Ficha e Lectio - Domingo 9 A
DEBUXOS ADAPTADOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
O Evanxeo é para a vida e só así é palabra de vida. Anuncia
que Deus nos ama, que nos salva: é o indicativo da nosa salvación. O Evanxeo
dinos que somos fillos de Deus, que Xesús destruíu a morte e manifestou a vida,
que o amor é posible. A partir deste indicativo, o crente que foi salvado pola
fe en Xesucristo, ha de realizar o imperativo de todo ese amor de Deus aos
homes: Se é fillo de Deus, que viva como tal fillo de Deus!
A fe cando é o que debe ser, cando é a resposta que xorde
dunha escoita profunda e auténtica ao Evanxeo, unha resposta que cativa gozosamente
e compromete profundamente, que se manifesta, que se acredita e realízase nas
obras, non se contenta con dicir: "Señor, Señor", senón que cumpre a
vontade de Deus a quen Xesús nos ensinou a chamar "Pai noso".
Xesús, despois de expor os seus ensinos no Sermón da
Montaña, termina cunhas palabras que nos chaman á vida. O que soamente lle
escoita e non practica, non lle escoitou de verdade, non creu nel.
A cousa está clara. Hai dúas maneiras de vivir: de
aparencias ou de realidades. De palabras ou de feitos. No terreo da pura
fachada ou no campo da entrega e o
compromiso. Pois, diso fálanos Xesús hoxe: «Dicir Señor, Señor, e non facer a
vontade de Deus», é pura fachada, «edificar sobre area». Pola contra, «dicir
Señor, Señor», e cumprir a vontade do Pai celestial, é edificar sobre rocha.
Virán as choivas e os ventos, e aquel edificio permanecerá».
O evanxeo de hoxe convídanos a revisar a nosa oración e en
xeral a nosa actitude ante Deus. “Deus é
Espírito e os que lle dan culto hano de facer en espírito e en verdade”. (Xn
4, 24). Onde non hai sinceridade, tampouco está alí a verdade. Onde a rutina
evita a reflexión e o compromiso, tampouco pode ser lugar de encontro con Deus.
Cando outros intereses non contemplan a necesidade de
conversión e de cambio, entón o relixioso transfórmase en idolatría máis ou
menos consciente; alí non está Deus. “Desviádesvos
do camiño que hoxe vos marco, indo detrás de deuses estranxeiros”. (1ª lectura).
Comentarios
Publicar un comentario