Domingo 12 Tpo. Ordinario - ciclo B
12º DOMINGO DO TEMPO
ORDINARIO - CICLO B
Primeira Lectura Xob 38,
1.8-11
LECTURA DO LIBRO DE XOB
Aquí han rematar os teus arrogantes impulsos
Entón respondeulle o
Señor a Xob desde o trebón:
Quen pechou os portóns
do mar
ó xurdir debruzándose do seo materno,
cando lle impuxen como embozo as brétemas
e o envolvín en néboas como panos?
Daquela marqueille os
límites
e asegureille os ferrollos e as portas,
e díxenlle: Ata aquí has chegar e non pasar.
Aquí han rematar as
túas altas ondas.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 106,
23-24. 25-26. 28-29. 30-31
R/. (1b): Loade ao Señor, porque a súa misericordia
é eterna.
Ou: Aleluia.
Os que baixan nos barcos ao mar,
para facer o seu traballo nas augas abismais,
poden ver os feitos do Señor,
os seus prodixios no océano.
Cun aceno del érguese o vento de temporal
e levántanse fortes as ondas:
érguense cara ao ceo e caen no abismo,
co estómago revolto, mareados.
No apuro clamaron ao Señor
e El librounos da aflición.
El troca a tempestade en brisa lene,
e quedan caladas as ondas.
Alégranse eles coa calma,
e El lévaos ao porto arelado.
Dean grazas ao Señor pola súa misericordia,
polos seus prodixios cos humanos.
Segunda Lectura 2 Cor 5,
14-17
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Velaí renovouse a realidade
Irmáns:
É o amor de Cristo o
que nos preme, cando pensamos que, ao morrer un por todos, todos morreron; el
morreu por todos, de xeito que os que viven xa non vivan para si, senón para o
que morreu e resucitou por eles.
Por iso, nós xa non
apreciamos a ninguén conforme a criterios mundanos; aínda que teñamos coñecido
a Cristo conforme a eses criterios, agora xa non o coñecemos así.
Polo tanto, quen estea
en Cristo é unha criatura nova: o que era vello, pasou. Velaí unha realidade
nova.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Lc 7, 16
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Un gran profeta xurdiu entre nós;
Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 4, 35-41
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Quen será este, que mesmo o vento e o mar o obedecen?
Aquel día, á tardiña,
díxolles Xesús aos seus discípulos:
‑ Vaiamos á outra
banda do mar.
Eles, deixando a
xente, levárono consigo na barca onde estaba sentado; e seguíano outras barcas.
E formouse tal remuíño de vento que os salseiros caían enriba da barca e
enchíana de auga. El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal.
Eles espértano e dinlle:
‑ Mestre, seica non
che importa que afoguemos?
El ergueuse e increpou
ao vento e díxolle ao mar:
‑ Cala, acouga!
E amainou o vento, e
veu unha gran calma.
E dilles a eles:
‑ Por que tendes tanto
medo? Seica aínda non tendes fe?
Eles sentiron entón un
medo enorme e comentaban entre si:
‑ Pero, quen será
este, que mesmo o vento e o mar o obedecen?
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
CANDO
ACTUAMOS CON MEDO DEIXAMOS DE SER LIBRES PARA CONVERTERNOS EN SOMETIDOS E
ESCRAVOS – 12º
Domingo TOB 2015
TOMADO DE:
OLLOS ABERTOS
O
medo, esa palabra que cando a escoitamos a poñemos sempre en relación co
negativo. Si, porque o medo non deixa que sexamos libres; o medo inhíbenos á
hora de tomar decisións; o medo fai que moitas veces renunciemos a dar razón
das nosas esperanzas e conviccións. Nunha palabra: o medo entra en nós para
converternos en todo o contraio a ser nós mesmos. Cantas veces nos temos
arrepentido de ter actuado con e por medo!
Para
Xesús, o medo é o que impide dicirlle si á súa proposta de facer da nosa vida
unha experiencia de encontro, de escoita, de seguimento.
Nestes
tempos nos que tendo moita información vémonos moitas veces incapaces de
procesala e entendela, necesitamos perder os medos e retomar o actuar desde as
conviccións e o compromiso, e non só facerlle caso aos que elaboran esa
información para beneficio propio como nos queren facer crer.
Necesitamos
comprometernos en dicirlle si á invitación que nos fai Xesús de facer da súa
mensaxe non dogma, senón vida e presenza que anime e una na tarefa común.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·
Porque os nosos
medos van impedindo que actuemos con liberdade e alegría, SEÑOR, QUE TE
BUSQUEMOS DESDE A TOLERANCIA E O SERVIZO AOS DEMAIS.
·
Porque nos
custa valorar e agradecer o que os demais fan por nós, CRISTO, QUE TE BUSQUEMOS
DESDE A TOLERANCIA E O SERVIZO AOS DEMAIS.
·
Porque non
acabamos de afastar de nós os ventos do egoísmo, a falta de humildade e non
escoita do que os demais nos din, SEÑOR, QUE TE BUSQUEMOS DESDE A TOLERANCIA E
O SERVIZO AOS DEMAIS.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·
Porque a súa
misericordia é eterna: O Papa Francisco vén de convocar o ano da misericordia.
Un ano para tomar conciencia de que sen a misericordia a vida dos que nos
chamamos cristiáns convértese en baldío, en ermo, en baleiro. Dicir Deus é
dicir sempre misericordia, acollida, escoita, proximidade, perdón,
empatía... tenrura agarimosa de quen nos deixa as mans e os pés libres para
andar en liberdade, como facía Xesús. El foi capaz de mostrarnos que non era
algo teórico e irrealizable, senón todo o contrario: misericordia é abrir o
corazón a quen temos ao lado, a quen sabemos que non pensa coma nós, a quen
necesita ser acompañado e non o sabe. Si, misericordia é poñer o corazón dun
nós demais. Por iso practicar a misericordia vén sendo como ofrecer o corazón
para poder transplantarllo a quen vive na xenreira, na envexa, no odio, na
mentira... na vinganza. Facer/nos un transplante de corazón para que nunca
volva endurecer; é darlle a posibilidade a quen temos máis preto a poder ver a
vida con outros ánimos, con outras forzas, con outros ollos. Os ollos de quen
sabe aprender a valorar e a agradecer o que os demais poden, saben e fan por
nós.
·
A esta riada de
misericordia é á que nos chaman as palabras que Paulo lles dirixe aos corintios.
Desde a eternidade da misericordia de Deus –sen principio nin fin– o seu amor
prémanos, fai que non quedemos quietos, chámanos a movernos, a darlle á vida
todo o dinamismo de solidariedade e renovación que tantas veces nos falta. E
este apuro ten que levarnos a ser criaturas novas e cheas de gozo, a non ter
medo a deixar o vello atrás, a superar a tentación de quen só quere vivir na
nostalxia do que foi de outro tempo e que agora xa non -nunca máis-, poderá
ser. É a este amor –real e situado en cada paso do día a día da vida- ao que
temos que responder cada un de nós. Prémenos o seu amor porque nos chama, con
urxencia, a ser homes e mulleres que non teñen medo ao presente e que non
renuncian/mos a facer da Igrexa e da vida de fe unha experiencia renovada. Ser
criaturas novas é saber poñer o amor como guieiro no camiño da vida. Porque o
importante non é o camiño, todos/as temos que andalo, senón o amor que poñemos
nel. E aquí é onde nos diferenciamos os que queremos facelo desde o amor que
descubrimos e aprendemos de Cristo, e os que non. Porque se o vello pasou,
traballemos para facer do novo esperanza agradecida do Deus que, sabendo ser
amigo dos seus amigos, pasou pola vida facendo o ben.
·
E tan ben o
fixo que ata o vento amainaba. Coma El, tamén nós estamos hoxe chamados a
traballar para amainar os ventos que destrúen, que enganan, que non son
transparentes, que menten, e se corrompen, que exclúen, que se aproveitan e
benefician dos máis pequenos e sinxelos... de quen non acaba de entender que a
misericordia esixe cambiar o corazón a novas actitudes. E ademais a facelo sen
medo. A que habemos, entón de ter medo? Nunca estaremos solos, nunca nos
afundiremos, se de verdade queremos.
FRATERNIDADE ORANTE
Neste
momento da nosa oración comunitaria, unimos palabra e corazón e dicimos xuntos:
QUE
SEXAMOS SEMENTADORES DE MISERICORDIA
Para
que entre todos construamos unha Igrexa viva, solidaria e preocupada cos “gozos
e esperanzas” das xentes do noso tempo, OREMOS.
QUE
SEXAMOS SEMENTADORES DE MISERICORDIA
Para
que non poñamos na vida dos nosos veciños e amigos ventos de dor, tristura e
indiferenza, OREMOS.
QUE
SEXAMOS SEMENTADORES DE MISERICORDIA
Para
que saibamos agradecer e valorar canto os demais fan por nós cando poñen o seu
tempo a facer que a nosa vida sexa máis agradable e feliz, OREMOS.
QUE
SEXAMOS SEMENTADORES DE MISERICORDIA
Señor,
que non deixemos que o medo atenace a frescura da túa palabra, para que non
faga da nosa vida ritualismo reseco e rancio dunha Igrexa que non serve, senón
que se serve. P.X.N.S. Amén.
OÍDOS ATENTOS
"Señor:
Hoxe necesito falar contigo con sinxeleza pobre,
con corazón
quebrantado pero enteiramente fiel.
Sufro, Señor,
porque teño
medo,
moito medo, máis
ca nunca.
Eu non sei por que, ao mellor, si sei por
que:
porque Ti, Señor,
adorablemente o queres.
E eu acéptoo.
Pero tamén
escoito a túa
voz de amigo:
"Non teñas
medo, non se turbe o teu corazón.
Son eu. Eu estarei contigo ata o
final."
Repítesmo sempre Señor,
e nos momentos más
difíciles,
suscita ao meu redor almas moi sinxelas
que mo digan no teu nome.
Teño medo, Señor,
moito medo.
Medo de non comprender aos meus irmáns
e dicirlles as palabras que necesitan.
Medo de non saber dialogar,
de non saber elixir ben aos meus
colaboradores,
de non saber programar as cousas,
de deixarme premer por un grupo ou polo
outro,
de no ser suficientemente firme.
de preocuparme excesivamente polas cousas
ao modo humano,
e entón,
estou seguro de que me irá mal.
Por iso, Señor,
pido a túa
axuda.
Xesús, ensíname
a dicir que si e a non deixarme esmagar polo medo."
(Cardeal
Eduardo Pironio)
RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario