Ficha e Lectio - Domingo 33 Ord A
NOTA:
Cortar en anacos o cadrado coa frase para facer o crebacabezas.
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO XXXIII T. O.
(16 de santos de 2014)
A
parábola de hoxe quere aprendernos a comportarnos como axentes activos na
creación. Nunca deberiamos esquecer que Deus, cando crea, cando fai xurdir o
mundo e a nós nel, realiza esa tarefa facendo reflectir nela o que El mesmo é.
Agora ben, o Deus cristián é plenitude de vida e de amor entre Pai, Fillo e
Espírito. Plenitude de actividade. Por iso, cando El nos fai, fainos tamén
activos e vitais. Unha materia, unha vida ou unha humanidade inertes e pasivas
é algo que non pode ter senso ningún. Iso significaría que Deus se negaría a si
mesmo ó expresarse no mundo e en nós.
É
algo así como cando, por exemplo, os pais dan vida ós seus fillos. Eles, á
maneira de Deus, co amor que mutuamente se teñen, colaboran na creación dun
mundo humano, vivo e activo. ¿Pois que son os fillos, por pequerrechos que
sexan, senón un impulso de vida, de actividade que se vai multiplicando cada
vez máis? Os propios pais son os primeiros sorprendidos pola súa incríbel vitalidade.
Mais
as cousas do mundo, incluídos nós mesmos, son moi diferentes, malia procedermos
todos dunha mesma orixe divina. En realidade é unha diferenza que reflicte
tamén dalgunha maneira a diferenza das tres persoas divinas do único Deus.
Pois
ben, a parábola de Xesús dos diferentes talentos que Deus esparexe entre as
persoas humanas hai que situala no contexto destas diferenzas. Cada un recibe
de Deus, a través da propia bioloxía e do particular contexto social, dons
distintos dos demais.
Mais
o que verdadeiramente importa é que cada quen poña ó servizo dos demais os dons
que Deus lle deu. Porque, como ben sabemos, Deus non precisa dos nosos
servizos. El é en si mesmo absolutamente autosuficiente. Si, en cambio, os
precisan os que, máis preto ou máis lonxe de nós, teñen algunha relación con
nós. Unha vez máis, a medida ou a tradución máis correcta e exacta do noso suposto
amor a Deus é o amor que teñamos ós nosos irmáns.
Para
nós non debería haber meirande alegría cá de poder ter ocasión de traballar
polo ben dos demais, pois son irmáns nosos. Xesús non deixa ben ós
preguiceiros, que non se preocupan por converterse en axuda e apoio dos que
están ó seu lado. O mundo funcionaría sen dúbida moito mellor se cada un
pensase máis nos outros ca en si mesmo. Esta é a verdadeira actividade que se
nos pide que exerzamos cos talentos recibidos. Porque só nos foron dados para
facelos frutificar e aumentar poñéndoos ó servizo dos demais.
Escribíame
unha vez un bo amigo tras publicar o seu primeiro libriño nos comezos da súa actividade
docente universitaria: “Renunciei ós dereitos de autor e todo o que recade irá
parar a unha ONG coa que colaboro, que se dedica a proxectos de xustiza social
(especialmente na súa vertente educativa) en América Latina, África, Asia e tamén
en zonas pobres do noso país... A partir de agora, tódolos meus libros, sexan
literarios ou académicos, irán (en todo ou en parte) dedicados a diversas ONG
ou Fundacións... Cada día fago o esforzo consciente de seguir tendo claro que a
miña vocación é a que é. Non é ser un ‘profesional da ensinanza’, senón unha
persoa que constrúe mundo desde a tarima dunha universidade. Descubrín que ese
é o meu lugar, e non outro, e esfórzome niso. Aínda que a miña familia non
acabou de entender iso de rexeitar os dereitos de autor, porque me din que
cobro menos ca un asistente doméstico, eu tomei esa decisión e desde a vocación
académica e intelectual”.
Isto
vén sendo, engado xa eu agora, unha das moitas maneiras de cumprirmos nos
tempos de hoxe o mandado evanxélico de pór os propios talentos ó servizo dos
máis necesitados. É o mesmo que facía aquela “muller forte” dos tempos antigos,
ben loada no libro dos Proverbios da Primeira Lectura pola súa laboriosidade e
pola súa xenerosidade cos necesitados: “Bota as mans á roca e os seus
dedos manexan o fuso. Tende a palma ó indixente e achega as súas mans ó
mendigo”.
Mais
non quero rematar este cativo comentario das lecturas deste domingo sen facer
lembranza dun acontecemento ocorrido xustamente hoxe hai 25 anos, no día 16 deste
mes de santos do ano 1989, porque coido que está en liña co que acabo de
comentar. Esta data vén sendo como unha especie de vodas de prata dunhas vidas
entregadas ós máis desfavorecidos. Pois eles convertéronse en certo modo en
voceiros dos marxinados sociais. Pois ben, nese día foron asasinados pola
represión militar, podemos dicir martirizados, tendo en conta que a palabra de
orixe grega “mártir” significa ser “testemuña”, dous bos amigos meus xesuítas
en Centroamérica. En total foron martirizados no abrente deste día seis xesuítas
e mais dúas mulleres que traballaban con eles. Os que eu coñecía de ter
convivido con eles eran Ignacio Ellacuría e Segundo Montes, o primeiro
orixinario do País Vasco e o segundo de Valladolid. Tanto o primeiro como o
segundo puxeron, como se nos pide no evanxeo, os seus “talentos” ó servizo da
construción do reino de Xesús. Non agacharon eses dons seus nun burato, senón
que os puxeron ó servizo da igualdade e fraternidade. Con Ignacio Ellacuría
convivín durante case dous anos en terras austríacas de Innsbruck desde o mes
de outono de 1960 ata o verán de 1962. Levábame dous cursos nos estudos de
teoloxía, mais eramos veciños de piso con porta de entrada ás nosas respectivas
habitacións fronte a fronte. El estivera xa antes en Centroamérica. Serio e ó
tempo amábel, teimoso en levar a cabo canto emprendía. Cando volveu para alá ó final
dos seus estudos, a súa teima era empregar os talentos e calidades que Deus lle
dera en axudar ás que el chamaba “maiorías populares”, para que acadasen unha
vida digna, non sometida ó capricho e violencia dos poderosos. Pouco antes de
ser eliminado, puiden aínda saudalo ó seu paso por Madrid de volta ó lugar do
martirio.
Con
Segundo Montes convivira xa antes de volver vernos en Innsbruck. Aquí cursamos
xuntos tres anos de teoloxía e recibimos tamén a ordenación sacerdotal no mesmo
día. Debido a isto, foi moita a relación de amizade que tiven con el. Cando el
foi asasinado xunto cos seus compañeiros era el o superior ou responsábel daquela
pequena comunidade xesuítica.
En
fin, se os exemplos vivos valen máis cás palabras que o vento leva, sírvanos
hoxe a súa ben merecida lembranza para animármonos pola nosa parte a poñer os
nosos distintos talentos ó servizo da boa nova, é dicir, da fraternidade e
felicidade de todos.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Pidámoslle a Deus Pai que nos axude a poñer os bens e
talentos que del recibimos ó servizo dos nosos irmáns, especialmente dos máis
necesitados, dicindo: Escóitanos, Pai.
- Concédenos, Pai, seguirmos os impulsos que puxeches nos
nosos corazóns para ocuparnos máis de dármonos ós demais ca de querer que eles estean
ó noso servizo. Todos: Escóitanos, Pai.
- Convértenos, Pai, en activos promotores da igualdade e
fraternidade entre todos, sen deixármonos levar pola preguiza ou polo
desinterese en relación cos problemas e angustias dos necesitados e marxinados
do mundo. Todos: Escóitanos, Pai.
- Concédelles, Pai, ós gobernantes espírito
responsábel para administraren e distribuíren con xustiza os bens que son de
todos. Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús
Cristo, noso Señor.
Todos:
AMÉN.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario