Domingo 32 de Ordinario B

DOMINGO XXXII ORDINARIO  -  CICLO B


Primeira Lectura     1 Re 17, 10-16
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
A viúva fixo un pequeno pan coa pouca fariña que tiña e deullo a Elías
  
            Naqueles días, foi o profeta Elías á Sarepta e, ao entrar pola porta da cidade, viu alí unha muller viúva, que estaba xuntando guizos. Elías chamou por ela e díxolle:
            ‑ "Fai o favor e vaime por unha pouca auga na xerra para beber".
            Mentres ía ela collerlla, Elías chamouna e díxolle:
            ‑ "Tráeme tamén, se podes, na túa man un anaco de pan".
            Ela díxolle:
            ‑ "Pola vida do Señor, teu Deus, que non teño pan ningún. Quédame só na artesa unha presa de fariña e unha pinga de aceite na aceiteira. Ves que estou apañando guizos. Irei preparalo para min e para o meu fillo. Comerémolo e despois teremos que morrer".
            Díxolle Elías o texbita:
            ‑ "Non teñas medo. Anda e fai como dixeches. Pero primeiro prepara un panciño con iso e tráemo a min. Despois xa prepararás para ti e para teu fillo. Pois isto di o Señor, Deus de Israel:
            A talla de fariña non se acabará e a aceiteira do aceite non minguará,
            ata o día en que o Señor mande a chuvia á terra".
            Foi ela facer o que Elías lle dixera. E comeu el, ela e seu fillo, moito tempo, 16sen que se acabase a fariña da talla nin minguará o aceite na aceiteira, como dixera o Señor por medio de Elías.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/.  (1):  Loa, alma miña, o Señor.
Ou:  Aleluia.

O Señor garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

O Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.


Segunda Lectura     Heb 9, 24-28
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Cristo sacrificouse dunha vez para sempre para quitar os pecados de moitos

             Irmáns:
            Cristo non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no propio ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso; e non para repetir moitas veces o seu propio sacrificio, como fai o Sumo Sacerdote, que entra cada ano no santuario levando sangue alleo, porque, se así for, debería ter sufrido moitas veces desde a creación do mundo; pero agora manifestouse dunha vez para sempre, no derradeiro período da historia, para acabar co pecado polo sacrificio de si mesmo.
            Como o destino de todo home é morrer só unha vez e, a continuación da morte, vén o xuízo, así tamén Cristo, despois que se ofrendou para quitar os pecados, aparecerase por segunda vez, agora sen relación co pecado, para salvar os que o están agardando con ansia.

   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mt 5, 3
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Ditosos os pobres no espírito,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 12, 38-44 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Esta pobre viúva deu máis ca todos 

            Naquel tempo, Xesús ensinaba á xente dicíndolles:
            ‑ Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
            Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón chamou os seus discípulos, é díxolles:
            ‑ Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.

   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           


Ou:  41-44 (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Naquel tempo, sentado Xesús fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto.
            E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón chamou os seus discípulos, é díxolles:
            ‑ Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.


  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


A xenerosidade só é crible se a convertemos na realización dos pequenos feitos de cada día, poñendo neles o respecto e a dignidade que nos merece cada rostro co que nos atopamos, que desde Deus mostra sempre, a súa “imaxe e semellanza” -  32 Domingo TOB


POWER POINTS

CANTO GOZOSO
·         ENTRADA:  Camiñando pola vida
·         LECTURAS:  Ti es o pan do ceo
·         OFERTORIO:  Non vou so
·         COMUÑÓN:  Pan do ceo, pan de vida


Odres Nuevos Evangelio 8 noviembre 2015 colorESCOITA ACTIVA
A clave da celebración de hoxe pasa por darnos conta de que ou convertemos a nosa vida en xenerosidade ou perde todo o seu sentido. Si, porque a xenerosidade fainos saír de nós mesmos, das nosas cousas e das nosas teimas para poñernos no camiño de descubrir que ao noso lado hai persoas, moitas, que necesitan ser escoitadas. Persoas que agradecen poder ter alguén ao seu lado que as escoite, anime e acompañe. É esta a xenerosidade misericordiosa á que nos invita Xesús. Non deixemos que pase por diante nosa sen que nos deamos conta.
Poñámonos, logo, en disposición de esforzarnos por ter corazón, ollos e mans xenerosos, para ofrecerllos a quen poida necesitalos.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Que aprendamos a saír de nós mesmos, para non pecharnos no noso egoísmo, SEÑOR, QUE LATEXEMOS CON XENEROSIDADE.
·         Que aprendamos a actuar deixando atrás a indiferenza e o deixar pasar, CRISTO, QUE LATEXEMOS CON XENEROSIDADE.
·         Que camiñemos no esforzo de tender a man a quen poida necesitala, SEÑOR, QUE LATEXEMOS CON XENEROSIDADE.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Neste momento, despois da lectura repousada da Palabra, invítasenos sempre a remoela con acougo e esperanza. E se isto é sempre así, quizais hoxe esta invitación necesitamos pasala máis ca nunca polo corazón, porque é nel onde verdadeiramente podemos descubrir e sentir o que queremos dicir cando empregamos a palabra xenerosidade.
Moitas veces atribuímos o adxectivo xeneroso/a a unha persoa que sabe estar sen molestar, que sabe acompañar sen que se note, que sabe escoitar sen necesidade de ter que falar moito. Nunha palabra: a aquela persoa que pensa máis no ben que pode facer que no ben que se sente cando fai algo polos demais. Por iso, a xenerosidade debera ser a materia da que todos os seguidores de Xesús deberamos examinarnos cada día... e pasala con nota. Digo deberamos porque nin facemos este exame, nin no caso no que o fixeramos acabariamos aprobándoo cunha boa nota. O motivo disto temos que buscalo en nós mesmos; no deixarnos levar moito máis polo que a nós nos agrada que polo ben que lle podemos facer aos demais. Ser xenerosos é tarefa permanente na que temos que poñer non só os sentidos, senón toda a vida: conviccións, valores, principios, calidades. Nunha palabra, aptitudes e actitudes que nos van facendo mellores e máis xustos. Por iso a xenerosidade ha moverse, construírse, sempre nestes tres binomios:
·         Crer e facer:  Como a viúva que se achegou a Elías para darlle o pouco que tiña. E porque soubo compartilo, sen gardalo cobizosamente para ela, inda que o necesitaba porque tiña pouco. No seu actuar así comprendeu como a grandeza que Deus nos ofrece a cada un/unha de nós non se mide polo moito que teñamos, senón pola nosa capacidade para poñelo ao servizo dos que teñen menos ca nós. O crer e o facer únense para mostrarse no servir.
·         Dar e compartir: O servizo é tamén momento e expresión de loanza a Deus. Por iso a grandeza do dar non está no moito ou pouco que se dea, senón na superación da tentación que nos pide sempre gardar para nós. Poñer ao servizo de quen precise o noso, sen ter que marcar moito o xesto nin buscar que os demais descubran o bos e xenerosos que somos, é o que fai do compartir unha verdadeira acción que mostra como Deus, o Deus de Xesús, vai obrando, ata deixar a súa pegada no noso corazón.
·         Ofrecer e recibir: E quen é desprendido ata poñer todo ao servizo do repartir e compartir –que é senón a Eucaristía de cada domingo; que é senón o xesto de Xesús na Ultima Cea?- vai vivindo a súa vida coma unha permanente experiencia de ofrecemento e entrega de felicidade e gratitude para os demais, polo moito máis recibido a cambio, non para un mesmo. A viúva do Evanxeo non deu o que lle sobraba -tampouco tiña moito de sobra-, senón que deu o que tiña, o que a converte en grande e merecedora de ser acollida na tenrura misericordiosa do Deus que sempre actúa por amor. E nós, de que lado nos poñemos?

FRATERNIDADE ORANTE
Na xenerosidade á que sempre, pero hoxe especialmente, nos invita o Deus de Xesús, compartamos a oración con confianza e dicindo xuntos:
QUE A NOSA TAREFA SEXA POÑER SORRISO NOS CORAZÓNS ENTRISTECIDOS
·         Que cantos formamos a Igrexa  non esquezamos nunca que somos o rostro, as mans e o corazón de Cristo no medio do mundo, OREMOS.
QUE A NOSA TAREFA SEXA POÑER SORRISO NOS CORAZÓNS ENTRISTECIDOS
·         Que cantos formamos a Igrexa  teñamos sempre presente que a xenerosidade ha rebordar na nosa vida, especialmente cando nos achegamos a quen está enfermo, triste, desacougado ou só, OREMOS.
QUE A NOSA TAREFA SEXA POÑER SORRISO NOS CORAZÓNS ENTRISTECIDOS
·         Que cantos formamos a Igrexa  saibamos acompañar, desde a solidariedade real dos feitos, a construción dunhas familias, duns lugares de traballo, dunhas parroquias e dunha sociedade, que se asenten no respecto ás persoas e na esixencia de xustiza e dignidade para todos, OREMOS.
QUE A NOSA TAREFA SEXA POÑER SORRISO NOS CORAZÓNS ENTRISTECIDOS
Grazas, Señor, por invitarnos a compartir este momento de oración no que nos chamas a ter sempre presentes nela aos máis débiles e descartados da sociedade. P.X.N.S. Amén.


MIRADA DE ESPERANZA
Coma a viúva, Señor.
Brindaremos, mesmo coa copa que necesitemos.
Entregaremos con sinxeleza.
Fuxiremos da cantidade e coidaremos a calidade.

Coma a viúva, Señor.
Ofreceremos con humildade.
Procuraremos sen buscar enganos.
Deixaremos do noso para outros.

Coma a viúva, Señor.
Prestaremos o que outros non dan: o imprescindible.
Ofreceremos o que outros negan: o ser.
Deixaremos o que outros gardan: o corazón.

Coma a viúva, Señor.
Ofrecerémosche a nosa vida para que só Ti a xulgues.
Ofrecerémosche os nosos bens, porque sabemos que son teus.
Ofrecerémosche o noso sustento, porque sabemos que Ti o fas posible.
Poñemos a nosa vida nas túas mans.

Coma a viúva, Señor.
Camiñaremos sen arrogancia nin seguridade en nós mesmos.
Camiñaremos sen medo a atoparte.
Camiñaremos dispostos a facilitarche o que máis precises.

Coma a viúva, Señor.
Míranos e condúcenos.
Fainos desprendidos e sinxelos.
Dános a valentía de darche o que máis nos custe.
Inspíranos o xesto e a palabra oportuna.
E, se queres, Señor, arranca de nós mesmo aquilo
que, por comodidade ou egoísmo, buscamos e amarramos para poder vivir.
Amén.

 

Comentarios

Publicacións populares