Ficha e Lectio - Domingo 2 Coresma
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO II DE CORESMA
(Ciclo B: 1 de marzo
2015)
Entrados
xa desde o pasado mércores de Cinza no tempo de Coresma, e querendo seguir o
ritmo que nos marca a liturxia, atopámonos hoxe liturxicamente no cumio de dúas
montañas. A primeira montaña é a da escena do proxectado sacrificio de Isaac,
onde o verdadeiro sacrificado será á fin de contas, non Isaac, senón seu pai
Abrahán. Iso ocorrerá, como se lle anuncia a Abrahán, “no cimo dunha das
montañas que eu che mostrarei”. A
segunda é a da Transfiguración de Xesús, escena que ten lugar, como nos conta
Marcos, nun “monte alto”: aquí a dor do corazón do pai Abrahán trócase na
alegría dos apóstolos ante un Xesús resplandecente, anunciando cal será o seu
futuro e, en consecuencia, tamén o noso.
As
montañas son, como ben saben antropólogos e historiadores do feito relixioso,
lugares onde os deuses das relixións adoitan comunicarse. Son por iso lugares
sagrados. Amosan a estabilidade e eternidade de Deus ou dos deuses. Respírase
alí aire puro, alí hai horizontes abertos, alí o ceo está máis preto da terra,
alí hai silencio e misterio. Así, por exemplo, o monte Olimpo, era xa para os antigos gregos o lugar onde vivían
os seus deuses. Pero tamén os montes do xudaísmo e do cristianismo tiveron unha
importante función relixiosa. Pensade nos montes Horeb, Sión, Tabor, Garizín,
Carmelo, o monte das Oliveiras, o dos Caveiras (o Gólgota) e moitos máis. Os
montes eran, ademais, como ben sabemos, o lugar preferido de oración de Xesús.
Os
galegos e os que nos precederon neste noso país galego non somos nisto moi
diferentes de cantos relacionan os montes coa relixiosidade. Xa no século I
antes de Cristo se dicía dos habitantes de Galicia que consideraban os montes
como lugares “sagrados” e que por iso querían neles tamén ser enterrados. Aí
están aínda para confirmalo os restos das mámoas sepulcrais existentes en
bastantes montes de Galiza.
Pola
miña parte téñolle, en calquera caso, devoción ás montañas; tamén, claro, ó
mar, pero o do mar deixámolo para outro día. Hoxe toca máis ben facer loa das
montañas. Eu nacín ademais nunha bisbarra pontevedresa que se chama “Terra de
Montes”, onde houbo poetas que souberon cantar belamente ós montes. Concretamente
un que se chamaba Otero Espasandín e que desde os Estados Unidos, a comezos do
século pasado, cantou os montes da súa parroquia natal de Santa Olaia de Castro
nun poema seu que leva como título Pico de Castrodiz. Léovos un par de fermosas
estrofas, nas que se mesturan fondas vivencias humanas e relixiosidade:
Como
vedes, Otero Espasandín (que vivía na América do Norte) quería tamén ser
soterrado, coma os seus devanceiros galegos, nunha montaña, no seu monte de
Castrodiz. Malia os seus desexos, os seus restos esperan aínda a que chegue o
día de poderen acougar por fin no seu monte natal de Castrodiz, a pouco máis
dun tiro de pedra da miña parroquia natal.
Ben.
Máis alá da poesía, volvamos á aínda máis fermosa prosa do Evanxeo. Como a nosa
fe nos pide que nos “convertamos e creamos no evanxeo”, é dicir, na boa e
alegre nova de Xesús, é Xesús mesmo quen lles desvela ós seus tres discípulos
máis sobranceiros a alegría á que todos estamos destinados con El. En vésperas
dos seus padecementos, Xesús quere que os seus apóstolos sexan testemuñas da
luz que nos está a esperar ó final do túnel polo que todos, dunha ou doutra
maneira, teremos que pasar.
Un
túnel que non deixa de asemellarse ós neboeiros da dor e da escuridade polos
que Abrahán tivo que pasar ante a perspectiva de ter que sacrificar ó seu
propio fillo Isaac, que viña sendo para el a única posibilidade de ter a
descendencia que Deus mesmo lle prometera.
Tanto
a primeira Lectura como o Evanxeo están ben acugulados de contido como para seren
comentados ben amodo. En calquera caso, a mensaxe central do Evanxeo de hoxe é
ben clara. Xesús é confirmado unha vez máis por Deus Pai como o Fillo seu:
“Este é o meu fillo benquerido”. E o que a nós se nos di é algo curto e, ó
tempo, moi denso. Unha soa palabra, mais preñada de fondas consecuencias:
“Escoitádeo”. Cómpre aquí non esquecer que na Biblia “escoitar” non quere dicir
algo así como “escoitar” o móbil ou a radio, senón que significa “seguir” a
Xesús, facer o que el fai, facer que florezan a vida, a xustiza, o amor, sermos
–en definitiva- testemuñas vivas de Xesús, do seu comportamento fraternal con
todos e do seu amor filial ó Pai.
Un
amor ó Pai do seu “benquerido” fillo Xesús, que como o de Abrahán, tivo que
pasar por duras probas, ata chegar a ver a luz, a claridade, a resurrección.
Non
nos esquezamos. Se Xesús é o “benquerido” polo Pai, tamén nós somos
“benqueridos” polo mesmo Pai na forza e no poder de Xesús e do seu Espírito.
Por iso o apóstolo Paulo dinos, na súa carta de hoxe, que o Pai nos agasalla en
Xesús con todos cantos bens podemos desexar. Se o Pai nos regala a Xesús,
exclama Paulo, “¿como non nos vai regalar todo xunto con El?”.
Unha
vez máis. A liturxia coresmal convídanos a crer na “boa nova”, a crer nesa
“esperanza” e neses horizontes que só se ven nidios e abertos desde esas
montañas misteriosas e sagradas ás que subiron tanto Abrahán e Isaac como despois
Xesús cos seus tres apóstolos preferidos.
Que
os Apóstolos todos que presiden aquí, na súa imaxe esculpida en pedra, a nosa
liturxia nos axuden a robustecérmonos nesa fe.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Confiados
na bondade do noso Pai Deus, dirixímoslle a El a nosa oración conxunta e
comunitaria, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, unha fe fonda e firme en Ti, na túa
bondade e na túa palabra, como a que lle
outorgaches a Abrahán.
TODOS: Escóitanos,
Pai.
- Concédenos, Pai, paciencia e humildade nas nosas
tribulacións, mantendo sempre a esperanza
nas túa promesas como Abrahán.
TODOS: Escóitanos,
Pai.
- Abre, Pai, o corazón de tódalas persoas cara ás
necesidades de cantos precisan axuda dos
demais nos camiños das súas vidas.
TODOS: Escóitanos,
Pai.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario