29 jun. 2015

LAUDATO SI - Orientación para a lectura

So  unha invitación para unha lectura máis repousada

                O xoves 18, o Papa Francisco ben de agasallarnos con un texto, a súa segunda carta encíclica, “ Laudato si” – Loado sexas - .Texto que foi asinado por el no día de Pentecostes, o 24 de maio en Roma, e no que nos invita a poñe-los pés no chan sen deixar de mirar ao ceo. Si, porque chama a nosa atención para que botemos unha mirada á casa na que tod@s, os sete mil millóns longos de habitantes, vivimos: o mundo. Non é un texto que aborde só o tema do medio ambiente, senón que vai máis ao fondo. Pon diante dos nosos ollos a reflexión global, sen fixarse só nun aspecto, sobre a ecoloxía humana en todas e cada unha das súas dimensións. E faino así porque os problemas do mundo non se reducen nin se circunscriben, inda que tamén, ás cuestións referentes á contaminación por parte das grandes empresas; non, os problemas do mundo aféctannos a tod@s e desde perspectivas diversas. E no centro de tódolos enfoques o Papa chama a atención que non podemos poñer a ninguén máis ca persoa. Nin a tecnoloxía, nin as ganancias, nin a clase política, nin tampouco a ideoloxía economicista e liberal. Non, o centro de todo canto supón reflexionar e actuar desde un compromiso ecolóxico está no respecto e na dignidade da persoa. Unha persoa que non ha de verse desde o, pensamos nós, o observatorio privilexiado do primeiro mundo, senón que máis alá de occidente e do mundo rico, o norte, hai persoas, seres humanos, homes e mulleres que sofren e vense incapacitad@s, pola acción predadora de quen pon o interese e o resultado, a curto prazo e buscando só a eficacia, por riba dos seres humanos, “Creados a imaxe e semellanza de Deus” – fundamento da antropoloxía cristián -.

                A partires desta afirmación cerne, o texto vaise artellando nunha introdución e seis capítulos cos que se nos quere mostrar que nos atopamos diante do gran problema que hoxe pon en risco a vida e a felicidade do ser humano. Faino sen caer no vitimismo apocalíptico, senón desde unha proposta profética e alentadora. Porque posuír,  acaparar,  destruír,  dominar, tan ao uso nos modos e maneiras desde os que se abordan as solucións aos problemas hoxe en día, non só non conseguen que o mundo sexa mellor e máis san, senón que tampouco contribúe a deixarlle ás xeracións que veñen tras nós un mundo mellor do que nós o temos atopado.

                Buscando unha liña de continuidade e comuñón cos seus predecesores, os 16 primeiros números son un achegamento e unha lembranza dos textos que van de Xoan XXIII a Bieito XVI nos que se facía xa presente – non esquezamos que o texto da “Pacem in terris” de Xoan XXIII é do ano 1963 – como os Papas, desde o seu compromiso por ofrecer un maxisterio vivo e dinámico e que responda aos problemas do mundo – a Doutrina social da Igrexa (D.S.I)- chaman a atención sobre a urxencia e necesidade de tomar en serio o coidado da “casa común”, o mundo no que vivimos. Xunto aos textos dos Papas do último medio século, cita asemade ao Patriarca Ortodoxo Bartolomeu, para rematar coas palabras referidas a Francisco de Asís, de quen toma o nome cando foi elixido Bispo de Roma.  O número trece , que Francisco titula, “ o meu chamado “ mostra que nesta tarefa ninguén pode quedar nin sentirse á marxe; a vez que pon de manifesto que para tod@s, pero especialmente para os crentes, nada está perdido de antemán; hai esperanza, nada de derrotismo, e contra do que din os agoiros da negatividade, outro mundo é posible. Pero serao se verdadeiramente tomamos   conciencia de que,
“ O desafío urxente de protexer a nosa casa común inclúe a preocupación de unir a toda a familia humana na busca dun desenvolvemento sostible e integral, pois sabemos que as cousas poden cambiar”. ( L.s. 13)

A partires desta afirmación o primeiro capítulo preséntase como unha fotografía de canto está a ocorrer.E que el titula, “O que lle está a pasar a nosa casa” – nºs 17 – 61-. O quecemento global, a contaminación, a cultura do descarte, a cuestión da auga, a perda da biodiversidade, o deterioro da calidade da vida humana e a decadencia social -43-47-, para rematar coa debilidade das reaccións ante esta desfeita e da diversidade de opinións.Onde non sempre quen máis razón ten é a quen máis caso se lle fai.

                O segundo capítulo entra xa de cheo na fundamentación bíblica do tema do coidado da “casa común”, e ten coma título, “ o evanxeo da creación” – nºs 62 – 100- a esexese bíblica desde a que buscar razón e fondura á afirmación de por que este tema ha de ser unha preocupación para todo crente, sen que responda a puro snobismo. Mostra o capítulo que sendo un tema moi presente nos textos bíblicos, non sempre foi tratado coa consideración, respecto e fidelidade á Alianza merecía. As afirmacións, de White no século pasado cuestionando o compromiso da Igrexa coa ecoloxía, non son máis que expresión desta pouca comprensión, por non dicir descoñecemento sobre a relación entre a biblia e o respecto e coidado ecolóxico. Todo o capítulo é unha mirada ao misterio do Deus que crea por amor e invita a facer deste amor continuidade no coidado do creado.

                “Repensar a orientación do mundo” – nºs 101 – 136- é co que encabeza o terceiro capítulo, e quere ser unha chamada de atención fronte á deriva que, debido aos posicionamentos dos que toman as decisións que afectan a tod@s. A dobre perspectiva da tecnoloxía, a globalización tecnolóxica, as consecuencias do antropocentrismo moderno – que fala do home, pero sen contar co homeno centro da reflexión /acción – e as consecuencias deste antropocentrismo: o relativismo practico – se todo da o mesmo... – a necesidade de preserva-lo traballo e o significado da innovación biolóxica a partires da investigación son algunhas outras cuestións ás que o papa se refire.

                A proposta dunha “ Ecoloxía atenta á complexidade da realidade” – nºs 137 – 162-, conforma o capítulo cuarto do texto. Nel tenta Francisco clarificar e distinguir, para evitar caer na tentación de mesturalo e confundilo todo, cando pensamos que estamos a falar do mesmo. Así, achéganos unha visión integral de canto se atopa detrás da palabra ecoloxía. Unha integralidade que ademais da realidade ambiental, supón unha determinada proposta económica e social, e sempre tendo en conta a realidade cultural, que é plural e non única nin líquida. Dedicando os tres últimos apartados deste capítulo e apostar por unha ecoloxía humana, que busca o ben común e que esixe unha xustiza interxeneracional.

O capítulo quinto, “ algunhas liñas de orientación e acción” – nºs 163 – 201 -  lanza unha proposta incluínte de diálogo diante dunha situación, e dun problema que afecta a tod@s, e do que ninguén pode desentenderse. O que esixe que a política internacional deixe de ter orelleiras e de pensarse só para dentro dos intereses e fronteiras dos que mandan e  toman decisións. E fai un chamado desde o compromiso ético, pois se el nada neste campo sería crible, o que supón achegarse á mesa do diálogo desde actitudes de sinceridade e honestidade. E polo tanto, política e economía non han de perderse en discusións baleiras e puramente interesadas  - a ideoloxía neoliberal, como cosmovisión pechada ten o seu centro na rendibilidade e nos resultados – namentres a proposta de Francisco, volve insistir en poñer no centro á persoa na súa plenitude humana. Remata o capítulo abordando a urxencia e necesidade de que o diálogo das relixións coas ciencias non vaia por camiños nin separados nin de desconfianza, senón que ámbolos dous están chamados a escoitarse, entenderse e colaborar. E sempre non polo interese do rendible, senón polo ben, respecto e dignidade do ser humano.


                Todo o texto foi levando ao capítulo final, no que Francisco pon a mirada no centro do que ha ser unha urxencia para tod@s, crentes ou non, e que el titula, “ Educación e espiritualidade ecolóxica” – nºs 202 – 245 -. E no que propón toda unha serie de esixencias que van das opcións persoais ás decisións que han tomar as institucións responsables de formar as xeracións futuras. O que supón comezar por apostar por un estilo de vida distinto, e que non pode estar baseado no consumo e na acumulación. O que só será posible se se comeza por tomar en serio a educación que fomente o sentido crítico profético ante as cousas que van ocorrendo.O que esixe unha verdadeira conversión – cambio de corazón e actitudes – á causa ecolóxica, a causa de tod@s, porque de tod@s é a casa na que vivimos e chamamos mundo.

 As reflexións sobre a urxencia de rescatar a dimensión espiritual – que é máis ampla que a relixiosa – que toda persoa posúe, a chamada a facer de superar unha visión individualista e pechada do amor, xunto coa valoración cos sinais sacramentais – quizais un chisque de ollo aos “ Sacramentos da vida” de Leonardo Boff – e a importancia do descanso dominical – fronte á aposta neoliberal de converte-lo descanso en consumo e xustificar a quen non o ten, en que xa o terá noutro día – como vivencia celebrativa – acoller, compartir e agradecer na comuñón comunitaria – desde o compromiso trinitario dun Deus que crea por amor e ao que estamos chamados a devolver ese amor desde o coidado de canto puxo nas nosas mans.

               Remata con unha referencia a María, “ a nai que coidou a Xesús, e agora coida con afecto e dor materno este mundo ferido” ( 241).  Con unha chamada esperanzada e escatolóxica. O final do texto son dúas fermosas oracións: a oración interrelixiosa pola terra e a oración cristiá coa creación. E coas que reafirma que o texto non quere ser excluínte senón ecuménico, para poñer de manifesto o compromiso de toda relixión co coidado do mundo. E cristián para que os seguidores de Xesús non esquezamos nunca que a construción do Reino pasa polo coidado da terra que tod@s compartimos.
Amigo lector, perdoa o atrevemento.Só quería facer chegar a invitación de que , se podes, non deixes de ler este agasallo de Francisco para cant@s foramos parte do mundo e non esquecemos que é casa de tod@s, casa común. Paga a pena poñer un pouco do noso tempo e do noso corazón ao servizo dunha cuestión da que ninguén se pode sentir alleo. Porque os pobres, os esquecidos, os que van sendo descartados, gústenos ou non, son fill@s de Deus, e neles, e con eles, principalmente temos que fitar a nosa mirada e a nosa acción. Por iso unímonos en oración para dicirlle ao Deus da tenrura:
Deus dos pobres, axúdanos a rescatar aos abandonados e esquecidos desta terra
              que tanto valen aos teus ollos.” ( L.s 246)
                                                                                                                                                                                                                                          Clodomiro Ogando
  Profesor de Teoloxía Moral social.

        Instituto Teolóxico. Vigo

No hay comentarios:

Publicar un comentario