Domingo 5 do Tpo. Ordinario B

5º  DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  CICLO B


Primeira Lectura       Xob 7, 1-4. 6-7:
LECTURA DO LIBRO DE XOB
Abarrotaranme as dores ata o solpor

             Naqueles días, falou Xob e dixo:
O home ten na terra un duro labor;
os seus días son coma os do xornaleiro.
            Coma o escravo que arela a sombra,
coma o xornaleiro que agarda o que gañou,
así herdei eu meses baldeiros
e tocáronme en sorte noites de angustia.
            Penso para min ao deitarme: Cando me hei erguer?
E desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente.
            Recorda que a miña vida é vento,
e que os meus ollos non verán máis a ledicia;
non me verán os ollos de quen mira,
e cando ti me espreites, xa non estarei.
            Coma unha nube se desfai e pasa,
así, o que baixa para o xeol non volverá subir,
non volverá de novo á súa casa
e o seu lar non saberá máis del.
            Por iso mesmo, non hei de pórlle eu freo á boca,
vou falar con ánimo angustiado,
voume laiar desde o amargor da alma.

   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 146, 1-2. 3-4. 5-6
R/.  (cf. 3a):  Loade o Señor, que sanda os corazóns crebados.
Ou: Aleluia.

Loade o Señor,
pois é doce cantarlle ao noso Deus,
é delicioso celebrar a súa loanza.
O Señor reconstrúe Xerusalén,
e reúne os dispersos de Israel.

Sanda os corazóns crebados
e venda as súas feridas.
Conta as estrelas incontables,
e chama polo nome a cada unha.

O noso Señor é grande e poderoso,
para a súa sabedoría non hai medida.
O Señor ergue os humildes
e abaixa os malvados ata o chan.


Segunda Lectura      1 Cor 9, 16-19. 22-23
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Ai de min se non evanxelizo!

             Irmáns:
            O mero feito de predicar o Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. Pobre de min se non predico o Evanxeo!
            Pois así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar. Onde está, logo, o meu premio?
            ‑En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando aos dereitos que este Evanxeo me confire.
            Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gañar os máis posibles.
            Cos débiles fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns custe o que custe.
            Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.

   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Mt 8, 17
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Cristo colleu as nosas doenzas,
e cargou coas nosas enfermidades.
Aleluia.


Evanxeo   Mc 1, 29-39
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Sandou a moitos enfermos de varias doenzas

            Naquel tempo, despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela.
            E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
            Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
            Moi cedo, aínda de noite, Xesús ergueuse e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar. Simón e mais os que estaban con el fórono seguindo, e cando o atoparon, dixéronlle:
            ‑ Todos te andan a buscar.
            El respondeulles:
            ‑ Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para que tamén alí se predique, pois para isto vin.
            E marchou e ía predicando nas sinagogas por toda Galilea, e botando fóra os demos.

   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


HABERÁ SUFICIENTE AMOR NO MUNDO PARA REDIMIR O SUFRIMENTO E A MISERIA?  SE TE ANOTAS TI.... SEGURO QUE SI!!!! 
(XORNADA DE MANS UNIDAS) 5º Domingo TOB  2015

ESCOITA ACTIVA
            Invitados a non deixarnos levar pola inercia da pasividade e da monotonía, a fe quere ser ese alento que nos fai descubrir que non todo se compra ou se vende, que non todo está dominado polas ansias de poder, que a desesperanza non vai triunfar, que podemos e queremos compartir vivencias.

            Por iso é polo que nos xuntamos aquí nesta mañá do segundo domingo de febreiro no que a ONG Mans Unidas nos fai un chamamento para que nos apuntemos á loita contra a fame. Porque a Boa nova, o Evanxeo é un sentido de ser e vivir, de facer... Un sopro de frescura que nos libera e alenta. Deixarémonos sandar e vivificar por el?

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque vivimos a fe coma unha pesada carga sobre os nosos ombreiros e non coma un feito liberador,                                       
SEÑOR, DANOS A TÚA LIBERACIÓN.
·         Porque en demasiadas ocasións pechamos ollos, oídos e corazón aos berros de sufrimento de tantos irmáns que camiñan ao noso carón e precisan da nosa axuda, 
CRISTO, DANOS A TÚA LIBERACIÓN.
·         Porque moitas veces coas nosas actitudes e palabras sementamos dor e desesperanza ao noso redor nas persoas que nos queren,                 
SEÑOR, DANOS A TÚA LIBERACIÓN.

PALABRA ENRAIZADA
            A imaxe de Xob da primeira lectura atráenos, sobre todo, porque en maior ou menor medida, todos nos vemos retratados /as nela. Xob perdeuno todo: fillos, posesións, saúde.... un tras doutro derrubáronse todos os seus puntos de apoio, e parece que xa non lle quedan razóns para seguir confiando. A nós, en demasiadas ocasións, tamén nos pasa, un día ou outro, o mesmo. Ben sexa porque nos asaltan a dor ou a enfermidade, porque nos fallan as persoas que considerabamos amigas, porque os problemas nos agonían... o caso é que o desalento chama á nosa porta e instálase dentro de nós, facendo que nos pechemos sobre nós mesmos. Parécenos entón que Deus se esqueceu de nós, que marchou, e ata ás veces mesmo nos preguntamos se existe.

            A resposta relixiosa ao problema do mal, ao que todos nós somos moi sensibles, inflúe moi directamente na imaxe que nos formamos de Deus, por iso convén purificar algunhas concepcións totalmente erróneas. Velaquí algunhas:

- o mal é un castigo: Xesús intervén para curar, non para converter a un en coxo ou cego. Deus non castiga.
- o mal é un aloumiño de Deus; porque El proba a quen ama: no evanxeo non atopamos nin rastro de semellantes aloumiños.... O que fai Deus é darnos a súa forza nas probas, El nunca nos proba coa dor e o sufrimento.
- Deus quíxoo así: certamente, Deus Pai - Nai non quere o sufrimento.
- hai que ter paciencia e resignación: Deus chámanos a traballar para eliminar o sufrimento; non quere persoas resignadas pasivamente.
- Deus permíteo: Deus puxo o mundo nas nosas mans e nós somos responsables del. Non lle botemos a El a culpa dos nosos erros. El toma partido polas persoas que sofren e por aquelas que tentan aliviar o seu sufrimento.(Mt. 25, 31ss)
Fronte destas concepcións erróneas, a pasaxe do evanxeo de Marcos que vimos de proclamar, coma outras moitas, achéganos á realidade verdadeira: Xesús é liberador:
- a sogra de Pedro queda libre da súa enfermidade
- moitos outros enfermos quedan libres das súas doenzas
- moitos endemoñados quedan libres da súa escravitude- moitas persoas reciben a Boa Nova e quedan libres de toda mala noticia

            E nós?: Certamente cando estamos ben é moi doado dicirlle á xente que sofre unhas palabras ou frases de consolo, moitas veces rutineiras, frías e indiferentes, do tipo: tranquilízate, ten paciencia, cálmate, non sufras.... Así, aos amigos de Xob, que non comprendían a súa dor, resultáballes fácil xulgalo e acusalo de pecador, pois segundo a mentalidade daquela, as desgrazas viñan porque se cometía algún pecado.

            Quen viviu na súa propia carne o suplicio da soidade, do sufrimento, do desánimo.... e experimentou os aloumiños de Deus, poñéndoo de novo en pé de vida, xa non pode calar. Iso foi o que lle pasou a Paulo, por iso afirma: “Ai de min se non anuncio o Evanxeo!”. Quen recibiu esta graza ten que gritalo, e ese grito é crible, porque vén de alguén que pasou antes pola proba do lume.

            Neste domingo no que celebramos a Campaña de Mans Unidas contra a fame, o berro de Xob é o berro de tantos irmáns e irmás nosos que, mergullados na pobreza e na miseria, viven sen esperanza. Ese grito é escoitado por Deus, que nos urxe a non facer oídos xordos, senón a tomar partido, pois hoxe nós somos os seus instrumentos para a liberación e a promoción. E diante deste problema cómpre que nós tomemos a iniciativa, saíndo dos nosos egoísmos e particularismos, das fronteiras artificiais que nós temos construído no mundo co que o Señor nos agasallou. Somos loitadores, non sufridores. Non o esquezamos. Haberá suficiente amor no mundo para redimir o sufrimento e a miseria?

FRATERNIDADE ORANTE
            Con agarimo, e deixándonos levar da túa invitación a compartir na oración ledicias e dificultades, poñemos a nosa vida nas túas mans e dicímosche:
·         Pola Igrexa que formamos todos e que tantas veces sementa dor e sufrimento na vida das persoas cargando os seus ombreiros cunha manchea de obrigas e normas; para que se libere dos seus prexuízos e saiba dar unha resposta de alento e comprensión a quen a precisa, OREMOS.
TI QUE SANDAS OS CORAZÓNS, DANOS VIDA

·         Polas nosas comunidades, para que nunca lle neguemos a tenrura e o agarimo do que están precisados aos que máis sofren: persoas enfermas, maiores, paradas, dependentes... OREMOS.
TI QUE SANDAS OS CORAZÓNS, DANOS VIDA
·         Polas persoas que, en Mans Unidas, Cáritas, ou calquera outra ONG entregan o mellor das súas vidas para que a dignidade de todos os seres humanos sexa recoñecida e valorada en todos os lugares do mundo, OREMOS.
TI QUE SANDAS OS CORAZÓNS, DANOS VIDA
·         Por cada un e cada unha de nós, para que saibamos descubrir a Deus que nos interpela nos rostros das persoas que morren de fame, nas que son escravas da dor, nas que non teñen acceso á cultura, nas que viven baixo calquera tipo de opresión, nas que están marxinadas por calquera causa, nas que ven esmagados os seus dereitos fundamentais, OREMOS.
TI QUE SANDAS OS CORAZÓNS, DANOS VIDA

            Señor, compartimos contigo esta oración comunitaria, sabendo que a pesar de que moitas veces as nosas decisións nos afunden, Ti non deixas que nos vaiamos ao fondo, rescatándonos a través das mans amigas que imos atopando no noso camiño. P.X.N.S.
Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Onte a ti, Señor,
diante da carne doente da persoa enferma,
diante da carne esquecida da persoa marxinada,
diante da carne esgotada da persoa anciá,
diante da carne necesitada da persoa discapacitada,
diante da carne cansada da persoa parada,
diante da carne arruinada da persoa famenta,
diante da carne sometida da persoa escrava,
diante da carne corrompida da persoa leprosa,
diante da carne aflixida da nai,
diante da carne deshabitada do mozo....
conmovéronseche as entrañas,
deuche un golpe o corazón
e non puideches quedar á marxe.

Hoxe atopámonos cunha realidade máis triste.
Fai, Señor, que os nosos corazóns se movan
para non quedarmos á marxe.
Fainos persoas compasivas e tenras,
para sermos persoas dignas
e poder sementar na historia esperanza e misericordia.


Odres Nuevos - Evangelio 8 febrero 2015 colorCANTO GOZOSO
ENTRADA:
Amigos nas penas
LECTURAS:
A túa palabra
OFERTORIO:
COMUÑÓN:

POWER POINTS
Domingo 5 Ordinario B
Domingo 5 Ord B - Bene Pagola

Comentarios

Publicacións populares