Domingo 2 de Coresma - ciclo B

2º DOMINGO DE CORESMA   -  CICLO B


Primeira Lectura    Xén 22, 1-2. 9a. 10-13. 15-18
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Sacrificio do noso patriarca Abrahán
  
            Naqueles días, Deus puxo a proba a Abrahán, chamándoo:
            ‑ "Abrahán!"
            El respondeu:
            - "Aquí estou".
            Deus mandoulle:
            ‑ "Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ao país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".
            Chegados ao lugar que Deus dixera, tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar o seu fillo.
            Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:
            ‑ "Abrahán! Abrahán!"
            El respondeu:
            ‑ "Aquí estou".
            O anxo dixo:
            ‑ "Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negaches o teu fillo, o único que tes".
            Abrahán ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno  en sacrificio, no posto do seu fillo.
            O anxo do Señor chamou a Abrahán outra vez desde o ceo:
            ‑ "Xúroche por min mesmo ‑ palabra do Señor ‑ que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o único que tes, bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me ter ti obedecido".

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 115, 10 e 15. 16-17. 18-19
R/. (Sal 114, 9): Camiñarei na presenza do Señor, na terra da vida.

Eu tiña fe mesmo cando dicía:
"Que desventurado son!"
É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.

Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!
Ofrecereiche un sacrificios de loanza,
invocando o teu nome, Señor.

Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo,
nos adros da casa do Señor,
no medio de ti, Xerusalén,


Segunda Lectura    Rm 8, 31b-34
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Deus non escatimou a entrega do seu propio Fillo
  
            Irmáns:
            Se Deus está connosco, quen contra nós? Aquel que non aforrou a seu propio Fillo, senón que o entregou por todos nós, como non nos vai regalar todo xunto con El?
            Quen acusará aos escolleitos de Deus?: Non é Deus o perdoador? Quen os vai condenar? Cristo Xesús, o que morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus e que intercede por nós?

Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO

Oíuse a voz do Pai, que dicía desde a resplandecente nube:
Este é o meu Fillo benquerido: escoitádeo.


Evanxeo     Mc 9, 2-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Este é o meu Fillo benquerido
  
            Naquel tempo, levou Xesús consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán, e subiu con eles sós a un monte alto.
            Alí transfigurouse diante deles; e os seus vestidos viráron­se resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar.
            E aparecéuselles Elías e mais Moisés, que estaban a falar con Xesús.
            Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
            ‑ Mestre, que bo sería ficarmos aquí! Imos facer tres tendas: Unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías
            El non sabía o que dicía, de tan asustados que estaban.
            E formouse unha nube que os cubriu; e dende a nube deixouse oír unha voz:
            ‑ Este é o meu Fillo benquerido; escoitádeo.
            E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, senón a Xesús só onda eles.
            Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada do que viran, ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos.
            Eles gardaron a cousa en segredo, pero preguntábanse entre si que sería aquilo de "resucitar de entre os mortos".

 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



 Non sempre é doado o camiño.
Nel atopamos costas, curvas ou rectas que nunca parecen rematar; en todas estas situacións El acompáñanos, porque é un dos nosos: Carne de humanidade  
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/

SINAL DE CORESMA:  Colocamos outras dúas follas de carballo no taboleiro, trazando o pau vertical da cruz.

ESCOITA ACTIVA
Como ben sabemos, os camiños da vida son moitos e ben diferentes. A pluralidade das nosas vidas fai que tamén sexan plurais as formas de ilas construíndo. Deste xeito, o que para uns é axuda, para outros é atranco. A pesar desta variedade, o que non deberiamos esquecer nunca os que nos chamamos cristiáns é que, por moi difícil e duro que sexa o camiño, sabemos cal é o horizonte cara onde imos. É máis, sabemos tamén que non imos sós.
Que o camiño da coresma que temos iniciado nos vaia axudando a deixar atrás dificultades e atrancos, para poder chegar con gozo ao seu remate na Pascua. Só así, a cruz terá sentido pleno, non de morte e tristura, senón de esperanza e plenitude.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Por queixarnos no canto de poñer esforzo e gañas de superar os atrancos do camiño, SEÑOR, AQUÍ ESTOU PARA FACER A TÚA VONTADE.
·         Porque moitas veces torcemos a vista ante os problemas e dificultades polas que pasan os que están ao noso lado,CRISTO, AQUÍ ESTOU PARA FACER A TÚA VONTADE.
·         Por deixar que a indiferenza nos vaia facendo insensibles nun mundo cheo de dor e violencia, SEÑOR, AQUÍ ESTOU PARA FACER A TÚA VONTADE.

PALABRA ENRAIZADA
·        A figura de Abrahán e o suficientemente significativa como para que dela saquemos o que ben poderían ser actitudes desde as que confrontar a nosa vida. Nel percibimos a súa capacidade de responder -mesmo a unha esixencia tan grande como é a entrega do seu fillo-, á confianza que Deus puxera nel. O seu aquí estou é significativo dun xeito de estar e entender a vida. Unha resposta que non busca xustificación ou escusas, senón que medra e se desenvolve na confianza. Unha confianza que sabe non se vai ver rota nin pola insensibilidade nin pola indiferenza. El confía en Deus -mesmo nunha situación extrema-, e Deus sabe entender e valorar esa confianza de Abrahán. Unha confianza que supón poñelo no límite do que é unha resposta humana ante a decisión radical que ha tomar: renunciar a quen é parte de si mesmo, carne da súa carne, o seu fillo. Con dor; pero non con desconfianza, Abrahán dá un paso cara adiante, a pesares do que iso lle supoña. Pode parecer que Deus é un sádico que goza coa dor daqueles que o confesan e o seguen; todo o contrario: o que se quere mostrar é como cando temos que tomar decisións importantes, esenciais na nosa vida, os valores, os principios, o saber distinguir que cousas son secundarias e cales fundamentais é básico. Que é o que nos guía e enche e que é aquilo do que, por un ben maior, podemos, inda que nos doa, entregalo. Nesta situación atópase Abrahán, e con el moitos como “Abrahán” que no mundo de hoxe loitan e poñen o mellor de si ao servizo do sentido dunha vida que se vai desenvolvendo en proxectos e ilusións que non se quedan no recuncho do beneficio propio, senón que serven para abrir camiño de esperanza e dignidade a tantas persoas ás que con esa renuncia ao propio, supoñen xustiza e amor, recoñecemento, para quen ve pisados os seus dereitos, a súa humanidade.

·        No xeito de responder de Abrahán móstrase tamén cal é o camiño que queda por diante. Porque as cousas non son nin para o momento nin para un día. Inda que vivimos na cultura do efémero, non é este -non pode selo-, o que marque canto queremos ser e facer coa nosa vida. Nun momento cultural como é este noso, no que para moita xente é difícil darlle continuidade ás cousas que fan, o que os leva a conectar e desconectar, sen continuidade nin coherencia co que fai, na Palabra de Deus que hoxe vimos de escoitar, atopamos unha resposta –que non ten por que ser única- para non deixarnos vencer polo “presentismo” nin pola forza única e exclusiva dos afectos. Crer ofrécenos unha posibilidade de racionalidade diante da opción, suxerinte -non podemos negalo-, da afectividade á que moitas veces lle falta a perspectiva da globalidade. Isto evita converter nun absoluto o que só é un paso ao longo do proceso. Por iso diciamos con convicción:”camiñarei na presenza do Señor”. Unha presenza que non nos quita nin as dificultades nin os problemas; pero si que nos dá a forza de non sabérmonos solos, e de ofrecernos un horizonte de plenitude cara ao que nos invita a camiñar. E entendemos logo por que, desde a realización deste camiño, Paulo fainos as preguntas que apuntan a que deamos, persoalmente, resposta desde o que son os alicerces (valores, principios, esixencias...) da nosa vida. Se confiamos en Deus, se imos descubrindo que El vai acompañando as nosas decisións e alentándonos cando estas non son as máis acertadas, entenderemos a razón da Encarnación.O Deus que nos quere e terma de nós, faise un igual e presente entre nós. Xa non hai nin distancia nin separación:está. Non nos dá de costas.A vida do crente é logo unha invitación a facela cristocéntrica, é dicir, a poñer a Cristo no centro daquelas decisión desde as que queremos orientar e dar sentido a nosa vida.

·        Canto vimos dicindo ata o de agora fai que entendamos moito mellor o Evanxeo que acabamos de proclamar. Mellor, que entendamos a reacción de Xesús ante a pretensión dos que estaban ao seu lado de desconectar das dificultades, problemas e tensións que cada día temos que vivir nas nosas familias, nas parroquias, nos traballos... no mundo do que formamos parte. Non podemos escapar de todas estas situacións, ao contrario, a fe invítanos, úrxenos a facerlle fronte, e a non deixar que elas acaben impoñéndose e reducíndonos a ser simples “suxeitos pasivos” do que pasa ao noso redor; ou das decisións que outros toman por nós, como se foramos simples peóns de xadrez que nos moven ao seu antollo. Xesús faille unha chamada de atención aos discípulos, e neles a todos/as nós, para que non deixemos que nos ceguen as cousas efémeras que moitas veces nos fan crer nunha realidade que non é máis ca pura ficción. Que non nos asusten os problemas, ao contrario, busquemos facerlles fronte para que non sexan outros os que tomen as decisións por nós e se aproveiten da nosa inxenuidade.

FRATERNIDADE ORANTE
A forza da oración comunitaria únenos e aléntanos para non sentírmonos sós nin desamparados. Desde esta confianza que sentimos por rezar xuntos dicimos:
QUE APRENDAMOS A POÑER EN TI A NOSA CONFIANZA
*  Para que nos esforcemos por construír unha Igrexa que sabe superar medos e non enuncia a defender a dignidade das persoas, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A POÑER EN TI A NOSA CONFIANZA
* Para que este tempo de coresma nos axude a ir espertando do soño que nos fai crer autosuficientes e non necesitadas da axuda dos demais, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A POÑER EN TI A NOSA CONFIANZA
* Para que sexamos capaces de poñer a confianza en Deus e a non renunciar aos valores e esixencias que fan da vida das persoas dignidade, respecto e xustiza, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A POÑER EN TI A NOSA CONFIANZA
Acolle Señor, a oración que hoxe compartimos como comunidade que non se deixa vencer polo desánimo nin polas cousas efémeras. P.X.N.S. Amén

MIRADA DE ESPERANZA
Queres cambiar e non tes forzas. Sentes desexos de ser mellor, pero dáche medo que Deus che pida demasiado.Cústache deixar esta vida á que estás apegado.Fala con Deus: Señor, move ti o meu corazón. Quero endereitar os meus pasos –Sal 118,59-. Apártame do camiño falso –Sal 118,29-.Escoita a Deus no fondo do teu corazón. Só El ten a Palabra que te convence. A que pode transformar a túa vida. Eleva a túa alma cara El: Señor, búscote de todo corazón. Non esquecerei as túas palabras. Ti non me abandones – Sal 118,8.10.16-. Coñece ben a túa fraxilidade e a túa inconstancia. Cantas veces quixeches ser mellor. E cantas volviches á mediocridade. Deus non te deixará nunca sen a axuda que necesitas: ensíname a cumprir a túa vontade e a gardala de todo corazón – Sal 118,34-.

CANTO GOZOSO
ENTRADA:
Camiñarei na presenza do Señor
/Andarei na presenza do Señor
LECTURAS:
OFERTORIO:
Na nosa terra
COMUÑÓN:

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares