Domingo 1 de Advento - ciclo B

1º DOMINGO DE ADVENTO  -  CICLO B

  
Primeira Lectura         Is 63, 16b-17. 19b; 64, 2b-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Ai, se rachases o ceo e baixases!
  
Ti, Señor, es o noso pai,
o "noso Redentor desde sempre" é o teu Nome.
Por que, Señor, nos deixaches descarreirar lonxe dos teus vieiros,
e fixeches endurecer o noso corazón apartándose do teu respecto?
Cambia de actitude por amor dos teus servos,
por amor das tribos da túa herdanza!
Ai, se rachases o ceo e baixases!
Coa túa presenza rebulirían os montes.
Baixaches, e coa túa presenza tremeron os montes:
unha cousa que desde antigo nunca se oíra,
pero certo que se nos fixo escoitar:
O ollo non viu fóra de ti ningún deus,
que tal lle faga a quen espera nel.
Atopácheste co que se alegraba e practicara a xustiza,
cos que se lembraban de ti nos teus vieiros.
Velaquí: estabas enfadado porque pecaramos,
pero estaremos sempre nos teus vieiros e salvarémonos.
Todos nós fomos coma un impuro,
e toda a nosa xustiza coma a roupa da menstruante.
Todos nós murchamos coma a folla,
e as nosas iniquidades leváronnos coma o vento.
Non había quen invocase o teu nome,
quen espertase para acollerse a ti,
porque ti escondíchenos a túa cara,
e alagáchesnos co lote das nosas culpas.
Pero agora, Señor, ti es o noso Pai.
Nós somos o barro e ti es o oleiro,
pois obra das túas mans somos todos nós.

   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus

                                                                                                                                           
SALMO RESPONSORIAL           Sal 79, 2ac e 3b. 15-16. 18-19
R/. (4): Restáuranos, Deus, que brille o teu rostro e seremos salvos.

Escoita, pastor de Israel,
que guías o rabaño de Xosé;
ti que sentas sobre os querubíns, resplandece,
esperta o teu poder e ven salvarnos.

Vólvete, Deus dos exércitos,
olla desde o ceo e fíxate,
ven visitar a túa viña,
a videira que plantaches coa túa man,
o bacelo que ti fortaleciches.

Que a túa man protexa o teu elixido,
o home que ti fortaleciches.
Non nos afastaremos máis de ti;
danos vida de novo,
e invocaremos o teu nome.


Segunda Lectura        1 Cor 1, 3-9
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS  CORINTIOS
Esperamos a manifestación do noso Señor Xesús Cristo 

Irmáns:
Desexámosvos graza  e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Cristo.
Non paro de lle dar grazas  a Deus por vós, pola graza  de Deus que se vos deu por medio de Cristo Xesús.
Porque por medio del quedastes ricos en todo, nos dons da palabra e do coñecemento: e así confirmouse solidamente entre vós o testemuño en favor de Cristo. De xeito que non carecedes de ningún don, mentres agardades a revelación do Noso Señor Xesús Cristo.
El é quen vos manterá firmes deica a fin, para que ninguén vos poida acusar de nada no día do Noso Señor Xesús Cristo. Deus é fiel e foi El quen vos chamou á comunidade do seu Fillo Xesús Cristo, noso Señor.

   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus

                                                                                                                                           
ALELUIA    Sal 84, 8
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Amósanos, Señor, a túa misericordia,
e dános a túa salvación.
Aleluia.


Evanxeo          Mc 13, 33-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Estade á espreita: non sabedes cando vai chegar o señor da casa 

Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
Estade á espreita e atentos, que non sabedes cando será o momento.
É coma un home que foi ao estranxeiro, deixando a casa e  mais a facenda nas mans dos seus criados, encargándolles a  cada un o que tiña que facer; e ao porteiro ordenoulle que velase.
Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se á tardiña ou con noite pecha, se co canto do galo ou no amencer. Non vaia ser que chegue de repente, e vos atope durmindo.
E o que vos digo a vós, tamén llelo digo a todos: Estade en vela!

   Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo                       

            



ACOLLER CON LEDICIA O EVANXEO ESÍXENOS ESTAR ESPERTOS E ATENTOS A CANTO PASA AO NOSO REDOR

SINAL DE ADVENTO 
O mesmo que outros anos, e buscando axudarnos a vivir e comprender o significado deste tempo litúrxico, temos escollido un sinal: unha folla de carballo debuxada e posta sobre un panel. Segundo vaiamos avanzando nas  semanas de Advento,  iremos engadindo novas follas; deste xeito o primeiro domingo será unha, o segundo dúas... a así ata o cuarto.  No  medio de cada unha das follas,  debuxamos tamén unha chama prendida para significar que a forza do Espírito nos alenta a camiñar cara ao Nadal desde o respecto á  casa na que vivimos  -o mundo, o oikos - e o empeño en non calar diante canto destrúe e arrasa  todo  o  que  Deus puxo nas nosas mans para coidar.


ESCOITA ACTIVA 
Volvemos  hoxe  comezar  un novo ciclo litúrxico. Desde este primeiro domingo e ata a festa de Cristo Rei, reunirémonos para celebrar, compartir e agradecer a fe en Xesús. Neste ano iremos lendo o Evanxeo de Marcos, o primeiro en ser escrito, e que de forma sinxela nos vai mostrando como a vida, a persoa e a mensaxe de Xesús seguen a ser atraentes e a mover corazón e vidas para traballar en facer felices aos demais.  
No centro do texto de Marcos Xesús aparece como aquel que lles fala en parábolas para que entendan e poñendo exemplos sacados do cotián. Pois ata aí, á vida de cada día, como non cansa de repetir unha e outra vez o Papa Francisco, temos que levar o evanxeo e convertelo en actitudes, comportamentos e feitos desde a ledicia.  
E a isto tamén nos quere invitar o tempo de Advento que hoxe comezamos. Que desde o cambio de corazón quere que cheguemos ledos e solidarios ao Nadal. 
Comecemos logo poñéndonos na presenza e na man de Deus. 

CORAZÓN MISERICORDIOSO 
·    Poñámonos na man do Señor para que converta o noso corazón de pedra en corazón solidario e acolledor, SEÑOR, QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO. 
·    Poñámonos en actitude de romper con todo canto nos impide achegarnos a quen está só e necesita do noso tempo e o noso sorriso, CRISTO, QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO. 
·    Poñámonos en disposición de deixar atrás canto nos impide romper co individualismo e o egoísmo que nos pecha en nós prescindindo dos demais, SEÑOR, QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO.

PALABRA ENRAIZADA 
·    Ser de barro é asumir a nosa debilidade e pequenez, e deixar de crer no vello soño de que o sabemos e podemos todo. Abandonar dunha vez por todas a tentación de pensar que nada se nos nega e todo está ao noso dispor, como se foramos amos e señores para facer o que nos dea a gana. Axudarnos a recoñecernos servidores e necesitados fainos moito máis humanos e achegados uns aos outros, xa que pon de manifesto que nos necesitamos e que nin o sabemos nin tampouco somos capaces de facelo todo. É Deus quen, como bo oleiro, nos vai modelando para que sexamos capaces de trasladar o seu plan á vida e ao quefacer cotián de cada un. O problema xurde cando nos rebelamos; cando non deixamos que El faga e desenvolva o seu traballo; cando lle poñemos atrancos e dificultades ao crernos autosuficientes e non necesitados de nada nin de ninguén; cando facemos da nosa relación con El, coa comunidade e a nosa mesma experiencia de fe unha simple suma de ritos, tradicións ou rutinas, sen pensar nin que significan nin que supoñen para a nosa vida. Pois do mesmo xeito que cando unha ola non sae ben e é necesario volver a facela, tamén cando na vida imos descubrindo que estamos a utilizar a Deus ao noso antollo, que non lle permitimos que entre na nosa vida ou que o reducimos a un acto social para convocar xente; cando todo isto ocorre o que necesitamos é comezar de novo e volver darnos unha nova oportunidade para sentírmonos obra das súas mans. 

·    A esta tarefa invítanos o saúdo de Paulo na carta aos corintios. Unha tarefa que ten que desenvolverse desde a chamada á paz e á graza como resposta á invitación que Deus nos fai. Desde a encarnación de Cristo, a presenza de Deus entre nós ten a lectura da persoa e dos feitos do seu Fillo. Nel, con El e por El imos vendo reflectido o querer e actuar de Deus, e tamén o proxecto que El nos chama a construír a cada un no día a día da vida. Por iso dá grazas Paulo, porque Deus non nos abandona deixándonos ao pairo, como se non lle importaramos; ao contrario, sae ao noso encontro e ofrécenos un camiño, nada doado moitas veces, iso si que é verdade, para que vaiamos descubrindo o sentido e o horizonte de todo o noso facer e actuar. E iso o mellor xeito de ilo facendo é sabéndonos comunidade que se axuda, preocupa e vai termando duns e de outros.


·    Claro que moitas veces esquecémonos, trabucámonos ou deixámonos levar da preguiza, o que nos vai afastando do sentido comunitario da fe e do seguimento ledo e construtivo da mensaxe de Xesús. Para que iso non ocorra necesitamos estar sempre á espreita, atentos e dispostos a non deixar que vaiamos perdendo a forza desa esperanza diante de acontecementos e situacións que moitas veces nos deixan tocados, ou mesmo nos levan a cuestionar o sentido da nosa crenza e da presenza de Deus en nós. Para evitar caer nesta situación de desesperación e afastamento é necesario de cando en vez pararnos e reflexionar, para ver en que paso do camiño estamos, e se a equipaxe coa que saímos ao comezo necesita amaños ou se hai que cambiala. Por iso a liturxia sitúa o tempo de Advento no comezo do ano litúrxico e antes do tempo de Nadal. Un parón no camiño que nos leve a revisar e revisarnos. Un alto no camiño que non deixe que avance a nosa canseira e desánimo, un alto no camiño do que saír reforzados e co zurrón outra vez cheo de esperanza e capacidade de non calar diante de canto impide que o ser humano se senta tal no noso mundo. Un alto no camiño para non deixarnos levar dos cantos de serea do consumismo que todo o reduce á ganancia, e que esconde a presenza de Deus. 

FRATERNIDADE ORANTE 
Este tempo de Advento quere ser un tempo no que reforcemos o noso sentido comunitario da oración e a da fe compartida, por iso xunt@s dicimos: 
SEÑOR, QUE VIVAMOS CON GOZO ESTE TEMPO DE ESPERA 
·          Para que toda a Igrexa e en toda a Igrexa fagamos deste tempo de Advento un tempo de cambio e transformación como o mellor servizo ao Evanxeo, OREMOS.  
SEÑOR, QUE VIVAMOS CON GOZO ESTE TEMPO DE ESPERA 
·          Para que aproveitemos este tempo de Advento na nosa parroquia, converténdoo nun tempo de renovación gozosa e cambio de actitudes para con aqueles cos que máis nos custa relacionarnos, OREMOS 
SEÑOR, QUE VIVAMOS CON GOZO ESTE TEMPO DE ESPERA 
·          Para que fagamos da nosa vida unha experiencia de cambio, transformación e superación dos nosos medos e teimosías, OREMOS.
SEÑOR, QUE VIVAMOS CON GOZO ESTE TEMPO DE ESPERA 
Grazas, Señor, por invitarnos a compartir comunitariamente este momento de oración gozosa e transformadora. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA 
Fai de min, Señor, unha persoa sensible a todo o humano. 
Fai de min, Señor, unha persoa capaz de chegar 
a ese secreto onde cada home e muller viven e morren, 
loitan e esperan, buscan e ansían a felicidade. 
Fai de min, Señor, unha persoa a quen 
nada verdadeiramente humano a deixe indiferente. 
Fai de min, unha persoa tan evanxélica 
e seguidora de Xesús, que se estremeza 
diante da dor e as bágoas das persoas que choran, 
ante a ilusión e a esperanza dos que soñan novos camiños. 
Fai de min,Señor, unha persoa que ame o mundo e os problemas da humanidade. 
Fai de min, Señor, unha persoa de Boa Nova 
no medio da noite do mundo. Amén.  

(Cáritas, ADVENTO 2014 p. 45) 

CANTO GOZOSO 
ENTRADA: 
LECTURAS:  
OFERTORIO: 
Vén, vén, Señor non tardes 
COMUÑÓN:  
Pan do ceo, pan de vida

VER TAMÉN: Vén, axiña visitarnos 
                         Veña o teu Reino

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares