2O DE NOVEMBRO - DÍA INTERNACIONALS DOS DEREITOS DA INFANCIA
Nenos
e filósofos están de festa
Por unha
feliz coincidencia este ano, no día 20 deste mes de santos, pódense dar mutuas
e agarimosas apertas os rebuldeiros nenos e os sisudos filósofos que se dedican
a pensar a realidade. O día Mundial da Filosofía celébrase, en efecto, o
terceiro xoves de cada mes de novembro e o día Universal do Neno cada día 20 deste
mesmo mes, en conmemoración da aprobación da Declaración dos Dereitos do Neno o
20 de novembro de
19 59. Mais as coincidencias, por casuais que sexan, ofrecen tamén ocasión
para pensar.
É cousa antiga entre os filósofos a afirmación de que a
súa disciplina xurde da admiración, do abraio, ante a realidade física,
cósmica, natural, social e humana na que estamos, queirámolo ou non, fondamente
mergullados. A filosofía intenta descifrar este enigma, entendelo, analizalo e,
tamén, criticalo nas súas desviacións humanas. Mais xustamente nisto da
admiración emparéntanse os filósofos, é dicir, os amigos da sabedoría, cos
nenos. Porque estes, desde que dan vía libre ó seu primeiro berro de entrada no
mundo, non son máis ca aprendices agradecidos e abraiados perante o que ocorre
arredor deles. Para eles todo, como para ós filósofos, élles novo. E cando as
cousas felizmente van ben, admiran, confían e vense agasallados cos sorrisos,
bicos e apertas dos que están amorosamente á súa beira. Moito dá que pensar
aquilo que máis dunha volta teremos lido ou escoitado de que “se non vos
facedes coma nenos non entraredes no reino dos ceos”, é dicir, no reino da
realidade e da verdade. Os nenos viven no abrente da súa existencia, nos seus
principios. Principios calmos e mainos sobre os que se irá construíndo o seu propio
futuro. Por iso, os filósofos non sen razón analizan teimudamente os principios
do seu propio labor teórico e da realidade toda que está aí ante os seus
propios ollos. Nisto son eles tamén coma nenos, mais conscientes da súa
situación e do permanente risco do autoengano. Sen nenos nin hai sociedade nin
pode haber futuro. Deberían ser os pensadores, os filósofos, eses videntes de
como son as cousas, os que terían que poñer de relevo esa realidade. Precisamos
dunha gran coalición de nenos e pensadores que lle saiban ofrecer ó mundo unha
esperanza, un camiño, de renovación e de vida. Sen eles a humanidade tórnase esencialmente
orfa. Quero dicir, esvaécese na nada. Se os políticos e os creadores de opinión
non teñen algo desa aura de nenos e filósofos, ós que hoxe lembramos con
agradecemento, tardaremos ben en espertar dese sono inerte que nos atorda.
MANUEL CABADA CASTRO. Vigo.
[Publicado no “Faro de Vigo”, xoves, 20 de novembro de
2014, p. 57]
RECURSOS:
http://issuu.com/ines.sanchez/docs/dereitos_nenos_bolechas/12?e=0
http://issuu.com/ines.sanchez/docs/derechos_del_ni_o_20_nov_2011/3?e=0
Comentarios
Publicar un comentario