Ficha e Lectio - Dedicación Basílica de Letrán
LECTIO:
DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN
(9 de santos de 2014)
A festividade deste
domingo é en certo modo algo atípica porque foi só a casualidade temporal a que
fixo que a conmemoración da dedicación da basílica romana de San Xoán de Letrán
caese este ano en domingo. Así e todo, bendita sexa esta casualidade, porque en
calquera caso nos pode axudar a continuar medrando no coñecemento e na práctica
da fe cristiá.
Sabedes que ó noso actual
papa Francisco no lle gusta utilizar o seu alto título de pontífice da Igrexa,
senón só, simple e humildemente, o de bispo de Roma. Pois ben, así como o noso
bispo de Tui-Vigo ten a súa sé na catedral de Tui e tamén aquí en Vigo na
concatedral da Colexiata de Santa María, só a case un tiro de pedra de nós, así
tamén o bispo de Roma ten a súa sé na basílica de San Xoán de Letrán en Roma.
De modo que hoxe temos grata ocasión para facermos un recordo especial de Francisco.
Sabedes tamén que el con frecuencia lle pide á xente que pidamos por el.
Fagámolo hoxe, pois, tamén nós, conscientes como somos de que, sendo como é
bispo de Roma, a igrexa que alí preside ten a primacía sobre tódalas demais do
mundo. E tamén, polo tanto, naturalmente sobre esta nosa dos Apóstolos.
Por iso pode ser hoxe
tamén ocasión propicia esta, a da lembranza festiva da dedicación da igrexa de
San Xoán de Letrán, que se remonta ó século IV, para comentarvos brevemente que
tamén esta modesta igrexa nosa* ten a súa pequena historia. Fágovos un curto
resumo. Colocouse a primeira pedra o 27 de xuño de 1964 (hai só polo tanto
cincuenta anos). Catro anos despois era xa inaugurada a nosa igrexa e
consagrado este altar polo entón bispo de Tui-Vigo, Xosé López Ortiz, o 2 de
agosto de 1968 ás 7,30 da tarde. Como cousa curiosa e anecdótica, ó mencionado
bispo non lle gustaba nada que os bancos onde agora estades sentados non
tivesen reclinatorios para axeonllarse. O caso é que, sexa pola razón que fose,
continúan eles a estar ata hoxe sen reclinatorios, como ben podedes comprobar.
Oito anos máis tarde, o venres 25 de xuño de 1976, un novo bispo, Xosé Cerviño,
nado na parroquia de Aldán (Cangas), presidiu a inauguración deste fermoso retablo de pedra coas imaxes dos
Apóstolos, que son da autoría do escultor nado na parroquia do Hío (en Cangas
tamén) Xoán Piñeiro Nogueira. De modo que bispo e escultor eran cangueses,
aínda que de distintas parroquias. Un recordo agradecido a ámbolos dous.
De tódalas maneiras, as
lecturas desta festividade de hoxe lévannos por outros camiños, distintos dos
camiños ou edificios de pedra ou material semellante. Pois o lugar ou o camiño
da nosa relación cristiá con Deus ten que ver más ben coa humanidade,
fraternidade e vivencia dun Deus que nos quere máis alá ou por enriba de
calquera límite de templo ou igrexa, por fermosos ou engaiolantes que sexan.
Algo disto vénsenos amosar no evanxeo de hoxe, cando Xesús nos fala de como é a
casa de seu pai e, polo tanto, como é tamén a súa e como ha ha de ser
construída e levantada a nosa. Dísenos alí concretamente que o pai de Xesús non
é un “negociante”, nin a casa do seu Pai é tampouco unha casa de “negocios”.
Non ten nada que ver con ganancias, intereses ou cousas semellantes. “Non
fagades da casa do meu Pai unha casa de negocios”, bérralles Xesús ós
sorprendidos vendedores e cambistas. Na casa do seu Pai non se está por méritos
propios nin á busca de medras particulares. A casa do seu Pai é simplemente a
casa onde se vive a familiaridade con Deus, onde se aprende fraternidade e
igualdade entre todos.
É dicir, a casa de Deus non é,
estritamente, casa ningunha, senón esa relación filial fonda que se ten con El
e que crea fraternidade entre todos, esteamos onde esteamos ou fagamos o que
fagamos. No templo de Xerusalén practicábanse ritos de sacrificios de animais,
bois, ovellas, pombas, etc. e para iso precisábanse persoas que se ocupasen
tamén destas tarefas. Pero Xesús non quere que estes materiais e estas
actividades de tipo exterior acaben ó final por afogar o que importa: o amor a
Deus Pai e o amor ós máis necesitados. Nisto non fai Xesús máis que continuar
coa denuncia que xa antes del fixeran moitos profetas en relación cos cultos baleiros
e puramente exteriores que se realizaban no templo.
Xesús comentará precisamente este
tema, tal como sabemos por outras pasaxes do Evanxeo, cunha muller con
problemas persoais e con dúbidas sobre a rectitude da súa fe. Refírome a aquela
escena na que Xesús, cansado e con sede, lle pide de beber a unha samaritana
que vai co caldeiro a sacar auga do pozo. Naquela conversa con ela hai fonduras
moito maiores que as do pozo. Ela séntese sorprendida polo feito de que Xesús a
atenda con tanta delicadeza, sendo como era ela unha muller pobre, non xudía e
practicante ademais polo tanto doutra relixión. Por iso, ó longo da conversa,
atrévese a manifestarlle a Xesús as súas dúbidas: “Os nosos pais adoraron a
Deus neste monte [a samaritana refírese ó monte sagrado do seu pobo, o Garizim]
e vós [é dicir, os xudeus] dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar...”.
É unha consulta moi importante,
porque aquí a muller estalle a preguntar en realidade a Xesús (aínda que ela
non o saiba) onde ten El (é dicir, Xesús) a súa casa. Porque, claro, o templo
do verdadeiro Deus, a verdadeira casa de Deus, é tamén a casa do seu Fillo, é
dicir a casa de Xesús. E Xesús ten que saber moito destas cousas.
¿Cal é a resposta de Xesús a esta
cuestión que, se lle preocupaba á samaritana hai vinte séculos, segue a ser
hoxe actual nun mundo tan interrelacionado coma o noso? A seguinte: “Mira,
muller, nin o teu templo nin o noso van ser de agora en adiante a casa de
Deus”. Dito coas palabras do Evanxeo de Xoán: “Faime caso, muller: chega a hora
en que nin neste monte [é dicir, o dos samaritanos] nin no de Xerusalén
adoraredes ó Pai ... Chega a hora –é xa agora- na que os verdadeiros adoradores
adorarán ó Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o
Pai”.
Como vedes, a resposta que lle dá
Xesús á Samaritana é a de que a verdadeira casa de Deus é aquela onde hai
espírito e verdade. É dicir, onde queira que haxa sinceridade, boa conciencia,
humildade, amor, xustiza, rectitude de miras, etc. etc., alí está o Pai Deus.
Polo tanto, a casa de Deus é unha casa moito máis ampla có que poida ser o
templo de Xerusalén ou calquera sinagoga, mesquita, igrexa ou lugar semellante
de culto.
Xesús chegará a dicirnos incluso
que todos e cada un de nós somos verdadeiros “templos” de Deus e que o Espírito
Santo habita en nós, se nos mantemos en comuñón con el na fe, no amor ó Pai e a
tódalas persoas. Que onde queira que nos reunamos dous ou tres no seu nome, alí
esta el no medio de nós... O verdadeiro templo de Deus son os humildes, os
sinxelos, os perseguidos, os tratados inxustamente pola sociedade. Xesús
identifícase con eles. E se el está alí, con eles, entón o Pai Deus está alí
tamén con Xesús e con eles. Alí está a súa casa.
Comprenderedes así moi ben por que ó
comezo da segunda Lectura de hoxe se atreve a dicir Paulo: “¿Non sabedes que
sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe
o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e
iso sodes vós”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Pidámoslle a Deus Pai polo noso papa Francisco para que
saiba transmitir ó mundo de hoxe, de maneira limpa e diáfana, a mensaxe de
Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, tamén a todos a graza de podérmonos ver
como templos vivos teus, en unión con Xesús e o Espírito Santo. Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. Todos: AMÉN.
*Igrexa dos Apóstolos de Vigo
Manuel Cabada
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario