Ficha e Lectio - Domingo 5 Coresma B
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO V DE CORESMA
(Ciclo B:
22 marzo 2015)
O
tempo corre e estamos case na entrada da Semana Santa, pois o próximo domingo é
xa Domingo de Ramos.
Entre
tanto, seguimos a profundar no sentido e na práctica da conversión á que nos
animaba a liturxia do Mércores de Cinza ó comezo da Coresma, cando se nos
dicía: “Convértete e cre no Evanxeo”, é dicir na boa, na alegre nova de Xesús.
Porque
é xustamente a grandeza da boa mensaxe de Xesús a que nos fornecerá forzas e bo
ánimo para levarmos a nosa cruz, a cruz de cada un, seguindo a Xesús que vai
diante nosa levando a súa, sempre meirande cá nosa. Porque, por Xesús e en
Xesús sabemos que trala cruz está sempre a Resurrección e o Deus da felicidade
plena, é dicir, non rebaixada nin desvirtuada.
Cóntanos
hoxe Xoán que había uns crentes de relixión xudía pero de orixe grega que
querían ver a Xesús. En certo modo, cando pola nosa parte dicimos que nos
gustaría sabelo todo ou telo todo, estamos a dicir tamén que nos gustaría ver a
Xesús, se é que a Xesús o consideramos como a manifestación visible de Deus. Os
filósofos gregos falaban moito sobre Deus, pero iso de que Deus se fixera un de
nós e que nos prometera a resurrección non lles cabía na cabeza. Por iso
despediron de boas maneiras, como sabemos, o apóstolo Paulo cando lles empezou
a falar deste tema. Estes crentes gregos que buscaban a maneira de veren a Deus
na súa manifestación en Xesús eran, polo tanto, gregos dunha caste moi
diferente.
Hai
unha lenda que di algo así coma isto. Unha vez un rei convocou a tódolos magos,
sabios e sacerdotes do seu reino. Ameazounos cos castigos máis terríbeis se non
lle amosaban a Deus. Inquedos e desesperados, andaban de aquí para alá, sen
saberen que facer. Mais velaquí que chega un pastor que lles di que el era
capaz de darlle unha solución ó problema. Correron a presentarllo ó rei. O
pastor levou entón o rei a unha terraza e sinaloulle o sol, dicíndolle ó mesmo
tempo: Mírao! No mesmo intre o rei baixou os ollos berrando: Queres deixarme
cego. Entón díxolle o pastor ó rei: Señor, o sol é só unha cativa criatura do
Creador, unha pequena muxica do seu esplendor... Como podes pensar en poñeres
os teus ollos sobre El en persoa?
Os crentes de nación grega, bos sabedores de que
Deus non podía caber nas nosas mentes, sabían tamén, e quizais polos propios apóstolos
de Xesús, que este dixera algunha vez
que quen o vía a El vía tamén ó Pai, é dicir, a Deus mesmo. Pois dáse a
casualidade de que Xoán nos fala (no evanxeo de hoxe) do apóstolo Filipe como o
primeiro do que botaron man os crentes gregos para que os presentase a Xesús e
o visen. E seguramente lembrades que foi xustamente a Filipe a quen se dirixiu
unha vez Xesús dicíndolle: “Filipe, quen me ve a min, ve ó Pai”. Os crentes
gregos saberían polo tanto que Xesús se presentaba como a verdadeira imaxe,
viva e humana, do que é Deus, do que é Deus Pai. Deste xeito Xesús viña actuar,
cabería dicir, á maneira desa lente escura, humana, coa que podemos observar un
eclipse solar sen que o sol nos estrague a vista.
Pero
aínda así, é dicir, aínda sabendo que por medio de Xesús podemos coñecer como é
Deus e, en consecuencia, como debemos comportarnos nas nosas vidas, o tema non
resulta doado. Non chega toda unha vida, por longa que sexa, para profundar na
grandeza e no misterio de Xesús e da realidade toda da que somos parte.
No
evanxeo deste domingo apela Xesús tamén á realidade natural para aprendernos
cómo é El realmente. Hoxe en día, moitas persoas, xa desde a nenez, están pouco
acostumadas a conviviren coa natureza. Non teñen experiencia directa e repetida
do que ocorre cando se sementa e nace unha pataca, ou do que lle pasa a un gran
de millo ou de trigo desde que se sementa, e así en relación con moitas máis
cousas da natureza... Teño anécdotas moi curiosas sobre este descoñecemento que
vos farían pensar e tamén rir moito.
Coido
que non é nada bo esta ausencia de contacto tranquilo e longo coa natureza.
Entre outras razóns, porque a través da natureza se expresa tamén Deus, se é
verdade que é Deus o autor dela. Quizais por iso a xente sinxela, en contacto
continuado coa natureza, non poucas veces entende mellor a mensaxe de Xesús ca
aqueles ós que lles dá noxo enzoufarse coa lama da terra.
Sobre
isto velaquí unha anécdota que lin algunha vez e que ten bastante que ver co
que hoxe se nos di no evanxeo. Nun funeral, para presentar dun xeito algo
plástico á xente a vida e a resurrección despois da morte, como se estaba no
tempo da sementeira das patacas, ocorréuselle a un párroco falar da pataca, que
se bota no rego, que podrece e que xustamente desa podremia sae a planta.
Suponse que a xente entendeu a cousa. Pero de alí a poucos días, noutro
funeral, antes de empezar, un da familia do novo defunto entrou na sancristía e
díxolle ó párroco: “Señor cura, eu víñalle pedir que, se fai o favor, non me
lles fale das patacas...”.
Ben.
Pois aínda que poida parecer non moi fino e ata algo ofensivo iso de falar das
patacas en relación cun defunto e coa resurrección, convén lembrar que o mesmo Xesús
empregou comparacións semellantes para falarnos destes temas fondos e
importantes. Concretamente para falar da súa morte, da súa resurrección e tamén
da nosa. Oístelo hai pouco: Se o gran de
trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito
abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste
mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna.
Puido
Xesús empregar igualmente a comparanza coa pataca. Se non o fixo, foi por unha
razón moi simple: porque no seu tempo e no lado de acá do Atlántico non se
sabía aínda o que era unha pataca, pois as patacas só se deron a coñecer fóra
de América despois do descubrimento do continente americano.
Cómpre,
pois, ollarmos amodo e con calma cara á natureza. Seranos así máis doado chegar
a albiscar o significado da vida, da morte e da resurrección de Xesús e, en
consecuencia, o grandioso sentido da nosa vida.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
En
unión con Xesús e por medio del diriximos conxuntamente a nosa oración a Deus
Pai para que robusteza a nosa fe na boa nova do evanxeo, dicindo: ESCÓITANOS,
PAI.
-
Dános Pai fe fonda na palabra anunciada polo teu fillo Xesús.
TODOS:
ESCÓITANOS, PAI.
-
Apréndenos, Pai, a sabermos mirar e admirar a natureza toda, na que se agacha o
misterio da túa realidade, que é sempre vida.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Énchenos, Pai, a todos de alegría pola túa promesa da resurrección e tamén de
fervente ánimo para anunciala a tódalas persoas.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso
Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario