Domingo 13 do Tpo.Ordinario - ciclo B
13º DOMINGO DO TEMPO
ORDINARIO - CICLO B
Primeira Lectura Sab 1,
13-15; 2, 23-24
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Por envexa do demo entrou a morte na terra
Non fixo Deus a morte
nin se aleda co exterminio dos vivos;
creouno todo, de certo, para que subsista
e as criaturas do mundo son saudables;
non hai nelas veleno mortal
nin ten o Hades imperio sobre a terra,
porque a Xustiza é inmortal.
Pois Deus creou o home
para a incorrupción
e fíxoo imaxe do seu propio ser,
mais pola envexa do demo entrou a morte no mundo,
e os seus secuaces téñena de probar.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 29, 2 e
4. 5-6. 11 e 12a e 13b
R/. (2a): Eu lóote, Señor, porque me libraches.
Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.
Cantádelle ao Señor os seus
amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.
Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.
Segunda Lectura 2 Cor 8, 7.
9. 13-15
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Que a vosa abundancia supla a indixencia dos irmáns pobres
Irmáns:
Xa que abundades en
todo ‑en fe, en palabras, en ciencia, en interese polas cousas e en amor a nós ‑,
abundade tamén nesta graza. Coñecedes ben a xenerosidade do noso Señor Xesús
Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para
vos enriquecer coa súa pobreza.
Non se trata de que
pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que haxa equilibrio. Neste
momento a vosa abundancia pode remediar a carencia deles, para que a abundancia
deles poida vir en auxilio da vosa carencia.
Así haberá igualdade,
de acordo co que está escrito: A quen recollía moito, non lle sobraba; e a quen
recollía pouco, non lle faltaba.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. 2 Tim 1, 10
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
O noso Salvador Xesús Cristo destruíu a morte,
e iluminou a vida por medio do Evanxeo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 5, 21-43 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Nena, a ti che falo: érguete.
Naquel tempo, pasando
de novo Xesús nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente
arredor del, que estaba na beira do mar. Nisto chegou un dos xefes da sinagoga,
chamado Xairo, que, ao velo, botouse aos
seus pés suplicándolle:
‑ A miña filla está a
piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.
E foise con el,
seguido de moito xentío que o estrullaba.
Había unha muller que
padecía hemorraxias desde doce anos atrás, e levaba sufrido moito cos médicos,
que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. Como
oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o
seu vestido, dicindo para si:
- "Aínda que non
sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa".
E secándolle a fonte
da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.
Axiña Xesús,
decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:
‑ Quen me tocou na
roupa?
Os discípulos
respondéronlle:
‑ Ti ben ves a xente
preméndote; e aínda preguntas por quen te tocou?
Pero el seguía mirando
arredor, para ver quen fora. Daquela, a muller, amedrentada e tremendo, sabendo
o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade. El díxolle:
‑ Filla, a túa fe
sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.
Aínda estaba el
falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
‑ A túa filla acaba de
morrer. Para que andar xa molestando ao Mestre?
Pero Xesús, ao escoitar o que estaban a falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
‑ Non temas, abonda
que teñas fe.
E non permitiu que
ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.
Ó chegaren á casa do
xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, entrou
e díxolles:
‑ A que vén tanto
barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
E todos facían riso
del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mailos
seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. Colleuna pola man e díxolle:
‑ Talitha, qumi (que
quere dicir: "rapaza, érguete").
A rapaciña ergueuse de
contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa
boca aberta.
El insistiulles en que
non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
______________________________________________________________________
Ou:
21-24. 35b-43 (máis breve):
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo, pasando
de novo Xesús nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente
arredor del, que estaba na beira do mar. Nisto chegou un dos xefes da sinagoga,
chamado Xairo, que, ao velo, botouse aos
seus pés suplicándolle:
E foise con el,
seguido de moito xentío que o estrullaba.
Aínda ía de camiño, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a
dicirlle:
‑ A túa filla acaba de
morrer. Para que andar xa molestando ao Mestre?
Pero Xesús, ao escoitar
o que estaban a falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
‑ Non temas, abonda
que teñas fe.
E non permitiu que
ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.
Ao chegaren á casa do
xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, entrou
e díxolles:
‑ A que vén tanto
barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
E todos facían riso
del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mailos
seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. Colleuna pola man e díxolle:
‑ Talitha, qumi (que
quere dicir: "rapaza, érguete").
A rapaciña ergueuse de
contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa
boca aberta.
El insistiulles en que
non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
Nun mundo enchoupado de morte, a proposta do Deus de Xesús segue a falar de
vida en abundancia
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
OLLOS ABERTOS
Miremos cara onde miremos, imos
percibindo que a realidade está enchoupada de situacións nas que a persoa non
só non é o centro do que se di e fai, senón que moito diso que se di e fai o
que busca é convertela nun medio para conseguir outros fins. Daquela, non é de
estrañar a denuncia profética do papa Francisco na súa carta encíclica sobre a
ecoloxía, cando nos reitera a urxencia de volver ao rego de poñer o importante
no centro, por riba do inmediato. Si, porque se non poñemos ao ser humano no
corazón de canto facemos, acabaremos facendo da corrupción, o engano, o abuso,
a violencia, e calquera outra acción que faga ás persoas escravas dos que teñen
poder, sexa este do tipo que sexa, camiño sen retorno.
Por iso nesta mañá a nosa celebración
ten que movernos non á rutina nin ao costume, senón a saír dela co corazón
transformado e coas gañas de non deixar que fagan das persoas monicreques cos
que se ensaia como aproveitarse deles dando a impresión de que se lles serve.
O Deus de vivos e de vida aprémanos a
non pasar por alto esta urxencia nun momento no que tanto se xoga cos seres
humanos, e tanto se despreza a súa dignidade.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·
Por non
facer da vida, propia e dos demais, unha experiencia de gratitude e
solidariedade,SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA TENTACIÓN DA RUTINA.
·
Por non
querer poñer a dignidade das persoas, especialmente coas que tratamos, vemos e
falamos cada día, no centro do noso actuar, CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA TENTACIÓN DA RUTINA.
·
Por
esquecer que nin somos únicos nin perfectos, senón necesitados uns da
colaboración dos outros, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA TENTACIÓN DA
RUTINA.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
· A sabedoría de Deus volve aparecer nas lecturas de
hoxe como unha experiencia de vida e confianza, fronte a calquera visión que
supoña medo, imposición ou morte. Cando falamos de Deus, a visión que nos vén á
mente é a dun señor que manda e decide moito sobre os demais; un señor que,
estando por riba do ben e do mal, decide, impón e controla a través do medo,
aos demais, que aparecen neste noso imaxinario como inferiores, cando non
submisos a súa vontade. Pois nada más lonxe esta idea do que é o Deus cristián.
Non é o Deus sádico que goza facéndonos sufrir e poñéndonos, unha e outra vez,
probas cada vez máis duras no noso camiño. Ao contrario, diante desta visión
sádica, o Deus a quen rezamos e no que confiamos é un Deus que fai as cousas
por e desde o amor. E quen actúa así non pode apostar polo sufrimento, senón
pola compañía, pola liberdade, pola presenza de quen se aleda nas ledicias, e
vive a dor e tristura nas dificultades. El é o Deus que está, e está con e
desde nós. Non por riba de nós. Por iso a primeira lectura tenta ir
clarificando que é a vida, non a morte o que guía o seu facer. Ser imaxe súa é
ofrecernos a posibilidade de actuar desde o amor que se dá e entrega buscando o
ben para aqueles que teñen saído das súas mans. El é un Deus que nos quere de
pé e non de xeonllos! Non para morrer, senón para vivir na sinxeleza da
xenerosidade, e non na vinganza do egoísmo.
· Un Deus así, como nolo describe a primeira lectura,
vai movendo o corazón da cada un de nós á loanza por non sentirnos solos, por
querernos, por apostar pola nosa dignidade e liberdade; por facernos cerne e
non póla que esgaza. A mágoa é que nós, que nos dicimos seguidores seus, moitas
veces temos convertido a experiencia de Deus, a través da nosa acción cara aos
demais, nunha experiencia de dor e esmagamento, ignorando e facendo todo o
posible para non deixar que nolo recorden, que no nome de Deus nin a guerra,
nin o abuso, nin a utilización das persoas ten cabida nin pode servir de
loanza. Loámolo sabéndonos acompañados por El e chamados a querernos,
respectarnos e axudarnos uns a outros. E para iso é fundamental a xenerosidade,
como ben lle lembraba Paulo aos corintios. Sen ela a vida fainos robots,
máquinas sen corazón e dirixidas por quen non busca nin o ben nin o amor, senón
o aproveitamento. Estamos nun novo tempo, vivimos unha nova xeira. Que os
cristiáns non nos quedemos ao marxe dela, ao contrario, que saibamos, desde a
xenerosidade que Xesús nos mostra e ensina, poñer tamén o noso esforzo a prol
de canto faga da terra casa común e lugar no que todos nos poidamos sentir a
gusto.
· O que nos vai poñer no camiño de ser persoas
agradecidas e nobres. Coma Xairo, o xefe da sinagoga do que nos fala o evanxeo
de hoxe. El, que tiña poder e capacidade para exercelo, ao atoparse con Xesús
non ofrece nin posesións nin medo, senón que desde a confianza diríxelle o laio
tristeiro de quen está a piques de perder á súa filla, e pon en Xesús a súa
confianza. De nada valen xa neste momento nin o poder, nin o prestixio nin nada
que non sexa a confianza. E, a diferenza do que fariamos nós, Xesús non o
humilla nin xoga ou abusa del, senón que lle devolve esa confianza en forma de
acollida e atención. Non lle volve a cara nin fai oídos xordos, senón que vai
con el. Responde acollendo e escoitando, sen producir medo nin mostrar o bo que
é. Ao contrario, coa humildade de quen sabe estar ao lado e tender a man cando
se lle necesita, acompáñao no camiño de volta. Cantas veces temos nós rexeitado
esta compaña! Aprendamos que o Deus de vivos, que sabe chorar e sufrir ante a
morte, ofrécenos gratitude e dispoñibilidade para que non fagamos o camiño
solos. Acollámolo e prestémoslle atención nun momento eclesial tan esperanzador
e gozoso, desde unha sociedade que necesita desta esperanza e deste gozo.
FRATERNIDADE ORANTE
Co Deus que nos ofrece esperanza e
sentido para canto somos e facemos, compartimos a nosa oración comunitaria
dicindo xuntos:
QUE A XENEROSIDADE GUÍE AS NOSAS ACCIÓNS
* Pola
Igrexa, para que non renuncie a esta primavera evanxélica que a leva a poñer
corazón, mans e reflexión no servizo ao mundo de hoxe, OREMOS.
QUE A XENEROSIDADE GUÍE AS NOSAS ACCIÓNS
* Polas nosas comunidades parroquiais,
para que saibamos ser testemuñas agradecidas de xenerosidade e colaboradoras na
creación de vida en forma de traballo comunitario, axuda a quen o necesite e
compromiso para non deixar que ninguén abuse dos máis débiles, OREMOS.
QUE A XENEROSIDADE GUÍE AS NOSAS ACCIÓNS
* Por
nós para que a nosa confianza estea posta no Deus dos vivos e da vida, e non da
morte nin do sadismo, OREMOS.
QUE A XENEROSIDADE GUÍE AS NOSAS ACCIÓNS
Grazas,
Señor, por esta confianza que vas poñendo en nós cada día e en cada momento.
P.X.N.S. Amén.
OÍDOS ATENTOS
Non viñeches a xulgar os nosos erros
senón a buscar a quen anda perdido,
a defender a quen está acusado,
a liberar a quen está en catividade,
a curar a quen está ferido,
a acoller a quen está desamparado,
a lavar a quen está manchado,
a sandar a quen está enfermo,
a erguer a quen está caído,
a salvar a quen se sente culpable,
a devolverlle a dignidade a quen a
perdeu.
Ti que cres en nós.
Ti que esperas de nós.
Ti que nos amas que nós mesmos.
Ti que es máis grande que todos os nosos
pecados,
recréanos e danos un futuro novo e
mellor.
RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario