Domingo Cristo Rei
34º DOMINGO: SOLEMNIDADE DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO,
REI DO UNIVERSO
2014 Ciclo A
Primeira Lectura Ez 34,
11-12. 15-17
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Vós sodes o meu rabaño, eu xulgo entre ovella e ovella
Así fala o Señor:
‑ Velaí, eu en persoa
virei
seguirlles as pisadas ás miñas reses e buscalas.
O mesmo que mira o
pastor polos años,
o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,
así eu vou mirar polas miñas reses,
e vounas salvar, sacándoas de todos os sitios
por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.
Eu mesmo apacentarei o
meu rabaño,
e eu en persoa fareino acougar
‑é o meu Señor, quen fala ‑.
Buscarei a ovella
perdida,
farei volver a extraviada,
vendarei a que ten a pata partida,
fortalecerei a feble,
pero farei que perezan a gorda e a forte.
Apacentarei o meu
rabaño conforme a xustiza.
Oíde vós, meu rabaño!
Así fala o meu Señor:
‑ Vede, eu vou xulgar
entre ovella e ovella,
entre carneiros e castróns.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 22,
1-2a. 2b-3. 5. 6
R/. (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.
O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;
Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.
O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.
Segunda Lectura 1 Cor 15,
20-26. 28
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Entregaralle o Reino a Deus Pai, para que Deus sexa todo en todo
Irmáns:
Cristo resucitou dos
mortos, como primicia dos que adormecen. Porque xa que por un home entrou a
morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos.
Igual que todos morren
por Adán, así tamén revivirán todos por Cristo. Pero cada un no seu momento:
primeiro, Cristo; logo, no Día da súa chegada, os que sexan de Cristo; despois
será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo
Principado, toda Potestade e toda Dominación.
Porque é necesario que
El reine ata que poña a todos os seus inimigos por debaixo dos seus pés. A
morte será o derradeiro inimigo destruído.
E cando lle teña todo
sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo:
para que Deus sexa todo en todo.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.
Evanxeo Mt 25, 31-46
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Sentará sobre o trono da súa gloria e separará uns dos outros
Naquel tempo, díxolles
Xesús aos seus discípulos: Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os
anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as
nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras.
E poñerá as ovellas á súa dereita, e as cabras á súa esquerda.
Entón dirá o Rei aos
da súa dereita:
‑ Vinde, benditos do
meu Pai, recibide a herdanza do reino preparado para vós desde a creación do
mundo. Porque tiven fame, e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber;
fun forasteiro, e acolléstesme; estiven en coiro, e vestístesme; enfermo, e
visitástesme; na cadea, e viñéstesme ver.
Entón preguntaranlle
os xustos:
‑ Señor, cando te
vimos famento e che demos de comer, ou sedento e che demos de beber? Cando te
vimos forasteiro e te acollemos, ou en coiro e te vestimos? Cando te vimos
enfermo ou na cadea e te visitamos?
O Rei contestaralles:
‑ Dígovolo de verdade:
Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo.
E diralles logo aos da
súa esquerda:
‑ Arredade de min,
malditos, ide para o lume eterno, preparado para o Satán e para os seus anxos.
Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de
beber; fun forasteiro, e non me acollestes; estiven en coiro, e non me
vestistes; enfermo e na cadea, e non me visitastes.
Entón tamén eles lle
preguntarán:
‑ Señor, cando te
vimos famento ou sedento, forasteiro ou en coiro, enfermo ou na cadea, e non
che acudimos?
El responderalles:
‑ Dígovolo de verdade:
Canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a
min.
Estes irán ao castigo
eterno, e os xustos á vida eterna.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
NUNHA SOCIEDADE CHEA DE EGOS, GRAZAS, SEÑOR, POR FACER UN
SERVIZO DA TÚA MISIÓN
Cristo Rei 2004 –
Ciclo A
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
ESCOITA ACTIVA
Chegamos hoxe ao final do ano litúrxico que comezabamos aló polo mes de
decembro do ano pasado. Ao longo deste tempo fómonos reunindo e celebrando
comunitariamente momentos importantes nas nosas parroquias, pero todos eles
estiveron rexidos polo sentido gozoso da esperanza cristiá. Si, Xesús ofrécenos
un camiño a seguir que está marcado polo sentido esperanzado da vida, polo gozo
de poder compartir, pola ledicia de sabérmonos sempre acompañadas. E aquí nace
o seu Reino; un reino que entre todos, e sen deixar a ninguén nas beiras,
estamos chamados a construír alí onde esteamos. Por iso hoxe celebramos esta festa
de Xesús Cristo Rei do Universo, para compartir que desde El e para El estamos
chamados sempre a ser sementadores de canto fai posible o seu reinado entre
nós: a xustiza, a paz, a solidariedade e a verdade. Unámonos logo para expresar
canto vimos dicindo nesta celebración na que o poder de Cristo non é dominio
nin imposición, senón servizo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
• Por non
acabar de entender que o teu reino se asenta sobre o servizo, e non sobre a
imposición, SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS DE CONSTRUÍR O TEU REINO.
• Por esquecer
que facer do mundo reino de Deus esíxenos ser testemuñas e non consumidores de
ritos, CRISTO,QUE NON DEIXEMOS DE CONSTRUÍR O TEU REINO.
• Por
deixarnos levar polas modas e costumes, para caer en comportamentos inxustos,
discriminantes e antievanxélicos, SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS DE CONSTRUÍR O TEU
REINO.
PALABRA ENRAIZADA
• De novo a
figura do pastor volve a aparecer nos textos que vimos de proclamar. Un pastor
que pouco ou nada ten que ver cos pastores ao uso. Un pastor que agarima,
acompaña, preocupase, entrégase. Un pastor que coñece e distingue, que sabe o
que necesita cada unha das ovellas, e sabe acollelas e admitilas en toda a súa
pluralidade. Canto non teriamos que aprender deste pastor?. Canto non teriamos
que poñer en práctica das actitudes do pastor?. El nunca abandona, nunca lle da
as costas, nunca se queda só coas mellores… Para El a igualdade é criterio
fundamental no seu xeito de achegarse a elas. Como logo non nos vai levar aos
pastos verdecentes!
• Só un pastor
que se comporta deste xeito pode ofrecer un reino onde non se viva nin se guíe
por criterios de diferenza, discriminación ou acepción de persoas. Na súa casa
cabemos todos: brancos e negros, altos ou baixos, ricos ou pobres, cultos ou
incultos... ninguén queda fóra… porque El convoca a todos. Entendemos isto?
Entendemos que construír Reino esíxenos seguir as súas pegadas e superar a
tentación de ir só cos nosos, cos que
nos caen ben, cos que nos rin as grazas, cos que sempre nos aplauden,
cos... Se Deus é un en todos/todas, como
nós non nos imos esforzar por facer o mesmo? Diante dun Deus así, e dicindo que
somos os seus seguidores, non nos queda outra que ir facendo da nosa vida, no
traballo, na casa, cos amigos unha tarefa permanente de construír Reino de Deus
por medio das actitudes que nos achegan uns aos outros, e do compromiso por ser
xustos, libres e sempre respectuosos –e sabemos que iso non é nada fácil– cos
que nos cuestionan ou pensan distinto a nós.
• E todo iso
vainos levando ao cumio que nos presenta o evanxeo: “cada vez que llo fixestes
a un destes máis pequenos, a min mo fixestes”. E este é o noso reto hoxe e
sempre, o que nos pide romper cos convencionalismos, co que fan todos ou co que
está de moda. Xesús veno dicindo desde hai dous mil anos, a mágoa é que os
cristiáns non acabamos nin de darnos conta nin de entendelo. Por iso seguimos,
no seu nome, ou sacando peito ou pensando que podemos enganalo a El como
enganamos aos demais. Non tería feito falta ningún. Podemos nin ningún berro de
indignación se os cristiáns, os que nos chamamos seguidores de Xesús, tomaramos
en serio a súa palabra e a súa mensaxe. Porque desde ela non hai sitio para a
mentira, o engano, a corrupción, o abuso, o aparentar o que non somos, o buscar
quedar ben cos poderosos e machucar ata a extenuación aos pequenos e excluídos.
Na lóxica de Xesús, e así debera ser tamén na lóxica de cada un de nós –pero
tristemente non o é– non hai sitio para os que se rin do trato igualitario e da
solidariedade de quen busca a xustiza e quere un mundo, un pais, unha parroquia
ou unha familia mellor. Isto, e non é pouco, é que nos quere transmitir a festa
de Cristo Rei que celebramos hoxe.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus
está sempre co oído atento a escoitar a nosa oración. Desde esta confianza
poñémonos na súa man e dicimos:
SEÑOR, QUE SEMENTEMOS A XUSTIZA DO TEU REINO
• Presentamos
a nosa oración sabéndonos Igrexa. Para que non renunciemos nunca a actuar desde
a liberdade e a responsabilidade de estar sempre comprometidos na defensa dos
máis débiles e excluídos, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMENTEMOS A XUSTIZA DO TEU REINO
• Presentemos
a nosa oración sabéndonos membros das comunidades parroquiais. Para que nos
esforcemos sempre por vencer a tentación de ser só cristiáns de misa e rito, e
espertemos a unha fe comprometida en poñer igualdade e liberdade, onde só hai
sometemento e poder, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMENTEMOS A XUSTIZA DO TEU REINO
• Presentemos
a nosa oración sabéndonos pedras vivas do Evanxeo. Para que nunca perdamos a
referencia de que o noso testemuño é imaxe da presenza de Deus, e compromiso de
traballo a favor dos máis necesitados e débiles do noso mundo. Que saibamos
estar ao lado dos enfermos, os explotados, os maltratados/as, os perseguidos
por defender máis xustiza e igualdade...OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMENTEMOS A XUSTIZA DO TEU REINO
Alentados pola túa forza, Señor, compartimos esta oración
comunitaria que nos chama a non retroceder nunca na defensa da dignidade que
puxeches en cada un de nós. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Escolliches as persoas que quixeches, Xesús.
Xente de non moito valer e non moito poder;
pero iso si, xente apaixonada, xente disposta ao seguimento.
Vallo eu?.
Aquí me tes.
Disposto a acompañarte,
disposto a dicir e pregoar o teu regalo para a xente toda,
disposto a loitar contra os demos do noso tempo.
No que poida, saiba e valla, conta comigo.
Grazas, Señor.
Manolo Regal,
A graza
daquel verán, p.75
CANTO GOZOSO
• ENTRADA:
Pedras vivas / Amigos nas penas
• LECTURAS:
Veña o teu Reino
• OFERTORIO:
Grazas, Señor, na mañá
• COMUÑÓN:
Déixate querer
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario