A Anunciación - Lecturas

25/02 A Anunciación

 Solemnidade


PRIMEIRA Is 7, 10-14; 8, 10
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Velaí que unha virxe cancebirá

O Señor faloulle a Acaz nestes termos:
-Pide para ti un sinal de parte do Señor, o teu Deus, nas profundidades do Xeol ou arriba nas alturas.

Respondeu Acaz:
-Non o pido, pois non quero poñer a proba ó Señor.

Entón dixo Isaías:
-Escoitade vós, casa de David: ¿Non vos é pouco dominar ós homes, que aínda queredes dominar ó meu Deus? Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí a doncela: está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome "Deus-connosco".

Trazade un plan e será esnaquizado;

falade o asunto e non se manterá;

pois connosco está Deus



  
SAL. RESP. Sal 39, 7-8a. 8b-9. 10. 11

R/ (8a e 9a) Aquí veño, Señor, face-la túa vontade


Ti non queres sacrificios e ofrendas

-sobre iso abríchesme o oído-,

non pides holocaustos nin víctimas expiatorias.

Entón digo: "Aquí veño

co libro escrito para min".

Face-la túa vontade, meu Deus, é o que eu quero;

a túa lei está no fondo de min mesmo.

Proclamo a túa salvación na asemblea,

non pecho os meus labios: ben o sabes, Señor.

Non escondo no peito a túa xustiza,

anuncio a túa fidelidade e o teu auxilio.

Non encubro o teu amor e a túa verdade

diante da gran asemblea.





SEGUNDA Heb 10, 4-10
LECTURA DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
No principio do libro está escrito de min, para que faga, Deus, a túa vontade

A verdade é que resulta imposible que o sangue de touros e de cabras quite os pecados. Por iso, cando Cristo entra no mundo, di:

''Sacrificios e ofrendas non os quixeches,

pero formáchesme un corpo;
 
holocausto e sacrificio de expiación

non che gustaron;

entón dixen:

olla que xa cheguei, meu Deus,

para face-la túa vontade

-como se di de min nun capítulo do libro''-.

Di no comezo: 
''Sacrificios, ofrendas, holocaustos e sacrificios de expiación, nin os quixeches nin che gustaron''

(todos eles son sacrificios que a Lei manda ofrecer); e di despois: 
''Olla que xa cheguei para face-la túa vontade''.

Deixa sen validez o primeiro para darlle soamente validez ó segundo. Foi por esta vontade de Deus, como quedamos nós santificados coa ofrenda única e para sempre do corpo de Xesús Cristo.



 ALELUIA E VERSIÑO ANTES DO EVANXEO Xn 1, 14ab

R/ (Aleluia).

V/ O Verbo fíxose carne

e habitou entre nós

e nós vímo-la súa gloria

(R/: Aleluia)




EVANXEO Lc 1, 26-38
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Velaí concebirás no teu ventre e parirás un fillo

Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

Entrando onde estaba ela, díxolle:
-Alégrate, chea de gracia, o Señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significa-lo saúdo aquel. O anxo continuou:
 -Non teñas medo, María, porque ti atopaches gracia ante Deus; e, fíxate, vas concebir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.

María respondeulle ó anxo:
 -¿E como pode ser isto, pois eu son virxe?

O anxo replicoulle:
 -O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí te-la túa curmá Isabel, que concebiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.

María contestou:
 -Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches.

E o anxo marchou de onda ela.
  

Comentarios

Publicacións populares