Domingo 1 de Coresma - ciclo B
1º DOMINGO DE
CORESMA - CICLO B
Primeira Lectura Xen 9, 8-15
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Alianza de Deus con Noé liberado
das augas do diluvio
Deus
díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos:
‑
"Vou establecer a miña alianza
convosco e cos vosos descendentes, con todos os animais que están convosco, os
paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora
viven na terra.
Fago
convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas
augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra".
E
Deus engadiu:
‑
"Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con todos os seres
vivos que vos fan compaña, para todos os tempos: Poño o meu arco nas nubes,
sinal da miña alianza coa terra. Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o
arco nelas, lembrarei a miña alianza convosco e con todos os seres vivos, e non
haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
R/. (cf. 10): Os camiños do
Señor son todos misericordia e lealdade,
para os que gardan a súa
alianza.
Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador.
Lémbrate, Señor, da túa compaixón
e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Acórdate de min segundo a túa
misericordia,
pola túa bondade, Señor.
O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos
pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos
pobres.
Segunda Lectura 1 Pe 3, 18-22
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Agora salvouvos o bautismo
Benqueridos
irmáns:
Cristo
morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos
achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero
recibiu vida no espírito.
Foi
daquela cando lles foi proclamar a salvación
mesmo aos espíritos encadeados,
que foran rebeldes,
cando, nos tempos de Noé,
Deus, cheo de paciencia,
estábaos agardando, mentres se
construía a arca;
dentro dela, uns poucos,
en total oito persoas,
salváronse pola auga;
esta auga simbolizaba o bautismo
que vos salva a vós,
non por ser unha limpeza do corpo
lixoso,
senón por ser o compromiso con
Deus dunha conciencia honrada,
pola mediación de Xesús Cristo
resucitado,
que subiu ao ceo e está á dereita
de Deus,
despois que se lle someteron os
anxos, os poderes e as forzas.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Mt 4, 4b
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede
da boca de Deus.
Evanxeo Mc 1, 12-15
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Era tentado por Satán e os anxos servíano
Naquel
tempo, o Espírito encamiñou a Xesús ao deserto. Alí permaneceu corenta días,
alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos.
Cando
prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus,
dicindo:
‑
O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa
Nova.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Coma árbore que se vai cubrindo das follas con saiba rexeneradora, a cruz é
espesura de conversión transformadora, e non camiño de frustración e fracaso.
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
SINAL DE CORESMA
O sinal que escollemos para este tempo de Coresma é
unha cruz. Para facela, reciclaremos as follas de carballo coa chama prendida
que debuxamos para o tempo do Advento. Cada domingo iremos colocando unha
parella de folliñas ata completar o debuxo da cruz. Queremos indicar que, coa
forza do Espírito, seremos quen de facer o camiño coresmal, camiño de deserto e
conversión, para chegar como persoas novas á Pascua.
ESCOITA ACTIVA
Hoxe, primeiro domingo de coresma, queremos vivir a
experiencia de ilusión e cambio que nos vai deixar ás portas da pascua da vida
e da esperanza que nos trae a resurrección de Xesús. Para chegar ata ela
necesitamos poñernos en camiño e non recuar diante das dificultades e
situacións complicadas que imos atopando. Ninguén nace aprendido, dicimos
moitas veces; e é verdade, pero non é menos verdade que con dicilo non chega.
Cómpre termos gañas e desexos de aprender para evitar quedar en seres
estáticos, pasivos e tristes, vendo como as ocasións van pasando por diante dos
nosos ollos. A coresma iranos chamando a non deixarnos adormecer pola tentación
de deixar que outros fagan o que entre todos deberiamos facer. Estamos no mesmo
barco, únenos o mesmo proxecto por ser felices, por superar atrancos, por non
deixar que as dificultades nos arrastren. Que mellor, logo, que esta
oportunidade que o calendario litúrxico pon diante de nós para dar un paso
adiante e facer da coresma tempo de prepararnos a renovar actitudes e
comportamentos que nos fan perder a frescura que nos ofrece o Evanxeo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Porque
somos invitados a vivir este tempo de coresma como tempo de revisión e cambio, SEÑOR,
QUE VIVAMOS DESDE A MISERICORDIA.
· Porque
queres que a conversión non sexa unha palabra, senón disposición a deixar atrás
egoísmo e teimosía, CRISTO, QUE VIVAMOS A MISERICORDIA.
· Porque
non cansas de invitarnos, unha e outra vez, a desandar o camiño que nos fai
persoas tristes, acaparadoras e duras de corazón, SEÑOR, QUE VIVAMOS A
MISERICORDIA.
PALABRA ENRAIZADA
* Ter a
oportunidade de dedicarnos un tempo para revisar as nosas actitudes e
comportamentos, á vez que sentimos a forza e a axuda da comunidade para non
sentírmonos solos neste camiño de ir deixando atrás o que sabemos que non só
non fixemos ben, senón que ten ferido aos que tiñamos máis á nosa beira, é unha
experiencia de graza e de verdadeira comuñón eclesial. Todos no mesmo barco e
co rumbo en dirección ao bo porto que é a Pascua. Si, no mesmo barco, pero cada
un nun compartimento distinto, porque non somos masa, senón persoas que, tendo
un mesmo rumbo, imos concretando ese rumbo en opcións, vivencias, formas de
actuar e decisións distintas. A grandeza da fe que compartimos non nos fai
nen@s dirixidos a facer canto fan tod@s, senón persoas libres que acertan ou se
equivocan ao tomar con responsabilidade o que queren ser ou facer. A fe, fronte
ao que moitos pensan e din, non é ser grea que non sae do rumbo marcado, senón
que é experiencia de pluralidade, diferenza e liberdade. Desde elas hoxe, o
Señor, preséntase ofrecéndonos a salvación que somos chamad@s a acoller. Non
sen pensar e ao chou, senón de maneira persoal, libre e responsable, sabendo
que acollemos e por que acollemos. Deus non nos deixa solos, é verdade, pero
somos nós os que temos que acoller o seu chamado. O acordo con Noé, non é un
acordo sen esixencias, senón que pide unha decisión pola nosa parte na que
mostremos que queremos, que estamos dispostos a deixarnos agarimar pola tenrura
de quen fai de nós sempre dignidade e acollida.
* Pero non
han ser dignidade e acollida a calquera prezo, senón que a invitación lévanos a
descubrilas a través da nosa maneira de facer as cousas, de tratar ás persoas,
de non deixarnos levar polo engano, a mentira e a intolerancia. Deixar que Deus
se faga presente na nosa vida supón que tamén nós estamos dispostos a facerlle
un oco nela; a vivir sabendo que El está, a permitir que a luz do que son os
seus guieiros vaia iluminando cada paso do noso camiño. E como ben di o salmo
van avanzando desde a misericordia e mais a lealdade. Sabendo que non vivimos
no mellor dos mundos, sendo conscientes de que coa ansia de poder, de dominar e
machucar ao outro non imos polos seus camiños, senón que retrocedemos. Deixemos
logo que a misericordia sexa non só unha palabra aprendida, e convertámola nun
xeito de achegarnos aos demais, de curar corazóns feridos polo noso orgullo e
as nosas palabras, para ser unha experiencia de encontro, alegría e de acollida
de corazón de quen nos necesite. Se ás grandes palabras, e a misericordia si
que o é, non lle poñemos imaxe, actitude e feitos, acaban baleirándose e sendo
algo inútil. Non permitamos que nos pase con esta!.
* Neste
sentido os cristiáns temos un símbolo que expresa moi ben canto vimos dicindo
no canto da coresma e da misericordia que Deus neste tempo volve a ofrecernos.
Estamos a falar do bautismo. Contra o que ás veces pensamos, non é nin un rito
nin un costume, senón a incorporación, froito da decisión libre e consciente,
de querer ser do grupo dos seguidores de Xesús –no caso dos pequenos, son os
pais e os padriños os que asumen esta decisión por eles, o que os obriga a
pensar ben se queren ou non bautizar o nen@, xa que deben ser os primeiros
mestres e exemplos da vida cristiá para aqueles que presentan á Igrexa para
seren bautizad@s- e de estar dispostos a facer o camiño da vida desde as
pegadas que El foi deixando e que recolleron no evanxeo os que o acompañaron. O
bautismo, entón, é decisións libre, non comportamento cultural nin tradición.
Os cristiáns non necesitamos ser moitos, o que necesitamos é ser boas persoas;
facendo da bondade a resposta ao proxecto de salvación ao que nos chama Xesús.
A coresma non é tampouco rito nin costume, senón un momento para que revisemos
como estamos a responder a esta decisión de querer ser seguidores. O seguimento
non se fai a distancia, senón coa vida de cada día, sabendo que o horizonte
final non pode ser outro que a esperanza de resucitar con El, para estar na
plenitude da súa compaña. Aquí está a salvación da que Pedro nos falaba ao
dicir que o bautismo nos incorpora a este proceso que temos que ir
desenvolvendo ata chegar onda El.
* E como
non sempre estamos nin dispostos nin preparados para facer este camiño, a
coresma quere ser momento de conversión e experiencia de superación de
frustracións e desilusións, para ir deixando que volvan xermolar as follas que
traen a savia renovadora dunha vida que superou a dureza do inverno para
deixarse acoller pola forza da primavera que sempre nos ofrece Xesús en forma
de perdón, acollida e misericordia.
FRATERNIDADE ORANTE
Ao comezar a
coresma, abrimos o noso corazón a Deus que nos invita a poñernos no camiño da
conversión e dicimos:
QUE CAMIÑEMOS XUNT@S PARA CAMBIAR AS NOSAS ACTITUDES
ð Para que toda a Igrexa nos esforcemos en poñernos
en camiño, e fagamos deste tempo de coresma un tempo de renovación interior,
OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS XUNT@S PARA CAMBIAR AS NOSAS ACTITUDES
ð Para que onde desenvolvemos o noso traballo e as
nosas relacións de amizade e encontro cos demais, nos comprometamos a deixar
atrás todo canto pon dor e tristura nas vidas e corazóns dos que están ao noso
lado, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS XUNT@S PARA CAMBIAR AS NOSAS ACTITUDES
ð Para que este tempo de coresma sexa un verdadeiro
tempo de transformación, cambio e renovación, no que saibamos pasar do egoísmo
á solidariedade, da soberbia á misericordia e da autosuficiencia á necesidade
de traballar xunt@s, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS XUNT@S PARA CAMBIAR AS NOSAS ACTITUDES
Señor, danos azos
para que nos poñamos en camiño, e aproveitemos este tempo de coresma para facer
del unha experiencia de superación de canto nos desacouga. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Tempo de renovación
para a Igrexa, para as comunidades e para cada un dos fieis, a Coresma é sobre
todo un “tempo favorábel de graza (cf. 2 Cor 6, 2). Deus nada nos pide, que
antes non nolo teña dado: « Nós amamos, porque El nos amou primeiro» (1 Xo
4,19). El non nos olla con indiferenza; polo contrario, ten a peito a cada un
de nós, coñécenos polo nome, coida de nós e vai á nosa procura. Cando o
deixamos, interésase por cada un de nós; o seu amor impídelle quedar
indiferente perante aquilo que nos acontece. Cousa diversa se pasa connosco!.
Cando estamos ben e comodamente instalados, esquecémonos certamente dos outros
(isto, Deus Pai nunca o fai!), non nos interesan os seus problemas, nin as
tribulacións e inxustizas que sofren; e, así, o noso corazón cae na
indiferenza: encontrándome relativamente ben e confortábel, esquézome dos que
non están ben! Hoxe, esta actitude egoísta de indiferenza atinxiu unha
dimensión mundial tal que podemos falar de dunha globalización da indiferenza.
Trátase dun malestar que temos obriga, como cristiáns, de enfrontar.
Cando o pobo de
Deus se converte ao seu amor, encontra resposta para as cuestións que a
historia continuamente nos presenta. E un dos desafíos máis urxentes, sobre o
cal me quero deter nesta Mensaxe, é o da globalización da indiferenza.
Dado que a
indiferenza para co próximo e para con Deus é unha tentación real tamén para
nós, cristiáns, temos necesidade de ouvir, en cada Coresma, o berro dos
profetas que levantan a voz para nos espertar.
A Deus non lle é
indiferente o mundo, ámao ata ao punto de entregar o seu Fillo pola salvación
de toda persoa. Na encarnación, na vida terrea, na morte e resurrección do
Fillo de Deus, ábrese definitivamente a porta entre Deus e o ser humano, entre
o ceo e a terra. E a Igrexa é como a man que mantén aberta esta porta, por
medio da proclamación da Palabra, da celebración dos Sacramentos, do testemuño
da fe que se torna eficaz polo amor (cf. Gl 5, 6). O mundo, porén, tende a
pecharse en si mesmo e a pechar a referida porta a través da cal Deus entra no
mundo e o mundo Nel. Sendo así, a man, que é a Igrexa, non debe nunca
sorprenderse, se se vira rexeitada, esmagada e ferida.
Por iso, o pobo de
Deus ten necesidade de renovación, para non caer na indiferenza nin se pechar
en si mesmo.
(Mensaxe do Papa
Francisco para a Coresma de 2015. Fortalecede os vosos corazóns (St 5,8)
CANTO GOZOSO
LECTURAS:
Como che cantarei?
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWERT POINTS
Coresma-2015-1BDomingo 1 Coresma B-2015 Coresma 1B 2015-Bene Pagola
Comentarios
Publicar un comentario