2 de Febreiro - Xornada Mundial da Vida Consagrada


CONFER


A Igrexa en oración
pola vida consagrada

Ven, Espírito Creador, coa túa multiforme graza
ilumina, vivifica e santifica á túa Igrexa!

Unida en encomio dáche grazas
polo don da Vida Consagrada, outorgado e confirmado
na novidade dos carismas ao longo dos séculos.
Guiados pola túa luz e arraigados no bautismo,
homes e mulleres, atentos aos teus signos na historia,
enriqueceron a Igrexa,
vivindo o Evanxeo mediante o seguimento de Cristo
casto e pobre, obediente, orante e misioneiro.

Ven Espírito Santo, amor eterno do Pai e do Fillo!

Pedímosche que renoves
a fidelidade dos consagrados.
Vivan a primacía de Deus nas vicisitudes humanas,
a comuñón e o servizo entre as xentes,
a santidade no espírito das bienaventuranzas.

Ven, Espírito Paráclito, fortaleza e consolación do teu pobo!

Infunde neles a benaventuranza dos pobres
para que camiñen pola vía do Reino.
Dálles un corazón capaz de consolar
para secar as bágoas dos últimos.
Ensínalles a forza da mansedumbre
para que resplandezca neles o Señorío de Cristo.
Acende neles a profecía evanxélica
para abrir senllas de solidariedade
e saciar a sede de xustiza.
Derrama nos seus corazóns a túa misericordia
para que sexan ministros de perdón e de tenrura.
Revísteos da túa paz
para que poidan narrar, nas encrucilladas do mundo,
a benaventuranza dos fillos de Deus.
Fortalece os seus corazóns nas adversidades
e nas tribulaciones,
alégrense na esperanza do Reino futuro.
Asocia á vitoria do Año aos que por Cristo
e polo Evanxeo están marcados co selo do martirio.
Que a Igrexa, nestes fillos e fillas seus,
poida recoñecer a pureza do Evanxeo
e o gozo do anuncio que salva.
Que María, Virxe feita Igrexa,
a primeira discípula e misioneira
nos acompañe neste camiño.

Amén.


Oración dos consagrados
e consagradas

Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob,
Pai do noso Señor Xesucristo e Pai noso,
acolle a oración que che presentamos.
Mira con bondade os nosos desexos
e axúdanos a vivir con paixón o don da vocación.

Ti, Pai,
que no teu proxecto gratuíto de amor
chámasnos, na estabilidade ou na itinerancia,
a buscar o teu rostro no Espírito,
fai que sexamos memoria túa:
sexa fonte de vida na soidade e na fraternidade,
e podamos ser, no noso tempo,
reflexo do teu amor.

Cristo, Fillo de Deus vivo,
que camiñabas polas nosas rúas
casto, pobre e obediente,
compañeiro o noso no silencio e na escoita,
mantén en nós a pertenza filial
como fonte de amor. 
Fai que vivamos o Evanxeo do encontro:
axúdanos a humanizar a terra e a crear fraternidade,
levando as fatigas de quen está canso
e non busca máis,
a alegría de quen espera, de quen busca,
de quen custodia signos de esperanza.

Espírito Santo, Lume que ardes,
ilumina o noso camiño na Igrexa e no mundo.
Dános a coraxe do anuncio do Evanxeo
e a alegría do servizo na cotidianidade dos días.
Abre o noso espírito á contemplación da beleza.
Custodia en nós a gratitude e a admiración pola creación,
fai que recoñezamos as marabillas
que ti realizas en todo vivente.

María, Nai do Verbo,
vela sobre a nosa vida de homes e mulleres consagrados,
para que a alegría que recibimos da Palabra
encha a nosa existencia, e a túa invitación
a facer o que o Mestre di (cf. Xn 2, 5)
nos atope activos intérpretes no anuncio do Reino.
Amén.






Subsidio Litúrxico
Festa da Presentación do Señor (2.II.2015)

MONICIÓN DE ENTRADA
Queridos irmáns todos:
celebramos hoxe a festa da Presentación do Neno Xesús no Templo. Aos 40 días do nacemento do Fillo de Deus en Belén, a Virxe María e o seu esposo san Xosé entraron no Templo levando ao pequeno Xesús nos seus brazos para presentalo e ofrecelo ao Señor. Tamén nós, 40 días despois de celebrar o Nadal, presentámonos no Templo para renovar a nosa ofrenda ao Señor, presididos polo noso Bispo diocesano.
A lema desta Xornada da Vida Consagrada, «Vida Consagrada: amigos fortes de Deus», lémbranos a todos os consagrados a vocación que temos de vivir a amizade auténtica co Señor que nos chamou, nunha relación de profunda intimidade con el, na comuñón eclesial e ao servizo do mundo.
Neste ano da Vida Consagrada, o papa Francisco quere que evanxelicemos nosa vocación, lembrando o noso pasado con gratitude, vivindo o presente con paixón, e abrazando o futuro con esperanza, confiando sempre na Providencia deste Deus noso que nos acompaña con amor e fidelidade.
Presididos polo noso bispo, pai e pastor desta Igrexa particular, celebremos a santa eucaristía, encontro co Señor no seu Misterio pascual.

RENOVACIÓN DA CONSAGRACIÓN
[Acabada a homilía, os membros dos Institutos de Vida Consagrada renovan a súa consagración no seguimento de Cristo e na misión da Igrexa].

O celebrante:
Irmáns e irmás:
Nesta festa da Presentación do Señor, agradecemos a Deus a nosa vocación consagrada, suscitada na Igrexa como unha luz que o Pai puxo no candelero, para que alume a todos os da Casa. Os diversos carismas e as distintas formas de consagración son expresión da múltiple graza con que Deus quixo embelecer á súa Igrexa. Hoxe renovamos o noso particular seguimento de Cristo pobre, casto e sempre obediente ao Pai.
(Todos oran en silencio durante algún tempo)

O celebrante:
Bendito es, Señor, porque polo teu Espírito chamaches a homes e mulleres para que, consagrados a ti, sexan na Igrexa manifestación viva do seguimento de Xesucristo, imitándolle en todo. Por iso, che glorificamos!
Cantor: Gloria a ti, por sempre eternamente.
Asemblea: Gloria a ti, por sempre eternamente.

I. Lector 1.º
Glorificámoste, Pai, porque no teu Fillo Xesús nos mostraches o camiño do amor sen medida por medio do servizo solícito e xeneroso.
Cristo fixo da túa vontade o seu alimento e o seu descanso, a súa fortaleza e a súa alegría.
Lector 2.º
Grazas, Pai, por nos querer asociar intimamente a este misterio de obediencia filial en Cristo. A Virxe María, Serva obediente de Deus, precédenos na sincera acollida da túa Vontade; como fillos seus renovamos o voto de obediencia que un día profesamos no seo da túa Igrexa.
Asemblea: Gloria a ti, por sempre eternamente.

II. Lector 1.º
Glorificámoste, Pai, porque en Cristo, o noso Deus e Señor, nos deches a Verdade do teu Amor. Xesucristo, que sendo rico se fixo pobre para enriquecernos coa súa pobreza, mostrounos a benaventuranza evanxélica reservada para os mansos e humildes de corazón, os pobres de espírito, os misericordiosos, os que traballan pola paz, os perseguidos e os que sofren a diario por causa do teu Reino.
Lector 2.º
Grazas, Pai, por Cristo, o teu Fillo Amado, a quen nos convidas a escoitar sempre. El é o Home-Deus paciente e misericordioso, compasivo e fiel, que nos ensina a non ter outro lugar onde reclina-la nosa cabeza senón en Ti. Xunto ao Señor Xesús somos ditosos de vivir desprendidos, compartindo os nosos bens cos necesitados e proclamando que só Ti es a nosa riqueza.
Asemblea: Gloria a ti, por sempre eternamente.

III. Lector 1º
Glorificámoste, Pai, porque en Xesucristo, o Fillo bendito de María, fomos seducidos polo teu Amor e conducidos á virxinidade dos nosos corazóns. Como María, podemos dicir hoxe: somos de Cristo!
Lector 2º
Grazas, Pai, polo teu Fillo Xesús, Esposo fiel da Igrexa. Renova en nós a chama do teu Amor, a dicha e a alegría de vivir a verdadeira castidade e a pureza sincera, de corpo, mente e corazón, no camiño de santidade, camiño de verdadeira plenitude.
Asemblea: Gloria a ti, por sempre eternamente.

O celebrante:
Oh, Señor: mira con ollos de misericordia a estes fillos teus e a estas fillas túas: un día chamácheslles e eles seguíronche deixándoo todo por ti. Renova hoxe nas súas vidas a chama do amor primeiro. Axúdalles a camiñar presurosos tras as túas pegadas e infunde nos seus corazóns o auténtico seguimento que nace do Evanxeo. Que sexan profetas para este mundo, testemuñas na túa Igrexa, evanxelizadores incansables na comuñón da Igrexa.
Pedímoscho no Nome de Xesús, o teu Fillo, que vive e reina por sempre eternamente.
Asemblea: (Cantando)
Amén, amén, amén.

PRECES
[Ás preces completas da solemnidade, proponse engadir este catro específicas].
- Señor, a túa Palabra é Camiño, Verdade e Vida. Pedímosche hoxe por todos os mozos que che buscan aínda sen sabelo; que poidan escoitar a túa invitación, Ven e sígueme, e se deixen iluminar coa Luz do Evanxeo.
Roguemos ao Señor.
- Roguemos por todos os Institutos Relixiosos de Vida Apostólica, os membros de Institutos Seculares e de Novas Formas de Consagración, pola Orde das Virxes, por cuantos recibiron o don da chamada á consagración, para que, alcanzados por Cristo sexan auténticas testemuñas da Resurrección e firmes defensores da Vida, na nosa sociedade e no mundo enteiro.
Roguemos ao Señor.
- Roguemos por todas as familias, elixidas por Deus para transmitir a fe aos seus fillos, para que impulsadas pola forza do Espírito Santo e o amor de Cristo Xesús, poidan exercer a súa misión de ser sementeiro de vocacións.
Roguemos ao Señor.
- Roguemos polos que estamos a participar nesta celebración eucarística na Xornada da Vida Consagrada, para que todos sexamos un no amor e o mundo crea en Xesucristo, único Salvador de tódolos homes.
Roguemos ao Señor.


Comentarios

Publicacións populares