24 jun. 2015

S.Xoán - 24 de xuño


PRIMEIRA Is 49, 1-6
 Fareite luz das xentes
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 49 1Escoitádeme, pobos da costa, facédeme caso nacións afastadas.
 O Señor chamoume desde o seo, desde as entrañas da miña nai repetiu o meu nome.

 2Puxo na miña boca coma unha espada afiada, escondeume na sombra da súa man,
converteume en frecha escolleita, gardoume na súa alxaba,
 3e díxome: "Ti e-lo meu servo, Israel, de ti virame a sona".
 4Pero eu dicía: "Cansei en balde, consumín a miña forza para nada,
 pero a miña sentencia está onda o Señor, e a miña recompensa onda o meu Deus.
 5cSerei glorificado coa presencia do Señor, e o meu Deus será a miña forza.

 5"Pois agora -fala o Señor que desde o seo da nai me formou para se-lo seu servo,
 para facer voltar onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El-,
6é moi fácil para ti se-lo meu servo,
 restablecendo as tribos de Xacob e facendo voltar ós protexidos de Israel,
pois convértote en luz das nacións,
e sera-la miña salvación ata o confín da terra".



SAL. RESP. 138, 1-3. 13-14ab. 14c-15
R/ (14a) Lóuvote, Señor, polo prodixio que hai en min

Señor, ti escúlcasme a fondo e coñécesme ben,
2ti sabes cando sento e me levanto,
penetras nos meus pensamentos desde lonxe.
 
3Ti distingues cando me movo e cando estou quedo
e os meus camiños sonche todos familiares.

13Ti formáche-las miñas entrañas
tecíchesme no seo da miña nai.
14Lóuvote polo prodixio que hai en min:
as túas obras son marabillosas.

Ti coñeces a fondo o meu espírito;
15non che estaba oculta a miña esencia,
cando no segredo era formado
tecido no fondo da terra.



SEGUNDA Feit 13, 22-26
 Predicaba Xoán antes da vinda do Señor
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Di Paulo:
22despois que o refugou, o Señor deulles por rei a David de quen testemuñou dicindo:
''Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme o meu corazón, que fará en todo a miña vontade. 23Da súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús. 24Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión, 25e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: ''non son eu quen vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desatarlle o calzado dos pés''.

26Irmáns, descendentes de Abraham e os que seguides ó noso Deus: é a nós a quen se nos manda esta mensaxe de salvación.



ALELUIA Cf Lc 1, 76
 E ti, meu meniño, serás chamado profeta
 do Altísimo:
 irás por diante do Señor preparando
 os seus camiños


EVANXEO Lc 1, 57-66. 80
 Xoán é o seu nome
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

57Cando se lle cumpriron os meses a Isabel, deu á luz un fillo. 58En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. 59Os oito días levárono a cincuncidar e queríanlle poñer Zacarías, coma seu pai. 60Pero interveu a nai dicindo:
-¡Non, chamarase Xoán!

61Eles replicaron:
 -¡Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!

 62Preguntáronlle por señas ó pai, como quería que se chamase. 63El pediu con que escribir e puxo:
-Xoán é o nome do meniño.

Todos ficaron sorprendidos. 64E de súpeto ceibóuselle a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. 65Os veciños quedaron todos abraiados, e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa. 66Tódolos que o oían, dicían moi impresionados: "¿Que vai ser deste neno?". Porque a man de Deus estaba con el.

 80O meniño medraba, facéndose forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.







No hay comentarios:

Publicar un comentario