendo como era home
do seu tempo e da súa particular cultura, desta maneira de se referir ós
acontecementos futuros. Como con acerto nos conta M. Regal Ledo en relación con
isto nalgún dos seus escritos: “A encarnación de Deus é moito máis có feito
puntual dunha persoa humana que toma corpo nas entrañas de María; tamén toma
corpo nas entrañas da historia, das culturas, do pensamento humano”.
De
todos modos, Xesús non se deixa levar totalmente por esa maneira apocalíptica
de falar, ó nos dicir concretamente no evanxeo de hoxe: “En canto ó día e maila
hora no que iso vai acontecer, ninguén sabe nada”.
Malia
esta advertencia, semella que os primeiros cristiáns estaban convencidos da
próxima ou inmediata volta de Xesús, “con gran poder e gloria” (tal como se nos
di). O que significaría que o final da historia humana tería acontecido xa e
nós, polo tanto, non estariamos xa hoxe aquí.
Pois
ben, ante tanta ignorancia nosa sobre os misterios de Deus (en calquera caso,
misterios bondadosos e misericordiosos, porque o noso Deus é e seguirá a ser
sempre un Deus Pai bondadoso e misericordioso), deberiamos seguir o consello de
Xesús de “aprender da figueira”.
Na
nosa terra temos moitos nomes de lugares e apelidos chamados “Figueroa”, aínda
que máis correctamente habería que dicir “Figueiroa”. Un nome que proviría
dalgunha “pequena figueira” (“ficariola”, no latín vulgar) que habería por alí.
Tamén “Figueirido” ou “Figueiredo” que fan referencia a sitios onde abondan as
figueiras, etc. A figueira ten para min gratas lembranzas de cando era un rapaz.
Non era unha “ficariola”, unha pequena figueira, senón unha ben grande, a que
chegaba case ata o tellado da nosa casa familiar. Como eramos seis os irmáns, nosa
nai repartiunos as pólas da gran figueira para que non rifásemos demasiado entre
nós cando apulitabamos a ela ó empezaren os figos a madurar.
A
Xesús tamén lle gustaban os figos, e algunha vez ata tivo que maldicir unha
porque non tiña figos, e iso que, tal como se nos di no evanxeo, non era tempo
de figos... Pois ben, a figueira vén sendo para Xesús no evanxeo de hoxe un
símbolo da nosa vida, que vai sempre cambiando, avanzando, semellando ás veces
estar morta, aínda que en realidade no seu interior bule sempre, agachada, a
vida. No inverno está amorriñada e as follas, murchas, cáenlle ó chan; na
primavera xorden os primeiros gromos nas pólas e no verán os figos convértense
en delicia para o padal. A figueira non sabe do seu futuro, nin lle angustia. Limítase
a seguir o ritmo interior que lle dita a natureza. Deixa que os necesitados se
alimenten dos seus froitos. Uns froitos que ela non sabe cómo é capaz de
producilos. Pero aí están: ó servizo de quen se queira achegar onda ela.
Digo
isto e podería engadir moito máis, porque é Xesús quen nos di que aprendamos
dela. Esteamos, pois, coma ela, ben enraizados na humildosa terra e abertos
cara ó ceo e cara ó futuro.
Deixémoslle
ó noso Deus Pai que, así como foi el quen pensou en nós para darnos vida, sexa
tamén el quen a goberne e dirixa polos seus vieiros, rectos ou retortos. A nosa
vida e a de cantos queremos. E neste inabarcábel grupo dos que queremos non deberiamos
excluír a ninguén, por descoñecido que sexa para nós. Pois queremos querer a
todos en canto que son todos irmáns nosos en Cristo Xesús, noso irmán maior.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Invocamos a Deus, Pai noso e Pai de todos, dicindo
conxuntamente: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, luz e entendemento para
comprendermos que as nosas vidas se orixinan en ti, dador de toda vida.
TODOS:
ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que saibamos respectar o ritmo
misterioso das nosas vidas e de toda a natureza, sen violentala nin degradala.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Protexe, Pai, a cantos se atopan en perigo de
perder as súas vidas polas ameazas e as inxustas violencias dos demais.
TODOS:
ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario