Corpus Christi - ciclo B

SOLEMNIDADE DO CORPO E SANGUE DE CRISTO

  

Primeira Lectura     Ex 24, 3-8
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco
  
     Naqueles días, Moisés veu e expúxolle ao pobo todas as pala­bras e os mandatos do Señor; e o pobo a unha respondeu:
     ‑ Faremos todo o que dixo o Señor.
     Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor.
     Ao día seguinte, Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estelas, polas doce tribos de Israel. Despois mandou a algúns mozos israelitas que ofrecesen holocaustos e sacrificios de comuñón ao Señor. Moisés colleu a metade do sangue e botouna en recipientes, e a outra metade verteuna no altar. Despois colleu o libro da alianza e leullo en voz alta ao pobo. Este respondeu:
     ‑ Faremos todo o que dixo o Señor e obedeceremos.
     Entón colleu Moisés o sangue e asperxeu o pobo con el, dicin­do:
     ‑ Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco, conforme ás palabras lidas.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 115, 12-13. 15 e 16bc. 17-18
R/.  (13):  Alzarei a copa da salvación, invocando o nome do Señor.
Ou:  Aleluia.

Con que lle pagarei ao Señor
todo o ben que me fixo?
Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor.

É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!

Ofrecereiche un sacrificio de loanza,
invocando o nome do Señor.
Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo.


Segunda Lectura    Heb 9, 11-15
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
O sangue de Cristo limpará a nosa conciencia
  
            Irmáns:
            Ó presentarse Cristo como Sumo Sacerdote dos auténticos bens, entrando a través dunha tenda - santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo, e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva.
            Porque se o sangue de carneiros e de touros e a aspersión da cinsa dunha xovenca consagra os impuros, dándolles unha pureza corporal, moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, como vítima sen mancha) limpará a vosa conciencia das obras de morte, para así servirmos o Deus vivo.
            Por iso é mediador dunha nova alianza, pois morreu para redimir dos pecados cometidos baixo a primeira alianza, a fin de que os chamados á herdanza eterna, poidan recibir o cumprimento desta promesa.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SECUENCIA, Ad libitum:  Lauda, Sion, Salvatorem, p.
                            ou, máis breve:  Ecce panis, p.

Loemos o Salvador,
o noso guía e pastor,
cun cantar afervoado.

Loémolo xenerosos,
pois don tan marabilloso
nunca o daremos loado.

A razón de tal loanza,
o pan vivo no que alcanza
o pobo gozosa vida.

Ós doce en leda irmandade
fora entregado en verdade
na cea de despedida.

Ampla e sonora cantiga:
que fale a alma e bendiga
con indicible ledicia.

Hoxe é a recordación
da primeira institución
desta mesa sen malicia.

Na mesa do novo Rei,
nova Pascua, nova lei,
o tempo vello termina.

O novo vence ao que é vello,
a verdade ao seu espello,
e a luz a noite ilumina.

Cristo mándanos facer
na súa memoria e querer
o que na Cea el fixera.

Seguindo no seu camiño
consagramos pan e viño
cal hostia de amor sincera.

Dogma para o pobo cristián:
en carne tórnase o pan
e o viño faise sangue.

A fe confirme animosa
o que a razón pretensiosa
non entende nin abrangue.

Baixo unha humilde aparencia
de signos, late a presenza
de cousas marabillosas.

Mantenza a carne, e bebida
o sangue, Cristo todo vida
en cada parte gozosa.

Quen o come, toma enteiro
o seu corpo sobranceiro
non diviso nin rompido.

Come un e comen mil,
tanto este coma aquil,
e non se dá consumido.

Os bos e os malos o comen,
con dispar sorte o consomen:
lance de vida ou de morte.

Morte ao malo, vida ao bo,
única mesa de unión
pero moi distinta sorte.

Partido xa o sacramento,
non dubides, olla atento
que tanto encerra o fragmento
coma todo o corpo enteiro.

Non hai no fondo fisura,
só o signo se fractura,
nin o amor nin a feitura
reve do que é verdadeiro.

O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.


Ou, máis breve:  Ecce panis

O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.



ALELUIA    Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu son o pan vivo, que descendín do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan, vivirá eternamente.
Aleluia.


Evanxeo    Mc 14, 12-16. 22-26
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Isto é o meu corpo. Isto é o meu sangue
  
            No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle a Xesús os seus discípulos:
            ‑ Onde queres que vaiamos preparar, para comeres a Cea Pascual?
            El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
            ‑ Ide á cidade, e havos saír ao paso un home cunha sella de auga; seguídeo, e onde entre, dicídelle ao dono da casa: "O Mestre di: Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?". El havos mostrar no sobrado unha gran sala, xa disposta e arranxada. Preparade alí para nós.
            Marcharon os discípulos e chegaron á cidade. Atoparon todo como llelo el dixera e prepararon a Pascua.
            Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, rezou a bendi­ción, partiuno e déullelo, dicindo:
            ‑ Tomade, isto é o meu corpo.
            Despois colleu un cáliz, deu grazas, pasóullelo, e todos beberon del. E díxolles:
            ‑ Isto é o meu sangue da Alianza, que se vai verter por moitos. Dígovolo de verdade: Xa non vou beber do produto da viña ata o día aquel en que o hei beber novo no Reino de Deus.
            Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras.

 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           



 En tempo de dificultade e escaseza, a mesa do altar segue a convocar na comuñón sempre solidaria
CORPUS CHRISTI – 2015  B


ESCOITA ACTIVA
Xesús non quere quedar na Igrexa dentro do sagrario. El sae ao noso encontro na rúa. Hoxe coas nosas pegadas mostrarémoslle ao Señor que non sempre somos capaces de ir deixando pegadas de presenza xusta e solidaria por onde pasamos, por iso queremos deixarnos acompañar por El para emendar os nosos erros, os nosos esquecementos, as nosas ausencias e invisibilidades cando nos teñen necesitado. A través dos nosos pés, das nosas mans, das nosas palabras, das nosas... Xesús vólvenos dicir que non se quere ir e deixarnos ao pairo; todo o contrario: El segue a camiñar con e entre nós. O que pasa é que moitas veces, nós, máis alá das flores, non somos capaces de poñer nada, esquecendo que El segue a insistir unha e outra vez: “facede isto en memoria de min”. Desde a súa memoria celebrada e compartida fagamos da nosa oración comunitaria memoria viva e solidaria de fraternidade, porque El está aquí, non marchou.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
Porque non somos sacramento de verdadeira irmandade, 
SEÑOR, QUE NOS CONVERTAMOS DA DUREZA DE CORAZÓN.
Porque deixamos que o pan do perdón e da misericordia endureza nos armarios  do corazón,
CRISTO, QUE NOS CONVERTAMOS DA DUREZA DO CORAZÓN.
Porque non queremos facer da Eucaristía mesa de encontro e comuñón, 
SEÑOR, QUE NOS CONVERTAMOS DA DUREZA DO CORAZÓN.

PALABRA ENRAIZADA
De lingua longa e memoria escasa  (“Faremos todo o que dixo o Señor”, Ex 24,3-8): A primeira lectura do libro do Éxodo que acabamos de escoitar invítanos, neste día do Corpo e Sangue do Señor –día que para algúns é unha festa de moito colorido, pero de pouco compromiso– a prestarlle atención á Palabra de Deus, non para pechala nas nosas íntimas fantasías, senón para que nos axude a iluminar a nosa acción; é dicir, o que facemos cada día alí onde estamos. Si, porque parece que a atención que lle prestamos á Palabra de Deus non é moita, dado que canto ela nos vai mostrando para que a nosa vida se enraíce no proxecto de salvación e achega ao mundo no que vivimos nós convertémola en pedir o que faciamos en tempos pasados, sen ser conscientes de que o que noutro tempo pasou, agora xa non é posible. E non o é porque nin a sociedade na que vivimos é a mesma –hoxe somos máis libres para elixir se queremos ou non confesar a fe, ninguén nolo impón nin nos obriga; tampouco é unha sociedade de cristiandade, pechada e na que o único centro sexa o relixioso, ao contrario: a pluralidade na que vivimos fainos máis libres para poder escoller, e como consecuencia actuar en función da escolla, sen que ninguén teña que tutelarnos nin obrigarnos a actuar contra o que coidamos que non é centro de interese para a nosa vida– nin tampouco os cristiáns somos nin os mesmos nin tantos coma eramos –o que non quere dicir que o número sexa sinónimo da calidade dos que profesamos a fe en Xesús– nin tampouco os que somos temos como única preocupación estar no interior dos templos. A fe pídenos hoxe que a testemuñemos no medio do mundo –atentos aos “sinais dos tempos” nos di o Concilio Vaticano II– e iso supón que quizais nos sobren ritos, que para a gran maioría lles resultan irrelevantes por terse quedado niso, en simples ritos ou costumes; e quizais nos falte ilusión, compromiso por facer cousas que nos axuden a non deixarnos camiñar por vieiros de corrupción, xustificación de mentiras, ausencia de vivencia ética no día a día da nosa vida, denuncia das situacións de pobreza e esquecemento das persoa máis débiles... Aquí, neste escenario, é onde temos que ir mostrando a forza das nosas conviccións de fe. Non podemos pedir, cando non hai resposta, que repitamos o que noutro tempo foi unha axuda para vivir a fe, pero que hoxe ademais de non servir, non axuda, todo o contrario, a mostrar que Xesús segue sendo presenza no mundo e no corazón das persoas. Facer o que nos di o Señor é saber estar cos ollos ben abertos para descubrir onde é necesaria a nosa presenza e, desde ela, responder co noso comportamento, no medio dos que nin pensan coma nós nin consideran relevante que teñamos fe, á invitación de responder á chamada que Deus nos fai. E para iso é importante ter a lingua curta e a memoria viva. Pois ao fin e ao remate, a fe ao que nos chama é a facer memoria viva e presente, desde o aquí e agora de cada tempo, no Deus que facéndose presente no mundo pasou, e invitou a pasar, facendo o ben. Non é polo tanto Corpus unha festa para o folclore, senón un espertar para estar no mundo buscando dar resposta ao que tantas veces ten insistido Xesús: “cada vez que llo fixestes a estes máis pequenos, a min mo fixestes”.


Porque cumprir ritos é máis doado e cómodo que cambiar actitudes  (“Cumprirei os meus votos ó Señor” Sal 115,18): No salmo rezabamos que cumpririamos os nosos votos –esixencias– ao Señor. Pero o cumprir do que nos fala esta oración non é facer cousas por costume ou tradición, senón responder desde a nosa vida –actitudes e comportamentos– a facer da nosa presenza testemuño vivo, real e verdadeiro do que cremos e vivimos. Na vida de fe non contan as horas pasadas dentro dos templos, senón o esforzo por levar fóra dos templos o que alí temos vivido, compartido e celebrado. E iso non podemos reducilo a retóricas vellas e doutros tempos, senón comportamentos renovadores, esperanzados e transformadores das persoas –nós mesmos– e das realidades onde estamos.

Da pascua xudía á Eucaristía cristiá  (“Tomade, isto é o meu corpo”): E só así, o Corpo que vén a nós como alimento e que temos recibido na Eucaristía, pode converterse en memoria viva da presenza de Deus en nós e no mundo. O Corpo de Xesús é un corpo de solidariedade, unión, xustiza, honestidade... Deste xeito entenderemos o que supuxo o paso da pascua xudía –simplemente recordaban cun rito a saída de Exipto- á pascua cristiá: presenza real, transformadora e gozosa de Xesús na vida de cada día en cada un de nós. Non é o noso un Deus ausente, senón que quen o facemos ausente somos nós, por reducilo a media hora de celebración –moitas veces sen saber nin querer saber o que celebramos– e por non facer del o motor e o alimento que nos vai axudar para non recuar diante das dificultades que o día a día da vida nos vai presentando. Por iso, neste día da festa de Corpus, preguntémonos tamén nós: Que teño feito eu polo meu irmán? O risco, tamén a verdadeira satisfacción, está en saír ao encontro de quen nos necesite e dicirlle: aquí estou para o que queiras.

FRATERNIDADE ORANTE
Cristo faise Pan; e nós somos invitados a compartilo ofrecéndollo aos irmáns que non o teñen. Desde esta invitación dicimos xuntos:
SEÑOR, QUE O NOSO PAN SEXA ALIMENTO PARA OS IRMÁNS QUE NON O TEÑEN

·      Para que toda a Igrexa, que hoxe celebra a festa da túa presenza na mesa do noso mundo, non se deixe intimidar polos que non queren que con voz alta e clara, fale na defensa dos máis débiles, explotados e esquecidos, OREMOS.
SEÑOR, QUE O NOSO PAN SEXA ALIMENTO PARA OS IRMÁNS QUE NON O TEÑEN

·      Para que deixemos que canto temos escoitado, compartido e vivido nas nosas celebracións parroquiais deste día, mova os nosos corazóns a actuar sen medo ante as inxustizas e a non calar diante dos abusos que sofren os máis débiles e indefensos das nosas parroquias, OREMOS.
SEÑOR, QUE O NOSO PAN SEXA ALIMENTO PARA OS IRMÁNS QUE NON O TEÑEN

·      Polas persoas que traballan como Igrexa pola solidariedade, a xustiza e a denuncia de calquera explotación das persoas máis indefensas, para que o seu traballo sexa o espello no que sempre nos miremos á hora de actuar como seguidores de Xesús, OREMOS.
SEÑOR, QUE O NOSO PAN SEXA ALIMENTO PARA OS IRMÁNS QUE NON O TEÑEN

·      Por cantos hoxe nos imos achegar á mesa da Eucaristía para recibir a Xesús, alimento de benaventuranza, que atopemos nel a forza para acompañar aos enfermos, alentar aos tristes e ofrecerlles o noso agarimo aos que foron enganados, OREMOS.
SEÑOR, QUE O NOSO PAN SEXA ALIMENTO PARA OS IRMÁNS QUE NON O TEÑEN

Fai, Señor, da nosa oración comunitaria fermento que faga levedar o noso corazón na xustiza e na solidariedade. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
A caridade comeza por abrir os ollos á realidade; pero a realidade pódese mirar e valorar de diferentes maneiras. Podemos ver a realidade desde o beneficio das grandes empresas, desde o fluír dos préstamos bancarios, desde os intereses do mercado, desde a redución do déficit e os resultados macroeconómicos ou podemos ler a realidade desde o número de parados, desde os rexeitados polo sistema, desde a rendas mínimas, desde os índices de pobreza, desde os recortes dos dereitos sociais... Nós queremos ver a realidade desde os ollos de Deus, desde o lado dos pobres, como nos pide o Papa Francisco”. (Cáritas, Que fixeches co teu irmán? (Xén 4,9) p.356/7)

Odres Nuevos Evangelio 7 junio 2015 color
CANTO GOZOSO
ENTRADA:  
Eu soñei                                            
LECTURAS: 
OFERTORIO:  
Ti es o pan do ceo                             
COMUÑÓN: 

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares