Ficha e Lectio - Domingo 12 Ord. B
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO XII DO TEMPO ORDINARIO
(Ano B: 21 de xuño 2015)
O
curto texto do evanxeo de hoxe atribuído a Marcos agacha en si na súa brevidade
fonduras misteriosas e conmovedoras. Semellantes ás que adoitamos asociar coa
vivencia do mar fondo e inmenso, onde ocorre a escena que acabades de escoitar.
Voume
limitar a facer só algún, tamén curto, comentario, que poida servir quizais
para unha mellor comprensión da mensaxe que se nos anuncia. Pois nós vivimos
tamén á beira do mar e sabemos algo da súa grandiosidade, do seu perigo e dos
temidos e violentos fenómenos que se
producen cando o vento e as ondas do mar se enfrontan conxuntamente á cativeza
humana. Respecto hai que lle ter sempre ó mar. Malia ser el por outra parte abondosa fonte de posibilidades e de vida.
No
centro da escena está evidentemente Xesús, aínda que semelle non estalo polo
menos durante o tempo en que está a botar unha cabezadiña na barca. É o Xesús
amigo de pecadores e de pescadores, pois el sempre estará alí onde haxa xente
precisada de compañía e de compaixón. O cansazo tamén o acompaña a el. Sabemos
que Xesús estaba durante o día á disposición da xente necesitada e marxinada e
que pola noite dedicaba aínda abondoso tempo á conversa tranquila e a soas co
seu pai benquerido.
Durante
o día era moi forte no seu corazón o lume interior que o levaba e empuxaba a
manifestar a todos a boa mensaxe, chea de consolo, alegría e esperanza. Mais hoxe,
“á tardiña” (tal como o comenta o texto evanxélico), proponlles Xesús ós
discípulos deixar a concorrencia da xente para se trasladaren á outra banda do
mar, algo así coma se fose navegar polo mar de Vigo a Cangas. Era un bo
momento, próximo xa ó solpor, para que Xesús botase unha soneca. Falta lle
faría tralas tarefas do día. Alí o vence axiña o sono, deitándose sobre un
cabezal na popa da lancha. Sono fondo tamén o de Xesús, semellante ás fonduras
do mar que ó comezo o arrola mansamente coas ondas. As ondas que logo se
encrespan non chegan a perturbar a paz infinita dun Xesús que durme tranquilo,
sentíndose como se sente sempre benquerido polo seu Pai do ceo. No quente colo
do seu Pai-Nai, dorme Xesús confiado e seguro.
Marabilloso
sería poder dispor hoxe dun vídeo que reflectise esa actitude confiada e serena
dun Xesús que dorme así, tranquilo coma un neno, na popa dunha lancha amiga. Por
moito ruído de voces e berros que haxa arredor dun neno que dorme, sabemos que
non é doado espertalo do seu sono tranquilo e confiado. Para el seus pais son
coma deuses, todopoderosos e bos sen límites. Non ten el nada que temer.
No
caso de Xesús, é moita desde logo a entrega que o Pai lle pide ó seu fillo
benquerido no anuncio e na práctica da boa nova, mais el é ben consciente de
que está nas boas e seguras mans do Pai. Do mesmo xeito que os nenos sacoden e escorrentan
medos e pantasmas, deixando que o sono e os soños veñan a eles desde a
plataforma segura do colo dos seus pais, así ocorre con Xesús. Con razón lles
dirá nalgún momento ós seus discípulos: “Se non vos facedes coma nenos, non
entraredes no reino dos ceos”.
Se
queremos, pois, durmir e soñar en paz, teremos que aprender tamén a vivirmos en
paz con nós mesmos, cos demais e, polo tanto, co Deus pai de todos. É dicir,
teremos que chegar a acadar aquela “confianza básica”, tamén a nivel relixioso,
da que falan os psicólogos a nivel simplemente humano e que tan necesaria é
para o desenvolvemento da nosa vida.
O
mar era no imaxinario dos tempos de Xesús un lugar onde habitaban os monstros,
os monstros mariños, que poderían pór en perigo ós que se achegaban a el. Foi
esta ameaza, propiciada polos ventos enfurecidos, a que encheu de inseguridade
e angustia ós compañeiros de Xesús que non podían comprender como o seu mestre
podía estar aínda tan tranquilamente durmido tendo como leito unha lancha fortemente
azoutada polo turbillón.
Os
discípulos de Xesús están, efectivamente, atenazados polo medo e vano estar
tamén trala intervención de Xesús, aínda que entón os vaia afectar un tipo de
medo moi distinto. Cando Marcos, ou algún outro descoñecido autor deste evanxeo
atribuído pola tradición a Marcos, fala dos medos dos que viaxaban con Xesús na
barca, utiliza de feito palabras gregas distintas para se referir ó primeiro medo
(o medo de afogaren todos) e, despois, ó medo, ó “medo enorme” (tal como se di
no relato), co que quedaron afectados os discípulos trala calma do mar producida
polas palabras de Xesús.
O
primeiro medo era o medo dos que estaban temerosos e acovardados (“deiloí”)
ante a furia do mar e do vento. Sentíanse efectivamente incapaces de lle facer
fronte a una situación angustiosa. En cambio, o segundo “medo” (“fóbos” en
grego) resulta ser algo semellante ó que os estudosos da historia e
fenomenoloxía das relixións (Rudolf Otto sobre todo) chaman o “tremendum”, aquilo divino que fai
tremer e suscita ó tempo respecto e admiración.
Os
discípulos pasan, pois, dun tipo de medo -medo ós elementos da natureza- a
outro medo de tipo superior e distinto (“medo enorme”) ante quen se presenta
como aínda máis poderoso ca eses elementos naturais. Un medo, ou máis ben
pasmo, producido agora nos discípulos por alguén que non parece diferenciarse deles
en nada especial, pois ata había ben pouco estaba el a durmir vencido polo sono
na propia e indefensa barca. “Quen será este ó que mesmo o vento e o mar
obedecen?”, comentan abraiados e cheos de temeroso respecto os discípulos.
Atopámonos
unha vez máis ante o misterio de Xesús, un que é coma nós, mais en quen o Pai
Deus puxo tódalas súas compracencias. Non nos queda outra opción senón crer ou
non crer nel, na súa persoa. Xesús, na súa crítica ás angustias e medos dos
discípulos contrapón nidiamente tales medos á “fe”, na que non parecen aínda
abondar os seus discípulos: “Por que tendes tanto medo? Seica aínda non tendes
fe?”. Se para Xesús a fe é aquela que é capaz de mover montañas, tamén é aquela
que é capaz de paralizar perigosos movementos de ventos e mares.
Nesta
opción entre crer ou non crer, entre ter fe ou non tela, está en xogo, alá no
fondo, a nosa felicidade ou infelicidade, a nosa esperanza ou desesperanza,
unha vida dominada por medos e angustias ou pola confianza filial e fraternal.
Xesús
preséntase ante nós como unha verdadeira “graza”, é dicir, como unha grande,
alegre e gratuíta noticia para a humanidade toda. Deámoslle grazas a Deus nesta
eucaristía, que é xustamente iso: acción de grazas.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímosche a ti, Pai de Xesús e Pai noso, a nosa
oración comunitaria, dicindo: ESCÓITANOS,
PAI.
- Dános, Pai, unha fe tan fonda en ti e no teu
fillo Xesús que encha a nosa vida de confianza
e alegría pola palabra recibida de ti.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Concédenos, Pai, fortaleza e esperanza antes as
dificultades que atopemos nas nosas vidas
para así podermos superalas coa axuda da túa graza.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que a túa palabra manifestada no teu
fillo Xesús sexa coñecida e aceptada por tódalas
persoas, fillos teus e irmáns de Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2015/06/21-de-xuno-domingo12-do-tempo-ordinario.html
Comentarios
Publicar un comentario