Domingo 11 do Tpo. Ordinario-ciclo B

11º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO B


Primeira Lectura     Ez 17, 22-24
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Enxalzou a árbore humilde
  
            Así fala o meu Señor:
            ‑ Eu collerei das ramas do cedro a máis alta e fixareina;
dos gallos máis novos arrincarei un xermolo,
e plantareino nun monte alto e elevado,
no monte elevado de Israel plantareino;
botará gromos e dará froitos
e volverase un cedro magnífico;
aniñarán debaixo del todos os paxariños,
todas as aves aniñarán á sombra das súas ramas.

            Entón todas as árbores do monte
caerán na conta de que eu, o Señor,
derreo a árbore ergueita
e levanto a árbore derreada;
seco a árbore verde
e fago florecer a árbore seca.
            Eu, o Señor, díxeno e fareino.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 91, 2-3. 13-14. 15-16
R/. (cf. 2a): É bo honrar o teu nome, Señor.

É bo celebrar o Señor,
e cantar ao teu nome, oh Altísimo,
pregoar de mañá a túa misericordia,
e de noite a túa fidelidade.

Os xustos florecerán coma palmeiras,
ergueranse coma cedros do Líbano.
Plantados na casa do Señor,
florecerán nos adros do noso Deus.

Aínda na vellez seguirán dando froito,
estarán cheos de zume e de vigor,
para pregoaren que o Señor é recto,
a miña rocha, en quen non hai iniquidade.



Segunda Lectura     2 Cor 5, 6-10
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle ao Señor

            Irmáns:
            Temos sempre bo ánimo, sabedores de que, mentres residimos no corpo, camiñamos lonxe do Señor, guiados pola fe, non polo que se ve.
            E con este ánimo, preferimos liberarnos do corpo e habitar a carón do Señor. En todo caso, ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle.
            Porque todos teremos que comparecer tal como somos perante o tribunal de Cristo, para que cada un recolla o seu merecido polo que teña feito mentres vivía no corpo: ben ou mal.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA    
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
A semente é a Palabra de Deus, quen sementa é Cristo;
quen o encontra, vivirá para sempre.
Aleluia.



Evanxeo     Mc 4, 26-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
A máis pequena das sementes faise o máis grande dos arbustos
  
            Naquel tempo, dicía Xesús á multitude:
            ‑ Así é o Reino de Deus, como un home que bota a semente na terra, e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma; primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga. E cando o froito xa está en sazón, de seguida se lle mete o fouciño, por ser o tempo da seitura.

           E tamén dicía:
            ‑ Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes. Pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas polas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.

            E así, con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos.

  Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo




EN TEMPOS DE SECA DE HUMANIDADE, NECESITAMOS SEMENTE
QUE DEA FROITO DE ESPERANZA
PÓRTICO

Non están os tempos para desbaldir e facer gastos innecesarios. A cousa non pinta ben, e agora tócanos pagar o que ata non hai moito nos parecía do máis normal: gasto en obras faraónicas, reivindicacións para que levaran todo ata a porta da casa, subvencións para facer, ou non facer, cousas que noutro tempo eran froito da colaboración e a gratuidade dos veciños. E tanto foi o cántaro á fonte, que acabou por romper. Por iso, neste momento de tanta dificultade, necesitamos resituarnos, pararnos e pensar, con sinceridade e sen tentar enganarnos a nós mesmos, sobre cales son as necesidades fundamentais da nosa vida. Que queremos, que buscamos, que é o que nos pode axudar a ser mellores persoa e máis felices? Só a partir de aquí poderemos comezar a endereitar a situación. Porque, é verdade, os que nos mandan teñen unha parte grande de culpa, pero tamén nós ternos algo que dicir, ou non? Non vaia ser que, por botarlle a culpa aos demais, esquezamos que nós somos cidadáns, e coma tal, podemos escoller e votar aos nosos representantes. Será que ternos a situación que merecemos? Empecemos por nós mesmos a sementar humanidade e realismo, para deste xeito poder recoller a esperanza coma o mellor dos froitos.

PERDÓN

Señor, que non esquezamos que todos ternos responsabilidade de moitas das causas que estamos a vivir,                                              
            SEÑOR, PERDÓN POR TERNOS DESENTENDIDO.
Cristo, que aprendamos a recoñecer que pasar dos problemas non é actitude de quen quere ser seguidor teu,                                                  
            CRISTO, PERDÓN POR TERNOS DESENTENDIDO.
Señor, que non caiamos na tentación de botarlle a culpa aos demais dos problemas e dificultades que hoxe estamos a vivir,          
SEÑOR, PERDÓN POR TERNOS DESENTENDIDO.

REMUÍÑO

Confianza e sinxeleza son as dúas actitudes desde as que hoxe a Palabra de Deus nos invita a ver a vida. E son estas dúas actitudes que neste momento non cotizan á alza. E non o fan porque, por unha banda, as nosas actitudes, diante do inestable mundo laboral e económico polo que estamos a pasar, xeran moita desconfianza e inseguridade, en nós mesmos e nas persoas que toman decisións que logo repercuten sobre nós. E como sabemos, cando unha situación coma esta se alonga no tempo, as consecuencias de fracaso, frustración, desacougo... van agromando día a día e producindo a sensación de ser monicreques nas mans dos que deciden. Porén, o texto do profeta Ezequiel quere romper con esta dinámica, e chámanos, unha vez máis a poñer a nosa confianza en Deus. Só El pode darmos os gromos dos que saian novos froitos. Cando irnos apartando a Deus da nosa vida, e buscamos substituílo por poder, diñeiro, prestixio, posesións, chega un momento que nada nos enche e todo nos baleira. Fronte disto, só nos queda a confianza e a sinxeleza, actitudes que constantemente nos vai poñendo diante nosa a Palabra para que encaremos a vida e, desde elas, busquemos os gromos que dan froitos non só para hoxe, senón para sempre. Os gromos que nos achegan, pouco a pouco pero sen pausa, a Deus. Nesta esperanza camiñamos e facemos da nosa vida semente de diálogo e participación. A soberbia, a superioridade, o engano, a falta de respecto cara os pobres e necesitados, non son máis que escenarios inseguros que cando menos se pensa veñen abaixo con todos os actores enriba. Pero Deus, na sinxeleza e confianza, sabe erguer a árbore derreada e facer florecer a árbore seca.

Para que medren os xustos e se ergan os enganados e asoballados. Dicir Deus para un crente é dicilo todo, pero é un todo que non está alleo a canto lle pasa ao irmán que sofre, non ten traballo, foi enganado, non se sente con ánimo para volver intentalo outra vez logo de moitos fracasos. É chamada e tarefa para non tomalo en van, xogar con El ou buscar sacarlle rendibiliade material. Deus é presenza constante nas persoas; unha presenza que ternos que saber descubrir e alentar. Cando o que se busca é aproveitarse dos demais, inda que digamos que se fai non nome de Deus, iso non é outra cousa máis que tomalo en van e manipulalo ao noso favor, pero El non se deixa manipular, pon a cadaquén no sei sitio, e chámanos a saber velo en cada man que tendamos aos demais e deixamos que outros tamén nola tendan a nós. Non están os tempos, logo de tanto engano e abuso como se teñen dado na nosa sociedade, como para volver confiar, pero ás veces esquecemos que Deus sempre estivo aí, que fomos nós os que nos iamos afastando e prescindindo del. Abandonemos entón o pragmatismo de recorrer a El so nos momentos nos que estamos mal —Sta. Bárbara cando trona- e comecemos a sentilo coma forza, alento, ánimo e presenza que non nos deixa caer polo terraplén da desesperación e a desconfianza. Reino, salvación, amor, resurrección, vida, son palabras que non poden sonar a oco nas nosas vidas, senón a tarefa comunitaria e constante de busca da proposta de Deus para nós.

No pouco a pouco, sen cansar, desta tarefa, irmos descubrindo a súa presenza, que como a semente que se bota á terra, vai medrando paseniñamente ata que acada o froito. A fe, cando somos capaces de poñela en Deus e no seu proxecto de amor e salvación, vai tamén crecendo en nós, case coma se non nos deramos conta, ata ir abranguendo a nasa vida, ofrecéndonos valores, actitudes e capacidade de ver o mundo desde outra perspectiva distinta á que nos poden ofrecer os medios de comunicación, as revistas do corazón ou os que teñen moito poder e pensan que o saben todo. Si, a fe, non busca medallas que lle dean sona, senón sinxeleza e verdade. E estas só se poden atopar no corazón de quen se esforza e quere, pero sen buscar o interese que a tantas persoas ten levado á tristura e desesperación, ir medrando para dar o mellor dos froitos: o sentido da vida e o camiño por onde ilo conseguindo. Esta é a mensaxe que hoxe nos quere transmitir a Palabra de Deus: que deixemos que a semente que plantou en nós o día do noso bautismo vaia dando froitos día a día. Froitos que nos fagan máis felices, mellores persoas, e auténticos discípulos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Diante do Deus que vai plantando a semente na nosa vida, compartimos a oración comunitaria que nos dá a forza para dar froitos de boas obras, e dicimos:
QUE A FE NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS

1.- Pola Igrexa, para que sexa testemuño de fidelidade á semente de Xesús, e dea o froito das boas
obras manifestadas no servizo, a colaboración, o diálogo e a igualdade no medio da sociedade, Oremos.
QUE A FE NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS
2.- Para que nas nosas comunidades, aprendamos que os froitos son posibles con actitudes de
servizo, axuda, proximidade e constancia ao lado das persoas que poden necesitarnos por estar soas, enfermas, paradas, enganadas, manipuladas e sempre necesitadas dunha man amiga e da voz que saiba transmitirlle que a semente da fe é presenza humana e solidaria, Oremos.
QUE A FE NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS
3.- Para que nós, coma o gran de mostaza, vaiamos crecendo e madurando nunha maneira de vivir
a fe que nos leva a ir dando froitos de alegría, honestidade, interese e preocupación polos problemas e urxencias dos nosos barrios, as nosas parroquias, na nosa familia e no noso centro de traballo, Oremos.                                                
QUE A FE NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS

Señor, hoxe quixeches que espertaramos a canto está a vivir a sociedade da que formamos parte para que, colaborando, vaiamos entre todos, traballando para que estas dificultades e problemas non nos convertan en persoas amargadas e desilusionadas. P.X.N.S. 
Amén.

MIRADA ESPERANZADA

PACIENCIA ACTIVA E SERENA

Hainos que pensan coller
onde nunca sementaron.
Tamén os hai, abofé!,
con tal apuro no corpo,
que, se non palpan os froitos hoxe
do que onte botaron,
xa perderon o conforto,
e coidan tempo perdido
os días de sementeira,
querendo xa no momento
saquiños de gra na eira.

E nisto de sementar
para logo ter colleita
sabemos moito os labregos,
que para levarmos á feira
un saquiño de gra de trigo,
unha cestiña de queixos
Odres Nuevos Evangelio 14 junio 2015 colorou unha boa becerra,
cumpriron días e meses,
o rodar de moitos eixes,
moita suor e traballos,
en suma, moita paciencia.

E non ten outro camiño
o Reino de Deus na terra,
para que un día haxa nela
vida digna nas aldeas,
pan en todas as casas,
traballo para a xente obreira,
ledicia en todos os corpos
e paz en todas as terras,
cómprenos anos de espera,
días e días de loita, 
paciencia activa e serena.

Dádelle tempo á semente,
que, aínda que pequerrecha,
medrará  ata que veñan
paxaros pousarse nela;
ademais mentres durminos
hai alguén que coida dela.


CANTO GOZOSO
§  ENTRADA: 
§  LECTURAS:  
§  OFERTORIO:  
§  COMUÑÓN:  

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares