Ficha e Lectio - Mércores da Cinsa e Domingo 1 de Coresma

  


 

 


LECTIO:

1º DOMINGO DE CORESMA 
(Ciclo B: 22. II. 2015)

            Hai catro días, o mércores de cinza, empezabamos o tempo da Coresma. Un nome, o de “Coresma”, que ten que ver, como ben sabedes, cos “corenta” días de xaxún que, segundo nos contan os evanxelistas, pasou Xesús no deserto despois de ser bautizado por Xoán o Bautista. Os entendidos nestas cousas dinnos que o dos “corenta” días non hai que entendelo literalmente. É só un número simbólico de “plenitude”, que vén significar neste caso algo así como se dixésemos: “Xesús foi tentado sempre”. Como tamén sempre somos tentados todos nós. O relato de hoxe de Marcos sobre as tentacións de Xesús é moi parco, se o comparamos cos relatos que nos fan Lucas ou Mateo. Marcos conténtase aquí con despachar con catro frases (exactamente trinta palabras en grego) as tentacións de Xesús, sen aducir, como fan os outros, moitos máis detalles. Polos outros evanxelistas sabemos que Xesús foi tentado polo prestixio, polo poder, pola fama e cousas semellantes, para dese modo, segundo lle suxería o mal espírito, instaurar o reino de amor e fraternidade que Deus Pai quería e quere para todos nós.
            En calquera caso, é unha constante na vida de Xesús ese seu alternar ou pendular entre, por unha banda, estar consigo mesmo e con Deus Pai e, por outra, a súa intensa relación de amor, fraternidade e contacto con tódalas persoas que se achegaban a el, para comunicarlles a “boa nova” do Pai.
            O tempo de Coresma está máis en relación co primeiro (é dicir, coa soidade consigo mesmo e con Deus): Xesús sabe vivir só (no “deserto”, como refire Marcos), aínda que alí estea fondamente confortado pola presenza vivida do seu Pai que sempre está con el; sabe renunciar a moitas cousas que constituían para bastantes do seu tempo (e tamén do noso) o seu principal desexo e aspiración; sabe ollar con limpeza e abraio cara á natureza (“vivía entre as feras”, dinos Marcos), percibindo nela tamén a man do seu Pai creador de todo.
            Todo isto practicouno Xesús durante toda a súa vida (que é, como digo, o que quere dicir o dos “corenta días”) e se polas multitudes que se amoreaban arredor del durante o día non o podía facer, tempo había aínda de noite para poder mergullarse con agarimo agradecido no colo do seu Pai Deus e falar con El.
            Por iso o tempo de Coresma é unha chamada litúrxica da Igrexa a todos para que saibamos tamén, como Xesús, atopar tempo (de día ou de noite) para dialogar con nós mesmos, cos acontecementos e feitos que nos rodean e, a través de todo isto, co Deus Pai que nos quere e con cantas persoas entren en contacto con nós.
            A expresión que utiliza Marcos ó dicirnos que o Espírito “encamiñou” a Xesús ó deserto é, tamén segundo os entendidos, unha expresión forte: algo así como “empuxou”, “forzou”. Unha expresión –dinnos eles- “enérxica e vehemente”. Boa falta nos faría a nós un espírito así de “forte”, pois ás veces nin somos sequera capaces de despegarnos un chisco da tele ou doutros entretementos semellantes.
            Pero así como Xesús non consideraba o  “deserto” como o seu estado natural, como o seu hábitat –nisto certamente diferenciábase moito Xesús de Xoán Bautista-, así tamén, no noso caso, a nosa soidade con Deus, as nosas renuncias, as nosas penitencias coresmais non deberían ter outro sentido senón o de converternos en instrumentos vivos e operativos no servizo a Deus Pai, confraternizando deste xeito con tódolos seus fillos e irmáns nosos. Dinos Marcos que, despois de superar as tentacións e despois tamén de que os poderosos deste mundo lle pechasen a boca a Xoán Bautista encadeándoo no cárcere, foi cando empezou Xesús a anunciar o Reino de Deus, a Boa Nova.
            Non son, desde logo, partidario de considerar o tempo de Coresma como un tempo triste, un tempo de xa non poder pasalo ben coma no Antroido, cando a xente que aínda dispón dalgúns aforros pode quizais ver algún día na mesa lacón con grelos, para empezar, e despois filloas, orellas ou ricas lambetadas. E dígoo non por isto, senón porque tamén na igrexa houbo dende hai algún tempo cambios na secular liturxia coresmal. Por exemplo, o normal agora é que non se diga xa en ningures no Mércores da Cinza a fórmula máis antiga coa que nos colocaban antes a cinza na cabeza e dicíndonos: “Lémbrate de que es po e en po te has converter”. A mensaxe é agora moito máis alegre e, desde logo, moito máis cristiá: “Convértete e cre no Evanxeo”, é dicir, na boa, na alegra noticia. Cal é esa boa nova? Pois nada máis e nada menos que a boa, a alegre nova de Xesús mesmo, é dicir, de que Deus está connosco, de que Deus nos quere coma a fillos del que somos e de que calquera persoa que estea ó meu lado (ou lonxe de min) é irmán meu... Xa sabemos que o papa Francisco se atreveu por fin a poñer a “alegría” como centro do evanxeo, da boa e alegre nova.
            Por iso, pola miña parte, prefiro empregar a palabra tradicional galega de “Antroido” (ou “Entroido”), e non a de “Carnaval”, porque “Antroido” ten que ver coa “entrada” na Coresma. Non hai polo tanto un “corte” ou separación entre o Antroido e a Coresma. O Antroido non é máis cá porta aberta, alegre e festeira, á alegría que nos trae o evanxeo de Xesús. Por iso a cinza do comezo da Coresma vai acompañada, moi acertadamente, desa nova fórmula, “Convértete e cre no evanxeo”, é dicir, na alegre nova de Xesús.
            Claro que para que esta alegría da Coresma sexa como debe ser ten que poder incluír nela a alegría de cantos se senten no mundo discriminados: sen poder comer o que precisan, sen poder dispoñer de bens que a outros lles sobran, etc. Porque a mensaxe coresmal “Convértete e cre no Evanxeo” leva consigo tomar conciencia viva e práctica de que, se todos somos fillos de Deus e irmáns de Xesús, ninguén debería ter motivo para acusarme de que non me comporto con el como un verdadeiro irmán.
            Esta é, pois, a fermosa tarefa deste tempo coresmal que acabamos de comezar. Pidámoslle ó Espírito de Deus que nos empuxe, “enerxicamente” como a Xesús, ó “deserto” da nosa conversión a Deus Pai e á visión de todos como verdadeiros irmáns nosos.

CREDO


ORACIÓN DOS FIEIS

Deus, noso Pai, Ti amosáchesnos en Xesús o camiño da verdade e da vida e nel aprendíchesnos tamén a superarmos as tentacións do Maligno. Dirixímosche a Ti a nosa oración de fillos, dicindo:
ESCÓITANOS, PAI.
-          Que a fama ou o o poder mundanos non nos seduzan no espallamento da túa boa nova.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-          Que non adoremos ou idolatremos cousa ou persoa ningunha no mundo, senón soamente a quen Ti nos amosaches como Palabra túa, Xesús. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-          Que neste tempo de Coresma e en toda a nosa vida non nos deixemos levar senón polo espírito da austeridade con nós mesmos e da xenerosidade e fraternidade con todos, especialmente cos máis necesitados. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, fillo teu e irmán noso. AMÉN. 
TODOS: AMÉN.

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2015/02/22-de-febreiro-domingo-1-de-coresma-b.html

Comentarios

Publicacións populares