Ficha e Lectio - Domingo 3 Coresma B
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO III CORESMA
(Ciclo B: 8 de marzo
2015)
O
misterio da personalidade de Xesús amósase en que sempre ou case sempre é
desconcertante. Se estamos acostumados a velo como cheo de amor e agarimo coas
persoas e coas cousas, a escena de hoxe co vergallo ou látego na man parece que
non casa ben con todo isto.
Mais
dado que de Xesús con razón temos que supoñer que debe estar ben ó tanto de
quen é seu Pai e de como é el, teremos en consecuencia que estar moi atentos
cando nos fala sobre el. Como fillo especialísimo que é do seu Pai, ese Fillo
proclamado polo Pai unha e outra vez como o “benquerido”, ten que estar moi ben
informado de como é a casa de seu Pai Deus.
Polo
que se nos di no evanxeo de hoxe, nin seu Pai é un “negociante”, nin a casa de
seu Pai é tampouco unha casa de “negocios”. Nin Deus nin a súa morada poden ter
nada que ver con ganancias, con intereses ou con cousas que se mercan baseándose
nos propios haberes ou poderes. “Non fagades da casa do meu Pai unha casa de
negocios”, bérralles Xesús ós asustados vendedores e cambistas. Na casa de seu
Pai non se está por méritos propios nin á busca de medras particulares. A casa
de seu Pai é simplemente a casa onde se vive agradecido a familiaridade con Deus,
onde se aprende fraternidade e igualdade entre todos.
Por
iso, propiamente, a casa de Deus non é casa ningunha, senón esa relación filial
fonda que se ten con El e que crea fraternidade entre todos, esteamos onde
esteamos ou fagamos o que fagamos. É verdade que no templo de Xerusalén se
practicaban ritos de sacrificios de animais, bois, ovellas, pombas, etc. e que para
iso se precisaban persoas que se ocupasen tamén destas cousas. Pero Xesús non
quere que estes materiais e estas actividades de tipo exterior acaben ó final
por afogar e distorsionar o que máis importa: o amor a Deus Pai e ós máis
necesitados. E nisto non fai Xesús máis que continuar coa denuncia que xa antes
del fixeran moitos profetas en relación cos cultos baleiros e puramente
exteriores que se realizaban no templo. Cousa que por certo, como ben sabedes,
non deixa de estar hoxe en día tamén na mente do actual papa Francisco cos seus
intentos de reforma da curia vaticana.
Naturalmente,
todo isto era tamén nos tempos de Xesús un asunto complicado e delicado, porque
aquí se xogaban moitos intereses das clases dirixentes, relixiosas e políticas.
De feito, Xesús aludirá algunha vez con suficiente claridade a este problema
cando nunha determinada ocasión, tal como sabemos por outras pasaxes dos
Evanxeos, se parou a conversar tranquilamente cunha muller afectada por
problemas persoais e con dúbidas sobre se a súa fe era a verdadeira ou non.
Refírome a aquela fermosa escena na que Xesús, cansado e con sede, lle pide de
beber a unha muller samaritana que vai co seu caldeiro a sacar auga do pozo.
Naquela conversa con Xesús hai, sen dúbida, fonduras moito maiores que as do
pozo. Ela séntese sorprendida polo feito de que Xesús a atenda con tanta
delicadeza e amor, xuntándose como se xuntaban nela varios feitos dos que cada
un deles semellaba ser xa razón suficiente para non atendela como de feito a
atendería Xesús. Era unha muller (por tanto, culturalmente discriminada), pobre,
e para máis inri non xudía, pertencente ademais a outra relixión distinta da
dos xudeus. Por iso, ó longo da súa conversa, atreverase ela a manifestarlle a
Xesús as súas dúbidas sobre a propia fe, comentándolle a Xesús: “Os nosos pais
adoraron a Deus neste monte [a samaritana refírese ó monte sagrado do seu pobo,
o Garizim] e vós [é dicir, os xudeus] dicides que é en Xerusalén onde hai que
adorar...”.
É
unha consulta moi importante, porque aquí a muller estalle a preguntar en
realidade a Xesús (aínda que ela non o saiba) onde ten el (Xesús) a súa casa.
Porque, claro, o templo do verdadeiro Deus, a verdadeira casa de Deus, é tamén
a casa do seu Fillo, a casa de Xesús. E Xesús, naturalmente, terá que saber
moito destas cousas.
Cal
é a resposta de Xesús a esta cuestión que, se lle preocupaba á samaritana hai
vinte séculos, continúa a ser hoxe actual nun mundo tan interrelacionado coma o
noso? A resposta que lle dá Xesús é a seguinte: “Mira, muller, nin o teu templo
nin o noso van ser dende agora en adiante a casa de Deus”. Dito coas palabras
do Evanxeo de Xoán: “Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte [é
dicir, o dos samaritanos] nin no de Xerusalén adoraredes ó Pai ... Chega a hora
–é xa agora- na que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e
verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai”. Como vedes, Xesús non
pretende varrer para a súa casa xudea...
A
resposta que lle dá, pois, Xesús á Samaritana é a de que a verdadeira casa de
Deus é aquela onde hai espírito e verdade. É dicir, onde queira que haxa
sinceridade, boa conciencia, humildade, amor, xustiza, rectitude de miras, etc.
etc., alí está o Pai Deus. Polo tanto, a casa de Deus é unha casa moito meirande
có templo de Xerusalén ou calquera sinagoga, mesquita, igrexa, etc. etc.
Onde
está a casa, o templo de Deus? Non onde haxa egoísmos, particularismos
excluíntes, dogmatismos e cousas semellantes. Xesús diranos incluso que todos e
cada un de nós somos os verdadeiros “templos” de Deus e que o Espírito Santo
habita en nós, se nos mantemos en comuñón con el na fe, no amor ó Pai e a
tódalas persoas. Que onde queira que nos reunamos dous ou tres no seu nome, alí
esta el no medio de nós... O verdadeiro templo de Deus son os humildes, os
sinxelos, os perseguidos, os tratados inxustamente pola sociedade. Xesús
identifícase con eles, como ben sabemos por moitas pasaxes do Evanxeo. E se
Xesús está alí, con eles, entón o Pai Deus está alí tamén con Xesús e con eles. Eles son a súa casa.
Onde está a casa, o templo
de Deus Pai? Agora pódenos servir, unha vez máis, o P. Seixas, falando da súa
estancia na República Dominicana, antes de vir para Vigo: “Eu procuraba facer actos un pouco rechamantes
para educar. Por exemplo, nas reunións de xente, cando viñan doutras partes,
abríalles a casa parroquial para que vivisen nela e ocupábana toda, pero había
un cuarto moi importante, o dedicado ó bispo, que era a habitación máis grande
e a mellor posta. Unha vez chamei o cociñeiro que tiña, de raza india, e
mandeille preparar o cuarto do bispo. E acórdome que entre a xente que viñera
había un da cidade veciña, Dajabón, que era moi negro, limpabotas de oficio,
collino e díxenlle, aquí tes a túa habitación: ó vela quedouse un pouco
abraiado e díxenlle: Mira, este é o
cuarto do bispo, que para nós é a representación de Cristo, pero ti representas
para min a Cristo máis co bispo, porque ti representas unha raza explotada e
oprimida, que é a raza de Cristo, así que ti estarás aquí con todo o dereito. E
na mesa tamén ocupou o lugar e usou os cubertos do bispo. O cociñeiro andaba
dicindo: non saio do meu asombro...”.
Cal
é a casa do Pai Deus? Quizais saibamos agora algo máis sobre o tema.
Pidámoslle, pois, a Deus Pai, por medio de Xesús, que nos axude a darnos conta
de cal é a verdadeira casa súa e que nos bote, aínda que sexa a vergallazos,
dos falsos templos dos nosos egoísmos e intereses particulares.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
- Apréndenos, Pai,
a coñecer onde vives, onde tes a túa casa.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Lévanos, Pai, ó
crermos de verdade que o lugar onde Ti vives son os pobres e necesitados do mundo.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Move, Pai, os
corazóns dos gobernantes e das persoas de boa vontade a axudaren con xenerosidade a cantos padecen necesidade.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor.
AMÉN.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario