Domingo 4 de Coresma - ciclo B
4º DOMINGO DE
CORESMA - CICLO B
Primeira
Lectura 2 Crón 36, 14-16. 19-23
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DAS CRÓNICAS
A
ira e a misericordia do Señor maniféstanse no desterro e liberación do pobo
Naqueles días, as autoridades de
Xudá, os sacerdotes e o pobo obraron inicuamente, imitando as abominacións dos
pagáns e profanando o templo que o Señor consagrara en Xerusalén.
O Señor, Deus de seus pais,
mandáballes continuamente mensaxeiros, porque sentía compaixón do seu pobo e da
súa morada; pero eles burlábanse dos mensaxeiros de Deus, ríanse das súas
palabras e mofábanse dos profetas, ata que a ira do Señor se acendeu sen
remedio contra o seu pobo.
Os caldeos conquistaron Xerusalén,
incendiaron o templo, derrubaron a muralla, prenderon lume a todos os seus
palacios e esnaquizaron todos os obxectos de valor. Levaron consigo desterrados
a Babilonia os superviventes da matanza e foron escravos seus e dos seus
descendentes ata o triunfo do reino persa.
Cumpriuse así o que anunciou o Señor
a Xeremías, e a terra gozou do seu descanso sabático todo o tempo que estivo
desolada, ata cumprirse setenta anos.
O ano primeiro de Ciro, rei de
Persia, o Señor, para cumprir o que anunciara por medio de Xeremías, moveu a
Ciro, rei de Persia, a promulgar de palabra e por escrito en todo o seu reino:
‑"Ciro, rei de Persia, decreta:
O Señor, Deus do ceo, entregoume todos os reinos da terra e encargoume
construír un templo en Xerusalén de Xudá. todos os dese pobo que viven entre
nós poden volver. E que o Señor, seu Deus, estea con eles".
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 136, 1-2. 3. 4-5. 6
R/.
(6a): Que se apegue a miña lingua ao padal, se deixo de pensar en ti.
Á
beira dos ríos de Babilonia
sentabamos
a chorar,
con
saudades de Sión.
Nos
salgueiros das ribeiras
penduramos
as cítolas.
Alí
os que nos desterraran
pedíannos
palabras de cantares,
os
nosos verdugos, himnos alegres:
"Cantádenos
cántigas de Sión".
Como
cantar un canto do Señor
estando
en terra allea?
Se
me esquecese de ti, Xerusalén,
que
seque a miña man dereita.
Que
se apegue a miña lingua ao padal,
se
deixo de pensar en ti,
se
non poño a Xerusalén
por
riba de toda ledicia.
Segunda
Lectura Ef 2, 4-10
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Os
que morrestes ao pecado, fostes salvados pola graza
Irmáns:
Deus, que é farturento en
misericordia, polo grande amor que nos amosou cando estabamos nós mortos polos
nosos pecados, fíxonos revivir con Cristo (salváronvos por pura benquerenza) e
resucitounos con El e con El fíxonos sentar no ceo en Cristo Xesús, para
mostrarlles aos séculos vindeiros a desbordante riqueza da súa graza, manifesta
na bondade que tivo connosco en Cristo Xesús.
Porque vos salvaron por graza,
mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus; e non vén das obras, para
que ninguén se poida gabar.
Somos, logo, feitura del, creados en
Cristo Xesús para facer obras boas nas que Deus dispuxo de antemán que
camiñemos.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Xn 3, 16
De
tal xeito amou Deus o mundo,
que
lle deu o seu Fillo Unixénito;
quen
cre nel, ten vida eterna.
Evanxeo Xn 3, 14-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Mandou
Deus ao seu Fillo para que, por mediación del, se salve o mundo
Naquel tempo, díxolle Xesús a
Nicodemo:
- Como Moisés alzou a serpente no
deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña
vida eterna.
Pois de tal xeito amou Deus o mundo,
que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda,
senón que teña vida eterna.
Non mandou Deus o Fillo ao mundo
para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel,
non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo
Unixénito de Deus.
Nisto consiste o xuízo: en que,
vindo a luz ao mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas
obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal odia a luz e non vén cara á luz,
para que non o delaten as súas obras.
Polo contrario, o que obra a verdade
vén cara á luz, para que se vexan as súas obras pois están feitas como Deus
quere.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
As novas Babilonias van desterrando, porque non
gustan nin interesan, ás persoas que non cumpren os patróns impostos polos que
mandan: guapos, famosos e triunfadores, que saben vender fume pero non tender
unha man a quen a necesita – 4º Coresma
B - 2015
SINAL DE CORESMA: Continuamos poñendo dúas folliñas máis, que rematarán o brazo horizontal da
cruz.
ESCOITA ACTIVA
Babilonia
era para uns o triunfo, a riqueza o dominio. Porén, para moitos outros era
escravitude, sometemento e indiferenza. O pobo de Israel pertencía a este
último grupo. Pouco a pouco foran perdendo a frescura da fe, o alento por
traballar comunitariamente, e a esixencia de non deixarse levar polo fácil e
cómodo. Nunha palabra: esquecéronse de Deus. Neste esquecemento escribiu Israel
a súa propia desfeita. Todo se veu abaixo, o que foi a ocasión para que os
babilonios os someteran e deportaran. De novo volvían ter que marchar do su
país para ser escravos dos triunfadores, dos que daquela tiñan o poder.
Como naquel tempo,
tamén nós, como sociedade e persoalmente, fomos esquecendo e desterrando a Deus
das nosas vidas. Non era moderno, non era racional, todo era unha mentira,
diciamos. Ocultar a Deus supuxo tamén ocultarnos uns a outros e caer na máis
absoluta indiferenza. Nada importa, todo dá igual e só queda protexerse para
que namentres lles toque a outros non me alcance a min.
A onde nos leva isto? Cara onde imos?. A pesar desta teimosía dos humanos,
Deus segue a termar de nós, a querernos. Para El seguimos a ser visibles; e
chámanos a nós a non permitir que ningún poder, abuso ou escravitude someta e
manipule a cantos somos feitura das súas mans e quentura do seu corazón.
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
·
Por deixar que o sufrimento das persoas
sexa cada vez maior, sen mover un dedo para impedilo, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA INDIFERENZA.
·
Por pechar os ollos ás inxustizas que
vemos cada día, esperando que sexan outros/as que dean o primeiro paso, CRISTO, NON NOS
DEIXES CAER NA INDIFERENZA.
·
Por andar demasiado ocupados en
aparentar o que non somos, esquecéndonos de coidar o que é importante para as
persoas, SEÑOR, NON
NOS DEIXES CAER NA INDIFERENZA.
PALABRA ENRAIZADA
Babilonia era o
desterro, a separación, o fracaso como pobo disposto a non deixarse vencer pola
influencia de canto facía que as persoas non fosen importantes, senón medios
aos que aproveitar para sacarlles proveito. E nada mellor que sometelas,
reducilas polo medo e a violencia ao que dispuxeran os que mandaban. Isto
supúxolle a Israel volver coller o camiño do exilio, do desmembramento coma
pobo, da pobreza e do sometemento. Inda que pasaron anos, hoxe, podemos dicir,
que van aparecendo novas “Babilonias” que tamén pretenden someternos,
dominarnos, facer de nós monicreques manipulables ao antollo das súas propias
decisións. As babilonias de hoxe vannos quitando as ilusións, a confianza, o
sorriso e a foza da palabra dada para introducir criterios de rendibilidade, e
visións puramente en perspectiva económica -canto poida sacar de aquí– das
persoas. Temos un número de identificación que vai solapando o noso nome e a
nosa identidade. Péchannos en cifras ou en estatísticas. Pero non importa
porque os que gañan, os de sempre, sacarán tallada disto. E os que quedan nas
beiras –os descartes, como di o papa Francisco– son peóns necesarios que teñen
que inmolarse para que as cifras cadren, os balances se publiquen e as palabras
saian da boca dos poderosos de maneira engaiolante e sen ningún tipo de mala
conciencia. O que vale son os resultados, mellor, os bos resultados. Inda que
estes sexan a custa da dignidade e o recoñecemento das persoas, de todas
aquelas ás que só se recorre cando veñan as eleccións e hai que xustificar un
gran número de papeletas nas urnas. Israel, cando se deu conta do seu erro,
tivo conciencia de que non podía quedar quedo, había que moverse e actuar. Non
bastaba coa nostalxia de sentar na ribeira do río lembrando con morriña a súa
terra. Na persoa de Ciro reflíctese o cambio de actitudes e a toma
de conciencia para poñer un punto e aparte no que foi, para apostar polo que
será, o que vai ser. Como a eles, tamén a palabra de Deus invítanos, neste
tempo de coresma, a cada un/ha e nós a cambiar o rumbo, a ser protagonistas
comunitarios de tódalas cousas que entre todos/as é posible realizar. O
individualismo non leva a ningures, o traballo en común devolve as esperanzas e
a dignidade que outros/as intentaron sacarnos. Poñámonos logo en camiño.
A farturenta
misericordia da que fala Paulo na carta aos efesios, ha ser para nós pulo que
nos faga mobilizarnos e superar a paralización na que tantas veces camiñamos.
En Cristo ábrensenos unha visión e unha acción novas e profundas. Novidade e
profundidade que supoñen un actuar limpo, sen medias verdades, sen agochar o
que nos fai humanos e cheos de erros, sen pretender vendernos como se foramos
inmaculados e sen tacha. Esta novidade que nos ofrece Cristo o que fai é
humanizarnos, sen crernos os novos deuses, ou os novos salvadores. Sós non
iremos nunca moi lonxe, coa verdade e en comunidade, si que poderemos camiñar
acadando avances e logros de humanización, de felicidade e de salvación. Ser
feitura de Deus é unha esixencia, un compromiso que pide de nós non converter a
fe en algo accesorio, en rutina, en costume ou divertimento. A fe ha ser raíz desde
onde abordar problemas e tratar de atopar en unión solucións desde a escoita
plural de todos, aínda que non sexan dos “nosos”. Porque o seguimento de Xesús,
foi, é e será un camiño que temos que percorrer sen cansar ata conseguir o
maior dos bens: o ben común; que nós chamamos plenitude, resurrección e vida.
Por aí han camiñar as nosas vidas, preocupándonos mais de acoller, acompañar e
buscar puntos de unión que de xulgar, condenar e ter sempre a palabra na boca
antes de escoitar o que a outra persoa está a dicir. Xesús foi mestre neste
camiño. A coresma quere ser medio para volver a El logo de ternos apartado.
Aproveitémolo!
FRATERNIDADE
ORANTE
Agradezamos xuntos a Deus o agarimo e a tenrura coa
que se vai achegando a nós, e digamos:
GRAZAS, SEÑOR, POR NON XULGARNOS
·
Para que a Igrexa sexa unha comunidade de
acollida, de solidariedade e de misericordia, esforzándose por levar a tenrura
de Deus a quen se atopa desacougado/a, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR NON XULGARNOS
·
Para que nas nosas comunidades
aprendamos a pensar o que dicimos antes de ferir os que están máis preto de nós
coas nosas palabras, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR NON XULGARNOS
·
Para que saibamos estar sempre ao lado
das persoas que non teñen traballo, están enfermas ou non acaban de atopar
camiño nin acougo nas súas vidas, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR NON XULGARNOS
Señor, poñemos na túa
man as nosas preocupacións e desacougos, sabendo que ti nunca nos das as
costas, senón que nos acolles e acompañas sempre. P.X.N.S. Amén.
MIRADA
ESPERANZADA
“Se un membro sofre, todos sofren con el” (1 Co 12,26) –A Igrexa 1. “O
cristián é aquel que permite que Deus o revista da súa bondade e misericordia,
que o revista de Cristo, para chegar a ser coma El, servo de Deus e dos homes”.
2. “A Coresma é un tempo propicio para deixarnos servir por Cristo e así chegar
a ser coma El. Isto sucede cando recibimos a Eucaristía, onde nos convertemos
no que recibimos: o corpo de Cristo. Nel non hai lugar para a indiferenza”.
3. “A Igrexa é communio sanctorum –comuñón dos santos- porque nela
participan os santos, pero tamén é comuñón de cousas santas: o amor de Deus que
se nos revelou en Cristo e todos os seus dons”.
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
Na nosa terra
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario