8 de marzo - Día da Muller, tamén na Igrexa
Xa hai un
tempo xa que me ofreceron pertencer a este grupo de mulleres, e non puiden dar
o paso, pero vistas as últimas implicacións personais na diocese e actitudes
que non se manifestan pero que se notan, penso que é un movemento a ter en
conta e francamente necesario na Igrexa. É momento xa de escoitar ás mulleres e
de limpar xestos, sen complexos e con espírito de humildade. As mulleres non
necesitamos que nos salven -xa sabedes que non somos princesas-, as voces de Xesús e Paulo resoan no corazón, (Lc
8,1 : Xesús púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a
Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os Doce e mais algunhas mulleres / Gál 3, 28E todo iso de
xudeus e gregos; de escravos e libres, de homes e mulleres, todo iso acabou,
pois sodes coma un só en Cristo Xesús.), só que nos recoñezan como iguais,
tamén na Igrexa.
Subscribo os
sentimentos e a dor das mulleres da Igrexa recollido no documento, é hora de
dar pasos... Tócavos a vós, os homes, ler con ollos de evanxeo na alma das
vosas compañeiras de andaina: a vosa nai, a vosa muller, a vosa irmá, a vosa
compañeira na catequese... hai moita dor e frustración nelas, escoitádeas.
NÓS, as MULLERES NA IGREXA
Asociación
Mulleres Cristiás Galegas-Exeria
Nós, as mulleres na igrexa… Somos mulleres de gran fe,
sentímonos moi queridas por Deus
e sentímonos pertencer de pleno dereito á Igrexa.
e sentímonos pertencer de pleno dereito á Igrexa.
INDIVIDUALMENTE
As mulleres na Igrexa somos valiosas, vimos
traballando nas parroquias e nos diversos ámbitos da Igrexa empregando a nosa
enerxía, o noso tempo e moito amor, con grande implicación ao longo de moitos
anos da nosa vida.
Dende hai décadas, as mulleres vimos desenvolvendo
actividades, traballos e funcións numerosas dentro da Igrexa: animadoras de
grupos de catequese e confirmación, profesoras de relixión, encargadas da
limpeza e do coidado dos templos; participamos en movementos, estudamos
teoloxía, promovemos grupos de oración, exercemos cargos directivos en
colexios, coordinamos catecumenados de xente adulta, traballamos en formación,
colaboramos en asociacións eclesiais, animamos a liturxia dos domingos, etc.
Na actualidade, observamos que se están a vivir
diferentes situacións enmarcadas nunha busca plural:
a. Unhas
sentímonos acollidas e aceptadas nos espazos eclesiais nos que participamos.
b. Outras,
malia notarmos a involución eclesial, seguimos
participando nas nosas parroquias, grupos e movementos, ben por inercia,
ben por fidelidade.
c. Unhas
decidimos non ter implicación parroquial. Decidimos non ir a misa.
Decidimos non desempeñar ningún papel dentro desta estrutura eclesial. A nosa
pertenza á Igrexa é nula na práctica e non sentimos necesidade de “estar aí”.
Experimentámonos na fronteira.
d. Outras
vivimos crises vitais e nelas descubrímonos na nosa dimensión de muller,
ampliando a propia conciencia feminista e entendendo a vida e a fe con novos
criterios, desligándonos dos ámbitos eclesiais por saúde e buscando outros
espazos onde non sentírmonos anuladas.
e. Algunhas
de nós vivimos o noso compromiso promovendo e participando en espazos eclesiais
de base existentes en Galicia (Escola de Espiritualidade, clases de Teoloxía,
Irimia, Encrucillada, Movemento Rural, grupo de Acompañamento Espiritual,
Romaxe de Crentes Galegas/os, misas e actividades de certas parroquias e outros
grupos, etc.), que nos permiten seguir vinculadas desde a nosa fe.
f. Outras
optamos por crear colectivos de mulleres e participar neles. Desde aí,
recreamos novos camiños circulares e igualitarios. Tanto en Galicia como a
nivel do Estado español, as mulleres estamos a autoorganizarnos na Igrexa.
g. Unhas
sentimos cansazo e dor acumulada. Sentímonos defraudadas tras moitos anos
adicados ao traballo dentro da Igrexa. Desde a fe persoal cuestionamos e
vivímonos en conflito constante, fartas de tanta dobre moral. Éntrannos enfado
e carraxe, doídas coa “montaxe eclesial” que sentimos lonxe do camiño de Xesús.
A nosa relación coa Igrexa tórnase de amor/odio, e na medida en que nos
empoderamos sabemos que “eles” sós non representan a Deus na Terra.
h. Outras
sentímonos desorientadas: o que viviamos antes xa non nos vale e aínda non
temos outras referencias claras.
i. A
maioría seguimos a vivir desde unha dimensión espiritual que nos resulta vital
e que xorde desde o fondo do noso ser de mulleres.
COMO COLECTIVO
a. Somos maioría numérica dentro da Igrexa e somos conscientes de
que, durante séculos, estivemos a sostela. Notamos que deixamos moitas das
nosas enerxías na Igrexa e descubrimos que se dá, en cambio, unha total falta
de recoñecemento cara nós.
b. Os mecanismos de relación aprendidos
son xerárquicos (de “arriba a abaixo”). Para os estamentos xerárquicos
(curas, bispos), as mulleres somos un colectivo ao que dirixir. O noso papel
aprendido socialmente é aceptar e traballar, coidar e servir, e iso levámolo
aos ámbitos eclesiais, reforzado por unha espiritualidade patriarcal
sacralizada.
c. Constatamos que a Igrexa nos
invisibiliza coma mulleres e coma colectivo de mulleres. Reforza que
existamos en silencio e caladas, sen reaccionar ante esta situación. As
mulleres provimos dunha formación social e eclesial onde a norma é “estar
caladiña e portarse ben”. A nosa configuración de xénero obstaculiza saír dese
patrón de conduta e lévanos a claudicar e contemporizar en moitas ocasións.
d. Non podemos deixar de ser
consideradas menores de idade, non podemos expresarnos como adultas, non
podemos mostrar a nosa madurez nin manifestar pensamento propio. Non temos voz
nin autoridade. Non temos ningún poder nin peso nas decisións.
e. Sentimos un desexo fondo de ser fieis
á Igrexa e iso impídenos tomar distancia, porque semella que facer
ruptura coa xerarquía é facer ruptura coa Igrexa.
f. Tendemos a situármonos nos espazos
eclesiais a título persoal, repregándonos na nosa vida individual; un
patrón de opresión que nos dificulta ter clara a nosa identidade como mulleres
e significarnos como colectivo.
g. Na Igrexa xerarquía, a estrutura e o
funcionamento son patriarcais. Os espazos eclesiais están liderados
exclusivamente por homes, a autoridade é masculina e as decisións, nese
contexto, adquiren lexitimidade sagrada desde un Deus masculino.
h. Nos espazos eclesiais de base
existentes en Galicia, onde hai equipos de homes e de mulleres -incluso con
maioría de mulleres-, son os compañeiros homes quen maiormente detentan
imaxe pública e recoñecemento, mentres moitas mulleres realizamos
traballos, gastamos enerxías e tempo e quedamos en segundo plano. Neses equipos
e grupos mixtos tenden a reproducirse as situacións de dominio da sociedade.
i. As mulleres tendemos a priorizar e
traballar en proxectos “para todos” (que tenden a ser masculinos e en
perspectiva masculina) e, en cambio, non priorizarnos os nosos proxectos e os
nosos intereses de xénero.
l. As mulleres estamos espertando á
conciencia de sermos mulleres. Estamos empezando a exercer visiblemente a
nosa capacidade de autoorganización desde esa nova conciencia feminista. Isto
sérvenos de alimento persoal e fai agromar iniciativas con bondade intelixente.
Situámonos nas marxes, noutros tipos de espazos, denunciando. Estamos
desaprendendo a sumisión e os modos de relación patriarcal.
m. Estamos aprendendo a tomar a palabra,
a empoderarnos, a crear pensamento teolóxico propio, a exercer liderados
horizontais e a recoñecer os liderados das outras. Estamos practicando a
solidariedade de xénero, reforzándonos e apoiándonos mutuamente; estamos
practicando o autorizarnos, que é recoñecérmonos mutuamente autoridade. E esa
práctica vai á vida, ao traballo, á familia, á parroquia, á parella, á
comunidade, á política, á vecindade… cun efecto multiplicador.
n. Co feminismo espertamos
á conciencia de sermos mulleres e coa nosa espiritualidade facemos
achegas ao mundo do feminismo.
ñ. As mulleres, individual e
colectivamente, abrimos para a sociedade e para a Igrexa un camiño de ir
espertando a unha nova conciencia.
Nós, mulleres da asociación MULLERES CRISTIÁS
GALEGAS- exeria, individualmente
e como colectivo organizado, queremos tomar o noso espazo e exercer liderado
para os cambios. Queremos dicir a nosa palabra pública, queremos relacionarnos
desde a horizontalidade e construír estruturas de Igrexa desde a igualdade e o
respecto ás diferenzas.
Daquela:
a. Apostamos
por unha Igrexa democrática e plural, onde as mulleres teñamos
liberdade para ser; unha Igrexa que poña en práctica os dereitos sociais e sexa
respectuosa coa achega de mulleres e homes; unha Igrexa de base, de fronteira,
tecendo redes en horizontal e nas marxes; unha Igrexa alternativa cun liderado
distinto.
b. Apostamos
por unha Igrexa que volva ás súas orixes, ao espírito de Cristo e
á súa mensaxe sempre anovadora, liberadora e humanizadora. Os cambios na
Igrexa están a ser lentos, mesmo involutivos nos últimos tempos. Sabémonos nas
marxes e non queremos soster esas estruturas involutivas.
c. Apostamos
por unha Igrexa de mulleres e homes sen medo do propio corpo e, en
concreto, sen medo ao corpo das mulleres, demonizado ao longo dos séculos pola
moral eclesial.
d. Apostamos
por unha Igrexa festiva, de celebración e gusto pola vida, que recupere o
sentido e a dimensión de pracer.
e. Apostamos
por unha Igrexa que rompa co modelo patriarcal: co Deus masculino e
alonxado e coas estruturas de dominación masculinas; unha Igrexa que recupere o
feminino de Deus, capaz de celebralo tamén como Deusa.
Comentarios
Publicar un comentario