Domingo 23 de Ordinario - ciclo A
DOMINGO XXXIII ORDINARIO -
CICLO A
Primeira Lectura Prov 31,
10-13. 19-20. 30-31
LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS
Traballa gustosa coas súas mans
Unha muller xeitosa
quen a atopará?:
o seu valer supera o das perlas.
O seu marido pon nela
a confianza
e non lle han faltar ganancias;
procúralle felicidade, e non desgraza,
todos os días da súa vida.
Consegue la e liño,
e traballa gustosa coas súas mans;
Bota as mans á roca
e os seus dedos manexan o fuso.
Tende a palma ao
indixente
e achega as súas mans ao mendigo.
A graza engana e a
fermosura esvaece:
só a muller que teme o Señor merece ser loada.
Que falen por ela as
obras das súas mans,
e os seus feitos lle dean honra na praza!
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 127,
1-2. 3. 4-5
R/. (cf. 1a): Ditosos todos os que temen o Señor.
Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.
A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.
Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida.
Segunda Lectura 1 Tes 5, 1-6
LECTURA DA 1ª CARTA DE SAN PAULO AOS TESALONICENSES
Que o día do Señor non vos sorprenda coma un ladrón
Irmáns:
Tocante ao tempo
preciso, irmáns, tampouco precisades que vos escriba, que vós mesmos sabedes á
perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite.
Cando anden dicindo:
"paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do
mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de
escapar.
Pero vós, irmáns, non
estades nas tebras, para que ese día vos sorprenda coma o ladrón, xa que todos
vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras.
Polo tanto, non
adormezamos coma os outros; máis ben, esteamos vixiantes e manteñamos o propio
control.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 15, 4a- 5b
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Permanecede en min e eu en vós, di o Señor;
quen permanece en min da froito abondoso.
Aleluia.
Evanxeo Mt 25, 14-30 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Xa que fuches fiel no pouco, pasa a gozar da festa do teu amo
Naquel tempo, díxolles
Xesús aos seus discípulos esta parábola:
- Un home que ía saír
de viaxe, chamou polos seus criados e entregoulles os seus bens. A un deulle
cinco talentos, a outro dous e a outro un; a cadaquén segundo a súa capacidade.
Despois marchou.
De seguida, o que
recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco; do mesmo
xeito o que recibira dous, gañou outros dous. Pero o que recibira un, foi cavar
un burato na terra e escondeu o diñeiro do seu amo.
Ó cabo de moito tempo
chegou o amo daqueles criados, pedíndolles contas.
Achegouse o que
recibira cinco talentos e presentou outros cinco, dicindo: "Señor, cinco
talentos me entregaches; velaquí outros cinco que gañei".
Díxolle o seu amo:
"Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite
á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo".
Achegouse o que
recibira dous talentos, e dixo: "Señor, dous talentos me entregaches;
velaquí outros dous que gañei".
Díxolle o seu amo:
"Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite
á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo".
Achegouse tamén o que
recibira un talento, e dixo: "Señor, sei moi ben que es un home duro, que
seituras onde non sementaches e recolles onde non botaches. Como collín medo,
fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu".
Pero o seu amo
respondeulle: "Criado ruín e lacazán! Con que sabías que sego onde non
sementei e recollo onde non botei? Pois deberías ter o meu diñeiro posto no
banco, de modo que, ao volver eu, puidese recoller o que é meu, cos intereses.
Así que quitádelle o talento e dádello ao que ten dez: Porque ao que ten,
háselle dar e abondo; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E
ao criado inútil botádeo fóra á escuridade; alí haberá pranto e renxer de
dentes".
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
Ou: 14-15. 19-21 (máis breve)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Naquel tempo, díxolles
Xesús aos seus discípulos esta parábola:
- Un home que ía saír
de viaxe, chamou polos seus criados e entregoulles os seus bens. A un deulle
cinco talentos, a outro dous e a outro un; a cadaquén segundo a súa capacidade.
Despois marchou.
Ó cabo de moito tempo
chegou o amo daqueles criados, pedíndolles contas.
Achegouse o que
recibira cinco talentos e presentou outros cinco, dicindo: "Señor, cinco
talentos me entregaches; velaquí outros cinco que gañei".
Díxolle o seu amo:
"Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite
á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo".
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
POR QUE A ENLATAMOS, SE A FE É PRODUTO DE TEMPORADA?
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
ESCOITA ACTIVA
Na era dos
conservantes e colorantes, na era da comida lixo e da cociña rápida, cada vez
resulta máis difícil atopar unha cociña natural, coma a que se facía antes, a
lume lento sobre a lareira e sen ningún tipo de engadido artificial. Isto vén a
conto porque demasiadas veces a nosa fe tamén está en conserva, enlatada,
enfaixada en compartimentos estanco que abrimos para vodas, bauticeiros, festas
do patrón… e que logo volvemos pechar sen ter máis valor nin máis credibilidade
na nosa vida cotiá.
Porén, a
Palabra que hoxe proclamaremos faranos caer na conta de que todos vimos ao
mundo coa herdanza de Deus nas nosas mans. Ninguén carece de valores nin de
oportunidades. Todos temos uns talentos, unha tarefa, unha misión, uns
medios... que non debemos conservar, senón poñer a render. É o tempo de
negociar, de producir.
Hoxe, no día
da Igrexa diocesana, esta chamada á corresponsabilidade resoa se cadra, con
máis forza. Non fagamos oídos xordos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
• Porque en
demasiadas ocasións os nosos medos, complexos e inseguridades converten a
experiencia de fe nun mero fanatismo ou fundamentalismo, que só se dedica a
conservar e non a recrear, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS A CONFIAR EN TI.
• Polas moitas
veces nas que deixamos que os talentos e os dons cos que Ti nos agasallas
murchen ou esmorezan, en lugar de poñelos a render, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS A
CONFIAR EN TI.
• Polas veces
nas que non somos responsables no pequeno, no cotiá, coa familia, no traballo,
cos veciños, SEÑOR QUE NOS ABRAMOS A CONFIAR EN TI.
PALABRA ENRAIZADA
Nuns momentos nos que o primordial parece ser “conservar” e
non buscar con coraxe camiños novos para acoller, vivir e anunciar o proxecto
do Reino , cómpre que tomemos nota do recadiño que nos manda Xesús en forma de
parábola. Porque ninguén se atrevería hoxe a facer unha crítica tan radical ao
conservadurismo cristián coma a que fai El coa parábola dos talentos que vimos
de proclamar. Non podemos esquecer que o terceiro servo é condenado non porque
cometera ningunha maldade, senón por terse limitado a conservar esterilmente o
recibido, sen facelo frutificar.
A mensaxe de Xesús está, polo tanto, moi clariña:
non ao conservadurismo; si á creatividade
non a unha vida estéril; si á resposta activa a Deus
non á obsesión pola seguridade; si ao esforzo arriscado por
transformar o mundo
non á fe enterrada baixo o conformismo; si ao seguimento
comprometido que leva a ler os sinais dos tempos.
Porque é moi tentador vivir sempre evitando problemas e
buscando tranquilidade: non comprometernos en nada que nos poida complicar a
vida, defender o noso pequeno benestar. De certo que non hai mellor xeito de
vivir unha vida estéril, pequena e sen horizonte.
E na vida de fe, sucede o mesmo. O noso maior risco non é
saír dos esquemas de sempre e caer en innovacións esaxeradas, senón conxelar a
nosa fe e matar a frescura do evanxeo. Temos que preguntarnos que estamos a
sementar na sociedade, a quen contaxiamos esperanza, onde aliviamos
sufrimento.... Velaí onde temos que poñer o acento e a intensidade, e non en
banalidades coma axeonllarse na consagración, rezar en latín, levar vestidura
talar ou botar unha chea de tempo diante do Santísimo.
Pero sería un grave erro presentarnos diante do Señor coa
actitude do terceiro servo: “Aquí tes o teu. Aquí está o teu evanxeo, o
proxecto do teu Reino, a túa mensaxe de amor cara aos que sofren. Conservámola
fielmente. Non serviu para transformar a nosa vida nin para introducir o teu
reino no mundo. Non quixemos correr riscos e vivimos na mediocridade e no
“sempre se fixo así”; pero aquí está intacto”. En realidade estas persoas non
se senten identificadas co Señor nin cos seus intereses. En ningún momento
actúan movidas polo amor, senón polo medo. E é precisamente o medo o que as
leva a actuar buscando a súa propia seguridade.
Hoxe o Señor tamén nos di a cada un e a cada unha de nós que
enterramos os talentos, os dons, as calidades coas que El nos bendiciu cando: non nos sentimos chamados a seguir as esixencias de Cristo
máis alá do ensinado e mandado sempre non arriscamos nada por facer unha Igrexa máis fiel a Xesús non asumimos a responsabilidade na nosa tarefa do reino nos mantemos alleos a calquera conversión que nos poida
complicar a vida vivimos unha vida “relixiosamente correcta” sen arriscarnos
a vivir o amor de xeito máis audaz e creativo o medo ao fracaso non nos deixa seguir as aspiracións do
noso corazón non tomamos a iniciativa por medo a equivocarnos só buscamos o noso propio proveito cando enterramos a nosa vida porque nos dedicamos a
conservar a virtude e a fe.
Arriscar, velaí a solución. Non é un camiño doado; pero non
hai outra se queremos comunicar a experiencia cristiá nun mundo que, aínda que
moitos profetas de calamidades se empeñen en negalo, está en continuo cambio,
si; pero está preñado da salvación de Deus. Hoxe tamén é tempo de salvación. A
fe é produto de temporada.... por que, entón, nos empeñamos en enlata ou
servila en conserva?.
FRATERNIDADE ORANTE
Compartimos agora a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE POÑAMOS A RENDER
OS NOSOS TALENTOS
Pola Igrexa,
hoxe pedimos especialmente pola nosa Igrexa diocesana, para que se decate de
que o seu quefacer non é conservar o pasado nin limitarse a sobrevivir, senón
comunicar en cada momento histórico a Boa Nova dun Deus Pai que é estímulo,
horizonte e esperanza para todas as persoas, OREMOS.
QUE POÑAMOS A RENDER OS NOSOS TALENTOS
Polas nosas
comunidades, para que saibamos descubrilas coma o terreo fértil no que temos
que plantar os nosos talentos para que dean froitos de escoita, comprensión,
axuda e participación, OREMOS.
QUE POÑAMOS A RENDER OS NOSOS TALENTOS
Por cada un e
cada unha de nós, para que sempre teñamos presente que a verdadeira fidelidade
a Deus non se vive desde a pasividade, senón desde a vitalidade, a creatividade
e o risco de quen trata de escoitar hoxe a súa chamada, OREMOS.
QUE POÑAMOS A RENDER OS NOSOS TALENTOS
Señor, unha vez máis invítasnos a abrir o corazón a unha
oración solidaria e comprometida, que busca tender a man aos irmáns que nos
necesitan. Que nunca agochemos os talentos que pousaches no noso corazón.
P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
XUNTOS FACEMOS POBO
Nunca digas: non sei,
non vallo, no podo,
non teño forzas,
eu non entendo,
esas cousas para os que saben...
Para facer pobo e terra, todos valemos, sabemos e podemos.
Se tes cinco, pon cinco;
se tes dous, pon dous;
se tes un, pon un.
Sé valente e humilde para descubrir e recoñecer o teu don;
acéptao e acéptate a ti con el.
Se Deus che deu corazón,
que o teu corazón non falle na hora da irmandade.
Se Deus che deu ledicia,
que a túa ledicia non falle no festexo dos pobres.
Se Deus che fixo reflexivo, que a túa reflexión non falle
á hora de medir os pasos para chegar a un mañá mellor.
Se Deus che fixo entendido,
aporta o teu entendemento para que o pobo medre.
Se Deus che fixo hábil para a unión,
pon esa habilidade ao servizo da unión que nos libera.
Anímate.
Xuntos facemos pobo,
Xuntos facemos terra.
M. Regal Un caxato para
o camiño, pp. 136-137.
CANTO GOZOSO
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario