A ira e a misericordia do Señor maniféstanse no desterro e liberación do pobo - 2 Crón 36, 14-16. 19-23
Domingo 4 de Coresma - ciclo B
QUERO SER UN CRUCEIRO
Eu quero ser un cruceiro,
observador calado e atento
dos adros e dos camposantos,
dos lugares de loita e de festa,
do ir e vir dos camiños,
dos traballos nas terras,
da Terra que a min me rodea.
Eu quero ser un cruceiro,
ofrecéndolle aos meus
como a min mo ofreceron,
o mellor do que eu teño;
o mesmiño que a nai nos cruceiros
lle ofrece ao que pasa
o corpo do fillo desfeito.
Eu quero ser un cruceiro,
e ser entre os meus, sen respiro,
sinal da paciencia de Deus
que espera e espera,
sen cansar na tarefa
de dar a diario o que ten
sen nunca botalo de perda.
Eu quero ser un cruceiro
firme e erguido sen medo,
aínda que a xente me esqueza,
e quede ignorado e perdido
no medio das sombras da Terra.
Eu quero ser un cruceiro,
onde sexa,
en base de pedra rexa,
erguendo ata o ceo
suores e loitas diarias
da xente labrega.
Eu quero ser un cruceiro,
cos brazos abertos
recibindo do aire as apertas
e os bicos da Terra;
agardando aquel día,
o día do gozo e da festa,
de ser sempre entre os meus para sempre
cruceiro de pedra.
Comentarios
Publicar un comentario