Teatro de Nadal 1

UNHA ESTRELA DE NADAL


PASTORIÑO: Irmáns, son Abel, o pastor que coida os rabaños nos altos montes; quero preguntarvos  se sabedes onde podo atopar o Neno que vén de Deus.
SAN XOSÉ:  Pastoriño Abel, neste portal naceu.
PASTOR 1:   Pero dinos, que resplandor é ese que sae da túa caixa.
PASTORIÑO: É unha estrela do ceo.
PASTOR 1:   Son vermes de luz, señor carpinteiro.
PASTORIÑO:  E unha estrela do ceo que veu dende o mar.
PASTORES: Mentireiro, mentireiro.
PASTORES: É certo! É unha estrela!
PASTORIÑO: E para o Neno de Deus.
                          E a miña ofrenda. ¿Non vos gusta, señor?
SAN XOSÉ:  Pastoriño Abel, o teu regalo é moi fermoso. María, María, un pastoriño tróuxonos unha estrela que brilla coma un luceiro.
MARÍA:        De verdade que é ben fermosa!
PASTORIÑO:  Gardarédesme a estrela, señor? Teño medo que o seu brillo esperte o Neno.
SAN XOSÉ:  Con moito gusto, Abel. Non dicían as Escrituras, María, que no nacemento do Neno unha estrela do ceo baixaría para conducir no seu camiño ata Belén os Reis de Oriente?
MARÍA:        Iso creo que dicían, Xosé.
SAN XOSÉ:  Entón penso que ese pastoriño deixou sen guía os grandes Reis de Oriente.
PASTOR  2:  É un ladrón. Roubou a estrela dos Reis.
PASTOR  3 : Señor carpinteiro, hai que facer algo.
PASTOR  4:  Si, porque a noite é moi escura.
PASTOR  5:  E vai moito frío.
PASTOR  6:  E hai xeada e xeo polos carreiros.
PASTOR  7:  E pode vir a neve e pérdense.
PASTOR  8:  E as mandas de lobos andan moi preto de aquí.
PASTOR  9:  É un ladrón, é un ladrón.
MARÍA:        Pero Xosé, non comprendes que habendo tantas estrelas no ceo, se Deus quere, pode facer baixar á terra non unha senón centos delas.
PASTOR  2:  Que saia ese ladrón.
PASTOR  3:  Vouno sacar eu.
PASTOR/SAN XOSÉ:  E que nos diga onde a atopou.
PASTOR  4: Aquí está o ladrón.
PASTORES: Ladrón, ladrón, roubaches a estrela dos Reis.
MARÍA:        Non. non. Tratádeo con coidado. El non ten a culpa.
PASTOR 1:   Pero, señora, roubou a estrela.
PASTOR 2:   ¿Quen os guiará agora?
PASTOR 3:   Señor, facédeo falar.
PASTOR 4:   Morrerán de frío no camiño.
PASTOR 5:   Pobriños deles, vanse perder nas encrucilladas.
SAN XOSÉ:  Non perdamos máis tempo e saiamos na súa busca.
MARÍA:       Non teñas medo, pastoriño. Os Reis virán e traerán tamén a súa estrela e entón, ninguén poderá dicir que ti lla roubaches.
PASTORIÑO:   Señora, ela baixou ata as miñas mans. Dígolle a verdade.
MARÍA:        E eu créote pastoriño.
PASTORIÑO:    Mire, Señora. Eu traía para o Neno o meu mellor carneiro, pero facía tanto frío que no camiño conxelóuseme. Entón, busquei algo máis fermoso para ofrecerlle, pero as fontes máis puras non tiñan auga, as árbores non tiñan froito e os paxaros non cantaban. E cando vin que non había nada para el, púxenme moi triste e chorei. Pero, de súpeto, a terra encheuse de luz, e esta estrela baixou ata as miñas mans, e eu collina pensando que lle gustaría.
MARÍA:        Eu creo que lle gustará, Abel. Entra comigo e ofrécelle o teu regalo.
MARÍA:        A lúa está alumando
                        sobre o portal de Belén,
                        e unha estrela dos ceos
                        un pastor vaiche ofrecer.

                        É un pastor pequeniño
                        que moito te ha querer,
                        o seu regalo é un luceiro,
                        mira se te quere ben.
PASTORIÑO: Señora, mirade que resplandor.
MARÍA:        E como se o día viñese ás nosas mans.
PASTORIÑO: Saiamos a ver.
MARÍA:        É a estrela, é a estrela.
PASTOR 6:   Xa están. Xa veñen. Son tres Reis, señora, e un é negro.
MARÍA:        Xa ves, pastoriño Abel,
                        difícil é que se perda,
                        quen por Xesús preguntou.
                        O meu neno desde o berce,
                        outro luceiro baixou.
MELCHOR: Eu son o rei Melchor, e das minas do meu reino traio o agasallo mellor: OURO para o Rei de Reis.
GASPAR:      Eu son o rei Gaspar e, das árbores do meu reino, traio neste cofre o seu mellor recendo: INCENSO para o Deus do ceo e da terra.
BALTASAR: Eu son o rei Baltasar, seguín o vieiro dunha estrela e tráiolle ó Neno a mellor resina aromática do meu país: MIRRA para o Señor dos señores.

NARRADOR: Reis e pastores, xunto cos anxos do ceo, celebraron con gran ledicia a chegada de Xesús naquel Nadal. Hoxe tamén nós brincamos de gozo porque Xesús cada Nadal se achega de xeito especial a todos os nenos e persoas do mundo. Que todos saibamos recibilo con agarimo nas persoas daqueles que nos rodean, especialmente nos pobres e necesitados. Cos anxos, reis e pastores tamén nós cantamos.




 VER TAMÉN:

Comentarios

Publicacións populares