DOMINGO 34 B - CRISTO, REI DO UNIVERSO
SOLEMNIDADE DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO,
REI DO UNIVERSO
34º TO - CICLO B
Primeira Lectura Dn 7, 13-14
LECTURA DO LIBRO DE DANIEL
O seu poder é eterno
Proseguín ollando as
visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a
un fillo de home, que se dirixiu cara ao ancián e se presentou diante del.
Foille outorgado
poder, maxestade e imperio, e servírono todos os pobos, nacións e linguas.
O seu poder é un poder
eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais será destruído.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 92,
1ab. 1c-2. 5
R/. (1a): O Señor reina vestido de maxestade.
O Señor reina, vestido de maxestade;
o Señor está vestido e cinguido de poder.
O mundo está firme e non abalará.
Consolidado está o teu asento desde sempre,
ti es desde a eternidade.
A revelación do Señor é verdadeira,
a santidade é o ornato da túa casa,
polos séculos, Señor.
Segunda Lectura Ap 1, 5-8
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN
O soberano dos reis da terra constituíunos en reino, sacerdotes para o
noso Deus
Xesús Cristo é a
testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da
terra.
A aquel que nos ama,
que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue e que nos converteu nun reino,
en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a el a gloria e mais o poder polos séculos
dos séculos. Amén.
Velaquí vén nas nubes,
e todo ollo o verá,
mesmo aqueles que o traspasaron:
por el baterán no peito todas as razas da terra.
Certo. Amén.
Eu son o Alfa e o
Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o
sostén.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.
Evanxeo Xn 18, 33b-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Ti dis que eu son rei
Naquel tempo, díxolle
Pilato a Xesús:
‑ Es ti o Rei dos
Xudeus?
Xesús respondeu:
‑ Dilo ti pola túa
conta ou dixéroncho outros de min?
Pilato replicou:
‑ E logo son eu xudeu?
A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
Xesús contestoulle:
‑ O meu reino non é
deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén
me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
Díxolle entón Pilato:
‑ Logo ti es Rei?
Xesús respondeu:
‑ Tal como o estás
dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño
da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
El é o centro do vivir e do obrar; márcanos un
estilo de vida distinto, capaz de mover corazóns e arriscar vidas. O seu
reinado é para as persoas, non para o poder nin o prestixio – 34º TOB - Cristo Rei – 2015
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
POWER POINTS
CANTO GOZOSO
ESCOITA ACTIVA
Chegamos
ao final do Ano Litúrxico. Comezámolo o primeiro domingo de Advento e
paseniñamente fomos percorrendo o camiño que nos ía mostrando a Palabra de Deus
nas diferentes celebracións ao longo de todo este tempo. Ben seguro que nun
período tan longo tivemos días bos, nos que estabamos ledos e felices; seguro
que tamén foron aparecendo días tristeiros e cheos de preocupación. Pero
sempre, en tódalas situacións e circunstancias, a Palabra proclamada quixo ser
alento, forza e compaña; unha compaña que tamén experimentamos ao reunirnos en
comunidade, xuntos. Sabendo que non estabamos sós nin illados, que intentabamos
que fose o noso un mesmo sentir na solidariedade co veciño que non o estaba
pasando ben ou na gratitude de quen sentía a ledicia de que as cousas camiñaban
con esperanza e ilusión. Foron logo moitas celebracións nas que fomos capaces
de sentir que non estabamos sós; e nas que tamén puxemos a nosa convicción para
facer da oración experiencia de acción de grazas e confianza. Por iso, esta
mañá na que chegamos ao remate celebrando a festa de Cristo Rei, queremos
compartir que o Deus que en Xesús se mostrou como irmán e compañeiro deste
camiño percorrido, segue a invitarnos a non desfalecer na fermosa tarefa de
facer do mundo reinado de paz, xustiza, amor e solidariedade. Sexamos nós os
primeiros en experimentalo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·
Para que
saibamos recoñecer que necesitamos ser perdoados, SEÑOR, QUE NON POÑAMOS TRISTURA NOS CORAZÓNS DOS IRMÁNS.
·
Para que
saibamos expresar sen vergoña que necesitamos cambiar os comportamentos que nos
fan insolidarios e egoístas, CRISTO, QUE NON POÑAMOS TRISTURA NOS
CORAZÓNS DOS IRMÁNS.
·
Para que
saibamos mostrar que estamos dispostos a cambiar e superar as accións que nos
converten en persoas pouco xenerosas e alleas á dor dos demais, SEÑOR, QUE NON POÑAMOS TRISTURA NOS CORAZÓNS DOS IRMÁNS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
O profeta
Daniel fálanos na primeira lectura de como foi capaz de experimentar a
experiencia de Deus na súa vida. Vainos contando como a súa relación con Deus
ía crecendo a medida que descubría a necesidade de facer da súa vida resposta á
confianza que Deus fora poñendo nel; aquel “fillo do home”, que no seu tempo
viña ser coma un titulo para referirse a alguén que tiña como misión facer
presente que o plan de Deus era posible ilo facendo realidade cotián na medida
na que somos capaces de responder á realización dun proxecto de vida no que o
que prevaleza sexa non o contrapunto da humanización (a manipulación, o abuso,
o engano, as medias verdades, que moitas veces son peores cas mentiras, a
explotación, o fraude... todo iso que vemos que vai facendo que uns, os poderosos,
sexan os que impoñan, dominen e sometan aos demais), senón a lóxica do don, na
que quere camiñar o profeta Daniel. El fala dun reinado de servizo, que non
pasa. Nesa clave é a na que se sitúa o “fillo de home”, quen acabará trocando a
destrución en acollida e o enfrontamento en encontro. As claves nas que fala o
profeta valen logo tamén para nós hoxe, porque do mesmo xeito que lle ocorría a
el, tamén nós estamos chamados a facer do noso día a día non reinado do
efémero, do que ilusiona momentaneamente pero non dá a continuidade que
transforma esa ilusión en felicidade; senón reinado de permanencia, no que se
aposta por poñer verdade onde hai engano, e xustiza onde hai corrupción.
E ese
“fillo de home”, do que falaba Daniel adquire en Cristo perfil de concreción e
realidade como escoitabamos na lectura do libro da Apocalipse. El é testemuña
de que o reinado de Deus non camiña por vieiros de poder e dominio, senón por
corredoiras –moitas veces menos doadas de pasar por elas, a diferenza dos
camiños- de acompañamento, denuncia de enganos e utilización das persoas; e
busca de todo o que supoña poñer á persoa, imaxe e semellanza sempre Del, no
centro das decisións que imos tomando cada día. O seu poder non é ao uso do
poder que nós tantas veces desexamos, e como imos vendo, non deixa de ser un
poder efémero que vai deixando rastro de desilusión e desencanto, cada vez
máis, en tantas persoas. O seu poder é diferente xa que se converte en
capacidade para estar sempre dispoñibles para botar a man e poñer o corazón,
sempre acolledor e solidario ante as necesidades dos outros. É un poder que
propicia a empatía e o encontro, non a confrontación cos demais. Porque só
deste xeito seremos capaces de poñerlle rostro real ao que se esconde detrás da
expresión Reinado de Deus. Por iso é o principio e a fin. Nel todo se explica e
entende doutro xeito.
E se El
nos abre este camiño para que o sigamos, cantos tentamos ilo desenvolvelo
contaremos sempre non co seu silencio, senón coa súa bendición. Unha bendición
que nos pide actuar con liberdade e sen sometemento; unha bendición que nos
chama a ser persoas activas que colaboran, e non negan o seu tempo, en tódalas
accións que van facendo posible que o mundo poida ser cada día un chisco
mellor; que poñen a súa creatividade ao servizo do que supón que poida haber
menos inxustiza e máis igualdade entre nós; que se toman en serio o que
acabamos de escoitar no Evanxeo por boca de Xesús, pois coma El, deberamos
estar sempre dispostos a ser testemuñas da verdade. Non da nosa verdade que nos
pecha e non fai posible que descubramos que a complexidade do mundo só poderá
cambiar se cada un, desde a tarefa e empeño que vai realizando o mellor posible
e sen regatear medios nin forzas alí onde está, pon o mellor de si para facer
as cousas. O testemuño de verdade ao que nos chama o reinado de Deus temos que
ilo dando facendo ben as cousas de cada día, saíndo ao encontro de quen por
moito que levanta a voz non é escoitado; no tempo dedicado a educar co noso
testemuño e a nosa perseveranza aos máis novos, nenos e mozos, sen renunciar –é
o máis doado e a primeira tentación que nos vén á mente- a dedicarlles tempo e
a axudalos a descubrir que non todo é igual nin dá o mesmo; que non todo vale,
que unhas situacións son mellores e máis importantes ca outras; e que a
felicidade non pode ser tan efémera que se esvaeza no momento, senón que esixe
esforzo, renuncia e sacrificio; pero que todo iso paga a pena cando se acadan
os obxectivos que un se marcou. Porque a preguiza nos fai felices para o
momento, pero infelices para a vida. E o reinado de Deus, neste reino no que El
é o Rei, ofrécenos un plan e un camiño, moitas veces difícil e no que temos que
elixir, e elixir ben, pero que paga a pena dicirlle que si e sumarse a el.
Porque no remate, na nosa “tardiña baixa da vida”, sabemos, e así o cremos e
rezamos, que nos atoparemos con El. E aí, nese momento, o seu reinado terá
chegado a plenitude. Todo o demais é ir abrindo e pechando ciclos que nos van
axudando a prepararnos para ese momento.
FRATERNIDADE ORANTE
Neste
momento da celebración rezamos xuntos e poñemos ao abeiro de Deus as nosas
preocupacións e proxectos, e cuxo reinado temos que ir construíndo na paz e na
participación, dicimos:
VEÑA O
TEU REINO, SEÑOR
·
Pola
Igrexa, para que non caia na tentación do efémero: cartos, poder, control das
conciencias, engano ou abuso dos máis débiles, e opte por ser unha Igrexa
comprometida coa xustiza e a igualdade que fan felices ás persoas, OREMOS.
VEÑA O
TEU REINO, SEÑOR
·
Polas
nosas comunidades, para que non vivamos nin da rutina nin do pasado, senón do
realismo do presente que nos descobre poucos e maiores; pero non por iso
incapacitados/as para dar razón e ser construtores do reinado de Deus co bo
facer nas nosas parroquias, OREMOS.
VEÑA O
TEU REINO, SEÑOR
·
Polas
vidas da tantas persoas que esperan de nós unha palabra de alento, un tempo
compartido, unha axuda anónima material pero necesaria; que non sexamos nunca
quen de negárllelas, OREMOS.
VEÑA O
TEU REINO, SEÑOR
·
O
vindeiro mércores celebramos o día contra a violencia de xénero, por iso hoxe
queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial a todas aquelas
mulleres asustadas, reprimidas, esquecidas, abatidas, maltratadas física e
psicoloxicamente; para que entendamos que o Reino esixe igualdade, xustiza e fraternidade,
OREMOS.
VEÑA O
TEU REINO, SEÑOR
Ao teu
dispor poñemos a nosa vida: no rezar, pensar e actuar, para que as sementes do
teu Reino dean o mellor dos froitos a través das nosas xustas, solidarias e
boas obras. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Deus omnipotente,
que estás presente en todo o universo e na máis pequena das criaturas,
Ti, que rodeas coa túa tenrura todo canto existe,
derrama en nós a forza do teu amor para que coidemos a vida e a beleza.
Rebórdanos de paz, para que vivamos coma irmáns e irmás
sen facerlle dano a ninguén.
Deus dos pobres,
axúdanos a rescatar aos abandonados e esquecidos desta terra,
que tanto valen aos teus ollos.
Sanda as nosas vidas, para que sexamos protectores do mundo,
e non predadores;
para que sementemos fermosura, e non contaminación e destrución.
Toca os corazóns dos que buscan só beneficios
a costa dos pobres e da terra.
Ensínanos a descubrir o valor da cada cousa,
a contemplar admirados,
a recoñecer que estamos profundamente unidos con todas as criaturas
no noso camiño cara a túa luz infinita.
Grazas porque estás con nós todos os días.
Aléntanos, por favor, na nosa loita
pola xustiza, o amor e a paz.
Amén
que estás presente en todo o universo e na máis pequena das criaturas,
Ti, que rodeas coa túa tenrura todo canto existe,
derrama en nós a forza do teu amor para que coidemos a vida e a beleza.
Rebórdanos de paz, para que vivamos coma irmáns e irmás
sen facerlle dano a ninguén.
Deus dos pobres,
axúdanos a rescatar aos abandonados e esquecidos desta terra,
que tanto valen aos teus ollos.
Sanda as nosas vidas, para que sexamos protectores do mundo,
e non predadores;
para que sementemos fermosura, e non contaminación e destrución.
Toca os corazóns dos que buscan só beneficios
a costa dos pobres e da terra.
Ensínanos a descubrir o valor da cada cousa,
a contemplar admirados,
a recoñecer que estamos profundamente unidos con todas as criaturas
no noso camiño cara a túa luz infinita.
Grazas porque estás con nós todos os días.
Aléntanos, por favor, na nosa loita
pola xustiza, o amor e a paz.
Amén
(Francisco, Oración pola
nosa terra. Laudato si)
Comentarios
Publicar un comentario