Que a vosa abundancia supla a indixencia dos irmáns pobres - 2 Cor 8, 7. 9. 13-15

Domingo 13 do Tpo. Ordinario - ciclo B


AS MANS DE XESÚS


A nosa lembranza vaise pousar agora 
sobre as mans de Xesús.
Mans capaces de transmitir confianza, 
de expresar afecto, de ofrecer seguridade,
de dar amor...

Mans abertas para agarimar e bendicir os nenos,
mans tendidas para socorrer aos que caen no bordo do camiño
incapaces de seguir a súa andaina,
 mans delicadas para curar os corpos chagados 
e os espíritos malparados, 
mans traballadoras que tiran das redes 
ou moldean a pedra,
mans que marcan o camiño 
e estimulan a seguir adiante,
mans que levan á plenitude.
Pedímosche, Xesús, que nos tendas a túa man 
para que o teu tacto nos revitalice,
o teu bico nos vivifique e a túa aperta consiga 
que sexamos conscientes da túa compaña ao noso carón.

Acompañados por ti 
tamén seremos capaces de facernos achegados
aos nosos irmáns e irmás.
Axúdanos a tender as nosas mans a quen as necesiten.
Contamos co teu apoio.
Axúdanos a non perder a fe 
e a sentir o contacto das túas mans
contra as nosas.

AMÉN



Comentarios

Publicacións populares