Domingo 1 de Coresma - ciclo A

DOMINGO I DE CORESMA –  CICLO A


Primeira Lectura     Xen 2, 7-9; 3, 1-7
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Creación e pecado dos primeiros pais
  
            O Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva.
            O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel o home que formara. Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.
            A serpe era o máis arteiro de todos os animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller
            ‑ "Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?"
            A muller respondeulle:
            ‑ "Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades".
            A serpe insistiu:
            ‑ "De ningunha maneira morreredes. É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal".
            A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ao seu home, e tamén el comeu.
            Entón abríronselles os ollos aos dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL 
Sal 50, 3-4. 5-6a. 12-13. 14 e 17
R/. (cf. 3a): Apiádate, Señor, porque pecamos.

Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame enteiro da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.

Eu recoñezo o meu pecado,
e diante de min teño sempre a miña culpa.
Contra ti eu pequei, contra ti só.
Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa presenza,
e non tires de min o teu santo espírito.

Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme cun espírito xeneroso.
Abre, Señor, os meus labios,
e a miña boca pregoará a túa loanza.


Segunda Lectura      Rm 5, 12-19 (longa)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Onde abundou o pecado, rebordou a graza

            Irmáns:
            Como por un home entrou o pecado no mundo, e polo pecado a morte, así a todos os homes chegou a morte, pois naquel pecaron todos. Porque ata o tempo da Lei non había pecado no mundo, pero o pecado non se imputaba ao non haber lei.
            Mesmo así, a morte dominou desde Adán ata Moisés, tamén sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adán, que é antecesor do home que debía vir.
            Pero non hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun home morreron todos os outros, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a graza de Deus e a liberalidade na benevolencia rebordaron sobre todos.
            E a dádiva que se concedeu non corresponde a un só pecador: pois o xuízo de un remata en condena, mentres que a graza de moitos pecadores leva á xustificación. Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte -e por culpa dun só-, canto máis os que reciban a abundancia da graza e do don da xustiza reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
            Polo tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre todos os homes, así tamén pola xustiza doutro só vén para todos os homes a xustificación cara á vida. Pois a desobediencia dun único home volveu pecadores a todos os homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.

                        Palabra do Señor                             R/.Grazas a Deus
____________________________________________________

Ou máis breve:  12. 17-19
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS

            Irmáns:
            Como por un home entrou o pecado no mundo, e polo pecado a morte, así a todos os homes chegou a morte, pois naquel pecaron todos.
            Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, canto máis os que reciban a abundancia da graza e do don da xustiza reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
            Polo tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre todos os homes, así tamén pola xustiza doutro só vén para todos os homes a xustificación cara á vida. Pois a desobediencia dun único home volveu pecadores a todos os homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO           Mt 4, 4b

O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.


Evanxeo          Mt 4, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Xesús xaxúa corenta días e afronta a tentación


            Naquel tempo, o Espírito conduciu a Xesús ao deserto, para que Satán o tentase. Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame. O tentador, achegándose a el, díxolle:
            ‑ Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.
            Pero el respondeu:
            ‑ Está escrito:Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus.
            Levouno logo o Satán á cidade santa, e púxoo na atalaia do templo, dicíndolle:
            ‑ Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras.
            Xesús respondeu:
            ‑ Tamén está escrito: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
            Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, díxolle:
            ‑ Heiche dar todo isto se te prostras e me adoras.
            Entón replicoulle Xesús:
            ‑ Arreda, Satán, porque está escrito: Só ao Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto.
            Deixouno o Satán, e achegáronse os anxos para o serviren.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


CORESMA: TEMPO DE PREPARAR PARA LOGO RECOLLER
TOMADO DE :

SINAL DE CORESMA: 
Cada domingo poñemos ao redor do altar unha pedra. Con ela queremos lembrar a necesidade que temos de ir cambiando o noso corazón de pedra en corazón de carne.


ESCOITA ACTIVA
Xa estamos no tempo de Coresma: tempo de preparación, de camiño compartido, de esforzo por deixar atrás accións que nos desestabilizan e non deixan que poida aniñar en nós en toda a súa plenitude a presenza de Xesús. Non é logo a Coresma un momento para a tristeza, o superficial e os ritos, senón que é comezo dunha experiencia nova, distinta e gozosa. A pesar das nosas lagoas, Deus segue dándonos oportunidades e termando de nós. É entón unha invitación a retomar a esperanza que nos renova interiormente e nos axuda a caer na conta de que sempre é posible cambiar, rectificar e renovar. El non pasa factura, senón que tende a man para que, con tempo e sen présas, ao longo destes corenta días preparemos o terreo das nosas inquedanzas, ilusións, proxectos … para poder recoller o froito na pascua de canto está chamado a agromar en nós.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
“Di que estas pedras se convertan en pan”. Porque en demasiadas ocasións seguimos empreñando do aire e tentando comerciar contigo, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
“Tírate de aquí abaixo”. Polas moitas veces nas que che seguimos pedindo probas e solucións aos nosos erros, CRISTO, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.
“Dareiche todo isto se te prostras ante min”. Polas veces nas que buscamos ser centro de atención, que nos recoñezan o moito que valemos e facemos, que nos rendan acatamento, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.

PALABRA ENRAIZADA
A capacidade do ser humano por facer cousas é grande; pero non ilimitada. Estando aberta a novos retos, non sempre os acada, e mesmo se así fose, habería outros moitos aínda por conseguir. Por iso podemos dicir que as persoas somos para o futuro, para as novas oportunidades, para cambios e proxectos que poidan ir chegando á nosa vida. Isto supón deixar atrás a tentación -na que tantas veces caemos- de laiarnos e considerarnos que non valemos nada nin somos quen de facer esta ou aqueloutra cousa. Diante deste pesimismo, derrotista e anticristián, a lectura do libro da Xénese que acabamos de escoitar pon diante nosa que a pesar do noso pecado, da nosa limitación ou da incapacidade para acertar sempre, está Deus para non deixar que caiamos no desespero. Fronte o que puidese parecer desde unha lectura superficial e pouco centrada deste relato mítico e exemplarizante do libro da Xénese, está a presenza de Deus que non nos deixa solos, senón que, aínda que nos axuda a caer na conta de que non sempre facemos as cousas ben, vainos ofrecendo horizontes novos e cheos de posibilidades e capacidade para seguir avanzando no camiño de ofrecerlle ás persoas máis achegadas a nós, e mesmo á sociedade, experiencias, logros e actuacións que nos van facendo a vida máis doada e feliz...cousa que non podería ser así se fosemos só e sempre para o pecado. A graza do proxecto de salvación que Deus nos ofrece, non só terma de nós, senón que nos abre vieiros de futuro en forma de cambio, progreso, desenvolvemento, igualdade, xustiza e humanización. A salvación sen reducirse nin afogarse nos comportamentos éticos, si os esixe e necesita, para que as persoas crezamos e maduremos de xeito harmónico e acompasado. E do mesmo xeito que dicimos que sen xustiza non pode haber paz; temos que dicir que sen comportamento, actitudes, éticas, non pode haber salvación...porque esta sendo sempre para todos ofrecida, ha ser acollida desde a realidade do que e como facemos as cousas cada día. De aí que a forza da fe e o sentido deste tempo de Coresma, non está na desobediencia de Adan e Eva, senón na oferta que Deus lles/nos fai, e da nosa dispoñibilidade a acollela. Por iso dicimos que non somos para o pecado, senón para a graza e a esperanza. A misericordia que pedimos do Señor, non se reduce a quedar nesta queixa de ter sido pecadores, senón na forza de quen recoñecéndose así, pon todo da súa parte para superar esta situación e renovar comportamentos e actitudes. A isto, e non a outras cousas vellas, sen sentido e que facemos por costume, nos chama e invita este tempo de Coresma.

Rachar co anterior, non vivir de mirar sempre ao pasado e esforzarse por construír desde o hoxe, e mirando sempre cara ao mañá, é unha oportunidade que nos brinda sempre a Coresma. Os textos da palabra que se irán proclamando ao longo de toda ela, as oracións das diferentes celebracións e os cantos non son máis que tres axudas para facer deste tempo unha experiencia verdadeiramente renovadora, gozosa e positiva neste tempo que agora estamos a comezar. Que nós, seguindo a Paulo poidamos tamén expresar coa frase de que alí “onde creceu o pecado, rebordou a graza”; que nada está perdido, somos fillos das decisións libres e de nós vai depender abrirlle ou non a porta a esta chamada de renovación que Deus, desde a liturxia, nos invita a realizar.

E todo iso non se fai só de boas intencións, senón que necesitamos decisións concretas e comportamentos reais que nos leven a expresar este desexo de non continuar nas nosas rutinas e nas canseiras que en vez de ilusionarnos nos van agoniando. Son moitas as cousas que nos tentan e chaman a abandonar, a non facer caso, a afastarnos da fe, porque nun mundo no que todo se move e mide por economía e rendibilidade, as cuestións de fe non cotizan nin aportan rendementos na nosa conta do banco. Pero a pouco que o pensemos, si que nos daremos conta que nos ofrecen outras vivencias e outro sentido moito máis enriquecedor: o sentido do que facemos e a capacidade de non sentírmonos endexamais derrotados. E isto está moi lonxe do que prima ou está de moda no mundo de hoxe. A tentación non está logo fóra de nós, senón en nós mesmos ao non ser capaz de ser e actuar con criterios de verdadeira liberdade, e con esixencias de responsabilidade. Non reduzamos entón a Coresma a deixar de comer carne –cantos tristemente hoxe non poden comela nin na Coresma nin tampouco ao longo do ano!– cumprir o precepto ou vivir na tristura dunha fe que amarga; e comecemos a facer o verdadeiro xaxún, o xaxún ao que nos invita Xesús, de crecer en misericordia e non deixarnos tentar por impoñer aos demais cangas pesadas... que tampouco nos gustarían que nos puxesen a nós.

FRATERNIDADE ORANTE
Querendo comezar este tempo de Coresma sentindo a forza da presenza de Deus na oración desta comunidade reunida no seu nome, dicimos xuntos:
QUE FAGAMOS DA CORESMA TEMPO DE RENOVACIÓN E PERDÓN

* Pola Igrexa, para que cantos formamos parte dela, comecemos este tempo de perdón e esperanza recoñecendo a necesidade de cambiar e deixar a trás canto nos endurece e fai insensibles diante da dor dos irmáns e das irmás, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA CORESMA TEMPO DE RENOVACIÓN E PERDÓN

* Polas nosas comunidades parroquiais, para que saibamos aproveitar a Coresma como un momento no que se reafirmen os nosos lazos comunitarios e a nosas necesidade de recoñecer que debemos pedir perdón por canto non fixemos de bo a quen o precisaba, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA CORESMA TEMPO DE RENOVACIÓN E PERDÓN

* Para que as nosas actitudes neste tempo de Coresma, vaian renovándose e deixando atrás todo o que nos entristece e non axuda a que maduremos e avancemos no camiño de cambio dos nosos comportamentos, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA CORESMA TEMPO DE RENOVACIÓN E PERDÓN

Señor, que estes corenta días nos que se nos invita a cambiar e renovar a nosa vida, dean paso a unha fe máis viva e chea de esperanza. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Cantas son as pedras do meu corazón!.
A pedra fría da miña indiferenza,
a pedra dura da miña violencia,
a pedra solitaria do meu individualismo,
a pedra grande do meu orgullo,
a pedra gorda da miña cobiza.
Converte, Señor, estas pedras en pans:
pan de tenrura,
pan de ofrenda e xenerosidade,
pan de limpeza e bondade.

Recibe, Señor, o meu corazón de pedra,
e transfórmao en corazón de carne.
Recibe, Señor, os fumes do meu orgullo,
e transfórmaos en luz de servizo.
Recibe, Señor, o peso da nosa cobiza,
e transfórmao en dinamismo de caridade.
Recibe, Señor, as nosas dúbidas e os nosos medos,
e transfórmaos en fe confiada.
Recibe, Señor, os nosos moitos sufrimentos,
e transfórmaos en sacramentos.
Recibe, Señor, as nosas crises,
e transfórmaas en oportunidades de crecemento e madurez.


(Cáritas, La hermosura de la caridad.Cuaresma y pascua 2014. p. 43)

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Arrepentido
LECTURAS: Non vou so
OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares