O INICIO DA CORESMA

LECTURAS, CELEBRACIÓNS E ORACIÓNS 
PARA O MÉRCORES DE CINZA:


PRIMEIRA Xoel 2, 12-18:
Esgazade os vosos corazóns e non os vosos vestidos
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XOEL
Agora -é o Señor quen fala-,
convertédevos a min de todo corazón,
con xexún, con lágrimas e con loito.
Esgazade o voso corazón, e non os vosos vestidos,
convertédevos ó Señor, voso Deus,
pois El é compasivo e misericordioso,
é calmoso para o enfado e abondoso en bondade,
e ten compaixón da desgracia.
Quizais cambie e teña compaixón,
e deixe tras de si a súa bendición,
a ofrenda e maila libación, para o Señor, o voso Deus.
Tocade o corno en Sión,
dedicádelle un tempo sagrado ó xexún,
convocade a asemblea.
Xuntade o pobo, consagrade a asemblea,
reunide os anciáns, xuntade os rapaces,
tamén os meniños de peito.
Que saia o marido do seu cuarto,
e a muller da súa alcoba.
Que choren entre o adro e o altar os sacerdotes,
que digan os ministros do Señor: "Perdóalle, Señor, ó teu pobo,
non entregues á burla a túa herdanza,
de xeito que a dominen pobos alleos.
¿Por que se vai dicir entre as nacións: Onde está o seu Deus?"
Entón ó Señor entráronlle celos do seu país,
e perdoou ó seu pobo.
SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 5-6a. 12-13. 14 e 17
R/ (cf 3a): Apiádate, Señor, porque pecamos
Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade,
pola túa misericordia, borra o meu pecado;
lávame ben da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.
Eu recoñezo o meu pecado
e teño sempre presente a miña culpa.
Contra ti, contra ti mesmo, eu pequei
e fixen o que é malo ós teus ollos.
Crea, Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro cun espírito firme.
Non me botes da túa presencia
e non tires de min o teu santo espírito.
Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme co espírito xeneroso.
Abre, Señor, os meus labios,
e a miña lingua pregoará a túa louvanza.


SEGUNDA 2 Cor 5, 20-6, 2:
Reconciliádevos con Deus. Éste é o tempo conveniente
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
Somos embaixadores de Cristo; e é coma se Deus vos exhortase por medio noso. Pedímovolo por Cristo: deixádevos reconciliar con Deus. A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo pecado por nós, para que nós, gracias a el, nos volvesemos nel xustiza de Deus.
Coma colaboradores seus, exhortámosvos a non desaproveita-la gracia de Deus.
Pois di El: no tempo oportuno, escoiteite; en día de salvación acudinche.
Pois agora é tempo oportuno, agora é día de salvación.
VERSIÑO Cf. Sal 94, 8ab:
Hoxe, non endurezáde-los vosos corazóns,
senón escoitade a voz do Señor
EVANXEO Mt 6, 1-6. 16-18
Teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dilles Xesús ós seus discípulos:
Tede coidado de non practicárde-la vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.
Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren louvados polos homes; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.
Cando recedes non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nos recantos das rúas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa. Ti, pola contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.
Cando xexuedes non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas: desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando xexúes, perfuma a cabeza e lava a cara, para que non che se note ante os homes, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.





ORACION PARA APRENDER A AMAR

Señor, cando teña fame,
    dáme alguén que necesite comida;
Cando teña sede,
   dáme alguén que precise auga;
Cando senta frío,
   dáme alguén que necesite calor.
Cando sufra,
   dáme alguén que necesite consolo;
Cando a miña cruz pareza pesada,
    déixame compartir a cruz do outro;
Cando me vexa pobre,
    pon ao meu lado algún necesitado.
Cando non teña tempo,
   dáme alguén que precise dos meus minutos;
Cando sufra humillación,
   dáme ocasión para eloxiar a alguén;
Cando estea desanimado,
   dáme alguén para darlle novos ánimos.
Cando queira que os outros me comprendan,
   dáme alguén que necesite da miña comprensión;
Cando sinta necesidade de que coiden de min,
   dáme alguén a quen poida atender;
Cando pense en min mesmo,
    volve a miña atención cara a outra persoa.

Fainos dignos, Señor, de servir aos nosos irmáns;
Dálles, a través das nosas mans, non só o pan de cada día,
tamén o noso amor misericordioso, imaxe do teu.

Madre Tareixa de Calcuta 







SE FÓSEMOS

Se fósemos automóbiles, 
a Coresma sería tempo de cambiar o aceite e afinar o motor.

Se fósemos xardíns, 
a Coresma sería tempo de fertilizar a nosa terra 
e arrincar malas herbas.

Se fósemos alfombras, 
a Coresma sería tempo de darlles unha boa aspirada 
ou unha boa sacudida.

Se fósemos pilas, 
a Coresma sería tempo de recargalas. 

Pero non somos ningunha desas cousas.


Somos persoas que algunhas veces fixemos cousas malas
 e necesitamos arrepentirnos delas 
 (de aí a necesidade dunha boa confesión).

Somos persoas que algunhas veces nos volvemos egoístas; 
 necesitamos pensar nos demais e comezar a vivir de novo 
 (de aí a necesidade da esmola).

Somos persoas que ás veces perdemos de vista a fin 
para a que fomos creados por Deus; 
 necesitamos recobrar a vista 
 (de aí a necesidade da oración).


Esta é a razón pola que temos a Coresma. 
Por iso pidamos a Deus 
que as prácticas anuais propias da Coresma 
nos axuden a progresar no coñecemento de Cristo 
e levar unha vida máis cristiá.

(Colaboración de Luz del Domingo Especial para Diario E UNIVERSO)

Comentarios

Publicacións populares