Domingo 3 de Coresma - ciclo A
DOMINGO III DE CORESMA - CICLO A
Primeira
Lectura Ex 17, 3-7
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Dános
auga para beber (Ex 17, 2)
Naqueles días, o pobo padecía a sede e
murmuraba contra Moisés pola falta de auga:
‑ Por que nos sacaches de Exipto, para
facernos morrer de sede, a nós, aos nosos fillos e á nosa habenza?
Moisés clamou entón cara ao Señor:
‑ Que podo facer con esta xente? Acabarán
por acantazarme.
O Señor respondeulle:
‑ Pasa diante do pobo, toma contigo algúns
dos anciáns de Israel, leva na man a caxata coa que golpeaches o Nilo e camiña.
Eu presentareime diante túa, sobre a rocha, alá no Horeb. Ti golpearás a rocha,
e dela sairá auga para que o pobo beba.
Moisés fíxoo así, á vista dos anciáns de
Israel.
Chamáronlle a aquel lugar Masah e Meribah,
porque os israelitas contenderon co Señor e puxérono a proba, preguntando:
"Está o Señor connosco ou non?".
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/.
(8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
Non endurezades os vosos corazóns.
Vinde,
cantémoslle ao Señor,
Aclamemos
a nosa Rocha salvadora;
acheguémonos
á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo
con cancións.
Vinde,
adorémolo prostrados,
axeonllémonos
perante o Señor, que nos creou,
pois
el é o noso Deus,
e
nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.
Oxalá
escoitedes hoxe a súa voz:
non
endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma
o día de Masah, no deserto,
onde
os vosos pais me tentaron:
provocáronme,
por máis que tiñan visto os meus feitos.
Segunda
Lectura Rm 5, 1-2. 5-8
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O
Amor derramouse en nós polo Espírito que se nos deu
Irmáns:
Xustificados pola fe, estamos en paz
con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén acceso na fe
a esta graza na que nos mantemos; e nos sentimos ledos pola esperanza de acadar
a gloria de Deus.
E a esperanza non falla, porque o
amor de Deus verteuse nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos
deu.
Pois xa cando nós estabamos aínda,
no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. Non é doado que alguén morra por
un home xusto (aínda que por un home bo aínda haxa alguén que estea disposto a
morrer); pero Deus demostrounos o seu amor no feito de que, sendo aínda pecadores, Cristo morreu por nós.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Cf. Xn 4, 42. 15
Señor,
verdadeiramente ti es o Salvador do mundo;
dáme
auga viva, para que non teña máis sede.
Evanxeo Xn 4, 5-42
(longo)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Manancial
de auga que salta ata a vida eterna
Naquel tempo, chegou Xesús a unha
cidade da Samaria chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu
fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o
pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaria sacar auga. E
Xesús díxolle:
‑ Dáme de beber.
(Os seus discípulos foran á vila,
mercar comida).
Preguntoulle entón a muller
samaritana:
‑ Como é que ti, sendo xudeu, me
pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se
levan cos samaritanos).
Respondeulle Xesús:
‑ Se coñeceses o don de Deus e quen
che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga
viva.
Replicoulle a muller:
‑ Señor, se ti nin sequera tes
caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? Seica es ti
máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos
e mailo seu gando?
Xesús contestoulle:
‑ Todo o que bebe desta auga terá
sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede:
a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a
vida eterna.
A muller suplicou:
‑ Señor, dáme, logo, desa auga para
non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
Díxolle Xesús:
‑ Vai chamar polo teu marido e volve
aquí.
A muller contestou:
‑ Non teño marido.
Xesús díxolle:
‑ Falaches ben, dicindo "non
teño marido"; tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido.
Desta si que falaches a verdade.
A muller respondeu:
‑ Señor, vexo que ti es profeta. Os
nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que
adorar a Deus.
Xesús díxolle:
‑ Faime caso, muller: chega a hora
en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que
non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus.
Pero chega a hora ‑ e velaí ‑ en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai
en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é
espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
Respondeu a muller:
‑ Sei que está para vir o Mesías, o
chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.
Díxolle Xesús:
‑ Son eu, o que está falando
contigo.
Nisto chegaron os seus discípulos e
chamoulles a atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou:
"Que pretendes?" ou "De que falas con esa?"
Entón, deixando a muller o seu
cántaro, foi á vila e díxolles aos veciños:
‑ Vide ver un home que me dixo todo
canto eu fixen. Non será el o Mesías?
Eles saíron da vila e viñeron onda
el.
Mentres, os seus discípulos
insistíanlle:
‑ Rabbí, come.
Mais el díxolles:
‑ Eu teño para xantar unha comida
que vós non matinades.
Dicíanse entón os discípulos, uns
aos outros:
‑ Traeríalle alguén de comer?
Xesús díxolles:
‑ A miña comida é facer a vontade daquel que me mandou e levar ao
remate a súa obra. Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue
a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes
que os campos están brancos para a seitura. O que sega recibe a paga e recolle
froito para a vida eterna, de xeito que se alegra tanto quen sementa coma quen
sega. Pois nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen
recolle. Eu mandeivos recoller o que vós non traballastes: outros traballaron e
vós recollestes o froito do seu traballo.
Moitos samaritanos daquela vila
creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: "díxome todo canto eu
fixen". Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase
con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles
dixo. Dicíanlle despois á muller:
‑ Xa non cremos polo que ti nos
contaches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador
do mundo.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
Ou
máis breve: 5-15. 19b-26. 39a. 40-42
LECTURA
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, chegou Xesús a unha
cidade da Samaria chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu
fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o
pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaria sacar auga. E
Xesús díxolle:
‑ Dáme de beber.
(Os seus discípulos foran á vila,
mercar comida).
Preguntoulle entón a muller
samaritana:
‑ Como é que ti, sendo xudeu, me
pides a min, muller samaritana, que che dea de beber?
(Porque os xudeus non se levan cos
samaritanos).
Respondeulle Xesús:
‑ Se coñeceses o don de Deus e quen
che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga
viva.
Replicoulle a muller:
‑ Señor, se ti nin sequera tes
caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? Seica es ti
máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos
e mailo seu gando?
Xesús contestoulle:
‑ Todo o que bebe desta auga terá
sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede:
a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a
vida eterna.
A muller suplicou:
‑ Señor, dáme, logo, desa auga para
non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
Vexo,
Señor, que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que
é en Xerusalén onde hai que adorar a Deus.
Xesús díxolle:
‑ Faime caso, muller: chega a hora
en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que
non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus.
Pero chega a hora ‑ e velaí ‑ en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai
en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é
espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
Respondeu a muller:
‑ Sei que está para vir o Mesías, o
chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.
Díxolle Xesús:
‑ Son eu, o que está falando
contigo.
Moitos samaritanos daquela vila
creron nel. Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con
eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo.
Dicíanlle despois á muller:
‑ Xa non cremos polo que ti nos
contaches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador
do mundo.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
ADENTRÉMONOS NO CAMIÑO
SEN MEDO A PERDERNOS
SINAL DE CORESMA:
Neste ir falando a través dos sinais, continuamos
poñendo por riba do altar unha nova pedra, para que nos lembre a necesidade de
ir facendo o corazón moito máis sensible e achegado á realidade dos demais.
ESCOITA
ACTIVA
Avanzando
no tempo de coresma, a celebración de hoxe ten unha idea guía desde a que se
nos invita a celebrar a fe neste domingo: temos sede. Si, temos sede de
todo canto poida ir facendo de nós mulleres e homes en actitude de romper
inercias que nos impiden vivir de xeito verdadeiramente alegre o seguimento de
Xesús. Cantas persoas sedentas imos atopando cada día ao noso redor! Persoas
sedentas de paz, de xustiza, de respecto, de tolerancia, de... Oxalá que as
persoas que esta mañá nos xuntamos para compartir este momento de oración,
atopemos na Palabra proclamada e no pan compartido a auga que cura a nosa sede,
e nos leve a ir deixando atrás outro pouco dese corazón de pedra que nos fai
tristes, desesperanzados e aburridos!. Xesús quérenos alegres, e o Papa
Francisco non deixa de lembrarnos que o evanxeo é gozo e alegría. Esforcémonos
por vivilo!
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
Porque
nos pechamos na nosas teimas, que nos impiden sacia-la sede de paz con nós mesmos,
SEÑOR, DÁNOS DA TÚA AUGA.
Porque prestamos máis
atención a canto nos leva ao consumismo que á túa voz de solidariedade e
igualdade, CRISTO, DÁNOS DA TÚA AUGA.
Porque
perdemos tempo e folgos en cousas banais, namentres descoidamos o importante, o
que nos emociona e nos descubre a necesidade de practicar a misericordia,
SEÑOR DÁNOS DA TÚA AUGA.
PALABRA
ENRAIZADA
Todos
nós nalgunha ocasión temos sentido sede de auga. Nesa situación experimentamos
incapacidade -mesmo paralización- á hora de facer unha actividade. A auga é un
tesouro para a vida, pero especialmente para a vida dos seres humanos. Sen ela
todo seca e esmorece. Do mesmo xeito que a necesidade física da auga nos
incapacita para calquera actividade que esixa constancia e esforzo; tamén para
outras facetas da vida podemos utilizar a imaxe da auga e dicir que cando
vivimos no deserto, na secura, no ermo, cando nada parece ter sentido nin
horizonte, Deus aparece no camiño como a auga que nos vai descubrir a
frondosidade e a riqueza de canto levamos dentro. Desde Deus a nosa vida vai
cobrando sentido e horizonte. Claro que paga a pena o esforzo por facer de Deus
o compañeiro na viaxe da nosa vida!. Con El ao noso lado o deserto convértese
en verxel e a secura en manancial de esperanza e plenitude. Saber dar razón do
sentido desta presenza de Deus en nós é o que nos pon no camiño dunha fe
persoal, madura e alegre. Unha fe que nos axuda a crecer non desde a queixa,
senón desde o agradecemento sentido e ofrecido para compartir con quen imos
atopando no camiño cara á fonte. Todos buscamos auga. En Deus atopamos o mellor
dos mananciais, e nunca quedaremos defraudados e insatisfeitos. Nel e con El
participamos da misericordia e abrimos o corazón a acoller -que non desprezar-
a quen ao noso lado sente a necesidade de ser querido e respectado como persoa.
En Deus e con Deus, os seres humanos non somos nin estatísticas nin números,
senón gozosos fillos e fillas, abertos á comunicación e chamados a camiñar xuntos.
Escoitar esta voz e responderlle non só non endurece o corazón, senón que o vai
abrindo ao latexo solidario da sístole e diástole do amor e non da
indiferenza.
E
todo ese caudal de amor que percibimos a través dunha relación seria e madura
con Deus –nunca medo e sempre confianza– vai enchendo pouco a pouco os vasos
que agardan a auga que reborda e cura a sede que tantas veces nos produce a
mala conciencia por non encarar os problemas e dificultades de fronte. Diante
deles non paga a pena enganarnos, están aí, afrontémolos, e que mellor xeito de
facelo que sentindo a forza da proximidade de quen se mostra como Pai/Nai e
amigo/amiga, nesta, tantas veces, difícil tarefa. A presenza do Espírito non é
un recurso literario para poetas, senón unha realidade que concreta e dá
sentido á nosa vida. Así, falar de amor non é unha palabra baleira, senón unha
experiencia real e concreta, que necesita para ser verificada a coherencia dos
nosos comportamentos, do noso actuar, do noso xeito de entender e facer as
cousas.
E
esta vida agradecémola acolléndoa, respectándoa e termando dela para que creza
e se vaia desenvolvendo. O noso grazas, Señor graciñas, que tantas veces
cantamos, non quere máis que expresar o agradecidos que estamos a Deus por
ofrecernos un camiño de sentido para a nosa vida, para o que facemos e o que
desexamos facer. Asemade, mostramos agradecemento porque a pesar do dura e
difícil que esta vida se nos vai facendo, desde El sempre hai unha saída, e
nunca topamos un sinal de camiño cortado. A utopía do Evanxeo é unha
experiencia de continuo crecer e desenvolverse sen ter mala conciencia nin
sentir culpabilidade, senón todo o contrario. No evanxeo atopamos a auga que,
curando a nosa secura, abre en nós mananciais inesgotables de alegría,
achegamento a quen está só, perdón ofrecido e recibido, misericordia rebordante
e, por riba de todos eles, amor non domesticable en consumo de usar e tirar,
senón xenerosidade ofrecida e compartida con quen queira beber da mesma auga e
do mesmo vaso.
FRATERNIDADE
ORANTE
Señor, porque
querermos beber da túa auga, auga de paz, xustiza e respecto, unímonos en
oración comunitaria para dicirche:
QUE NUNCA CANSEMOS DE
BEBER NA TÚA AUGA DE ESPERANZA
Señor,
danos azos para que entre todos fagamos unha Igrexa viva, tolerante e con
capacidade de escoitar aos de dentro e aos de fóra, OREMOS.
QUE NUNCA CANSEMOS DE
BEBER NA TÚA AUGA DE ESPERANZA
Señor,
danos folgos para non desesperar diante da crítica do veciño, a retirada da
fala do familiar e a incomprensión do amig0 /a, OREMOS.
QUE NUNCA CANSEMOS DE
BEBER NA TÚA AUGA DE ESPERANZA
Señor,
danos paciencia para saber escoitar, acoller e dedicar tempo a aqueles que
cando o tiñan todo se esqueceron de nós, e que agora nos buscan para que non os
deixemos tirados nas beiras do camiño, como lles fixeron os que eles pensaban
que eran os seus amigos, OREMOS.
QUE NUNCA CANSEMOS DE
BEBER NA TÚA AUGA DE ESPERANZA
Grazas,
Señor, por seguir ofrecéndonos da túa auga para calmar as nosas sedes. Que non
esquezamos nunca que a túa fonte nunha seca e o teu manancial sempre reborda.
P.X.N.S. Amén.
MIRADA
DE ESPERANZA
Ela tiña sede e gritaba.
A auga das fontes non a saciaban.
Nin as augas dos rezos, das charlas, das
meditacións,
dos sermóns, das tradicións, das costumes
relixiosas...
Ela tiña sede,
deshidratada e reseca,
ata con chagas no corpo e na alma.
Ela tiña sede,
e rezábaa e chorábaa.
Para que serve a sede,
preguntábase sen atopar resposta.
Serve para busca-la fonte...
Pero eu búscoa e non a atopo –dicía-.
Alguén lle ofreceu a Biblia, e alí
buscou de xeito apaixonado e atopou
a resposta que arelaba:
Eu son a fonte, eu son a luz,
eu son a palabra...
E só me atoparás se te achegas ao irmán/irmá
e sen medo nin vergoña lle dis:
Quérote, dáme a túa man para camiñar xuntos.
Só alí descubrirás que a sede xa endexamais volverá.
(A partir dunha idea do
texto de Cáritas para a Coresma)
CANTO
GOZOSO
Seguirei os teus pasos
LECTURAS:
A auga do Señor
OFERTORIO:
Como che cantarei
COMUÑÓN:
Acharte presente
POWER POINTS
Dom 3 Coresma A
Coresma Dom 3A -Bene Pagola
Palabra de Vida-marzo-2014
VÍDEOS
https://www.youtube.com/watch?v=sM7v5ZnCSxA
Coresma Dom 3A -Bene Pagola
Palabra de Vida-marzo-2014
VÍDEOS
https://www.youtube.com/watch?v=sM7v5ZnCSxA
Comentarios
Publicar un comentario