Ficha e Lectio: Cristo, Rei do Universo
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
XESÚS CRISTO REI DO UNIVERSO
(Ano B: 22. XI. 2015)
Con este domingo estamos a
rematar o ano litúrxico, antes de que comece unha nova etapa co tempo de
Advento. De estar, pois, dando voltas ata agora no ciclo do chamado “tempo
ordinario”, no domingo que vén entraremos xa na nova órbita da festa do Nadal:
un novo sol que nos irá quentando pouco a pouco o espírito ata o 25 de
decembro.
E remata o ano litúrxico cunha
festa englobante, universalizadora: Xesús, Rei do universo. É dicir: rei de
toda a creación, desde a máis humilde partícula da materia ata os cumios máis
altos de soles e galaxias, sen deixar –claro está- de lado esta nosa
humanidade, pasada, presente e vindeira, da que quixo formar parte Xesús, o fillo
de Deus e Rei noso e de todo canto existe.
En momentos cruciais da súa
vida Xesús afirmará a súa realeza, por exemplo no evanxeo de hoxe ante Pilato
que lle pregunta sobre ela. “Eu son Rei. Para isto nacín e para isto vin ó
mundo, para dar testemuño da verdade”. Incluso o título de “rei” figurará ben
alto na cruz onde foi crucificado Xesús: Xesús
Nazareno, rei dos xudeus. Un título que os xudeus lle negaban, pero que se
converterá coa súa morte e resurrección en título universal: Xesús rei, non só polo
tanto dos xudeus, senón de toda a humanidade, de todo o universo.
Mais, como ben sabemos, a
realeza de Xesús é moi distinta das realezas humanas. Por iso non lle compracía
que, aínda séndoo en realidade, o considerasen rei ou o tratasen como tal,
fuxindo de calquera pretensión humana, ordinaria e popular, de o proclamaren
rei.
Xesús anuncia, en cambio, unha
mensaxe da fraternidade universal, alicerzada non no poder (tal como adoitan
facer os reis da terra), senón no servizo. Lembraredes ben aquelas programáticas
palabras súas que tan directamente se opoñen á normal comprensión do status dos
reis: “Sabedes que os que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles
impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre vós. Ó contrario, entre vós o
que queira facerse grande ha ser servidor voso, e o que queira ser primeiro ha
ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan,
senón para servir e para dar a súa vida en rescate por todos”.
Por iso, dado o aparente
fracaso da súa misión, clarificará el unha vez máis o sentido do seu reino nas
horas previas á súa crucifixión ignominiosa deste modo: “O meu reino non é
deste mundo. Se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén
me entregase ós xudeus. Pero o meu reino non é de aquí”.
Por iso tamén o Prefacio da
eucaristía de hoxe descríbenos o reino de Xesús con estas características:
“reino de verdade e de vida, reino de santidade e de graza, reino de xustiza,
de amor e de paz”. Dito doutra maneira, de modo negativo, para que as palabras
anteriores non nos esvaren na mente de tanto telas oído: reino que rexeita a
mentira e a morte, o pecado e a fachenda, a inxustiza, o odio e a guerra.
Xesús foi así rei amigo da
vida, rei santo, rei amoroso e pacífico desde o berce do Nadal ata a cruz do
venres santo. Os reis magos preguntaban xa en Xerusalén polo “rei dos xudeus”
que acababa de nacer. Deste xeito, este título acompañarao desde o nacemento
ata a morte. Un rei, polo tanto, distinto, que nace como pobre entre os pobres
e morre flanqueado por dous pobres axustizados. E, malia todo isto, continúa a
ser verdadeiro rei, tal como o souberon representar artisticamente certas
imaxes románicas de Cristo crucificado coa coroa rexia sobre a súa cabeza.
A maioría dos reis actuais non
dispoñen xa do seu antigo poder. De aquí vén aquel dito de que “o rei reina, mais
non goberna”. En cambio, de Xesús si podemos dicir non só que é rei e que
“reina”, senón que tamén “goberna”, aínda que de xeito moi distinto, claro
está, ó dos gobernantes deste mundo. Pola forza do seu Espírito, o Espírito
Santo que nos mandou en Pentecoste, el é, si, “distinto” dos demais reis, mais
non “distante”. Porque el habita no máis íntimo de nós mesmos, axudándonos,
fortalecéndonos, consolándonos, amándonos. Isto si que é verdadeiro, fondo e
íntimo “goberno”, un goberno baseado non no poder, senón na suavidade do amor e
do interno convencemento e comprensión.
Neste
sentido, cando Xesús lle responde a Pilato que si, que el é verdadeiro “rei” e
que veu ó mundo para “dar testemuño da verdade”, engade a isto unha frase que a
min sempre me chamou moito a atención: “todo o que está aberto á verdade,
escoita a miña voz”. Decatádevos, polo tanto, de que o que se precisa non é
estar na posesión da verdade, porque a verdade total, absoluta, definitiva, non
nos cabe a ninguén na nosa pequena cabeciña. Esa verdade supéranos
absolutamente a todos e cada un de nós. Ninguén pode dicir de verdade que el é
“a verdade”. Só Xesús o puido dicir de si mesmo: “Eu son o camiño, A VERDADE e
a vida”. O que se nos pide é só que esteamos “abertos” á verdade. Porque estar
“abertos” á verdade significa para Xesús que estamos xa escoitando a súa voz.
Unha voz que non se expresa a berros nin de maneira impositiva (á maneira dos
reis tradicionais deste mundo), senón na paz e no silencio.
De
maneira semellante a aquel marabilloso encontro de Elías na montaña con Deus.
Isaías aprendeu alí a non ver a Deus en relación co “rexo furacán”, co “tremor
da terra” ou co “gran lume”. Nestes fenómenos –dísenos no texto do Antigo
Testamento- ”non estaba o Señor”. Si estaba, en troques, o Señor no silencio
que fala, ou –como se di alí no mesmo texto- no “murmurio dunha airexadiña
suave”. Como esa suave brisa que pode virnos do mar despois do solpor dun bo día
de verán.
Este, e non outro, é o estilo,
a marca, da realeza do noso Rei do Universo.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Dirixámoslle as
nosas oracións a Deus, o noso Pai, para que o seu Reino estea cada vez máis
presente no noso mundo, pregándolle:
VEÑA O TEU REINO. TODOS: VEÑA O TEU REINO.
-Pola nosa Igrexa.
Para que dea sempre testemuño de esperanza, de espírito de concordia, de
servizo ós pobres.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Polos
gobernantes de todo o mundo. Para que camiñen polos vieiros da xustiza, da
solidariedade e do ben común das persoas.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Polos máis
necesitados, polos que pasan fame, polos forasteiros, polos enfermos, polos
presos. Para que poidan experimentar o amor do reino de Deus a través das nosas
boas obras.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Por todos nós.
Para que a Eucaristía que estamos a celebrar nos axude a vivirmos a cotío máis
unidos a Xesús Cristo e ós nosos próximos para formarmos así entre todos o
verdadeiro reino de Deus.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
Pedímoscho a ti,
Pai noso, por medio de Xesús Cristo, Rei do Universo. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario