Ficha e Lectio - Domingo 32 Ordinario B
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO XXXII T. O.
(Ano B: 8. XI. 15)
No noso acostumado encontro semanal con Deus Pai, con Xesús e cos nosos irmáns e irmás aquí presentes son hoxe protagonistas e animadoras da nosa fe dúas mulleres. Trátase concretamente, trasladándonos imaxinariamente a tempos antigos, de dúas persoas que polo feito de seren mulleres están socialmente marxinadas, mais que aparte disto ó seren viúvas levan unha existencia pobre e desprotexida ó careceren do apoio afectivo e económico dunha familia normal.
Pois ben, se nalgún momento dixo Xesús que “se non vos facedes coma nenos, non entraredes no reino dos ceos”, algo así nos podería dicir el hoxe tamén: se non vos comportades como estas dúas mulleres, non entraredes no reino dos ceos. É dicir, non participaredes da felicidade que leva consigo ser xenerosos e saber confiar esperanzadamente na bondade de Deus.
Porque estas veñen ser as mensaxes que nos chegan este domingo ó recuncho das nosas conciencias. De maneira coherente, a liturxia ponnos en relación a mensaxe da viúva pobre e xenerosa do evanxeo coa viúva do Antigo Testamento coa que se atopa o profeta Elías. A viúva de Sarepta ía apañar uns guizos para acender o lume, facer un panciño para ela e mais para o seu fillo e despois morrer, pois non tiñan máis reservas para poderen seguir vivindo. Mais a confianza en Deus, suscitada polo profeta, fai que se faga o milagre da xenerosidade de Deus con eles da mesma maneira que eles, nai e fillo, foron tamén xenerosos pola súa parte co profeta.
En canto ó Evanxeo, o contraste no interior da escena non pode ser meirande. Por unha banda a grandeza, magnificencia e riqueza do templo de Xerusalén, no que os letrados e xefes relixiosos se deixan ver con fachenda e autocompracencia, e por outra esa pobre mulleriña viúva que o pouco que ten para poder seguir vivindo o entrega ó Deus que se fai presente simbolicamente nese solemne lugar, o templo de Xerusalén. Dicir que esta muller botou no peto do tesouro do templo todo o que precisaba para vivir quere dicir que ela entregou a súa vida enteira ó servizo de Deus. Ela non se reservou nada da súa vida para si mesma. É o sinal da suprema e máxima xenerosidade.
Se relacionamos este xesto co que comentabamos no anterior domingo sobre que para Xesús os verdadeiros “templos”, é dicir, os lugares nos que Deus se encontra a gusto, non son precisamente os construídos con pedra, mármore ou ladrillos, senón as “persoas” concretas que no seu modo de comportárense se parecen a Xesús, entón -digo- comprenderemos por que Xesús se fixa tanto nesta mulleriña, nesta “viúva pobriña” (tal como nola describe Marcos).
A Xesús o templo, admirado polas multitudes que a el acoden, non lle suscita atención especial. O que si admira Xesús é esta muller, cara á cal ninguén ollaría, por ir seguramente pobremente vestida e con sinais claras na súa face de estar deficientemente alimentada. Vería quizais Xesús nesa muller dalgún modo a súa propia nai, que sen dúbida sería tamén pobre? Esa muller, María, que polo contrario os artistas, populares ou non, acostuman a imaxinar, pintar ou esculpir con preciosos vestidos, adornados incluso nalgunhas das nosas romarías con billetes limpos e novos de vinte ou máis euros.
A Xesús, o fillo de Deus vivo, váiselle en cambio o corazón, sen podelo remediar, cara a este tipo de persoas. Os pobres e marxinados, os de abaixo son os seus, os seus preferidos. E a propósito disto. Nos anos sesenta do século pasado houbo moita discusión aquí en Galicia sobre o tema da introdución da nosa lingua galega na liturxia, nas misas e demais. Tratábase da lingua do pobo, da xente normal e corrente, sobre todo da lingua dos máis pobres e sinxelos. O Concilio Vaticano II aprobara o uso destas linguas, aínda que non fosen aínda oficiais. O caso é que, á diferenza do que ocorreu entón coa introdución do euskera ou do catalán, co galego houbo moitos problemas e tívose que esperar ata comezos do ano 1969 para podermos falar publicamente con Deus en galego no interior das nosas igrexas, porque algúns pensaban que o galego non era unha lingua suficientemente digna para ser utilizada no interior dunha igrexa. Pois ben, por algún lado anda escrito, entre a documentación desta polémica, que unha alta dignidade eclesiástica argumentara naquel entón, para apoiar a súa postura contraria ó uso do galego na liturxia, deste xeito (naturalmente en castelán): “Yo no me presentaría ante Dios en alpargatas”.
Non podemos saber desde logo se a mulleriña loada por Xesús calzaba ou non alpargatas. Do que si en cambio podemos estar bastante seguros é de que ela era ben pobre e que polo tanto, igual ca Xesús, falaría en arameo, a lingua normal do pobo, e non en hebreo ou moito menos no latín dos invasores romanos.
Por outra parte, sabemos que Xesús dixera sobre si mesmo que quen o ve a el ve o Pai, é dicir, a Deus, e que polo tanto que el é o retrato fiel e auténtico de Deus. Pois ben, ¿podemos imaxinarnos que Xesús (que vivía entre os pobres) vestise ou calzase de maneira distinta ca eles? De modo que, ó revés do dito ese de que “yo no me presentaría ante Dios en alpargatas”, teriamos máis ben que dicir e desexar que oxalá tivésemos a sorte de podérmonos presentar algún día perante Deus Pai dunha maneira que lle recordase a el o seu fillo Xesús ou aquela mulleriña do evanxeo de hoxe.
Os que traballan cos pobres, para acompañalos e dignificalos a moi distintos niveis, falan con frecuencia do moito que aprenden e reciben deles: da súa xenerosidade e do seu desprendemento. De cando en vez oímos ou lemos tamén que algunha importante persoa (pola súa riqueza ou polos seus negocios) ten doado a algunha institución benéfica ou caritativa unha considerábel suma de diñeiro. Está moi ben, pero, a teor do que se nos di no evanxeo, podemos estar ben seguros de que aquela mulleriña pobre que chegou cansadiña ó templo deixou no peto do tesouro de templo máis ca esa persoa rica, porque coas poucas moedas que dispuña para poder seguir vivindo deixou ela alí, no peto do templo, o seu corazón, a súa persoa enteira.
Boa e importante tarefa a que temos por diante os cristiáns se queremos asemellármonos a esa pobre, santa e xenerosa muller!
CREDO
PRECES
Dirixímosche a Ti, Pai noso, a nosa pregaria, a Ti, que te manifestaches tal como es no teu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Concédenos, Pai, o espírito de pobreza e xenerosidade das viúvas de Sarepta e do templo de Xerusalén.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a sabermos achegarnos ós máis necesitados para lles ofrecer así o teu amor e a túa preferencia por eles.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Suscita, Pai, no mundo enteiro persoas e grupos que se preocupen polas necesidades dos máis marxinados da sociedade.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho de corazón por medio do teu Fillo Xesús, que vive e reina contigo por sempre eternamente: AMÉN.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario