Que o Señor afinque os vosos corazóns cando veña o Cristo - 1 Tes 3, 12 - 4, 2

Domingo 1 de Advento - ciclo C


Algún día 
(Esperanza no Advento)

Algún día será o noso día,
pobo meu, ti que dormes na enramada;
algún día será o noso día,
nacerá para nós cheo de alboradas.

Madrugar ha o sol das amencidas,
contentiño de ser por nós chamado
ao labor da xustiza estremecida,
ao festexo do amor, limpo, estrelado.

Xuntaranse os famentos de tenrura,
os sós, ortos, pisados e fundidos,
para todos haberá pan e lentura
nese día, pobo meu, soño cumprido.

E virá Deus no seu furgón de nubes,
cargado coa fontela onde bebemos
a forza que dá forza, a luz, o lume,
que impulsa o noso amor, que o fai inmenso.

Daquela, ai daquela!, si abriremos
as portas da ilusión aos catro ventos,
cubriremos de verdade o noso teito,
e no fogar da paz amenceremos. 



Comentarios

Publicacións populares