Ficha e Lectio: Domingo 1 de Advento C
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO I DE ADVENTO
(Ano C: 29 de novembro de
2015)
Damos
comezo hoxe, con este primeiro domingo de Advento, ó novo ano litúrxico, coa
vista posta xa na festa do Nadal que celebraremos antes dun mes. O tempo corre
e nós con el. E así chegamos ó Advento.
“Advento” significa vinda, chegada. Irémonos, pois,
preparando, neste e nos próximos domingos, para a lembranza comunitaria e
festiva da vinda, da chegada do Deus feito home onda nós. Un acontecemento que
marca misteriosamente a historia humana toda. Ano
tras ano, estamos así convidados, impulsados a “esperar”. A esperar sempre.
Unha esperanza que ten os seus alicerces nunha fe robusta. A fe nun Deus Pai
Todopoderoso –tal como dicimos no Credo- que se nos manifestou en Xesús para a
nosa liberación e felicidade.
Porque esta nosa esperanza renovada na manifestación
humana de Deus no Nadal é en realidade unha esperanza que está previamente
apoiada e fundamentada no feito mesmo de que Deus está xa desde sempre con nós,
onda nós.
O Deus do Advento non é polo tanto só un Deus futuro, un
Deus que virá. É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que
é, ó mesmo tempo, pasado, presente e futuro.
Pasado, porque des que o mundo é mundo e des que existe a
humanidade alí está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Nel
estamos todos desde sempre, tal e como nolo comenta o apóstolo Paulo cando nos
di: “Nel, é dicir, en Deus, vivimos, nos movemos e existimos”. Deus é desde
sempre polo tanto o facedor e sustentador de todo. Del procede e nel está desde
sempre a humanidade toda.
Pero é que ademais o acontecemento histórico do Deus que
se encarnou e que puxo, como se nos di no evanxeo de Xoán, “a súa tenda entre
nós” ocorreu hai xa máis de dous mil anos. Fíxose el dende aquela un de nós, un
coma nós. Desde entón e para sempre Deus veu onda nós e emparentou, por dicilo
así, con todos e cada un dos seres humanos e de maneira especial cos máis
humildes, necesitados e marxinados.
De xeito que neste sentido a Deus non o deberiamos
esperar coma se el non tivese estado xa antes onda nós. Mais este Deus que veu
xa onda nós, segue a vir, está vindo onda nós a cotío, en cada intre concreto
da nosa vida. Está sempre presente na nosa interioridade, na nosa propia
conciencia, mais tamén no noso exterior, nas persoas coas que un día e outro
nos atopamos sexa de maneira esperada ou imprevista. Lembremos aquel dito de
Xesús: “Eu estarei convosco ata a fin do mundo” . Ou aquel outro: “Onde dous ou
tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles”.
Por iso, cando a igrexa nos convida neste tempo de
Advento a esperar, faino sabendo que é o Deus que desde sempre está xa con nós
o que nos dá as forzas e a graza para podermos así ter azos para esperalo.
Esperar a súa constante e repetida chegada, porque a el nunca seremos capaces
de recibilo en toda a súa grandeza sobrehumana e absolutamente infinita.
Deus non é nunca algo así coma unha lección que se
aprende dunha vez no cole e sobre a que xa non precisariamos volver. Deus é
sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender
plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente infinitos, é
dicir, coma Deus. E isto é imposíbel.
Por
iso, para nós, Deus está sempre a chegar. As nosas alforxas deberían estar en
todo intre repletas de esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e
prezado galano, un inconcibíbel agasallo, que Deus mesmo nos dá para podermos
estar así en disposición de recibilo.
De maneira especial neste tempo de Advento deberiamos
repetir a invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía:
“Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!”.
Este desexo e petición de que Xesús veña a todos e cada
un de nós, a toda a humanidade e de maneira especial ós máis necesitados da súa
axuda e do seu consolo é o lema que debería presidir todo o tempo de Advento
que hoxe comezamos.
Un desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se
converta en pensamento ardente e concreta vida práctica en todos. Porque a súa
vinda onda nós no Nadal, participando así en todo da nosa humanidade, é un
acontecemento que, por ben sabido e aceptado que sexa, non deixará nunca de nos
sorprender por pouco que nel pensemos. Por iso toda preparación vén sendo
cativa, todo “advento” queda curto, en
relación cun acontecemento tan inimaxinábel e incríbel.
Por outra parte, a liturxia deste Domingo I de Advento relaciona
axeitadamente a próxima vinda de Xesús no Nadal coa súa vinda ó final dos
tempos e da historia. Concretamente, ó se referir Xesús, segundo nos conta
Lucas, a esta derradeira vinda súa dísenos alí que é entón cando deberiamos
poñernos de pé e erguer ben a cabeza “porque chega o día da nosa liberación”.
Mais esta liberación empeza xa na festa do próximo Nadal,
á que desde hoxe nos iremos preparando. Tódalas vindas de Xesús son
liberadoras, porque todas nos traen sempre boas noticias, boas novas. Todo o
Evanxeo é “boa nova”. Por que? Porque nos ofrece futuro, un futuro aberto e
esperanzado. Non podería un recibir noticia peor cá que lle anunciase a un que
“non ten futuro”, que non hai nada que facer nin que esperar... No evanxeo de
Xesús non hai nada que se poida parecer a este tipo de desalentadoras noticias.
Deámoslle, pois, hoxe grazas a este Deus que vén, que
está sempre a vir. Porque nos ofrece futuro, porque nos dá esperanza.
Por iso quero engadir aínda que a mellor maneira de
practicar este espírito de agradecida “esperanza”, típico do Advento, é
xustamente levar á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará e nos porá
diante dos ollos. É dicir: o exercicio consciente e constante dunha irmandade
verdadeira e real entre todos en canto irmáns que somos dese Xesús que no Nadal
se vai converter para sempre en irmán noso.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Hoxe comezamos, Pai, a espera
do Advento. Esperamos o teu fillo Xesús e con el esperámoste a Ti, Pai, para
podermos crear así espazos de alegría e esperanza para todos. Dirixímosche,
pois, Pai noso, a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Dános, Pai, ti que desde sempre
estás xa con nós, entendemento e corazón para desexar e esperar neste tempo de
Advento o teu fillo Xesús, salvador e liberador noso.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a
preparármonos para a chegada de Xesús no Nadal practicando entre nós a fraternidade
que el nos anunciará.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que coa túa graza
e coas boas obras levemos todos unha vida digna e xusta para recibirmos con
alegría a Xesús ó final dos tempos na súa derradeira vinda onda nós.
TODOS:
ESCÓITANOS, PAI.
PEDÍMOSCHO, PAI, POR XESÚS
CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario