Domingo 3 de Coresma

3º DOMINGO DE CORESMA  -  CICLO B



Primeira Lectura     Ex 20, 1-17
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
A lei foi dada por medio de Moisés  (Xn 1, 17)
  
            Naqueles días, o Señor pronunciou estas palabras:
            ‑ "Eu son o Señor, teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.
            Non terás xunto comigo outros deuses.
            Non farás para ti imaxes nin figura ningunha do que hai enriba no ceo, nin abaixo na terra, nin nas augas de debaixo da terra.
            Non te prostrarás diante delas nin as adorarás, pois eu, o Señor, teu Deus, son un Deus celoso.
            No caso dos que me aborrecen, eu castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos.
            Pero no caso dos que me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por todas as xeracións.
            Non pronunciarás en van o nome do Señor, teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo ao que pronuncia en van o seu nome.
            Pensa no día do sábado, para o faceres día santo.
            Traballarás seis días na semana, e neles farás a túa tarefa.
            Pero o día sétimo é sábado, dedicado ao Señor, teu Deus. Nel non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades.
            Porque o Señor fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo día descansou.
            Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo.
            Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor, teu Deus, che dá.
            Non matarás.
            Non cometerás adulterio.
            Non roubarás.
            Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.
            Non cobizarás a casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada de canto é seu".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



Ou mais breve: 20, 1-3. 7-8. 12-17

LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO

            Naqueles días, o Señor pronunciou estas palabras:
            ‑ "Eu son o Señor, o teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.
            Non terás xunto comigo outros deuses.
            Non pronunciarás en van o nome do Señor, teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo o que pronuncia en van o seu nome.
            Pensa no día do sábado, para o faceres día santo.
            Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor, teu Deus, che dá.
            Non matarás.
            Non cometerás adulterio.
            Non roubarás.
            Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.
            Non cobizarás a casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada de canto é seu".

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 18, 8. 9. 10. 11
R/. (Xn 6, 68c): Señor, ti tes palabras de vida eterna.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo;

Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos;

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Son máis cobizables có ouro
máis có metal precioso;
son máis doces có mel,
máis có zume da antera.



Segunda Lectura     1 Cor 1, 22-25
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Predicamos a Cristo crucificado, escándalo para os homes, pero sabedoría para os chamados por Deus

            Irmáns:
            Os xudeus piden signos e os gregos buscan a sabedoría; pero nós predicamos un Cristo crucificado: e isto para os xudeus é un escándalo e para os pagáns  unha loucura.
            Pero para os chamados, tanto xudeus coma gregos, el é Cristo, marabilla do poder e da sabedoría de Deus.
            Porque a loucura de Deus é máis sabia ca toda a sabedoría dos homes e a debilidade de Deus é máis forte ca toda a fortaleza dos homes.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO           Xn 3, 16

De tal xeito amou Deus o mundo,
que lle deu o seu Fillo Unixénito;
quen cre nel, ten vida eterna.


Evanxeo     Xn 2, 13-25
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Destruíde este templo e en tres días heino restablecer
  
            Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores, sentados; vai el e, facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores; e aos que vendían as pombas, díxolles:
            ‑ Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.
            Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".
            Pero replicáronlle os xudeus:
            ‑ Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
            Respondeulles Xesús:
            ‑ Derrubade este templo e erguereino en tres días.
            Retrucáronlle os xudeus:
            ‑ Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?
            Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.
            Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos.
            Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.

 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo





A importancia do ser sobre o ter: somos persoas, somos dignidade, somos libres, somos... fillos e fillas, queridos e agarimados por Deus –3º Coresma  B  2015

SINAL DE CORESMA:  Continuamos poñendo dúas folliñas máis, que perfilarán o brazo horizontal da cruz.

ESCOITA ACTIVA
Que importante é saber quen somos, e que ninguén nos poida confundir. Nas nosas parroquias é habitual escoitar a pregunta: é ti de quen ves sendo? para coñecer a identidade, as raíces o de onde de cada un de nós. Hoxe, os textos que imos proclamar na celebración non necesitan preguntarnos nin quen somos nin de quen somos. Sabémolo: somos fillos e fillas de Deus, e polo tanto iguais en dignidade e merecedores, todos, do mesmo respecto. Non son os números das contas correntes, nin os rexistros da propiedade con posesións ao noso nome nin tampouco a capacidade de aparecer por televisións e revistas o que nos dá a identidade, senón o saber que compartimos un mesmo Pai que nos quere e agarima, e que nun acto de xenerosidade total nos ofrece ao seu fillo coma un igual, para facer, o mesmo ca nós e con nós, a nada doada travesía da vida. É este o gozo que nos leva a poñer o respecto e a dignidade non en consensos nin en acordos, senón no patrimonio que temos en común: a dignidade que nos iguala, identifica e diferenza dos demais seres vivos. Isto é o que esta mañá queremos, xuntos, celebrar, compartir e agradecer.


CORAZÓN MISERICORDIOSO
*        Polas veces nas que nos sobran as palabras e nos faltan os feitos, 
SEÑOR, QUE SAIBAMOS RECOÑECER OS NOSOS ERROS.
*        Polas veces nas que fomentamos a desunión e o enfrontamento, 
CRISTO, QUE SAIBAMOS RECOÑECER OS NOSOS ERROS.
*        Polas veces nas que non deixamos que as túas palabras de vida aniñen no noso corazón,         SEÑOR, QUE SAIBAMOS RECOÑECER OS NOSOS ERROS.


PALABRA ENRAIZADA
O texto do libro do Éxodo destaca, poñéndoa en boca de Deus Pai, a estreita relación que o une co seu pobo. Ambos os dous forman unha unión de identidade que nada nin ninguén pode romper. Se nos paramos a pensar un pouco en relación co noso bautismo, tamén este nos incorpora, de xeito idéntico a Deus. A crismación na fronte e no peito non son máis que expresión desta unión de raíz entre o crente e a Igrexa desde a súa incorporación ao proxecto de Xesús. O bautismo tamén posibilita que cada un/ha de nós deixe atrás o Exipto da escravitude, da corrupción e da falta de liberdade, pasando a ser, para cantos nos chamamos os seus seguidores, a pertenza á Igrexa unha experiencia de liberación que vai facéndonos tomar conciencia de quen somos e cara onde imos: cara esa terra, non física nin espazo temporal, que nos achega á plenitude que Deus, en Xesús, nos ten ofrecido. Un ofrecemento que recolle nese libro que se vai abrindo para cada un/ha de nós e que chamamos as dez palabras a través das que se vai manifestando o proxecto de Deus para con nós. Nel móstrase que desde e para El todas as vidas teñen a mesma dignidade e o mesmo valor, sen que sexa necesario presentar, para que se valoren e respecten, movementos bancarios e papeis de posuír grandes propiedades. Queiramos ou non crelo, a fe iguálanos ante un mesmo Pai liberador a quen chamamos Deus.

De aí que non sintamos vergoña nin medo ao cantar e proclamar que as súas palabras son palabras non para que se esquezan e as leve o vento; senón palabras de esperanza, de proxecto, de plenitude e novidade. Non se esgotan nin se fan vellas co paso do tempo, porque son palabras dirixidas e propostas -non impostas-, desde o amor, o respecto e a dignidade compartida co noso ser a súa imaxe. Son palabras que moven corazóns e persoas á conversión, á renovación e ao cambio de actitudes e comportamentos. Non son palabras para escoitar e esquecer, senón palabras para vivir.

E nelas está o verdadeiro escándalo, pois afirman que é o amor, a solidariedade, a preocupación polo outro/a, a capacidade de poñerse no lugar de quen tes enfronte o que move o actuar dos crentes, o que pode cambiar os nosos corazóns. E diante dunha sociedade que busca inimigos, a Palabra de Deus rompe con esta lóxica do enfrontamento para invitarnos, propoñernos, camiñar na lóxica da escoita, a acollida e a xenerosidade. Isto convértese en verdadeiro escándalo nun mundo cheo de intereses e que só busca gañar a calquera prezo. E claro, esta non é a lóxica na que invita a camiñar Xesús. Por iso Paulo denuncia este gran escándalo para aqueles que non cren: que este xeito de facer as cousas, e de sentirse gratificados por facelas así, é posible. E nesta sabedoría a fe non é negocio nin especulación –cousa que indigna a Xesús– senón oferta de salvación e encontro de fraternidade na busca do común, do que une, do que esperta en nós verdadeira solidariedade. Avancemos logo por este camiño ao longo deste tempo de coresma, porque ao final non está o desencanto, senón a plenitude.


FRATERNIDADE ORANTE
Presentamos a nosa oración comunitaria ao Pai. A El que nos invita a vivir a fe non coma un negocio, senón coma o sentido que alenta e move a nosa vida, respondámoslle dicindo:
GRAZAS, SEÑOR, POR FIARTE DE NÓS
·         Para que en todas as comunidades cristiás saibamos separar o que responde á túa invitación de vivir e acoller a fe na gratuidade; e non a mesturemos con intereses monetarios, de dominio ou de poder, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR FIARTE DE NÓS
·         Para que saibamos vencer a tentación, e non nos deixemos ir por camiños que nos fan insensibles, egoístas e insolidarios diante da dor e tristura dos que temos máis preto, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR FIARTE DE NÓS
·         Para que este tempo de coresma sexa en cada un/ha de nós un tempo de graza que non só nos axude a recoñecer os erros, senón tamén a poñer os medios para superalos e volver a Ti, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR FIARTE DE NÓS
·         Hoxe, no día da muller traballadora, queremos pousar a nosa mirada e a nosa oración en todas as mulleres do mundo, fonte de vida, para que nunca máis vexan tripada a súa dignidade, nin sexan marxinadas polo simple feito de ter nado mulleres, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR FIARTE DE NÓS
Señor, acompaña co teu agarimo a nosa vida comunitaria, e alenta canto hoxe poñemos nas túas mans. P.X.N.S. Amén.


MIRADA DE ESPERANZA
Queres acertar e non sabes que decisión tomar. Tes medo e equivocarte. Non te precipites. Non estás so. Conta con Deus: indícame o camiño que hei seguir (sal 142), envía a túa luz e a túa verdade, que elas me guíen (Sal. 42).
          Andas na procura da luz. Necesitas ver as cousas con máis claridade. Escoitar o mellor que hai en ti. Deus guiarate polo camiño recto. Ábrelle o teu corazón: Ensíname, Señor, o teu camiño para que sega a túa verdade (Sal 85).
          Non te enganes ti mesmo. Purifica a túa mente e os teus desexos. Pídelle axuda a Deus: Non deixes inclinarse o meu corazón á maldade (Sal 140). Actúa con sentidiño e humildade. Busca a verdade de Deus: Búscote de todo corazón. Apártame do camiño falso e dáme a graza da túa vontade. (Sal 118).
(J.A. Pagola, Salmos PPC, 83)

Odres Nuevos - Evangelio Tercer domingo cuaresma color

CANTO GOZOSO
ENTRADA:  Pedrasvivas                                              
LECTURAS: A túa palabra
OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida         
COMUÑÓN: Non vou so

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares