Domingo 5 de Coresma - ciclo B

5º DOMINGO DE CORESMA  -  CICLO B


Primeira Lectura    Xer 31, 31-34
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
Establecerei unha nova alianza e non me lembrarei do pecado
  
            Velaquí os días ‑ é o Señor quen fala ‑
nos que pactarei coa casa de Xudá e co reino de Israel
unha alianza nova;
non coma a alianza que pactei cos seus pais,
o día no que os collín pola man
para os sacar do país de Exipto;
pois eles quebrantaron o meu pacto,
aínda que eu seguín sendo o seu Señor
‑ é o Señor quen fala ‑.
            Velaquí o pacto que eu hei pactar coa casa de Israel
despois deses días ‑ é o Señor quen fala ‑:
            Hei meter a  miña lei nas súas entrañas,
escribireina nos seus corazóns,
serei para eles o seu Deus,
e eles serán para min o meu pobo.
            Xa ninguén terá que instruír o  compañeiro,
xa ninguén terá que instruír o seu irmán,
dicíndolle: "Respectade o Señor";
senón que todos eles me farán caso,
desde o máis noviño ao máis grande
‑ é o Señor quen fala ‑,
pois eu perdoareilles a súa iniquidade,
e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL       Sal 50, 3-4. 12-13. 14-15
R/. (12a): Crea, oh Deus, en min un corazón puro.

Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame enteiro da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.

Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa presenza,
e non tires de min o teu santo espírito.
Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme cun espírito xeneroso.
Ensinarei o teu camiño aos pecadores,
e volverán a ti os descarreirados.


Segunda Lectura     Heb 5, 7-9
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Aprendeu a obediencia e fíxose autor da eterna salvación
  
            Cristo, nos días da súa vida mortal, a berros e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa docilidade.      Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse para todos os que lle obedecen en causa de salvación eterna.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO    Xn 12, 26

Quen me serve, que me siga, di o Señor;
e onde eu estou, alí estará tamén o meu servidor.


Evanxeo     Xn 12, 20-33
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Se o gran de trigo morre enterrado, dará froito abondoso

             Naquel tempo, algúns dos gregos, que subían a adorar no día da Festa, achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:
            ‑ Señor, queremos ver a Xesús.
            Foi Filipe e díxollo a Andrés; Andrés e mais Filipe foron dicirllo a Xesús. Xesús respondeulles:
            ‑ Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai.
            Agora o meu espírito está turbado. E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu Nome.
            Chegou entón unha voz do ceo:
            ‑ Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo.
            Ó oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: "faloulle un anxo". Xesús interveu dicindo:
            ‑ Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo; agora ao príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.
            Dicía isto, indicando de que morte había de morrer.

 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



MORRER PARA DAR FROITO

5º Coresma  B  2015

SINAL DE CORESMA:  Poñemos as derradeiras follas da nosa cruz de Coresma.

ESCOITA ACTIVA
Todos temos a experiencia de volver a comezar, de intentalo unha e outra vez, e sabemos o que iso nos custa e o difícil que nos resulta. En moitas destas ocasións desanimámonos e necesitamos de alguén que nos alente, anime ou acompañe. Pois ben, para os crentes a Coresma quere ser ese tempo que nos dea folgos para superar os desánimos, a tentación de abandonar, de sentirnos derrotados.
Logo de catro semanas facendo ese camiño, o Señor dinos hoxe que para que poidamos dar froito temos que ir morrendo a todo canto nos vai encadeando, a todo canto fai que as cadeas da escravitude nos vaian quitando liberdade, a todo canto nos domina e non podemos controlar. Que esta celebración que agora imos comezar nos axude a pechar este camiño coresmal cheos de folgos e forza.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Pola dureza do noso corazón, que fai que sexamos insensibles diante do sufrimento de tantos e tantas irmáns e irmás nosos, 
  • SEÑOR, PON A TÚA LEI NO NOSO CORAZÓN
·         Porque non damos entendido que todo aquilo que non se dá ou non se comparte cos demais, pérdese, 
  • CRISTO, PON A TÚA LEI NO NOSO CORAZÓN.
·         Por ter sabido vivir a fe como unha experiencia liberadora, 
  • SEÑOR, PON A TÚA LEI NO NOSO CORAZÓN

PALABRA ENRAIZADA
·         O Señor volve saír ao noso encontro  e a través de Xeremías, fálanos de esquecer o noso mal, as nosas inxustizas, as nosas incoherencias.... para facer connosco unha nova alianza, baseada no amor. Porén, nós non damos entendido, ou mellor non queremos entender, que esta nova alianza non está escrita sobre pedra, nin se reduce a un decálogo de normas ou leis, non será unha alianza de ritos, senón de realidades e estará escrita no noso corazón, tal e como nos di o salmo que vimos de proclamar. Porque somos escollidos por Deus, porque nos quere, porque levamos gravada no noso corazón a súa lei, debemos dar testemuño na nosa vida cotiá daquilo que debe ser o máis importante: o amor de Deus.
·         Estamos, daquela,  chamados e chamadas a entregarmos a nosa vida  por amor, sen facer cousas extraordinarias, senón humanizando os lugares onde vivimos, rezamos, traballamos, gozamos para que sexan ámbitos de encontro e de presenza de Deus. Trátase de botar unha man a quen a necesite, de acompañar a quen está só, de escoitar a quen está triste, de levar un sorriso aos beizos dos que non teñen motivos para vivir.... Cando deamos entendido iso, cando non reduzamos a nosa vida de fe a templos e sancristías, entenderemos aquilo que hoxe nos lembra Xesús no evanxeo: “o que se ama a si mesmo, pérdese”. Porque en realidade cómpre que deamos froito, cómpre que a nosa vida non sexa estéril e baleira, senón que, como luz e sal, estamos chamados e chamadas a deixar pegada, a darlle sabor e ilusión á vida.

·         É, pois, tempo de sementar:  As sementes teñen que dar froito. A nosa vida está chamada a que o froito sexan todas aquelas causas nas que o ser humano non sexa excluído, e non debemos ignoralas ou volver a cara para outro lado. Pasar a un segundo plano, para que outros poidan ver recoñecida a súa dignidade, fará que o noso testemuño, a nosa vida sexa a mellor concreción do Evanxeo, da Boa Nova. Sen ser doado, este ten que ser sempre o enderezo do que fagamos. De que serviría chamarmos cristiáns, se renunciamos a que a nosa vida sexa un verdadeiro Evanxeo. Isto non é teoría, non pode selo. A vida de tantas persoas nestes dous mil anos de historia, ponnos de manifesto que é posible morrer a nós e que outros vivan, e que iso sexa motivo de gozo, de realización e  crecemento persoal. Quen non é capaz de xermolar e dar cada día novos froitos, volverase estéril, convertendo a súa vida nun sensentido. Para que vivir, se non é para dar froitos que alegren e dignifiquen aos demais, e enchan de sentido a nosa vida?.

FRATERNIDADE ORANTE
Dispoñamos a nosa palabra e o noso corazón, para expresar e sentir as nosas preocupacións e agradecementos ao Deus que nos invita a ser servidores, e digamos:
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
´ Para que vaiamos camiñando cada día no testemuño dunha Igrexa que sabe que ten como misión morrer a si mesma, para así poder nacer para o compromiso solidario e servizal cos máis pobres e excluídos do noso mundo, Oremos.
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
´ Como membros das nosas comunidades, que nos reunimos por sentirnos comprometidos na fermosa tarefa de ser para os demais, queremos pornos nas túas mans e nos deas folgos que alenten o compromiso de facerte presente no noso saber estar cos enfermos, os maiores e os que están solos, Oremos.
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
´ Para que non caïamos na tentación de desprezar aos que pensan ou actúan de forma diferente a nosa, porque nin o orgullo nin o desprezo son actitudes que poidan aniñar no noso corazón, Oremos.
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
Grazas, Señor, por lembrarnos que nin somos únicos nin tampouco os mellores. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
Somos gran de trigo que morre e que dá froito:
·           cando amamos, entendemos e servimos á xente da nosa casa, para facerlle a vida máis feliz e animosa;
·           cando nos preocupan os traballos e as penalidades dos demais e facemos canto podemos por axudalos;
·        cando deixamos algo a nosa casa e o noso tempo para visitar e acompañar a algunha xente veciña;
·   cando nos preocupamos polo que pasa no mundo e nos preguntamos que podemos facer nós para remedialo;
·           cando damos algo dos nosos cartos para aliviar as necesidades e miserias doutra xente;
·           cando imos a unha xunta parroquial e colaboramos en solucionar problemas que teñamos;
·   cando aceptamos cargos ou responsabilidades na política, no sindicato ou en calquera asociación solidaria;
·     cando imos a algunha manifestación, preocupados pola crise, pola paz, pola violencia de xénero ou polo lume;
·         cando nos arrimamos aos pequenos, aos que non teñen poder, para facer con eles unha terra de irmáns e de irmás;
·            cando nos apegamos á aldea cun soño grande de paz nas nosas vidas;
·            cando aceptamos morrer en paz e serenidade, confiad@s no Deus da vida que nos conforta e que nos salva.
 
CANTO GOZOSO
ENTRADA: 
LECTURAS:
Como che cantarei?
OFERTORIO: 
O Señor é o meu pastor          
COMUÑÓN: 

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares