Ficha e Lectio - Domingo 4 de Ordinario ciclo A




Vídeo:
(Parroquia Barciela-Sigüeiro)



LECTIO:

Mateo comeza o primeiro gran discurso de Xesús coas benaventuranzas. O discurso trata do modo de vida renovado que implica o Reino de Deus que el anuncia e fai realidade. Xa non se trata de «gañarse» a Deus co cumprimento da lei, senón de profundar na lei do amor para comprender o corazón de Deus. 

O comezo é solemne, Xesús sobe ao monte, como Moisés subira ao Sinaí, pero Moisés subiu para recibir a lei de Deus, en cambio Xesús senta como mestre para dar a interpretación auténtica, fonda, daquela lei. 

O plan de Deus non cambiou: «sede santos, sede perfectos, indentificaos co meu corazón misericordioso», pero nós necesitamos tempo para ir descubríndoo, vivíndoo cada vez máis preto de Xesús, seguir aprendendo das súas palabras. 

O oito frases coas que Xesús empeza pretenden ser como unha fotografía de si mesmo, ou do discípulo, que ha de asemellarse a el. Nelas debúxase unha sociedade e un mundo «patas para arriba», na que se afirma que é feliz o que aparentemente non o é. 

As benaventuranzas non son un desexo dunha vida mellor nun futuro descoñecido, son unha afirmación: de vós é o reino de Deus, dos que sofren e loitan pola xustiza, dos misericordiosos que traballan pola paz, daqueles que, aínda que sexan perseguidos, seguen adiante porque levan o amor de Deus no corazón. 

Para Mateo non se trata de ser pobre só por carecer de medios, trátase dunha actitude do corazón de quen recoñece que a súa riqueza está en Deus. Pero non é unha actitude baleira; ter fame e sede de xustiza transfórmase en obras tan palpables como traballar pola paz até a posibilidade de ser perseguido por iso. 

Pero estade alegres e contentos, insístenos Xesús, porque ante Deus valen a pena os vosos esforzos, aínda que non o aparenten. Deus mira máis en profundidade, Deus mira con outros ollos, e se somos capaces de ter a mirada limpa, de observar a través dos seus ollos, verémolo realmente presente no mundo, traballando pola xustiza, construíndo a paz xunto a nós, dentro de nós. 








Comentarios

Publicacións populares