Ficha e Lectio - Domingo 5 Ord B
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO V
DO TEMPO ORDINARIO
(Ciclo B: 8. II. 2015)
Tamén nos tempos de Xesús había, polo que se ve, gripe e
febres. Como agora que estamos no inverno e as gripes e constipados acostuman
visitarnos. A xente pobre e marxinada seguramente sería entón, igual ca hoxe,
máis indefensa ante as enfermidades. Como xa sabemos, os irmáns Simón Pedro e
Andrés por unha banda e Santiago e Xoán por outra eran da clase baixa. Simples
pescadores ocasionais. Os seus familiares serían tamén polo tanto xente
humilde, sinxela, da mesma clase social ca eles.
Simón, o primeiro Papa (aínda que daquela non se
empregasen estas solemnes expresións), estaba casado, como tamén probablemente
os demais apóstolos, e a súa sogra estaba encamada, afectada pola febre. Era
lóxico que, aínda que a enfermidade da sogra de Simón Pedro posiblemente non
fose grave, quixese Xesús ter polo menos un pequeno detalle coa nai da muller
do seguramente máis impulsivo e xeneroso dos seus discípulos. Marcos dinos que
Xesús a colleu da man e a ergueu da cama. Coa súa soa mirada e sorriso
agarimosos Xesús curaba a xente.
Hoxe en día estase a poñer de relevo, e con toda razón,
unha e outra vez a importancia de Xesús como sandador, como curador
misericordioso. Marcos dinos que, despois de sandar Xesús a sogra de Pedro, se
amoreou moita xente á porta da casiña onde vivía a enferma e alí curou a moitos
enfermos. Que quero dicir ou, mellor, que queren dicir importantes entendidos
actuais coa importancia que lle dan a Xesús como curador ou sandador? Non se
trata de que o oficio de Xesús fose simplemente ese. El curaba, si, pero non a
todos nin por todas partes. Seguía a haber xente enferma. O que pasa é que
Xesús vén indicarnos co seu comportamento a dirección, o camiño que deberiamos
seguir os seus discípulos. Xesús non se preocupou propiamente de darnos unha
moral especial, non vai establecer ritos ou cultos novos, non vai fundar
propiamente tampouco unha nova relixión. O que vai facer, si, e de maneira moi
insistente, é ser e mostrarse compasivo coa xente, atender a todos, escoitar a
todos, apoiar os humildes e necesitados para que saiban sentir en si mesmos a
dignidade de fillos de Deus. E todo isto de maneira moi concreta e real.
Sendo e comportándose Xesús así, móstranos ben claro como
é o seu Pai e o noso Pai e lévanos así a el. Porque Xesús non é un simple
filántropo, baseado en consideracións puramente humanas. El sabe que o Reino
que nos trae está fondamente baseado na experiencia súa de que Deus é Pai
universal de todos e que nos quere ben a todos. Por iso Xesús non deixa de
entrar en contacto cada día con seu Pai (e noso Pai) na oración, por moito que
se ocupe tamén de dar e ofrecer felicidade ós seus irmáns, as xentes que
convivían con el. Marcos dinos que Xesús
non se deixou levar do fervor e da admiración da xente cara a el á vista das
curacións realizadas, senón que “moi cedo, aínda de noite, se ergueu e saíu
para un lugar arredado onde se puxo a orar”. É dicir, Xesús, como vemos,
precisa falar e dialogar con seu Pai e noso Pai.
Como neste ano estamos a celebrar o centenario do
nacemento do P. Seixas, que tantas veces vos animou na fe aquí nesta igrexa ata
hai arredor de 30 anos, farei de cando en vez algunha referencia ó que el
pensaba sobre estes temas. En canto á importancia da oración dinos por exemplo,
el que se dedicaba a tantas actividades exteriores de todo tipo por onde queira
que andou: “A pregaria, a oración, é a cousa máis necesaria pra vivir de acordo
a esta dependencia de Deus, pra facer sempre a vontade de Deus”. “O verbo
pregar é o verbo que máis debe conxugar o home na súa vida cotiá”. “A primeira
cousa máis importante na miña vida é falar con Deus. Falar e escoitalo. Non hai
cousas máis importante”.
Ollemos de novo o comportamento de Xesús. El, ben
fornecido do amor do seu Pai na oración, volvía ós seus irmáns, os homes e
mulleres do seu tempo, para lles ofrecer o amor, a alegría e a curación que
veñen de Deus. A vida de Xesús movíase, coma o péndulo dun reloxo de parede,
entre o diálogo filial con Deus Pai e o fraternal cos seus irmáns. Xesús sabía
ben que non se pode amar a Deus sen amar os irmáns.
E volvemos de novo ó P. Seixas, un home que, como acabamos
de ver, apreciaba moito a oración. Cando tiña 25 anos (xa era xesuíta, mais
aínda non sacerdote), escribiulle ó P. Xeral de toda a Compañía de Xesús, que
era polaco, pedíndolle que o destinase a algunha leprosería para atender alí os
leprosos. Como iso non se lle concedeu, anos máis tarde volveu pedir unha e
outra vez ós seus Superiores (tamén ó seguinte Xeral da Compañía) que o mandase
a misións con negros, se non a África pola súa pouca saúde, polo menos a Haití.
Tampouco o conseguiu. Menos mal que algúns anos despois, e tal como xa vos
contei, puido recibir unha oferta para irse á República Dominicana e, deixando
o seu traballo na Coruña, alá se foi axiña, onde puido atender por fin tamén a
xente de raza negra dos seus amores. Por iso simpatizaría tanto despois coa
colonia negra aquí en Vigo, ó volver enfermo de América.
Os enfermos e necesitados que Xesús atendía e curaba, e
ós que Seixas intentou sempre tamén achegarse, témolos sempre, tamén hoxe en
día, estando como estamos aínda en época de prolongada crise económica. Xesús
convídanos, co seu exemplo, a comportármonos como el o fixo, para así irmos
construíndo un mundo que sexa verdadeiro Reino de Deus. Paulo lémbranolo tamén
hoxe na súa carta ós Corintios ó falarnos de que o Evanxeo é para el “unha
necesidade que ten enriba del”, que o forza e convida a se facer, como el di,
“escravo de todos”. “Cos débiles fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme
todo con todos, para salvar algúns custe o que custe. Todo o fago polo Evanxeo,
para ter algunha parte del”.
Precisamente hoxe a Igrexa convídanos a lembrar tanta
xente que pasa fame no mundo, tamén no noso país galego. Pois este domingo é o
día da Campaña de Mans Unidas contra a fame no mundo. Todos sabemos, directa ou
indirectamente, do paro e das familias que o pasan mal. Se tomamos en serio o
da nosa común fraternidade, é dicir, do feito de que somos fillos dun mesmo
Pai, entón non deberiamos aturar que irmáns nosos pasen fame, pois sen un
mínimo de igualdade non é posible que haxa verdadeira fraternidade. Polo tanto,
deberiamos loitar, utilizando os medios que estean ó noso alcance, para que
estas situacións degradantes desaparezan. Convertámonos así en curadores da
humanidade e non en cómplices de inhumanidade.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
En comuñón e fraternidade mutua, pidámoslle ó noso Pai
Deus que nos conceda espírito de oración e mans prestas para axudar os
necesitados, dicindo: Escóitanos, Pai.
Todos:
Escóitanos, Pai.
- Concédenos, Pai, sentirmos en nós a necesidade da
oración, de agradecerche tantas cousas boas que nos deches e de pedirche por tódalas
necesidades do mundo.
Todos: Escóitanos,
Pai.
- Dános, Pai, mans prestas e agarimosas para axudar a
aliviar os problemas e angustias dos nosos irmáns necesitados.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Move, Pai, o corazón de persoas e gobernos para
que se preocupen de verdade por resolver os problemas que levan á praga da fame
no mundo.
Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
MANUEL CABADA CASTRO
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario