Domingo 33 de Ordinario B
DOMINGO XXXIII ORDINARIO -
CICLO B
Primeira Lectura Dn 12,
1-3
LECTURA DO LIBRO DE DANIEL
Naquel tempo será salvado o meu pobo
Naquel tempo alzarase
Miguel, o gran príncipe que protexe os fillos do teu pobo. Será época de
angustia, tal que nunca a houbo coma ela desde que as nacións existen ata aquel
tempo.
Mesmamente naquel
tempo salvarase o teu pobo: todos os que se atopen inscritos no libro.
Moitos
dos que dormen no po da terra espertarán: uns para a vida eterna, outros para a
ignominia, para a reprobación eterna.
Os sabios brillarán
coma o fulgor do firmamento, e os que educaron na xustiza aos demais serán coma
as estrelas por toda a eternidade.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 15, 5 e
8. 9-10. 11
R/. (1): Gárdame, Señor, que en ti busco agarimo.
Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.
Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.
Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.
Segunda Lectura Heb 10,
11-14. 18
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Cunha única ofrenda deixou para sempre perfectos os que el santifica
Irmáns:
Todo sacerdote ten que
estar decote a celebrar lo culto e ofrecer un tras outro os mesmos sacrificios,
aínda que estes non poidan endexamais quitar os pecados.
En troques, este
sacerdote, logo que ofreceu un único sacrificio polos pecados, sentou para
sempre á dereita de Deus e, deste xeito, non lle queda máis que agardar a que
Deus faga os seus inimigos estrado para os seus pés.
Cunha única ofrenda
deixou para sempre perfectos os que santifica.
Ora, se hai perdón dos
pecados, xa non pode haber sacrificios polos pecados.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Lc 21, 36
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Vixiade, orando permanentemente,
para que poidades estar de pé ante o Fillo do Home.
Aleluia.
Evanxeo Mc 13, 24-32
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Congregou os seus elixidos de todos os puntos da terra
Naquel tempo, díxolles
Xesús aos seus discípulos:
- Naqueles días,
pasada xa aquela grande angustia, o sol ha escurecer, a lúa deixará de
alumar, as estrelas caerán do ceo,
abalarán as potencias do ceo. Entón verán vir o Fillo do Home sobre as nubes
con gran poder e gloria. E mandará os anxos para reuniren os elixidos desde os
catro ventos do cabo da terra ata o cabo do ceo.
Aprendede da
comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes
que o verán está a chegar. Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas,
sabede que xa está pretiño, á porta. Asegúrovos que non pasará esta xeración
sen que antes suceda todo isto. O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas
palabras non pasarán.
En canto ao día e mais
a hora no que isto vai acontecer, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o
Fillo; sábeo o Pai soamente.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
Cando a busca da xustiza se converte en
estrelas que iluminan o noso camiño, a eternidade deixa de ser medo para
volverse horizonte cara onde camiñar na busca da plenitude
- 33 TOB 2015
POWER POINTS
CANTO GOZOSO
·
ENTRADA: Con ledicia
vamos todos ao altar LECTURAS: Escoita ao Señor (15)
·
OFERTORIO: Recibe, Señor
(31) COMUÑÓN:
Acharte presente na vida
ESCOITA
ACTIVA
Aparece hoxe na primeira lectura unha frase con moita forza e sentido na
realidade actual. O profeta Daniel fala da importancia de educar na xustiza.
Como ben sabemos educar é acompañar, axudar a tomar conciencia da realidade na
que vivimos, posibilitar que un vaia tomando decisións e asumindo as
consecuencias que delas derivan. Educar é camiñar no proceso de madurar gañando
autonomía persoal e capacidade para descubrirnos libres e adultos, sen
deixarnos manipular por voces -moitas veces interesadas-, que gustan que
digamos e pensemos o que a elas lles beneficia.
A todo este proceso que chamamos educación liberadora e en liberdade, é ao
que nos invita constantemente o seguimento de Xesús. Pero engade tamén un
matiz, que certamente non debemos desdeñar, porque todo proceso educativo ten
que ir realizándose desde a xustiza; é dicir, posibilitando respectar a
igualdade, recoñecendo que ninguén é máis nin superior a ninguén; facendo
posible que tomemos en serio o sabernos “fillos e fillas de Deus”, e polo tanto
irmáns uns dos outros. Se camiñamos nesta proposta que se nos fai desde a
palabra de Deus, non só educaremos na xustiza, senón que tamén nós estaremos
sendo xustos.
Neste ir educándonos uns e outros no actuar xusto e liberador, os que
formamos parte da Igrexa sentímonos comunidade que se axuda e acompaña;
comunidade que vai facendo Reinado de Deus co actuar e vivir. Por iso hoxe, ao
celebrar o día da Igrexa Diocesana, rezaremos tamén sentíndonos membros activos
desta Igrexa que conformamos todos os bautizados, e que presidida polo Bispo
como pastor, camiña nestas terras de Galicia para servir de xeito humilde e
sinxelo aos homes e mulleres que queren que a Igrexa sexa nai que acolle a
aloumiña.
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
·
Porque
non sempre camiñamos na busca do comportamento xusto e liberador, SEÑOR,DÁNOS
RECTITUDE PARA ACTUAR XUSTAMENTE.
·
Porque
nos esquecemos moi rápido dos problemas e necesidades dos demais, namentres nos
facemos vítimas do que nos pasa a nós, buscando ser centro de atención, CRISTO,
DÁNOS RECTITUDE PARA ACTUAR XUSTAMENTE.
·
Porque
moitas veces non buscamos agarimo en Deus, senón o recoñecemento social e
posicións de dominio sobre os demais, SEÑOR, DÁNOS RECTITUDE PARA
ACTUAR XUSTAMENTE.
OLLOS
ABERTOS E PÉS NO CHAN
·
Diciamos
no pórtico do comezo da celebración o importante que é educar na busca da
xustiza e do ben que pode beneficiar a todos. Pero educar non é nunca unha
tarefa doada, inda que a primeira vista puidera parecelo. Todo o contrario. A
educación é un esforzo continuo que supón ir deixando atrás o que máis gusta e
menos traballo custa; o que esixe constancia, o que invita á perseveranza, o
que vai facendo que cada pasiño que imos dando sexa pensado, maduro e
liberador. E como ben sabemos, para toda esta tarefa requírese tempo e
capacidade de non deixarnos levar nin polo máis doado nin polo que nos produce
gratificacións inmediatas. E isto temos que levalo a tódolos ámbitos e facetas
da nosa vida. Temos que facer da educación unha tarefa permanente, inda que nos
veña a tentación do abandono: na vida matrimonial, na experiencia de ser
pais/nais, na relación cos veciños, no día a día do noso traballo , no estudo
que un día nos suporá ver cumpridos desexos e ilusións de moitos anos...Nunha
palabra: temos que estar permanentemente, e con perseveranza, educándonos e
tamén educando; porque cada día descubrimos e aprendemos cousas novas que necesitamos
reflexionar e integrar no noso mundo de valores e principios. E desde esta
experiencia, tan bonita pero tamén tan necesitada de esforzo, é desde onde
temos que ir madurando e aprendendo que as decisións que imos tomando non han
ser para o momento, senón que temos que situalas no horizonte da nosa vida, no
que queremos e buscamos para ser felices, xustos e adultos, sen deixar que o
presentismo inmediatista -que si, pode ser moi tentador-, nos acabe pasando
factura da dor e tristura por non ter sabido poñer reflexión e responsabilidade
nas nosas decisións. Para que este camiño, sempre longo, de todo proceso
educativo poida chegar a bo fin, buscamos e sentimos o agarimo do Deus que nos
acompaña e garda na súa tenrura enchoupada sempre de misericordia.
·
E será
sempre esta misericordia (que non busca facernos de menos, infantilizarnos nin
adormecernos para que deamos por bo e xusto o que non é máis que engano e
opresión, senón que crezamos libres e sexamos sempre buscadores de verdade) a
que nos mostre que ao dicir Deus non nos estamos a referir a “algo” afastado,
difuso ao que hai que temer, senón ao “alguén” que se nos vai mostrando como
agarimo, tenrura, acollida e esperanza. Un Deus que en Xesús se nos descobre
coma un igual: coas mesmas debilidades ca nós, coa mesma posibilidade de ser
tentado, co mesmo sentimento de dor e tristura cando alguén sofre ou é
explotado. Un Deus con rostro humano que se nos mostra na súa totalidade
presente en Xesús. Un dos nosos... para que nós sexamos un dos del. De aí a
tarefa de crecer e madurar nun proceso educativo permanente e perseverante do
que antes falabamos. Un proceso no que non podemos ir solos, senón que
necesitamos ir escollendo aos que nos van acompañar. Porque a fe non é unha
relación que se deba vivir de maneira individual e intimista entre Deus e as
miñas cousas, senón un ir descubrindo que en cada un dos momentos da nosa vida
sentimos e agradecemos a presenza de todos cantos coma nós, seguindo á
invitación de Xesús de facer do mundo casa común, non paramos nin deixamos que
nos distraian con entretementos que adormecen as nosas conciencias e nos queren
manipular facéndonos crer que que o mundo é o que realmente non é: ben un val
de bágoas, ben unha festa permanente. Busquemos o ben do ser humano, dignidade
e liberdade ás que nunca debemos renunciar, deixándonos acompañar da presenza
dese Deus que nin se foi nin se irá, senón que, sen facer barullo, que algúns
confunden con indiferenza, vai ao mesmo paso ca nós. Por iso o sacrifico que
deshumaniza ten que dar paso á tenrura que nos iguala e nos fai verdadeiramente
humanos.
·
Para
chegar a este final de camiño debemos pasar antes por non poucos atrancos e
dificultades. Pero as angustias pasan, a dor cúrase e as esperanzas nunca han
perderse. E do mesmo xeito que o ciclo da natureza morre no inverno para volver
saír con forza na primavera, así tamén o ciclo vital de todo ser humano non
queda na dureza do inverno frío e cheo de choiva, senón que agroma botando
follas novas que nos chegan como proxectos que se volven comezar, solidariedade
que se entrelaza ou silencios que se rompen para denunciar inxustizas e abusos.
As cousas que facemos pasan, as persoas ás que queremos están sempre presentes
no corazón, como as palabras de Xesús que foron, son para nós, e seguirán sendo
para os que veñan, Espírito e vida. Por iso temos que ser constantes e non
desacougar cando a dureza do inverno poida tentarnos para que esquezamos que a
primavera sempre chega, e faino con forza e gromos novos.
FRATERNIDADE
ORANTE
Deus, que
nos chama a poñer a xustiza como guieiro do noso actuar, reúnenos ao redor da
mesa do altar para que compartamos esta celebración desde a palabra proclamada
e o pan compartido. Poñamos tamén por riba do altar a nosa oración comunitaria
e digamos xuntos:
QUE FAGAMOS
DA TÚA TENRURA ACOLLIDA
·
Para que
a Igrexa deixe atrás o pecado da corrupción, o engano e a manipulación; e sexa
unha Igrexa transparente, fraterna e evanxélica; unha Igrexa de pombas e non de
corvos, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA TÚA TENRURA ACOLLIDA
·
Para que
nas nosas comunidades parroquiais abandonemos comportamentos que nos fan
indiferentes ante a dor e dificultades dos demais, e pasemos a ser comunidades
preocupadas por estar cerca de quen sofre, sabendo poñer amor e acompañamento
alí onde hai odio e soidade, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA TÚA TENRURA ACOLLIDA
·
No día da
Igrexa Diocesana, pedimos por todos cantos conformamos a nosa Igrexa particular
de Tui-Vigo. Para que saibamos ser irmáns que corrixen, queren, acompañan e
serven a quen se senta necesitado e busque unha man á que poder agarrarse con
confianza e sen medo, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA TÚA TENRURA ACOLLIDA
·
Para que
nos esforcemos por educarnos nos camiños que buscan a xustiza, o ben común e a
solidariedade fraterna e desinteresada, como fixo Xesús, e fagamos das nosas
opcións actitudes sempre achegadas aos máis débiles do noso redor, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA TÚA TENRURA ACOLLIDA
Poñemos, Señor, nas túas mans e baixo o teu amparo o que nos preocupa, doe
e mostra a necesidade que temos de percibirte sempre ao noso lado, para que non
trabuquemos o camiño que ti nos invitas a seguir. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Pobre
Igrexa miña, que pecha á xente o Reino do ceo,
sendo que
a súa misión era abrilo!
Pobre
Igrexa miña, parva e cega, que ridiculiza a fe,
enfrontando
á xente con cousiñas e negándolle
o
encontro co Deus grande e salvador!
Pobre
Igrexa miña, hipócrita, que coa o mosquito e traga o camelo,
centrada
en ritos e rezos baleiros e esquecida da misericordia e da xustiza!
Pobre
Igrexa miña, falsaria, que coida as aparencias
e está
chea no seu seo de violacións dos dereitos humanos!
Sepulcro
branqueado cheo de morte e de inxustiza!
Pobre
Igrexa miña, que honra a santos pasados,
que le
con devoción os seus escritos,
e lle
nega a palabra e a presenza no seu seo
ás
persoas que hoxe lle falan no nome de Deus!
Pobre
Igrexa miña, centrada en si mesma,
defensora
da súa institución, pouco aberta á crítica e á conversión,
pechada á
novidade eterna de Deus!
Pobre
Igrexa miña, raza de víboras!
Fuxirás
do xuízo e do discernimento de Deus
ao que el
te vai someter cada día nesta terra?
Pobre
Igrexa miña!,
que en ti
todos nos convertamos e nos abramos á verdade.
Comentarios
Publicar un comentario